Islandia, onde a literatura é unha cuestión de Estado

Sjón, escritor islandés.

Hai poucos días estiveron en Galicia o escritor galego (islandés de adopción) Elías Portela e o seu colega Sjón, que publicou unha novela en galego (publicada por Rinoceronte). É, por tanto, boa hora para achegarse a un país onde máis do 90% da cidadanía le, cando menos, un libro por ano.

Xesús González Gómez.

De Islandia chegan ás veces noticias a este sur de Europa. Das últimas (e xa hai moito tempo), a dimisión do seu primeiro ministro, atrapado no caso denominado dos “papeis de Panamá”, mais, que sabemos de Islandia e, sobre todo, da súa literatura?

Sábese que Islandia, uns 320.000 mil habitantes, conta cun premio Nobel de literatura, Halldór Laxness, de quen se traduciron diversas novelas ao español, aínda que a maioría están fóra de mercado. Da súa novelística traducíronse sobre todo nos anos 1950 ao idioma de Cervantes (Miguel, non do lugar) os títulos: Campanas de Islandia (reeditada agora por RBA), Paraíso reclamado (talvez a máis coñecida e que nos anos 1970 se publicou nunha colección popular de baixo custo: Biblioteca Popular Salvat), La base atómica, El concierto de los peces (reeditada hai anos por Turner), etc. Tamén é abondo popular o autor de novela policial, e un bo autor, Analdur Indridason, do que en español (e catalán) hai no mercado diversas novelas: A muller de verde, A voz, Inverno Ártico, Hipotermia, e, ultimamente, estivo en Barcelona para presentala, Bétty, novela na que, segundo as informacións, o autor islandés cambia de rexistro –con todo, a novela é do 2003. Anotemos que na rolda de prensa, Indridason falou en islandés, non por “nacionalismo”, senón porque, segundo el, e ten todas as características da verdade, no seu país o inglés está a entrar a cachón e a xente deixa de falar o islandés. Era, esa rolda de prensa, simplemente unha chamada de atención. Aconteceu o 31 de xaneiro pasado. Despois desta data semella como se en Barcelona se puxese de moda Islandia. Do 9 ao 26 de marzo, tivo lugar a “Ruta do bacallau”. De que se trataba? Diversos restaurantes de Barcelona (un total de 18), por un prezo módico entregaban un prato de bacallau ao cliente, e máis unha cervexa. As a maioría das bacallaneries (tendas nas que se vende o bacallau) da cidade tamén se engadiron ao evento, ofrecendo aos seus clientes o mesmo ca os restaurantes. Cada restaurante (e cada bacallaneria) preparaba o bacallau de maneira diferente. Outros restaurantes (12) ofrecían no seu menú bacallau. O bacallau era islandés. A final de marzo e até inicios de maio, na Universidade de Barcelona está a realizarse un congreso sobre Sagas Islandesas. Congreso, se así se pode denominar, que non se limitaba ao recinto da universidade, xa que había presentacións de libros e charlas en diversas librarías da cidade e outros locais. Nestas xornadas presentouse un “Diccionari feroés-català”. En La Vanguardia, o domingo 26 de febreiro, a dobre páxina, Xavi Ayén e máis Kim Manresa presentaban un informe sobre a situación do escritor islandés, e da literatura islandesa actual. Informe que resumiremos máis adiante. Para acabarmos, ese mesmo xornal, na súa revista dominical, reproducía os títulos dos libros que “A popular organización (TED –Tecnoloxía, Entretemento e Deseño), cuxas conferencias sobre os máis variados temas alcanzan unha audiencia de millóns de persoas, fixo unha selección de libros que suxeriron os seus máis significados oradores”. A continuación, Jordi Jarqué, que era quen asinaba a noticia, reproducía os títulos deses libros e máis as portadas das súas edicións españolas. Digamos que entre eses títulos había un islandés, a novela Gente independiente, do devandito Nobel islandés Halldór Laxness, editada por Turner e que neste momento está “fóra de mercado”, por esgotada, se supón.

Mais á parte de Laxnnes e Indridason, pouco a pouco, sobre todo en español, están a ser traducidos escritores islandeses actuais. Non vou dar unha lista polo miúdo, mais lembremos algúns dos autores traducidos: Gudbergur Bergsson, do que Tusquets Editores leva publicadas unhas catro novelas, entre elas a, para min, excelente, A maxia da nenez, e Alfagura dous ou tres; Thor Vilhjálmsson, Arde el musgo gris (Nórdica libros), a novelista policial Yrsa Sigurdardottir (da que se levan traducidas unhas sete novelas ao español); Arni Thorarinson, do que se publicou en español El tiempo de las bruja –novela policial–; Steinar Bragi, outro novelista policial, El silencio de las tierras altas (Destino)[1]; Audur Ava Olafsdottir, Alfaguara leva editadas diversas novelas, entre elas a súa obra máis coñecida, La mujer es una isla; Jon Kalman Stefánsson, de quen Salamandra publicou as novelas Entre el cielo y la tierra, La tristeza de los ángeles e El corazón del homes, que compoñen o que se coñece como a Triloxía do rapaz (a segunda novela traducida por Elías Portela); Stefánsson é coñecido como o García Márquez islandés. Halgímur Helgason, autor de Reikiavik 101 (RBA libros) e La mujer a mil grados (Lumen; en catalán, La dona a 1000º, Edicions 62). Sjón, pseudónimo de Sigirjon Birgir Siguroson, quen compuxo as cancións do filme Bailar na escuridade, de Lars von Trier, e que tamén actuou como cantante co pseudónimo de Johnny Triumph, á vez que adoita a ser letrista da cantante Björk. De Sjón, Rinoceronte editora publicou Skugga-Baldur: unha lenda islandesa (hoxe descatalogado), novela que en español (Nórdica libros) se titula El zorro ártico. Esta mesma editorial deu dous títulos máis de Sjón: Maravillas del crepúsculo, Navegantes del tiempo e hai uns meses entregou unha das súas mellores, se non a mellor, obra: O neno que nunca existiu.

Sjón foi membro fundador do grupo Medusa alá polos inicios dos 1980. Que era Medusa? Nin máis nin menos que un grupo surrealista que escribía poesía, facía demostracións de produtos alimentarios por toda Reikiavik, tiña unha galería de arte que, segundo todas as informacións, era máis ben unha caseta de feira, etc.

Nunha ocasión, un dos membros do movemento surrealista, Olafur Englibertsson, veu a Barcelona, comprou unha botella de asente auténtico e levouna a Islandia. Os membros do grupo, ao que pertencía entón a cantante Börjk, deron conta dela e a continuación comezaron a andar en fila sobre os teitos dos automóbiles, sen tocar o chan, até chegar a un club no que os estaban a esperar. Cando entraron no club, fixérono polas xanelas. Chegaron os gorilas. Sjón resistiuse pegándolles mordedelas nas pernas. Chegou a policía, esposárono e lanzárono ao coche celular coa cabeza para abaixo. Börjk acompañábao e conta que Sjón comezou a recitar o Manifesto surrealista, de André Breton até o final –con todo, demasiada retentiva, paréceme. Quen lea as novelas de Sjón notará axiña a fusión, ou simbiose, entre surrealismo e cultura popular islandesa (léase Lendas Islandesas, de Skuli Gislason, Vigo, Ed. Xerais, 1982).

Cabe recordarmos que Rinoceronte publicou tamén unha novela islandesa sumamente recomendábel: Meu amor, eu morro, de Kristín Ómarsdóttir, en tradución de Elías Portela e que no 2000, Follas Novas deu ao prelo Auroras boreais. Escolma de poesía islandesa moderna e contemporánea, a cargo de Perfecto Andrade e Hermann Stefánsson.

Mentres non se traducen máis libros islandeses (Audur Jónsdottir, neta de Laxness; Einkur Orn Norddahl, poeta de vangarda e novelista na esteira do último Orwell; Gyroir Eliasson, etc.) podemos ler os que se citaron atrás ou entrar no mundo das famosas sagas islandesas, das que Miraguano Editores publicou varias, así como Alianza Editorial, e algunha outra editorial; ou ler as Eddas (Edda maior, anónima, e Edda Menor, de Snorri Sturluson, publicadas ambas por Alianza). Ou por que non?, reler as páxinas que ás sagas islandesas e ás eddas lles dedica Borges (con María Esther Vázquez) en Literaturas germánicas medievales. Ou gozar dese libro de Vicente Almazán, Gallaecia Scandinavica. Introducción ó estudio das relacións galaico-escandinavas durante a Idade Media (Galaxia, 1986).

Política cultural

Mais non é só o motivo deste artigo informar dos escritores islandeses traducidos ao galego, catalán ou castelán, senón resumir o informe que sobre estes escritores se publicou en La Vanguardia de Barcelona o domingo 26 do pasado mes de febreiro. Informe, como se dixo, asinado por Xavi Ayén e máis Kim Manresa –este como fotógrafo. O título era é moi claro: “Islandia. La isla de los escritores subvencionados”.

Nisto das subvencións ás artes, á literatura, ao cinema, ao teatro e mesmo á pintura, existe moita hipocrisía, cando non cara dura, por parte dos que están en contra –da maioría. Durante o franquismo, non existían subvencións? A tira, aínda que non fosen directas, que as había: escritores que cobraban directamente de certos ministerios[2]. Mais sobre todo eran indirectas: cargos, canonxías e sinecuras, revistas estatais: La Estafeta literaria, El Español, Mundo hispánico, Cuadernos hispanoamericanos (esta aínda existe e paga, ou pagaba, quenindiola), así como a rede de xornais de propiedade estatal, etc. Sobre as subvencións do cinema, había a famosa “cuota de taquilla” e os premios sindicais. E sobre á subvención ás artes, só abonda con ler o libro Las vanguardias artísticas en la postguerra española. 1940-1949, de Gabriel Ureña (Madrid, Ediciones Itsmo, 1982). Na actualidade continúa a literatura española a estar fortemente subvencionada: premios, axudas de diversos ministerios e do Instituto Cervantes, das comunidades autónomas non “bilingües”, etc. Existe o mito de que a literatura galega é unha literatura subvencionada. Hai anos, en A Nosa Terra, publiquei un artigo sobre o tema no que penso que quedaba claro que a literatura galega tiña, proporcionalmente, moita menos subvención que a española, o que non queren ver algúns “cosmopaletos”, como ben os definiu un lector desta web. Ademais, hoxe, despois dos millóns e millóns con que se subvencionan bancos e empresas (e a Igrexa católica), despois de vermos como directivos de caixas de aforro se van á casa sen que ninguén lles chiste con millóns de euros que eran de todos os españois, a subvención ás artes, á literatura é pura chatarra. Por outra parte, cabe lembrarmos que o actual goberno fixo unha lei de copia intelectual na que os autores pasaron de recadar 400 millóns de euros a 4 millóns pagados polo peto de todos os súbditos españois; lei que tombou Europa e que o goberno continúa sen derrogar, o que quere dicir que uns 1.584 millóns de euros que se dedicaron, se tantos se dedicaron, á subvención das artes nos últimos catro anos foron roubados directamente aos escritores con carné de identidade español e 16 millóns máis roubados a todos os españois para regalarllos ás empresas. Esa é a política do PP: roubar os cartos aos españois para darllos aos seus amigos empresarios, e, de paso denunciar o que eles e os seus cómplices denominan “cultura subvencionada”. Tamén é curioso constatar que os que están contra a subvención ás artes, á literatura, na súa maior parte están a favor das subvencións a empresas e bancos. Mais estamos a nos afastar do tema.

Islandia, un país de 320.000, é o país do mundo que conta con mellores índices de lectura. O 93% da poboación le cando menos un libro ao ano e máis da metade compra cando menos oito títulos. Tamén “se calcula que unha de cada dez persoas publicará algo ao longo da súa vida”. Os motivos, ás veces semellan “étnicos” (“Estamos convencidos [os islandeses] de que, sen a palabra, non existiría sequera a vida”, afirma o escritor J. K. Stefánsson. O escritor Hallgrímur Helgason di que “temos moitas horas de escuridade, afora vai moito frío e algo hai que facer”, o que tamén é un motivo. Ora, a pesar destes niveis de lecturas está máis que claro que un escritor islandés non pode vivir da literatura… a non ser que triunfe no estranxeiro. O novelista policial Indridason adoita vender na illa 20.000 exemplares das súas obras: é quen máis vende. Mais normalmente un título de éxito vende uns 3.000 exemplares –segundo Xavi Ayén, o equivalente a 460.000 exemplares en España; para Galicia o equivalente sería uns 25.000. Os autores perciben o 10% de dereitos de autor. Se, por exemplo, o libro custa 20 euros, o que pode tirar se vende eses 3.000 exemplares nun ano son 6.000 euros brutos –logo vén o desconto de facenda, como mínimo un 22%. É dicir, o escritor de éxito non pode vivir da súa escrita. O propio Indridason, dado os prezos do país e os impostos, tería que publicar dous libros ao ano para poder subsistir dignamente. Tamén é verdade que el non ten problemas: vende millóns de exemplares no resto do mundo.

Ante esta situación, a mediados dos anos 1970 empezaron as axudas estatais aos escritores. Axudas que consistían (e consisten) en cobrar un salario por un período que pode ser de tres, seis, nove meses ou un ano. Excepcionalmente até dous anos. Na actualidade hai 70 escritores que están a percibir este salario. Destes, só 15 o cobrarán durante un ano ou máis. Cando se iniciaron as axudas, equiparouse o salario ao dun profesor universitario, mais na actualidade equivale ao dun camareiro: 3220 euros brutos, que quedan en 2.400 netos –enténdese que ao mes.

Este salario cóbrano escritores profesionais –nin estudantes, nin afeccionados ou aprendices– que suman estes ingresos aos que perciben por dereitos de autor: é a base da súa profesionalización. Practicamente todos os escritores islandeses percibiron este salario, agás Indridason, nalgunha ocasión. Está claro que sen estas axudas só poderían vivir un ou dous autores. Como a identidade islandesa está moi ligada á literatura e á lingua, para conservala necesitan escritores. De aí estas axudas gobernamentais.

Se ben, como se dixo, practicamente todos os escritores islandeses recibiron esta axuda, como se conceden estas bolsas? Segundo a secretaria da Asociación de Escritores, rexéitanse moitas peticións, a maioría. O comité que decide o nome dos “galardoados” está formado por tres académicos que á súa vez escollen outras tres persoas. Anteriormente, no comité había membros da Asociación de Escritores, mais como membros da xunta solicitaban axudas para si mesmos, cambiouse a composición. Cambio que tamén se debeu á crítica que recibía a anterior composición. O nome do xurado só se fai público unha vez emitido o veredicto.

Para solicitar esta bolsa, o escritor debe explicar razoadamente o proxecto no que está a traballar, o tempo que necesita para acabalo e outros detalles. Curiosamente, non se lles esixe aos escritores subvencionados que presenten, acabada a bolsa, o libro que escribiran porque non se lles paga por un libro, senón para que traballen. O que si deben presentar é unha declaración polo miúdo do que están a facer e se non a presentan, non poden solicitar nunca un novo salario.

Están os islandeses de acordo con estas axudas? “Ao principio existía un consenso social sobre a necesidade de subvencionar os escritores”. A crise do 2008 fixo que fechasen algunhas editoriais e aparecesen críticas, sobre todo nos xornais sensacionalistas. O tema da subvención aos escritores é doadamente manipulábel: por que os cartos non se dedican a asilos de anciáns, por exemplo? Con todo, aínda hoxe hai un 54% de islandeses que apoian este sistema, un pouco máis do 40% está en contra. Por partidos, o dereitista Partido da Independencia e os liberais do Partido Progresista preferirían “acabar con estas subvencións –aínda que a cúpula do primeiro, hoxe no goberno, non está polo labor”– mentres que nos outros partidos presentes no Parlamento: socialdemócratas, verdes, Futuro Luminoso e Partido Pirata, “hai unha amplísima maioría a favor do salario por escribir”.

Exportable a Galicia?

O que cabe preguntármonos é se este sistema pode transplantarse a Galicia, non na situación política actual, senón nunha futura (tamén é verdade que pouco probábel) situación en que a Xunta e os principais concellos do país estivesen gobernados por forzas primordialmente de esquerdas. Polos datos que entrega Ayén, e que transcribimos, é evidente que en números redondos (e non só proporcionalmente) se venden máis libros de literatura naquela illa que no noso país –tamén é certo que Islandia conta cun goberno propio, independente (sic) até certo punto, mais que apoia os seus escritores. A situación lingüística é, en principio diferente, pero a entrada masiva do inglés fai que a xente use menos o islandés, segundo Indridason. É dicir, as diferenzas acúrtanse no tema lingüístico, mais son abismais no que ao goberno e á sociedade civil se refiren. No que respecta á literatura, os islandeses son conscientes de que dela, como da lingua, depende a súa identidade: no noso país só acontece tal cousa nunha minoría. E un problema engadido, para nós: contan con moitos menos “escritores”. Xa que logo, que podería facer un futuro goberno galego “responsábel”? Velaí o problema. Non se pode dar, como se deu algún tempo, o fenómeno, que tamén se deu en Cataluña, de soporte xenérico: é dicir, comprar x exemplares de todos os libros que se publican: iso beneficia, en última instancia, a editoras non profesionais. A solución tampouco está na reprodución do que durante anos fixo o goberno español: conceder bolsas a escritores a cambio dunha obra que debía estar acabada nun prazo determinado[3]. A solución? Eu non a teño, o que si se debería dar é un debate entre editores, autores e libreiros –debate que incluíse tamén os “poderes públicos”– que, na maneira en que se puidese, implicase a sociedade civil, para intentar procurar solucións ao arduo problema que temos perante nós desde sempre –non esquezamos que a nosa literatura creouse contra o “mercado”–e ao que nunca se atopou, e nunca, en realidade, se procuraron,  solucións, estivese quen estiver no goberno autónomo. A realidade é que os partidos políticos, da cor que queiran, neste aspecto non se diferencian uns dos outros, a non ser en orzamentos para contentaren o persoal e, de paso gañar uns votos, usan a cultura, cando a usan, simplemente como propaganda. Todos sabemos que o PP cando se fala de cultura bota man da carteira, para agachala; mais o problema é que os outros, dilapidan os cartos que había para cultura na carteira en accións simplemente propagandísticas e non en crearen, ou intentar crear, estruturas que aguanten calquera tipo de desastre. Cantos millóns de euros se gastaron cando o bipartito en páxinas web que o PP fechou ao día seguinte do chegar ao goberno?

Claro que tamén hai outra opción, e de momento é a única que temos ao noso alcance: apoiar unha literatura que non sexa simplemente literatura para o día e que esta literatura conquiste, se é posíbel, a sociedade galega. Mais teño a impresión de que esta opción é máis utópica, aínda, que o transplante da experiencia islandesa a estes pagos.

 

Non coñezo ningún libro que publicado en linguas ibéricas –agás o euskera– que fale da actual literatura islandesa. A pequena bibliografía que damos a continuación é toda francesa, infelizmente.

 

Régis Boyer, Pourquoi faut-il lire les Lettres du Nord?, Paris, Les Belles Lettres, 2013. (Boyer é o francés especialista nas letras escandinavas, así como tamén tradutor dun gran número de escritores noruegueses, suecos e islandeses, e de sagas islandesas. Destas literaturas fala o libro)

L’atelier du roman, nº 17, marzo de 1999 (dossier: “Islande, l’île du gène romanesque” –Islandia, a illa do xene novelesco).

Babel. Internationale de l’imaginaire, nº 18, setembro 2004 (“Islande de glace et de feu. Les nouveaux courants de la littérature islandaise). Arles, Actes du Sud –a editorial francesa de Cunqueiro

Europe. Revue littéraire mensuel, nº 647, marzo de 1983 (“Littérature d’Islande” –número esgotado, infelizmente, mais pode acharse, previo pago, en versión dixital ou en librarías de vello na rede.)

[1] É curioso que haxa en Islandia tantos novelistas policiais, cando a media anual é de 1,8 crimes.

[2] Nos últimos anos da súa vida, Manuel García-Viñó, un crítico demoledor da novela social española, vasalo de Fraga durante o franquismo, e non só como funcionario do Ministerio de Información e Turismo, discípulo de Vintila Horia (que foi militante da fascista Garda de Ferro romanesa e que despois da derrota dos nazis e os seus aliados se instalou en España, como tantos centos de fascistas europeos), “nena bonita” das publicacións franquistas –redactor-xefe da moi franquista La Estafeta Literaria, crítico de arte do xornal El Alcázar, cuxo propietario era a moi franquista Hermandad de Alféreces Provisionales, premio Doncel de literatura infantil: Doncel era a editorial que publicaba os libros de Formación del Espíritu Nacional, etc.–, nos seus últimos anos de vida (morreu no 2013) foi publicado e upado por editoriais e publicacións da extrema esquerda, entre elas Txalaparta: no tempo do franquismo e a transición fora editado maiormente polo Ministerio de Educación e Ciencia, por Publicaciones Españolas na colección de propaganda franquista “Temas españoles”, polas opusdeístas Ediciones Rialp e Universidade de Navarra, por Fermín Uriarte Editor –especialista en libros do tipo Franco, soldado y estadista, Memorias dun capellán de requetés, novelas de Rafael García Serrano, etc. Non lembraban esas mesmas publicacións que fora apoiado fortemente por Luís María Ansón desde La Razón, que lle entregou diversas páxinas semanais durante bastantes anos? Todo porque atacaba a El País e os seus produtos. Ora, a capacidade crítica deste señor era tal que Gonzalo Sobejano tivo que pór no seu día os puntos sobre os is. García-Viñó, na súa obra La novela española actual (a edición de 1967, publicada por Guadarrama, nunha colección dirixida, precisamente por Vintila Horia), despois de cargarse a toda a novelística social española, salvaba El Jarama, de Sánchez Ferlosio, e afirmaba que o primeiro parágrafo da novela era unha mostra da capacidade deste autor: Sobejano, en La novela española de nuestro tiempo: en busca del pueblo perdido (Prensa Española, 1970), machucábao e lembráballe que ese parágrafo, que vai entre aspas na novela, pertencía a un libro de xeografía de agora non lembro que autor. Nas edicións posteriores, Sobejano retirou ese ataque. Por outra parte, nas “conclusións” do citado libro, García-Viñó viña dicir que para escribir novelas había que ter títulos universitarios, máis ou menos. Tamén é curioso constatar que a raíz da súa morte foi homenaxeado en webs esquerdistas e republicanas sen que se citase para nada a súa traxectoria. A esquerda española tamén necesita, e moita, memoria histórica.

[3] Diversos escritores galegos (homes e mulleres) foron beneficiarios de tales bolsas. Á vista das obras que se publicaron mercé a estas bolsas, mellor tería sido que lles desen bolsas ao silencio.

Advertisements

Un comentario en “Islandia, onde a literatura é unha cuestión de Estado

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s