Kalandraka, 19 anos de “libros para soñar”

Espazo Kalandraka, en Madrid.

César Lorenzo Gil.

A historia da editora Kalandraka é unha historia de éxito e de innovación. Nada mellor para definir a súa traxectoria que o seu propio lema: “Libros para soñar”. Un soño empresarial que parecía imposible, crear desde Galicia unha empresa capaz de axudar a amar os libros a cativos de varios continentes sen renunciar á identidade propia, ao bo gusto e ao vínculo coa arte dos seus produtos. Velaquí os ensinos deste proxecto.

Kalandraka nace o 2 de abril do 1998 en Pontevedra. Eran tempos nos que maduraban por fin ideas editoriais pensadas especificamente para as crianzas e para os adolescentes. No 1994 Xerais presentaba a colección ‘Fóra de xogo’ para a mocidade e afianzaba a aposta por vincular a lectura “literaria” ao ensino secundario. Kalandraka decide en cambio vincular o libro ao contorno familiar, que sexan os pais os primeiros prescritores de literatura a través de álbumes producidos con alta calidade nos que a ilustración se nivela ao traballo da escrita: libros que nacen para ser lidos en voz alta, para seren unha fiestra ao mundo a través dos debuxos.

Hoxe, Kalandraka é un grupo editorial que factura 2,5 millóns de euros ao ano con dezaoito coleccións, entre as que se conta Faktoría K, un selo “filial” que á súa vez se divide noutras once coleccións. Faktoría K pódese definir como un banco de probas e unha plataforma de expansión. Dela dependen a colección de poesía ‘Tambo’, unha das máis consolidadas e históricas da literatura galega. No seu catálogo contan co Premio Nacional do Ministerio de Cultura 2013, Manuel Álvarez Torneiro. ‘Ágora K’ publicou textos contemporáneos fundamentais de intervención pública ou cultural nos últimos anos, caso do manifesto a prol das humanidades A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine ou o “panfleto” Indignádevos, do francés Stéphanne Hessel, entre outros. Ademais, conta cunha liña de narrativa adulta que trouxo para a biblioteca galega títulos da valía de 1984, de George Orwell, A conxura dos necios, de John Kennedy Toole, Cuspirei sobre as vosas tumbas,de Boris Vian, ou Lolita, de Vladimir Nabokov, nun catálogo que combina o canon coas novidades internacionais.

Sen deixar Pontevedra, Kalandraka avanzou nestes anos cara a un proxecto global, publicado en varios idiomas e con incidencia institucional en varios países. Os “libros para soñar” edítanse amais de en galego, en portugués, en castelán, en éuscaro, en catalán, en italiano e en inglés. Esta amplitude xeográfica e lingüística obrigou a empresa a crear filiais en Portugal e Italia. Hoxe en día, a firma galega emprega vinte e cinco persoas, varias delas fóra de Galicia. O seu modelo non só é innovador no editorial, tamén no laboral, xa que os seus traballadores desfrutan dunha xornada laboral de trinta e cinco horas semanais.

A revolución Kalandraka

A estratexia de Kalandraka é clara e sinxela, en aparencia: coidar dun xeito profundo e decidido o libro para crianzas, adaptarse aos gustos dos tempos actuais e propor unha identidade editorial facilmente recoñecible en calquera punto de venda: ilustración de alta calidade e textos pensados para facer voar a imaxinación dos cativos sen desprenderse dos temas do día a día. Velaí os títulos asinados por Antonio Rubio e Óscar Villán, que converten en arte obxectos cotiáns coma os zapatos, a visión da lúa ou a convivencia cos gatos ou o libro A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani e João Vaz de Carvalho, que repara na relación entre pequenos e maiores con gran fondura.

Esa especialización trasládase tamén á promoción da lectura e da escrita. Kalandraka organiza, conxuntamente co Departamento de Educación do Concello de Santiago, o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Tamén organiza, neste caso coa Concellaría de Educación de Orihuela (País Valenciano) o Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenos..

Como se vende fóra?

Unha das chaves da capacidade de Kalandraka por dar a coñecer e avaliar os seus libros reside na fortaleza da súa distribución. “A marca está nas mellores librarías da península Ibérica debido á boa acollida e á demanda do noso catálogo entre un amplo sector de público”, explica o director da editorial, Xosé Ballesteros.

Mais non só en España e Portugal están presentes os libros de Kalandraka. Ao publicar en italiano e en inglés, están presentes nos mercados europeos desas linguas. Os seus títulos distribúense, ademais, na Arxentina, Chile, Colombia, os Estados Unidos, Guatemala, México, Perú, Uruguai, Venezuela e o Xapón.

A palabra exportación é chave ao falarmos de Kalandraka. A editora superou con fortuna un dos grandes tabús da dimensión industrial da cultura galega. “Unha das cousas que máis me chamaban a atención antes de Kalandraka”, explica Xosé Ballesteros, “era que a maioría dos libros producidos e vendidos nas librarías galegas en galego non pertencían a editoras propias senón a empresas radicadas fóra. Nos comezos da editorial preguntabámonos se non sería posible producir libros en Galicia e vendelos fóra”, continúa Ballesteros.

O obxectivo parece claro e forma parte deses consensos teóricos das políticas culturais autonómicas. Non houbo conselleiro, director xeral ou experto na industria do libro que non subliñase a necesidade de tomar conta do proceso de exportación como punto fundamental para evitar a subordinación da edición en lingua galega. Tanto no continente coma no contido, vender fóra do país o talento de aquí parece en cambio unha andrómena na maioría dos casos. Por que con Kalandraka sucedeu outra cousa? Conta Xosé Ballesteros que todo se debe a un proceso de investigación e contacto cos mercados. “Fixemos moitos quilómetros para coñecer librarías, bibliotecas e colexios e para acudir ás máis importantes feiras internacionais do libro. Eramos conscientes de que estabamos abrindo camiños para que despois puidesen transitar por eles outros proxectos editoriais galegos, e agora aí están para quen os saiba andar”, recorda.

Polo camiño aberto

Con certeza, ese camiño aberto ten novas pisadas. O máis veterano, o de Rinoceronte, un grupo editor de rápido crecemento que apostou por dous proxectos irmáns de expansión das fronteiras da edición galega. Pulp Books intenta desde hai anos traducir directamente con produción galega textos de autores galegos contemporáneos a outros idiomas, principalmente ao castelán aínda que tamén apareceron obras en italiano ou xaponés, por exemplo. Fóra do público adulto, o grupo cangués creou Sushi Books, que vai máis alá na aposta: publicar a un tempo en todas as linguas estatais textos clásicos mais tamén actuais da literatura infantil e xuvenil.

Outra vía é a ensaiada por Mar Maior, editora dependente de Galaxia que busca cinxir a comunidade galega no exterior á propia cultura a través de traducións de libros novos e vellos ao castelán e ao portugués desde Galicia. Mar Maior aproveita o gran cadal do catálogo de Galaxia (a nosa editorial máis veterana) e ensaia, igual ca Kalandraka, a distribución en América e tamén en España, mercados onde a palabra galeguidade segue moi presente nos descendentes dos emigrantes e exiliados.

A diverxencia entre o mercado e a literatura

Unha das características principais de Kalandraka é a fidelidade á literatura infantil, con todos os matices e diferenzas que ten a respecto da literatura para adultos. Os libros da editora pontevedresa van máis alá da tradicional arte da escrita para acoller outras disciplinas, principalmente a plástica mais tamén a música.

A valía artística dos libros de Kalandraka vén confirmada acotío con premios a todos os niveis para os seus autores e obras. Só por dar dous exemplos concretos, o máis destacable, a presenza case ano tras ano das obras do selo nos premios Daniel Gil de Deseño Editorial que convoca anualmente a revista Visual. En febreiro do 2016 foi premiado co galardón ao mellor libro infantil a obra Só un segundo, do brasileiro Flávio Morais e amais tamén Faktoría K e a deseñadora Macu Fontarigo recibiron unha mención polo álbum Animalario no apartado de deseño de libros. Asemade, a propia editorial e o tradutor Isaac Xubín recibiron no 2015 o Premio Etxepare de tradución por trasladaren ao galego a obra Tempo de exilio, do poeta euskaldún Joseba Sarrionandia, publicada na colección ‘Tambo’.

Daquela, por que non espallarse ao mercado editorial do público adulto? Ballesteros teno claro. “Sabemos que hai intentos desde Galicia, pero non basta con poñer en marcha un catálogo en castelán. Hai que ter presenza importante nas librarías das grandes cidades, realizar accións de promoción e comunicación constantes e, sobre todo, ter un catálogo moi potente que poida facerse sitio entre as innumerables propostas dos grandes grupos editoriais”, salienta. “A tarefa é titánica nun mercado á baixa; non lle vexo moitas posibilidades de éxito, hoxe por hoxe”. É neste punto no que se confirma a diverxencia entre mercado e literatura, unha constante histórica que non mudou arestora. “Editar para adultos en castelán desde Galicia debería contar con apoio institucional, como acontece en Catalunya. A Xunta non trata o sector do libro como estratéxico”, conclúe Ballesteros.

Non só papel

Kalandraka non considera que o papel como material básico na produción de libros estea en crise máis alá de certos cantos de serea de mercadores interesados. “A transición cara ao modelo dixital está a ser imposto desde “arriba”, non hai demanda pola base. Non hai en Galicia nin en España nin en Italia…”, é rotundo Xosé Ballesteros. “O dixital non é sempre o máis democrático, e o libro de papel, no momento actual, é a aposta máis sustentable, máis ecolóxica”, acha o director de Kalandraka, que confirma que o selo seguirá a traballar o libro de sempre perante as dúbidas ante un “futuro dixital forzado” e a súa concepción ideolóxica do traballo editorial.

O libro galego pode ser rendible

O éxito de Kalandraka principalmente demostra que producir libros e en galego pode ser rendible. Sen imaxinación e compromiso a tarefa, non obstante, é imposible. Ao contrario doutras culturas, a galega non está apoiada polas políticas culturais, que durante anos se basearon simplemente na compra de libros e en certas subvencións a proxectos singulares. Desde o inicio da tempada de recortes esa axuda minguou até o mínimo ao tempo que se mantiveron ou se ampliaron as subvencións directas a outros moitos sectores económicos con sona de “independentes” (téxtil, automóbil…)

Sen o apoio institucional como lanzadeira, nun ambiente de restrición de gasto nas familias e perda de valor social do libro como produto de prestixio, editar só pode converterse nunha actividade sustentable en base a encontrar ese nicho de mercado que segue oco. Kalandraka logrouno mais o seu director recoñece que a marxe a día de hoxe é estreita para novas ideas. “Fai falta que o Goberno entenda o valor da nosa cultura e da nosa lingua. Se o galego perde falantes, corremos o risco de que os produtos no noso idioma sexan irrelevantes”.

Para moitos analistas, detrás do boom da novela policíaca nórdica estivo, principalmente, a política cultural de países como Suecia, Finlandia ou Islandia, que achegan diñeiro público para a tradución a outros idiomas das súas obras. Como afirma o escritor Xabier López López, esa realidade non só se dá en culturas pequenas, ameazadas talvez pola fortaleza do inglés incluso nas súas propias sociedades. “Cando pensemos nesa novidade en francés que parece que foi tan vendida no seu país e que chega ao castelán simplemente pola súa forza no mercado, era bo darlle unha vistada a esas primeiras follas do libro; así descubriremos que moitas delas recibiron diñeiro público para mudaren de idioma”.

(esta reportaxe publicouse con anterioridade no número 29 da revista Luzes).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s