Canto se reescribe na literatura galega?

Lapis borrando.

Eva Moreda.

Vou aventurar que máis ben pouco. En contra da miña hipótese están algunhas entrevistas recentes publicadas neste mesmo medio (un dos poucos en Galicia, por outra parte, que pregunta aos autores polo proceso creador): Miguel Sande conta que a súa última novela pasou por 13 versións, Diego Giráldez afirma que para ser escritor é máis importante saber borrar ca escribir, Antón Riveiro Coello asegura que lle custa moito dar por boa unha páxina. A favor da miña hipótese: os resultados, é dicir, o que se publica. Non estes tres autores en concreto, pero si moitos outros, o cal tamén este medio xa puxo sobre a mesa algunha vez. Algún problema de raccord; con máis frecuencia, adxectivos e adverbios innecesarios, pouca naturalidade nos diálogos, sensación de que o narrador anda ás apalpadas. Máis a favor: autores a publicar dúas novelas por ano (infrecuente desde o 2009) ou a se gabar de rematar novelas en tres ou seis meses. E por último: a miña propia experiencia. Nada do que publiquei (e moito do que publiquei foi premiado) pasou dos tres borradores. A ninguén, nin editor nin xurado nin crítico, se lle ocorreu dicirme a verdade: que estas historias precisaban dunha ou dunha ducia de voltas máis. Non aprendín a reescribir cando debería facelo e teño que aprender agora: porque o sistema literario galego non ten reparos en admitir produtos a medio cocer.

Aceptada (por intuición máis que por evidencia rigurosa) a hipótese de que na literatura galega non se reescribe moito, podemos preguntarnos por que e se isto é bo ou malo. Podemos aventurar que é unha simple cuestión de gustos motivada por diferenzas culturais, como hai moitas outras. No sistema anglosaxón a tendencia (con excepcións) é a reescribir. Algúns autores falan de cincuenta reescrituras. O resultado son textos traballados e batanados. Causa ou se cadra consecuencia destes diferentes xeitos de pensar son as diferentes paisaxes editoriais. Noutros sistemas, o editor ou o axente literario opinan sobre o texto e o modelan (aínda que cada vez con máis frecuencia este labor se ve terceirizado a servizos de pago que custea o autor antes de enviar o seu texto para publicación). En canto ao sistema literario galego, xa falei máis arriba da miña experiencia, aínda que me comentan que algunha editorial si que intenta intervir máis directamente sobre o texto en troques de limitarse a peneirar o que xa lles chega presuntamente terminado. A dependencia que o noso sistema ten dos premios seguramente tamén coarta o labor editorial. A ninguén lle gustaría que premiasen a súa novela para despois ter que reescribila. Nun dos primeiros premios que gañei, os organizadores dixéronme que algunha vez tiñan probado a orientar os gañadores antes da publicación. Cun par deles non saíra ben e a partir de entón premiaban só obras que puidesen publicarse sen moitos cambios ou deixaban o premio deserto. Pero coido que só se atreveran a probar a vía da reescritura porque era un premio para rapaces novos, non para adultos que puidesen reaccionar mal.

No mundo anglosaxón tamén proliferan os cursos e titulacións de escritura creativa, nos que o lema (á parte do manido e pouco útil show, not tell) parece ser “escribir é reescribir”. Posto que non teño contacto coas escolas e cursos de escritura creativa que apareceron nos últimos dez anos en Galicia, non sei se seguen tamén este lema. De ser así, se cadra poderiamos ver algún desenvolvemento interesante no futuro.

É bo ou malo que se reescriba pouco? Falaba antes dos textos batanados que producen certas escolas literarias anglosaxoas. Ás veces están batanados de máis. Non lles ves unha costura que che faga lembrar que detrás do narrador hai un lector. Tampouco os ves arriscando e fracasando (o que moitas veces é emocionante), porque as múltiples reescrituras fan que o que era orixinalmente arriscado remate por caer na zona de conforto do autor. Pero, independentemente de que algúns autores puntualmente editen de máis, non vou asegurar, en xeral, que isto lles chucha a vida aos textos nin que se sacrifica algo (contido, verdade) en favor da forma e que é mellor termos unha literatura máis espontánea. Pensar en forma e contido como entidades separadas é arcaico. A espontaneidade tamén se pode cultivar ou finxir, e escribir un texto nun rexistro coloquial, popular ou minimalista non implica menos traballo que a prosa clasicista (outro grande erro no que caen moitos escritores galegos). Unha reescritura boa e profunda insúflalle vida ao texto, non lla quita.

Advertisements

16 comentarios en “Canto se reescribe na literatura galega?

  1. Estou bastante dacordo co que dis, Eva, e inda máis, eu diría que iso é un andazo de toda a literatura. O que pasa é que as obras de autores noveis doutras linguas ven a luz a través da autopublicación e non teñen ningún tipo de promoción. En cambio, aquí podemos coller un libro en galego en calquera librería e, se non afinamos ben na nosa procura, comprobaremos que o autor posúa talento, non lle dedicou suficiente tempo a pulir a súa obra.

    Non reescribir é unha fase temperá do escritor. A veces é consecuencia da falta de modelos a seguir (se les mala literatura ¿que vas escribir?) e outras veces da falta de autocrítica. E para min a autocrítica bebe da crítica externa. Se non aceptas unha crítica razoada e agumentada malamente te cuestionarás ti mesmo o que escribes. Simplemente tirarás para adiante e acabarás identificando escribir sen correxir como “o teu estilo personal”.

    A labor dos editores para que os amateurs logren superar esta fase é decisiva. Porque eles portan un principio de autoridade que o autor vai respetar. Sen embargo, se non exercen ese deber crítico, o que fan é cimentar a mala praxis dos autores. Unha vez, como resposta a unha crítica que fixen dun relato de Contos Estraños, o autor respondeume: “Se os editores aceptaron publicalo así é que está ben”. ¿Como loitas contra iso?

    Tampouco é xusto afirmar que sexa tarefa dos editores educar ó criterio dos autores. Eles non están aí para ensinarlle a escribir a ninguén, eso é certo. Quizáis o día que os bos libros se vendan e os malos libros non, cheguemos á solución do problema da reescritura.

    De momento os factores que logran que un libro en galego se publique e venda hoxe son unha combinación de que vaia firmado por un nome coñecido, que teña unha boa portada e un texto de contraportada con gancho. Polo demáis, como se está en blanco.

    • Interesante a visión de que o non reescribir é un problema dos principiantes. Seguramente sexa así, aínda que sexa só porque a idade normalmente che vai poñendo máis medos. Con respecto á autocrítica. Vemos moito en entrevistas a escritores galegos, neste medio e outros, declaracións como que eles só son esixentes consigo mesmos, que só se miden consigo mesmos e demais. Por principio, iso coido que debe ser así, pero non é menos certo, como ti indicas, que a autocrítica pode nacer ou estar relacionada coas críticas externas. E destas hai poucas no país. Durante anos, as únicas críticas externas que tiña do sistema que me facían pensar que se cadra debería mellorar a miña escrita eran os premios que non me daban. O demais (críticas en prensa, informes editoriais, fallos de premios que si levaba), nada. (Tiña un par de lectores aos que lles pasaba borradores e que si me facían críticas útiles pero non os conto aquí por non ser parte do “sistema”).

      • Hai que ter en conta que meu punto de vista é algo extremo, o de alguén que revisa, corrixe e cuestiona cada palabra que escribe ata dar coa definitiva (¿espera, existe iso?). Sen embargo non o fago dende o perfeccionismo do método, fágoo porque a persoa que rele ese escrito xa non é a mesma que o escribiu.

        Vou ir un paso máis adiante sobre este tema: se me fas escribir un relato, me conxelas durante 2 anos e me soltas logo para reler ese mesmo relato ¿qué podo cambiar? Algunha repetición, un sinónimo, un par de comas. En definitiva, o que podería cambiar un corrector ortotipográfico.
        En cambio, se me fas escribir un relato, me soltas polo mundo durante 2 anos e logo releo ese mesmo relato… Aquí é onde de verdade cumple a súa función o proceso de revisión do escrito: se non aprendiches algo novo non aportarás nada novo.

        Como non é moi realista escribir unha novela e deixala repousar 2 anos (mentres un segue adquirindo experiencia) o que se fai normalmente é buscar a opinión doutra persoa que consideremos apropiada para a tarefa (o que ven sendo empregar a experiencia de outro coma se fose propia). É entón cando un se pode dar conta de que ten que eliminar tal capítulo, trocar o carácter dunha personaxe ou reducir o peso dos diálogos na novela.

        Insisto en que non falo de perfeccionismo. O perfeccionismo bloquea. Eu falo de aprender e de mellorar a expresar o que un pretende expresar (cómo facer isto daría para outro artigo).

        A ese tipo de autor que en 20 anos non aprendeu nada novo nin aceptou unha crítica externa reescribir so lle vale para correxir erros ortográficos e fallos de tipeo, porque a calidade da novela non vai subir un ápice. E para iso é mellor non perder o tempo reescribindo, tal como fai Pablo Fernández.

  2. A cuestión é: cómpre perder máis tempo en reescribir o que xa está escrito?

    Quero dicir, sabendo o retorno económico que ten o libro para o creador, págalle a pena gastar máis tempo (xa non digamos cartos) en pulir o resultado logo do que xa perdeu en escribilo?
    Eu escribín cinco novelas en menos de dous anos (non me estou a gabar de nada, que só unha viu a luz). A primeira levoume tres meses, cando me deu por revisala quedei pampo co mal escrita que estaba, e aínda así soou para un dos grandes do país. A segunda, catro semanas, e levou premio. A terceira, dúas semanas. E a cuarta e a quinta, tres.
    Eu teño un traballo que me dá de comer, teño familia, vida, e ademais escribo. En galego, con todo o que iso poida significar. Daquela, paga a pena gastar máis tempo do perdido? Sen entrar a valorar o nivel imperante co que hai que competir, coido que non. Eu non vivo (nin penso vivir) disto, pero unha editora si, e se considera que o libro é bo, a encargada de o pulir é ela. Porque se teño que ser eu, igual é plan de ir renegociando por lei o famoso 10% ou, diolopaghe, de ir publicando en plataformas dixitais.

    Namentres, parabéns polo artigo.

    • Xa, eu coido que nun sistema literario coma o noso a premisa debe ser sempre pasalo ben un. Hai xente que escrebe toda a vida, deixa manuscritos sen acabar ou sen pulir e non pasa nada. Hai outros (coma o galés Cynan Jones) que pasan meses ou anos escribindo interiormente e logo lles saen as novelas xa case feitas. (Coido que son os menos). Entendo o teu punto de vista de que a encargada de pulir debe ser a editora pero un libro impreso é un libro impreso e queda aí (mesmo nas baixas cifras en que nos movemos en Gz). Co correr dos anos pode amolar un pouco pensar que o que sacaches, aínda sendo “good enough”, igual non era o mellor que podías escribir. Pero é unha opinión persoal.

  3. Pensar que é unha perda de tempo mellorar a tua obra xa é condenarse. É morrer antes de nacer. Polo menos para min, mellorar o que escribo ata onde abranga o meu criterio ou o de quen me de a súa opinión é tempo aproveitado.

    Dándole a volta á tortilla, se o che ten que reescribir a novela o teu editor, igual debía aparecer el como co-autor.

  4. Grazas por recoller a luva, Eva e Lois.

    Obviamente, canto máis se relea un orixinal e canto máis se corrixa, mellor será o resultado. Cae de caixón. Non ían os tiros do meu comentario por pretender que as miñas primeiras versións non precisen dese proceso, que pagado de min mesmo si, pero non tanto. Eu falaba máis ben da existencia desas empresas colaterais que viven de corrixir textos previos ao paso pola editora ou polo xurado dun premio (e que, recollendo a “picada” de Lois, daquela tamén deberían figurar coma co-autoras), ou mesmo do nivel de esixencia das editoras en Galicia, tendo en conta o retorno económico que nos produce esta aventura literaria.
    Como ricos a conta dela non imos rematar, fago miña a frase de Eva: nun sistema coma o noso, o principal é pasalo ben (motivo polo que me sinto cada vez máis fóra del, se é que algunha vez estiven dentro), pero precisamente por iso, porque o conto é pasalo ben, coido que fóra da autoedición que asoma polo horizonte, o autor non pode facer o traballo do editor, que é quen vai cobrar. E non, non falo do traballo de escrita. Supoño que todos temos ese amigo/amiga que nos revisa os textos e que o máis que cobra son as cañas que toma connosco. Pois ben, velaí unha das dúas probas do nove. A outra, descansa collendo po nos andeis das librarías.

    Saúdos!

  5. Di Lois: “Insisto en que non falo de perfeccionismo. O perfeccionismo bloquea. Eu falo de aprender e de mellorar a expresar o que un pretende expresar (cómo facer isto daría para outro artigo).”

    Completamente de acordo. Aclaro que, cando falo de reescribir para mellor o texto, non estou falando de acadar unha especie de estado de perfección ideal. Ás veces cando se fala de reescribir (p.ex. os autores modernistas), falan de unha especie de texto ideal platónico que preexiste ao autor e é traballo do autor atopalo en sucesivas reescrituras. Non comparto esta visión, senón que na miña propia práctica prefiro centrarme na claridade e a certeza da expresión. Moitas veces na literatura galega les o fallo dun xurado ou les ao autor/a comentando a súa propia obra, les o libro e tes a impresión de que non son a mesma obra. Non falo de que a uns lles gustase e a outros non, falo do que uns e outros ven no libro. Aínda que unha das grandezas da literatura é que un mesmo libro pode significar cousas diferentes para cada un de nós, moitas veces hai demasiada discrepancia que fai sospeitar que en realidade o autor/a simplemente non foi quen de dicir o que quería dicir.

    • Aquí xa discrepo un pouco: coñeces moitas persoas que ao ver a mesma pilícula de Tarkovski, realmente visen a mesma pilícula? Concluímos logo, que un tipo como Tarkovski non tiña moi claro que flims quería rodar?
      A meirande parte das veces, se un lector non comprende unha obra tal e como a concibiu o escritor, a culpa é do lector. Por suposto, tamén hai auténticas furricas por aí adiante que non hai por onde as coller, pero penso que non é o caso de, non sei, Thomas Bernhard, e cando sinto que non dou chegado ao miolo dunha das súas novelas, sei que a culpa é miña, non del.
      E volvemos, claro, á corrección (nunca mellor dito). Ortográfica, seguro. De forma, pode ser. Pero de fondo? Se hai que mudar o fondo, mellor queimar o orixinal. E comezar outro, claro. Pero esa corrección da que falo, máis aló do noso famoso amigo das cañas, é tarefa do editor.

      • Si, é certo, xa dixen que unha das grandezas da literatura é que permite múltiples interpretacións. Eu refírome a cousas básicas e rechamantes como o autor intentando facernos ver que determinado personaxe é simpático, é intelixente, xenial, querido por todos os demais personaxes (excepto os malos) que babean coas súas ocurrencias, pero se xulgas ao personaxe en cuestión polo que di e fai, o que transpira é un idiota integral con opinións pedantes. Xa non é que che caia mal a ti, é que non podes entender como lles pode caer ben a outros personaxes da novela (Claro que pode ser que o autor(a) intentase ser irónic@ pero nos exemplos que teño in mente non creo que sexa iste o caso).
        Con respecto a queimalo todo e comezar de novo. Iso pode ser tamén o proceso de reescritura, xa digo que depende de como o enfoque un. No meu caso ás veces empezo simplemente dunha imaxe, unha escena, unha idea, e constrúo unha peza arredor (estou falando aquí máis de relato que de novela). Ás veces o resultado non me convence e volvo a empezar, pero mantendo ese celme orixinal, ás veces moi transformado. Un lector externo se cadra non vería esas dúas pezas como versións a unha da outra. porque en apariencia son moi diferentes. Tamén lle vexo engado a escribir moito e moi diferente como xeito de experimentar ou ben de pasalo ben e logo centrarte en mellorar as pezas que mellor che saísen ou coas que disfrutases máis. A miña crítica (o artigo orixinal) non se centraba tanto no proceso, que cada un terá o seu, como no produto que logo se entrega.

  6. Tampouco fai falla ir a Tarkovski. Quen vexa Kong: a illa caveira pode sair do cine pensando que viu unha pelicula militarista, naturista, unha peli de accion sen contido ou unha bazofia. Á hora de xulgar unha obra ninguén se baña nas mesmas augas inda que se metera no mesmo río. A formación do lector, os seus prexuizos o coñecemento previo do contexto da obra… todo conta á hora de chegar a unha conclusión.

    Para min o importante aquí é a intencionalidade á hora de empregar o autor os seus recursos. Unha vez lin un relato tan maliño que chorei coa risa, pero non lle dixen ó autor que escribira unha gran obra de humor. Hai veces que sabes perfectamente que o autor non soubo expresar o que quería expresar. Penso que a isto se refire Eva. Ti; Pablo, paréceme que falas de cando un autor produce a mantenta unha obra ambigua, con varias interpretacions posibles ou ben de significado aberto, sen intencionalidade aparente ou simplemente dificil de interpretar. Tamén a veces o autor mostra algo e é o lector quen aporta o significado do que percibe.

    A min non me parece que se un lector non comprende unha obra sexa culpa do lector. Se ese autor quería ser comprendido por ese lector, entón é culpa do autor, non do lector. Se eu como autor quero expresarlle algo a outro ser humano e desexo que me entenda, daquela a carga do esforzo recae nas miñas costas. Para saber realmente qué sucede na relacion autor-lector con respecto a unha obra determinada cando hai un desacordo cómpre analizar por que non funcionou, argumentalo e/ou armar debate sobre elo. E por certo que lugares como esta web serían unha ferramenta moi boa para acadar ese diálogo se os autores non se puxeran tan á defensiva cando se critica unha obra súa. Un dos problemas da recepción das críticas é que o autor tende a considerar inmutable a súa obra, daquela unha mala crítica tómase como que “fai dano á obra”, porque non se concibe que poida empregarse para mellorar o criticado. ¿Imaxinádesvos a un autor (galego ou non) que tras ler unha crítica do seu libro (e estar dacordo con ela) saque unha segunda edición con trocos para mellorala? Ben, admito que esta idea é dificil de dixerir. Pero aquí vai esta outra: ¿imaxinádesvos a un autor que tras ler unha crítica do seu libro (e estar dacordo con ela) teña en conta o que lle dixeron cando se poña a escribir o seu segundo libro? A resposta a esta pregunta ímola deixar no aire.

  7. Ooooola outra vez.

    A ver, por partes. Se o autor ten unha intencionalidade clara, e non é quen de a transmitir (ou, tal e como apuntades, transmite todo o contrario), a culpa é súa. Ata o de aí estamos de acordo, que xa vos dixen que de furrica estaba o mundo cheo.
    Agora ben, que pasa cando escribes sen esa intencionalidade expresa? Seguramente non vaias chegar a todo o mundo, mais a culpa seguerá sendo do lector (quedan fóra desta tese, as furricas sen intención, que tamén as haberá). Ou iso, ou dándolle a volta á tortilla, as obras de Dan Brown son a hostia en verso, porque chegar, chegan.

    Noutra orde de cousas, iso non significa que un non estea aberto á crítica razoada: concordamos en que de aí é de onde máis se aprende, e que de aí é de onde se tiran as marxes de mellora. E si, páxinas coma esta son un auténtico filón. Mais nun sistema cultural no que a xente que le vén sendo a mesma que escribe, a coitelada adoita ir por diante sen máis argumento que o por se acaso. Pero esta, é xa outra historia.

    Saúdos.

  8. Se non hai intencionalidade tampouco hai unha “interpretación correcta”. Se un observador ve o arco da vella e percibe beleza e outro o mira e percibe fealdade, ¿algún dos dous é “culpable” de algo? ¿É unha percepción superior ou máis acertada a de quen percibiu beleza? Do mesmo xeito, se ti escribes un libro sen buscar unha reacción determinada, sen artificios nin intencionalidade expresa, é dicir, cando deixas o peso da interpretación en mans do lector… ¿ata que punto podes afirmar que o lector cuia visión non coincide coa túa “errou”?

    • Xa. Partamos da base de que a ausencia deliberada de intención, xa é unha intención en si mesma, e aí estariamos dando voltas ata o día do xuízo sen poder atopar culpables de nada, porque non os hai. Volvendo a Tarkovski: “O espello”. Segundo o autor, a única pretensión era que cada espectador puidese remexer nas súas propias lembranzas (claro que as autoridades soviéticas case o esfolan por entender que gastara unha morea de cartos públicos en remexer nas súas propias), así que como para lle atopar un sentido absoluto.

      Agora ben (seguimos con Tarkovski), se miramos “Stalker”, unha pilícula deliberadamente ambigua (mais non carente de intención), como espectadores podemos quitar un bo feixe de conclusións que de seguro non coinciden cos propósitos do autor (e doutores ten a Igrexa para interpretar esta obra). Nun plano menos metafísico, como espectadores tamén nos podemos pronunciar negativamente (ou non) sobre o seu ritmo lento e pesado, sobre a ausencia de trama explícita ou mesmo sobre as interpretacións dos seus actores. Mesmo podemos concluír que é unha pilícula aburrida. Pero imaxina que chega alguén e decide abordala coma “un flim de gran calado racista, un ataque manifesto aos afroamericanos, porque ningún dos actores é negro e non hai reivindicación explícita ningunha dos dereitos desa minoría”. Concordarás comigo en que, igual que hai creadores que non dan a talla (que xa levo falando de furrica literaria dende ben arriba), tamén hai receptores moi limitadiños, e aí e onde falo de culpa.
      Polo demais e por suposto, nada disto é incompatible co feito innegable de que non lle vas gustar a todo o mundo. Pero claro.

  9. Dende logo que ese “receptor” tería que informarse un pouco mellor sobre o contexto desa película que está xulgando, de feito ese argumento en concreto non sería válido nin sequera aplicado a una obra que tivese a intención de ser racista. Daquela si, estaría sendo culpable ou ben de “prevaricación crítica” ou ben de total ineptitude.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s