Francesc Serés: “A cultura catalá é moi sedutora”

César Lorenzo Gil.

Francesc Serés (Saidí (Aragón), 1972) é un dos máis importantes escritores novos da literatura catalá. Obras súas, a meirande parte delas traducidas tamén ao castelán, son a triloxía De fems i de marbres (De esterco e mármore), Una llengua de plom (Unha lingua de chumbo), Caure amunt (Caer para arriba), Mossegar la poma (Trabar a mazá), La força de la gravetat (A forza da gravidade), Contes russos (Contos rusos) e La pell de la frontera (A pel da fronteira). Gañou o Premio Nacional de Literatura Catalá no 2007, o da Crítica catalá, o Serra d’Or e o Ciutat de Barcelona. Amais colabora habitualmente coa edición catalá de El País, entre outros medios. Falamos con el non só pola súa literatura senón para que nos conte do seu último proxecto, a Faber, Residencia de Artes, Humanidades e Ciencias de Catalunya, que funciona desde setembro do 2016 en Olot, unha localidade de 35.000 habitantes na comarca da Garrotxa.

Que é Faber?

É un novo concepto de residencia para persoas relacionadas coas humanidades, as ciencias e as artes. Pero non é tanto un espazo coma unha experiencia. A Faber facilita o aloxamento, o almorzo e a cea, tamén favorece lugares cómodos nos que desenvolver actividades pero non está pensado como unha especie de torre de marfil onde “retirarse do mundo”, ben ao contrario, os residentes, durante as súas estadías, ofrecen os seus saberes e experiencias ao conxunto da sociedade, ben a nivel comarcal ou a nivel nacional en Catalunya. É un proxecto que busca un retorno social e de coñecemento.

Como se logra ese retorno?

Cada residente propón o xeito concreto de facelo. Hai pouco tivemos uns matemáticos especializados en código informático numérico que compartiron co estudantado os seus traballos. Imaxina 250 alumnos aprendendo código directamente. Este tipo de cousas non poden pasar se non hai unha iniciativa como a Faber. A isto me refiro cando falo de retorno. Noutros casos vai ser apoio a outras iniciativas de Olot ou ampliar a oferta cultural ou académica de Catalunya. Se temos entre nós tradutoras ou bailarinas durante unha tempada, o impacto vaise notar. Non a curto prazo nin en ámbitos concretos pero pouco e pouco isto vai deixar pegada.

E para que queren os residentes estaren na Faber?

Porque conseguen a oportunidade de centrárense no seu traballo, nun espazo cómodo, nun lugar distinto ao seu, rodeados de persoas cos seus mesmos intereses. Por exemplo, de cara ao outono imos facer estancias temáticas, unha relacionada coas relixións e outra co feminismo. Ben, imaxina a riqueza de intercambio que se vai producir aí, con arquitectos, teóricos, sociólogos, antropólogos…

Como xorde esta iniciativa?

Eu, persoalmente, participei en residencias deste tipo noutros países e hai catro anos, durante unha conversa con Josep Verga, concelleiro de Cultura de Olot, saíu o tema, primeiro, a ilusión de ter algo así no lugar onde viviamos despois e o proxecto, finalmente. Fixemos un plan serio, presentámolo a nivel local e cando tivemos a unanimidade institucional, fomos á Generalitat porque non queriamos que isto fose a Residencia de Olot senón a Residencia de Catalunya. No tempo que xurdiu o proxecto había moitos recortes e houbo que ser imaxinativo e sobrio para convertelo nunha iniciativa viable. En setembro do 2016 botou a andar. O bo que ten a Faber é que non conta con infraestrutura propia, polo que abarata custos. Nós utilizamos as instalacións dun hotel, que pagamos cando se usan, mantemos sinerxías con centros educativos, teatros e demais espazos formativos ou de traballo. É unha residencia flexible que arestora está en fase de darse a coñecer, captar futuros residentes e consolidarse no prazo de dous ou tres anos.

Cal é o perfil do residente?

Queremos que nun 75% sexa de orixe foránea. Por que? Para achegar a Catalunya experiencias e coñecementos difíciles de conseguir por outras vías. E tamén para difundir a nosa maneira de ver as cousas nos países dos que proceden os residentes.

No seu último libro, A pel da fronteira (publicada en castelán por Acantilado), conta vostede, nun dos capítulos, a súa experiencia nunha destas residencias.

Nese relato intentaba compartir co lector as preguntas que eu me facía cando estaba a escribir esa obra. Realmente ten valor escribir disto? Quixen plasmar aquel encontro con outros escritores e editores xustamente para valorar aínda máis a relación con outras persoas, o diálogo e o intercambio como motor creativo.

Sigamos falando d’A pel da fronteira. O seu libro, publicado en catalán hai dous anos, máis ou menos, anticipouse á actual “moda” (minoritaria, iso si) sobre a atención do medio rural que exemplifica a día de hoxe o rotundo éxito de La España vacía, de Sergio del Molino.

A min non me gusta falar do concepto de rural. Coido que xa non serve para explicar o que sucede. Podemos falar de ruralidade cando no campo da miña comarca natal, na fronteira entre as provincias de Huesca e Lleida vivimos a globalización denantes da globalización? Podemos falar de diferenzas entre o urbano e o rural cando en calquera lugar nos podemos conectar á internet? O concepto que máis me interesa é o de periferia fronte a centro de poder e sobre todo, xa no plano literario, entender por que determinadas cousas que están a pasar no noso contorno non teñen un relato de seu. Iso foi o que quixen facer n’A pel, darlle contido a algo que pasaba: a chegada de inmigrantes ás terras nas que me criei e como iso o cambiou todo.

Cando falas da obra de Del Molino, a min confírmame na idea de que dun tempo a esta parte aqueles que tiñan o monopolio sobre o discurso e o relato, xa o perderon. Agora os escritores novos senten que poden falar doutros temas, que non teñen que escribir sempre a mesma novela barcelonesa co mesmo argumento.

Curiosamente, e falo polo caso da literatura recente en galego, incluso en obras que intentan achegarse ao rural de hoxe en día, as figuras dos inmigrantes son desprezadas malia seren, tamén aquí, man de obra nas tarefas do sector primario. A que se debe esta invisibilización?

Porque en moitos casos, ese achegamento faise a base de estereotipos e o inmigrante é un estereotipo desfavorable, afastado dos centros de poder onde determinados relatos literarios están cómodos. Mais insisto, unha novela non ten por que pasar nese centro nin acomodarse a un modelo determinado. Cada escritor debe encontrar ese punto de vista distinto.

Eu, n’A pel da fronteira, procurei non xogar á defensiva. Non pido perdón nin pido permiso; pénsoo e logo fágoo. Era un tipo de libro que precisaba facer: analizar o tempo que vivimos e ir reducíndoo até o átomo máis local. E a partir de aí convertelo nun universo autónomo que eu puidese defender como escritor.

Na súa obra destaca a visión xornalística.

Sabes o que pasa? Que ultimamente non me apetece imaxinar. Respecto e admiro a obra literaria baseada na imaxinación pero para min, destoras, xa non me vale. Eu necesito falar coa xente, coñecer o que sucede saíndo á rúa, conversando, aprendendo, entendendo coa miña propia experiencia o que realmente está pasando aí fóra. Só con ese método podes chegar a conclusións e incluso saber de cousas que non pensabas nin que existisen.

Saidí (Zaidín, en castelán), a localidade onde naceu, pertence administrativamente a Aragón mais é de cultura catalá. Vostede recibiu ensino en catalán?

Non. Todo o contrario. Eu recibín consignas anticatalás.

E aínda así vostede emprega o catalán como lingua vehicular e de cultura. Non debeu ser doado.

Todo o contrario. Para a xente da miña terra, o normal é mirar cara a Catalunya. Só ías a Huesca para trámites administrativos. Eu a Zaragoza, antes de ser adulto, coido que fun unicamente para facer o servizo militar. O camiño natural para nós era Catalunya, primeiro Lleida e logo Barcelona, á que se chega pola mesma ruta.

Mira, eu sempre digo que se escribo en catalán é porque me seduciu a cultura catalá. E é que a cultura catalá é moi sedutora! Unha cultura milenaria, moi rica, que atendeu todos os ámbitos do coñecemento e da expresión, unha cultura viva e autónoma, que ademais simboliza unha historia de resistencia fronte á expansión da cultura hexemónica que non conseguiu liquidala como quería.

E síntome, malia non ser catalán, territorialmente falando, moi cómodo en Barcelona. É a miña cidade a todos os efectos, acolleume cos brazos abertos desde o primeiro momento.

Está a traballar nalgún proxecto novo?

Teño moitas ganas pero nada de tempo. Quero empezar un traballo novo pero non dou feito. A Faber consome moitísimas horas e ademais manteño colaboracións de prensa regulares, que no fondo son novelas publicadas por entregas. Mais tampouco me obsesiono. Escribo do que quero e cando me apetece e non o vexo coma un drama. Hai veces que se esaxera e se dramatiza sobre o silencio dos autores coma se fose caer o mundo. O duro é ter que atravesar o Mediterráneo cun salvavidas de xoguete, non a síndrome da páxina en branco.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s