Xosé Miranda: “Son un escritor melancólico e imaxinativo”

César Lorenzo Gil.

Xosé Miranda (Lugo, 1955) é un dos grandes escritores vivos. Autor de long-sellers como Morning Star e Pel de lobo (ambos publicados por Xerais, 1998 e 2002, respectivamente), estudoso da mitoloxía galega, da literatura popular e oral, e poeta (As cidades mergulladas (Xerais, 2003) e Capitán dos teus ollos (Espiral Maior, 2005), entre outros títulos). Gañou dúas veces o Premio Esquío de poesía, o Xerais e o Merlín, e o García Barros coa súa primeira novela, Historia dun paraugas azul (Xerais, 1991), unha obra que renova a visión e alcance da literatura fantástica galega. Nesta entrevista percorremos a súa traxectoria e conversamos sobre a actualidade cultural e da outra.

Vostede leva moito tempo sen publicar. Converteuse nun Bartleby, un autor que opta polo silencio porque xa o dixo todo ou por que non lle paga a pena seguir a contar?

Non. Eu teño moitas historias por contar. Varios proxectos empezados, sempre novas ideas a rebulir. Pero recoñezo que teño preguiza, fáltame a gana. Vexo o que me arrodea con bastante pesimismo, non teño ánimo.

Pasoulle algo concreto que o desmotivou?

Non hai unha cousa concreta para explicalo. É todo. Vexo cara a onde vai o mundo e non me gusta. Vexo como se está a maltratar a xente moza. Paréceche normal que nas oficinas de emprego lles estean a aprender aos parados como emigrar? Isto é o Proceso de Kafka nos nosos fociños! Na política non vexo preocupación polo mundo real. Pelexan uns e outros por razóns dificilmente explicables para a xente do común, que ve como a súa vida empeora, como a vida dos traballadores é a cada máis difícil.

E o desencanto diario leva ao desánimo creativo.

Moitas veces pensas: para que? Hoxe hai moito desprezo polos creadores. A xente baixa as cousas da internet sen un mínimo de mala conciencia; dálles igual que eses autores, de música ou de libros, vivan diso. Incluso se defende este sistema de roubo intelectual con posturas progresistas. Non acredito no que vexo moitas veces. Mais insisto, non publico por preguiza; escribo pouco por falta de tempo. E a calquera hora póñome de novo e volvo prender na roda. Teño unha manchea de cousas para contar.

Non son un Bartleby, non podo vivir sen literatura. Ninguén pode facelo. Até os que non len son seres literarios porque é a literatura a que construíu a nosa maneira de ver o mundo. A literatura é a Biblia, os contos que nos leron cando eramos pequenos, é a televisión e o cinema. Hoxe pensamos coa linguaxe audiovisual. Educámonos na imaxe e ordenamos o noso pensamento seguindo as súas pautas. Por iso a nosa maneira de pensar non ten nada a ver coa dos romanos, por exemplo.

Pero si teño un desencanto cultural, por así dicilo. Vexo que se valoran cousas que en realidade teñen pouco peso, que se defenden como valiosas determinadas obras que en realidade son copias de copias. Non hai unha crítica informada, moitas veces só propaganda.

Ese desencanto tamén lle afectou como lector?

Leo máis lentamente ca antes, iso si. Pero si leo. Moita novela, tamén poesía. Gústame ler sobre historia e ensaios antropolóxicos e científicos. Sempre fun un lector desordenado, con moitos intereses diversos. E esa calidade sígoa mantendo.

Hai quen di que o lector hoxe vive unha época dourada para os lectores de castelán. Hai moitas pequenas editoriais que publican nas marxes dos grandes grupos transnacionais obras de gran calidade, tanto novas coma reedicións. Mais de cando en vez alertan da posibilidade dunha burbulla.

Coido que vivimos un pouco a resaca do libro electrónico. Teño para min que non conseguiu os resultados que se prevían. En certo xeito, moitos lectores se desencantaron coa lectura neses aparelliños e volveron ao vello formato. E ao mesmo tempo, coido que as editoras viron que non lles compensaba economicamente esa transición. E aí é onde aparecen eses novos selos. Non penso que sobren, é máis, para quen lemos son a salvación diante da enxurrada que publican as grandes. Non sei se seguirá a ser así, non coñezo tanto o sistema, pero aquel sistema de publicar novidades constantemente para asolagar as librarías era unha loucura. Ninguén tiña tempo para ver nada do que se publicaba, arrasaron o fondo, que é a esencia da libraría como establecemento. E total para nada; publicaban un mundo que logo había que destruír para facerlles oco ás novas obras que ían acabar igual.

Que problemas detecta vostede na produción editorial en galego?

En Galicia non pasa nada diferente ao que pasa noutros lugares. Só que temos unha escala menor. Non existen nin problemas nin virtudes diferentes.

Vostede escribiu moitos libros de literatura xuvenil. Ultimamente, algúns autores saíron publicamente a queixarse de que están infravalorados.

O tema é simple: non existe literatura xuvenil. Existe unha literatura que tamén pode ler a rapazada. Escribiuse A illa do tesouro para adolescentes? Ou os contos de Edgar Allan Poe? Non existe iso de clásicos xuvenís. Son os propios lectores quen escollen as súas primeiras lecturas e deberían seguir o seu instinto. É por razóns editoriais que se colocan unhas ou outras obras nunhas ou noutras coleccións. Eu quedo pampo de ver determinados títulos etiquetados como libros xuvenís e sei que cando me deron o Xerais por Morning Star, algún membro do xurado consideraba que a miña obra non podía publicarse nunha colección de adultos, que era para rapaces. Todos eses factores son extraliterarios.

Non pensa vostede que haxa autores que planifican as súas obras na busca dun determinado público: ambientación en institutos, recursos a personaxes de moda, ás veces vampiros ás veces zombis…

Supoño que haberá pero han ser os menos. Coido que cando alguén se pon a escribir en Galicia segue o seu propio instinto, a súa necesidade. E é logo de terminar a obra que ten un percorrido ou outro segundo criterios editoriais. E se hai alguén que planifique tanto, coido que os lectores se decatarán do truco e aborrecerán finalmente esa lectura.

No mercado do libro en galego é decisivo o nesgo na compra que impón o ensino. Os máis vendidos, incluídos os seus, xorden dese impulso.

E que? Iso sucede en todos os países. Nos próximos e tamén nos EUA. Mira, por exemplo, O gardián entre o centeo. Pensas que ese libro seguiría a vender o que vende todos os anos se non fose porque é lectura obrigada no plan de estudios básico do país? E mira que che falo dun libro que todo o mundo compra pero case ninguén le porque se os pais e os profesores o lesen con atención, na vida llelo recomendaban aos adolescentes porque é unha auténtica bomba de reloxaría.

“Foi logo de ler o ‘Tom Sawyer’ que quixen ser escritor”

 

Viaxemos ao principio. Cando empezou a ser consciente vostede do feito literario?

Cando era pequeno, na miña casa había libros. Meus pais tiñan o bacharelato concluído e recordo obras de Gustavo Adolfo Bécquer, de Lope de Vega… Incluso había libros en galego, de Ánxel Fole, por exemplo. Mais para min foi moi importante a oralidade. Loxicamente, coma en calquera casa daquel tempo, había familiares que contaban contos, había os romances de cego. A televisión chegou moi tarde á miña vida. Había unha soa en todo o barrio e iamos todos ver “El virginiano”. Recordo moi vivamente xuntármonos os amigos para escoitar argumentos de películas. Un de nós ía ver a película ao cine porque nin todos tiñamos diñeiro para facelo, e pasabamos horas e horas a escoitar de que ía. Aqueles filmes de dúas horas medraban e medraban, recreados por nós.

Que primeiros libros marcaron o seu eu escritor.

Eu tiña familia no Brasil. Os meus avós e os meus tíos tiñan unha cadea de librarías alá e de cando en vez chegaban libros. Recordo ler o Tintín en brasileiro mais, sobre todo, unha edición do Tom Sawyer, de Mark Twain. Papeino compulsivamente. Non era quen de facer outra cousa ca ler nel. Ese libro, que debín ler con 12 anos en portugués, foi o que me fixo pensar por primeira vez en que eu quería ser escritor para poder contar cousas coma aquela.

E daquela empeza a escribir.

Poesía. Foi o primeiro que fixen. Imitaba a Manuel Antonio. A Quevedo. A algún outro. Na mocidade publiquei algún poema solto pero non me vía preparado para nada máis. Houbo poemas escritos nese tempo que logo saíron nos meus libros de poesía.

E narrativa?

O meu primeiro proxecto narrativo converteuse no meu primeiro libro, Historia dun paraugas azul. Non houbo nada previo.

Historia dun paraugas azul gaña o Premio García Barros no 1990. Tiña vostede ao redor de 35 anos. Non foi un escritor obsesionado por publicar novo.

De feito, fun dos últimos da miña xeración en publicar. Certo é que moitos deles se estrearon con poesía. Eu tiña claro que non debía apurar, que primeiro debía vivir, acumular experiencia e algo de saber antes de pórme a escribir novelas.

E recorda o proceso desa primeira novela?

Chegou o día no que pensei: vou ver se son quen de argallar unha novela. O proceso foi como un río. Escribía a todas as horas, non podía facer outra cousa. Tiña a historia tan entramada na cabeza que debía sacala cantos antes.

Esa novela é unha revisión da tradición da literatura fantástica en galego. Xa non é o camiño de Ferrín nin o de Cunqueiro.

É a miña propia visión do marabilloso. Recoñezo influencias de J. R. R. Tolkien ou de Ursula K. Le Guin pero nacía das miñas obsesións e necesidades creativas.

Un dos personaxes da obra chámase Carracha Parda, trasunto marabilloso de Francisco Cacharro Pardo, que naquela altura era presidente todopoderoso da Deputación de Lugo. Nace a novela como un proxecto simbolista?

É certo que a inspiración era o complicado momento político e social que vivía Lugo naquela altura. Pero pódese desfrutar do libro sen ter en conta todo o que ocorría na realidade do momento. A obra logo é autónoma, como é lóxico.

Foi o primeiro premio literario de prestixio que gañou. Logo virían tamén o Xerais e o Merlín. Que valor tiveron para vostede os certames?

Eu non son antipremios. Coido que en Galicia fan falta. Para dar a coñecer obras e autores que doutro xeito quedarían silenciados. Silenciados en dous ámbitos. Primeiro, no editorial propiamente, xa que é complicado publicar, principalmente unha primeira obra, e deste xeito ábrese unha porta. E en segundo lugar, as vendas adoitan ser poucas e gañar un premio dáche unha compensación económica moi reconfortante.

A cuestión é que hai que relativizar os premios. Hai obras moi boas que pasan desapercibidas para un xurado; noutros casos interveñen factores extraliterarios, a favor ou en contra, e acaban convertendo o premio final en algo “aleatorio”. Un premio é só iso; o valor como escritor hai que demostralo coa propia obra, non coa faixa de premiado.

Cando un escritor entra no sistema literario cunha obra premiada e ben recibida polo público e a crítica, non hai tentación de continuar na mesma liña en seguintes obras?

Hai esa tentación pero hai que superala, desde o meu punto de vista. Eu non podería escribir sempre do mesmo. Divírteme variar, ir argallando universos creativos moi diversos. Iso é o que me motiva para escribir. Aínda así, anos despois, publiquei Infancia e desventura de Lino Carrán (Galaxia, 2000), ambientado no mesmo mundo, que non vendeu nada.

Hai autores que planifican os xéneros, que antes de escribiren unha liña, arman o envoltorio: “Vou facer unha novela policial ambientada no mundo rural”. Non sei foi o seu caso con A tres bandas (Xerais, 1995).

Para nada. Eu con esa novela quería crear un personaxe, quería crear un perdedor, un rapaz que pasara a súa vida de estudante pelexando contra os policías franquistas e que acabase logo tendo que colaborar con eles para gañar a vida. Quería crear un detective que exercese a súa profesión mediante unha psicoloxía xenuinamente galega, cun perfil realista pero ao tempo simbólico do noso país. Tanto é así que veu nacer nun encoro, a Galicia asolagada. Non tivo éxito.

Si foi un éxito (e segue a selo, con 18 edicións) Morning Star, Premio Xerais 1998. Como xorde esta obra de bandidos e esperanza na Galicia insurrecta do 1846?

Foi logo de ler sobre os bandoleiros do século XIX en Galicia. Decateime de que as literaturas estadounidense, inglesa ou francesa bebían na propia historia para construír relatos de si mesmos. Velaí Jack London ou Robert Louis Stevenson. E que iso estaba por facer en Galicia e en galego.

Na novela histórica, o principal reto é a documentación.

É un proceso divertido. A medida que ía construíndo a novela tiña que coñecer cousas concretas: como vestían, que armas usaban, se os xoves en Santiago daquela comían os callos coma hoxe ou que era típico xantar no día da feira… Ao documentarte, encontras acontecementos ou cousas concretas que che apetece que estean na obra.

Analizando por xunto a súa bibliografía narrativa, dá a sensación de que vostede ten algo así como un plan patriótico, fomentar o coñecemento da historia e da antropoloxía de Galicia a través de obras aptas para maiorías.

Si existe ese plan. Mira, eu non son demasiado nacionalista. Non penso que a cultura ou a lingua ou a paisaxe de Galicia sexan mellores ca as outras. Pero tampouco peores. Coidei sempre que tiñamos moito que valorizar, divulgar. Rachar certos silencios incomprensibles sobre o que somos nós. E ese labor coido que se fai mellor desde a literatura. Obras para maiorías? Hai de todo. Historia dun paraugas azul ten interese para determinados lectores; Morning Star, para outros. O mesmo con Pel de lobo e o resto da miña obra. Sempre pensei que as boas obras literarias conseguen funcionar a diferentes niveis, cómpre que cada lector encontre interese a pesar da diverxencia do seu criterio, formación e expectativas. Eu non quero escribir obras planas, sen substancia. Cando estaba a escribir Morning Star, por exemplo, quería que a obra non caese nunca no aburrimento, que non houbese ninguén que puidese dicir iso de “os libros en galego non hai quen os lea”.

Que tipo de escritor é: dos que fan esquema?

Para nada. Non son capaz. As historias fermentan na miña cabeza. Hai ideas que pairan no cerebro durante anos, cando me poño a escribilas, saen dunha maneira compulsiva. Si podo saber de onde parten e cara a onde quero que desemboquen, pero polo medio non sei nada. Para min, a obra ten que ser autónoma, os personaxes independizárense do autor e cada páxina, un misterio para o propio autor que vai desentrañando a medida que o escribe. É que, se non, eu aburriríame moito. Eu son un escritor melancólico e imaxinativo que intento seguir e cumprir as miñas obsesións.

Eu doulle moita importancia á trama. Ten que ter consistencia e ser esixente na súa construción. Non digo con isto que non se poida facer literatura sen trama pero eu necesito contar algo, non escribir por puro artificio.

Mais non hai literatura sen lingua. Son seguidor de Eduardo Pondal nese sentido: “Eu quero escribir nunha lingua de ouro”. Para min, a literatura é tamén un xeito de evitar que se perdan formas da fala que están en perigo por falta de uso. Non entendo escribir simplemente para reproducir vulgarismos ou castelanismos. Non vale para min ese modelo de literatura baseado en moi poucas palabras. Temos un vocabulario rico e preciso. Non existen os sinónimos, en realidade. Cada palabra ten o seu lugar propio e é tarefa do escritor saber en que momento usar cada unha. Coido que isto pódese chegar a facer sen dificultar a lectura.

“O mito non desaparece, transfórmase. A lenda urbana é mitoloxía tradicional vernizada de racionalidade”

 

Entre os seus intereses creativos destaca a mitoloxía galega. Individualmente e xunto a autores como Antonio Reigosa ou Xoán Cuba, traballou moito na recollida da tradición oral.

O proxecto Chaira encargouse de recoller ese legado, especialmente na Terra Cha. Eu dediqueime a interpretar os mitos galegos. Iso foi o que sempre me interesou.

E que conclusións tirou?

Que o pobo galego é un pobo europeo máis. A nosa tradición é, practicamente, a mesma dos países do noso contorno. A única tradición que é algo diferente é a castelá; mais nós temos os mesmos temas, personaxes e preocupacións do resto de Europa. Non sei se influíu o Camiño de Santiago nisto ou quizais a cultura prerromana común a outros pobos occidentais.

No Philogelos hai un conto que vén dicir, máis ou menos, que un home chega á casa, onde a muller, esfameada, espera por el sen unha triste bocada que comer. “Fodemos ou comemos?”, pregunta o home. “Fai como vexas pero non temos nin unha chisca de pan”, respóndelle ela. Pois ben, o grupo Chaira recompilou unha versión propiamente galega que di que o home chega á casa e pregúntalle á muller: “Fodemos ou ceamos?”. E ela responde. “Fai o que queiras pero despois comemos”. Parece imposible que con 1.500 anos de distancia, esta historia documentada nun libro do século II a.c. siga viva na sociedade do interior da provincia de Lugo.

Vostede non se conformou con sistematizar e elaborar un compendio de mitoloxía tradicional, cuxo exemplo perfecto é o Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999), do que tamén son autores Cuba e Reigosa e mais Lázaro Enríquez (ilustrador), senón que pescudou o fenómeno das lendas urbanas, obxecto de varias das súas publicacións.

A lenda urbana é unha actualización do mito tradicional. Podemos analizar a historia da mitoloxía seguindo o ronsel da historia. Primeiro a mitoloxía pagá, logo a cristiá e hoxe en día a racional. O mito non desaparece, transfórmase. A lenda urbana é mitoloxía tradicional vernizada de racionalidade. Os anxos son hoxe extraterrestres porque o coñecemento científico substitúe o pensamento mítico na construción de relatos pero a base substancial é a mesma.

Hoxe en día, unha derivación da lenda urbana é o bulo, que vive unha época de esplendor grazas ás redes sociais.

A internet favorece a expansión do bulo pero non o inventa. En tempos falouse do xeroxlore, é dicir, a cultura popular nacida a través de bulos difundidos por fotocopias. O importante do bulo é sabermos que sempre nace cunha intención e en moitos casos se pode atopar o seu primeiro autor. Por exemplo: aquí en Lugo difundiuse unha lenda urbana ben simpática. Dicían que no Chino Antonio (chámanlle así porque un dos donos, que non é chinés, chámase Antonio), que é un mercado maiorista do polígono do Ceao, desaparecera unha rapaza. O mozo consegue que a policía entre no almacén e conseguen salvala no último momento, cando xa estaban os chineses prontos para despezala e vendela como carne. Esta historia repítese en moitos países. En Portugal fíxose un estudo que concluía que este e outros bulos xenófobos sobre os chineses foran argallados por un grupo fascista. Por que o fan? Cun claro obxectivo político: difundir unha idea contraria a unha cultura que consideran inferior. Mais isto funciona porque responde a unha constante histórica. Hai relatos do tempo dos romanos nos que se conta que o exército imperial, cando se dispón a destruír o Templo de Salomón en Xerusalén, cacha, no sancta sanctorum un grupo de sirios e outros prisioneiros de nacións veciñas que os xudeus estaban a cebar para logo comelos. Non eran relatos inocentes.

Vostede non só escribe literatura fantástica, tamén reflexiona acotío sobre ela. Que lle parece o que se está a publicar?

Desde Tolkien e Le Guin non se innovou nada. Xa nin sei cantos epígonos de Tolkien apareceron. A literatura fantástica, que é a que permite un meirande grao de imaxinación, risco e innovación, reduciuse a unha fórmula. Todas as historias son iguais, copias de copias de copias. Non ten sentido ningún. Na ciencia ficción, algo parecido. Desde os tempos de William Gibson, nada diferente. E mira que non hai campo para explorar, empezando polos avances biolóxicos! Supoño que ten a ver con determinada demanda de determinados lectores. Mira o que ocorre coa novela policial. Falan dela como a nova novela realista. Pero que realismo! En serio Escandinavia é como aparece nas novelas de Larsson e demais? Négome a crelo. Pero se son todas iguais! Non discuto que haxa algunhas novelas policiais que axuden a entender o noso tempo pero a maioría son irreais e incluso ridículas. Outra cousa é a novela negra. Hammett claro que escribía sobre o seu tempo pero claro, iso dá choio e ás veces rompe ese complexo dalgúns lectores, que son como crianzas de tres anos, que queren escoitar sempre o mesmo relato contado sempre do mesmo xeito.

Cónteme que está a ler arestora.

Estou cun libro dun dos autores máis interesantes da literatura arxentina, Marco Denevi: Ceremonias secretas, que editou Alberto Manguel para Alianza. Tamén ando a ler SPQR, de Mary Beard.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s