Libros que se volveron películas. Exemplos recentes

Idris Elba en ‘A Torre Escura’

César Lorenzo Gil.

O libro, malia as profecías sobre a súa desaparición, vive bos tempos. Ou non demasiado malos. Aínda que as vendas baixaron a respecto das cifras de primeiros de século, no panorama próximo a nós existe unha variedade de propostas: autores, xéneros, formatos, selos editoriais, universos creativos, obsesións, ámbitos de interese… que non diminúe senón que aumenta. O libro, en definitiva, segue a ser influente na configuración ambiental de moitas persoas, especialmente en canto ao lecer.

É por iso que os libros seguen a ser o magma no que a industria do entretemento encontra as súas pebidas marabillosas: as historias.. Hai meses falaba nesta mesma páxina de como letras e audiovisual apenas se encontraran con éxito en Galicia. Mais iso non ocorre a nivel global. Ao contrario, vemos que o cinema e a televisión, en produtos masivos ou minoritarios, acode aos libros como inspiración. Nesta ocasión non quero falar de retroalimentación senón dar pistas sobre algúns proxectos, máis ou menos recentes, da industria audiovisual, baseados en libros ou literatura.

O sentido dun final.

Unha obra sólida de Julian Barnes (publicada en galego por Rinoceronte) en cuxa trama detectivesca contiña un plot interesante para a linguaxe cinematográfica. Foi a BBC a produtora dun filme dirixido por Ritesh Batra (o director indio gañou prestixio rapidamente nos últimos anos) e interpretado por Jim Broadbent e Charlotte Rampling nos papeis principais. Esta é a terceira adaptación ao cine dun libro de Julian Barnes, tras Metroland Love, etc.

Adeus Europa.

Stefan Zweig é un autor querido hoxe en día. Logo de décadas de ostracismo, en toda Europa vive unha época de esplendor como retratista profesional e accesible, un novelista, biógrafo e divulgador histórico, filosófico e literario irrepetible. Zweig é hoxe unha icona pop (Mercedes Milá até se atreveu a titular un programa de Mediaset  co nome de ‘Con Z de Zweig’) e é por iso que o cinema considerou chegada a hora de facerlle un biopic. A película austríaca Adeus Europa está baseada na autobiografía póstuma do autor xudeu, O mundo de onte (publicado en castelán por Acantilado, que ten no seu catálogo unha ampla mostra da bibliografía de Zweig). O filme é unha superprodución de Austria, dirixida por Maria Schrader (que fai unha película cada década) e interpretada por Tomas Lemarquis e Josef Hader nos papeis de novo e vello Zweig. O escritor centroeuropeo ten unha relación co cinema que vén de vello. Algúns libros del, caso de Carta dunha muller descoñecida, foron adaptadas en varias ocasións. A versión de Max Ophuls do 1948 aínda se considera como un clásico indiscutible.

Wonder.

Wonder, de R. J. Palacio, é un comodín na libraría. A serie de libros sobre un neno sen cara cuxa familia non se resigna a consideralo alleo á sociedade e teima por incorporalo á escola vende millóns de exemplares en todo o mundo. É, polo tanto, un libro que chega ao formato audiovisual pola inercia do seu éxito, igual que fixeran outras sagas xuvenís, desde Harry Potter a Os Xogos da Fame. Desta volta, a través dunha superprodución de Hollywood. Nada de experimentos: Julia Roberts e Owen Wilson para amparar o cativo de once anos Jacob Tremblay, un neno prodixio canadense que se pon no sitio deste rapaz co rostro borrado.

Pastoral americana.

Philip Roth é un escritor querido polo cinema. Algunhas grandes novelas súas tiveron versións cinematográficas máis ou menos exitosas (Elexía, con Ben Kingsley e Penélope Cruz, baseada en O animal moribundoA mancha humana, con Nicole Kidman e Anthony Hopkins, entre outras). O ano pasado estreouse Pastoral americana, dirixida e protagonizada por Ewan McGregor, acompañado na interpretación por Jennifer Connelly. A novela gañara no 1997 o Premio Pulitzer mais a película do debutante como director de longametraxes non convenceu nin o público nin a crítica.

A Torre Escura.

Se Roth ten presenza no cinema, que dicir de Stephen King. O escritor máis vendido do mundo leva décadas cunha porta aberta ao cinema. A súa escritura non se comprende sen a linguaxe cinematográfica e películas de alta calidade como Carrie, Misery ou O resplandor foron primeiro novelas do norteamericano. Desta volta, o dinamarqués Nikolaj Arcel dirixe A Torre Escura, adaptación da serie de novelas de fantasía do mesmo título. A película ten previsto estrearse en agosto, o cal indica que a produtora conta con ela como típico produto refrescante para o far niente estival pero a presenza no seu plantel de Idris Elba, Mathew McConaughey e Katherine Winnick (a deusa Lagertha en Vikingos) explica por si soa a potencia de fogo comercial que pretende ter. King ten especial querenza por esta saga, coa que quixo edificar un mundo de fantasía heroica en base á mitoloxía do far-west. A súa liña seguiuna e mellorouna Joe Abercrombie, do que talvez pronto haxa adaptación dos seus tamén moi cinematográficos libros.

A libraría.

Isabel Coixet é unha directora cun evidente interese pola literatura. Varias das súas obras son adaptacións de libros e incluso nos traballos de escritura orixinal mantén sempre unha atmosfera poética. Agora presenta A libraría, baseada na obra homónima de Penelope Fitzgerald, libro que publica en español Impedimenta xunto con outras das súas moi interesantes novelas (destaca especialmente A flor azul, un pulso narrativo de moita intensidade sobre a breve vida do poeta romántico alemán Novalis). O argumento lévanos a unha poboación inglesa do ano 1959 ao que chega unha muller con intención de abrir unha tenda de venda de libros. Coprodución entre España, o Reino Unido e Alemaña. Está protagonizada por Bill Nighy e Emily Mortimer.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s