As tarefas de Víctor Freixanes á fronte da Real Academia Galega

César Lorenzo Gil.

Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) leva na Real Academia Galega (RAG) 13 anos. Ingresou na súa cidade natal no 2004, en substitución de Carlos Casares, que morrera dous anos antes e que, curiosamente, é o homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, conmemoración central da RAG. Naquel discurso de ingreso, titulado “Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira” podemos encontrar parte do programa que seguramente intentará pór en práctica durante a súa presidencia.

-Multilingüismo: Malia que a RAG ten como fundamento simbólico o coidado e promoción da lingua galega estándar, entendendo estándar polo rexistro culto da norma, con ´Freixanes terá que asumir de vez o reto do multilingüismo en Galicia. Para que o galego no século XXI? Por que falar unha lingua que a todas as horas e por todos os medios se condena como pobre, minoritaria e indefensa? Neste campo, a RAG podería asumir con valentía a necesidade de reformular o estándar lingüístico do galego e aproximalo á volatilidade que se vive na rúa: os neoloxismos ocupan rapidamente a fala, entran sen pediren permiso, fican entre nós un tempo e quizais marchen ou queden. A RAG ten que acelerar a súa actualización, ten que ofrecer solucións rápido, en hora, fomentar o diálogo cos poucos medios de comunicación que usan o galego, crear estruturas de consulta léxica e gramatical aínda máis áxiles ca as actuais e, sobre todo, cunha vontade máis popular. Freixanes afirmaba no 2004 que o galego debía servir no século XXI para fortalecer a nosa identidade cun formulamento pragmático. Daquela estaban lonxe de teren éxito os Páramo Pictures cos seus vídeos de parodia musical pero este exemplo serve ben: se non estivesen gravados en galego os millóns de visitantes que conseguen mes tras mes daríanlles o mesmo aprecio?

-Comunicación: Freixanes foi profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación. Entre os seus moitos “oficios”, sempre se reivindicou como xornalista ou mellor dito, comunicador. Primeiro exercendo efectivamente na radio e tamén coa publicación de entrevistas e reportaxes convertidas en libros. E logo reflexionando sobre a empresa de comunicación. No seu mandato, Freixanes ten a oportunidade de continuar o proceso de modernización na relación entre a RAG e a comunidade lingüística, principalmente a través da páxina academia.gal e tamén o Portal das Palabras, un auténtico medio de comunicación ao redor da lingua. O labor de divulgación ha medrar nos próximos anos mais sobre todo é urxente gañar simpatía. A reputación da institución está moi danada logo de anos de batalla interna, puntos escuros e a sensación de que na rúa das Tabernas se coñece pouco o que pasa nas rúas galegas. Explicar o que se fai e combinar a homenaxe, a recuperación e a investigación histórica coa creación de materiais útiles e actuais é un dos principais desafíos do novo presidente.

-Relacionamento co portugués: Máis dunha vez Freixanes ten reflexionado en voz máis ou menos alta sobre o papel da lingua galega nun mundo no que o portugués e o brasileiro gañan falantes ano a ano. El mesmo non ten medo ao debate normativo e quizais haxa neste tempo algún movemento neste sentido. Mais que ninguén espere un cambio de rumbo da RAG por unha sinxela razón: o reintegracionismo máis activo funciona dun xeito autónomo ás institucións. Ou mellor dito, só esixe das institucións a rendición incondicional e iso é algo que non se vai dar. Ese clima de belixerancia, que a RAG e o ILG viven acotío cos colectivos de oposición aos seus fundamentos e actividades non ten por que ficar estático e xestos como a escolla de Ricardo Carvalho Calero para algún futuro Día das Letras pode ser un primeiro paso. No seu discurso de ingreso, Freixanes aludía á globalización, un fenómeno que naquela altura parecía máis robusto ca hoxe, está claro, pero que segue a esixir da sociedade galega unha mirada planetaria para encontrar a forma de acomodarse.

-Hai lobby de Galaxia?: A editorial Galaxia non é unha empresa cultural calquera en Galicia. Nin sequera é unha empresa senón unha fundación cuxo obxectivo non é gañar diñeiro senón manter a rendibilidade social mediante o reinvestimento de beneficios. Freixanes, a pesar da súa longa e frutífera etapa á fronte de Xerais, é hoxe un home de Galaxia. Entendemos Galaxia como un colectivo, máis ideolóxico ca humano, que se guía por un galeguismo máis cultural ca partidario, moderado no político e fiel a unha tradición galega moderna que xorde coa Xeración Nós e que se vai afianzando chanzo a chanzo a través de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Carlos Casares e algún outro nome até chegar a Freixanes, quen xunto con Henrique Monteagudo, secretario da RAG, é o símbolo principal deste xeito de influír e pensar as institucións do autogoberno. No equipo de Freixanes hai figuras afastadas dese posible lobby, caso de Marilar Aleixandre ou Margarita Ledo, que en cambio si son fieis á propia figura de Freixanes (Xa hai anos que Ledo pedira na facultade de Xornalismo que o agora presidente da RAG fose escollido conselleiro de Cultura nun futuro (falo da década do 1990) goberno nacionalista).

-Tensión coa Xunta: A ese nivel, vai ser moi interesante como o novo equipo directivo da RAG encara as posibles tensións coa Xunta de Galicia. No pasado, a RAG comandou a denuncia xudicial contra o Decreto contra o Galego no Ensino mais as derrotas nos tribunais, o paulatino desencanto social coa reivindicación pola lingua e as rotundas vitorias do PP desde o 2009, obrigaron a reformular a relación co Goberno. Freixanes ten fama de dialogador e sempre encontrou xeitos de manter a cordialidade con persoas distantes no político mais necesarios interlocutores para impedir a derruba total das institucións do autogoberno. No seu novo posto, porá á proba o seu talante mais tamén a súa autoridade moral.

-Feminización: Na sociedade galega, e española en xeral, hai unha corrente de forte demanda de feminización a todos os niveis directivos. A RAG ten como tarefa pendente incorporar máis mulleres. As tres últimas incorporacións: Fina Casalderrei, Marilar Aleixandre e Chus Pato (esta última aínda non puido ler o seu discurso de ingreso) indican que hai un compromiso por reducir o evidente desequilibrio de xénero nas Tabernas. A propia estrutura vitalicia da RAG e a evidente preeminencia masculina no campo da cultura en galego ralentizan ese proceso de cambio. Será Freixanes quen lle dea relevo no seguinte mandato á primeira muller presidenta?

-A Trabe de Alcatrán e o xardín do acougo de Armenteira: Naquel discurso do 2004, Freixanes empregou dúas lendas galegas para cualificar as dúas posturas posibles sobre o idioma galego. Dicía el que os galegos podemos seguir o mito da Trabe de Ouro e da Trabe de Alcatrán, que defende que en toda valentía hai un risco, ou ben recordar o conto do abade Ero de Armenteira, que foi ao xardín de acougo do mosteiro que rexía, quedou trasposto e cando se levantou da sesta pasaran 300 anos e alá fora o mundo que el coñecía, metáfora da falsa comodidade de non atender as cousas do presente con responsabilidade.

Velaquí o estado interno da RAG, cun grupo opositor minoritario pero ríxido, enfrontado con dureza ao equipo reitor actual. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos, Francisco Fernández Rei e Manuel González, entre outros, nin sequera estiveron na escolla de Freixanes como presidente. Antes das eleccións foron moi belixerantes coa presidencia de Xesús Alonso Montero e mantiveron dúas estratexias complementarias: pedir unidade para acabar coa división interna ao tempo que descualificaron o propio Freixanes para o posto. A ruptura parece total arestora e son moitos os reproches de ambas partes. O equipo actual considera que a xestión da época da presidencia de Ferrín danou a imaxe da RAG e creou desconfianza no compromiso profesional e de servizo público dunha institución que non paga os seus cargos. A oposición considera que non hai proxecto para a Academia, que non se respectan os seus obxectivos primordiais e que para moitos dirixentes, a RAG é só un posto de mando sobre parte da institucionalidade autonómica.

Tal e como están as cousas, Freixanes vai ter que escoller o risco ou a ausencia. Buscar o ouro do consenso a risco de levar unha labazada de alcatrán en forma de desprezo e confirmación do cisma nos próximos catro anos. Ou ben seguir a táctica de esperar no xardín de Armenteira a que os inimigos esmacíen. Ao seu favor ten en ambas estratexias unha rotunda maioría no plenario da Academia, o seu prestixio como negociador e as posibilidades de dinamismo das posicións internas cando toque escoller novos membros ou se debatan que persoeiros se van homenaxear nos vindeiros Días das Letras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s