Miguel Braña: “Na economía alternativa, o galego é unha lingua de prestixio”

César Lorenzo Gil.

Catro Ventos é unha editorial galega especializada en libros sobre economía social, ecoloxía e consumo responsable. Vén de publicar o seu terceiro título, Limpeza creativa, de Elisa Nicoli, un manual para fabricar na casa produtos de limpeza e cosméticos respectuosos co ambiente. Antes publicaran Transición ecolóxica e A ruta dos refuxiados, ambos de varios autores. Falamos cun dos promotores da editora, Miguel Braña (Bilbao, 1975) sobre este proxecto que abre un novo espazo de expresión para a lingua galega.

Cónteme. Por que unha editorial especializada nesta temática?

Decatámonos de que na economía alternativa, o galego é unha lingua de prestixio. Nas asociacións, eventos e iniciativas deste tipo, incluso as persoas castelanfalantes prefiren expresarse maioritariamente en galego. Mais en cambio, no noso idioma apenas había material rigoroso, interesante e ben editado co que poderen formarse nos temas de economía social, ecoloxía e consumo responsable. Creamos a cooperativa Catro Ventos para darlle resposta a esa demanda.

Como se forma o proxecto?

No proxecto estamos amais de min, que son tradutor, outras dúas tradutoras, María Mediero e Patricia Buxán, e Alicia Rodríguez mais Isidro Dozo, que se encargan do deseño e da maquetación. Unha vez que pensamos que hai lugar para unha editorial coma a nosa, optamos por un modelo de cooperativa sen ánimo de lucro. Era algo que tiñamos moi claro: queremos que esta actividade xenere ingresos para pagar os nosos salarios con dignidade pero estamos comprometidos en reinvestir todos os beneficios na propia editorial.

Que experiencia editorial tiñan cando iniciaron este proxecto?

Non tiñamos experiencia directa. Pero polas profesións que desempeñamos, non foi difícil a adaptación aos requerimentos profesionais dunha editorial de libros.

E teñen unha vinculación especial coa economía alternativa?

Cadaquén ten a súa. Eu, por exemplo, eu son socio en Fiare, banca ética; Nosa Enerxía, unha cooperativa de electricidade renovable e Eticom, cooperativa social de servizos telefónicos. Tamén formo parte de Equo Galicia.

Polo tanto, gran parte do traballo destes primeiros meses de editorial pasaríanos aprendendo o oficio.

Así é. Coido que a maior parte do tempo foi ese o principal cometido. Cando planificas en frío un proxecto sempre pensas que vai ser de tal ou cal xeito. Mais cando o tes que realizar, decátaste de que tes que cambiar as túas ideas en moitas ocasións. Por exemplo, nós pensabamos que a cadencia de publicacións sería maior destoras mais só puidemos publicar dous libros. Malia que nós queremos converter Catro Ventos no noso traballo principal, agora mesmo só podemos dedicarlle unha xornada parcial e iso obriga a adaptar o ritmo de publicacións ao noso propio ritmo laboral.

Estamos a piques de cumprir o noso primeiro ano como cooperativa e será tempo daquela de tirar conclusións, aprender dos erros, valorar a estratexia seguida até agora e ver de implementar cambios se fixesen falta.

Seguro que algunha conclusión xa teñen.

Claro. Mira, a principal é que vemos moito interese pola editorial cando temos oportunidade de presentala en público. Diferentes colectivos queren coñecela, gústalles a idea e incluso a xente que non compra, porque nin todo o mundo pode facelo ou nin a todo o mundo lle interesan os libros que até agora temos no mercado, se sente ilusionada cun proxecto destas características e en galego.

Como organizan o traballo. Quen selecciona os textos, onde imprimen, onde os venden?

Nós temos unha serie de textos máis ou menos fundamentais que queremos publicar en galego. É o caso de Transición ecolóxica. Manual de uso, un ensaio traducido do francés, que escribiron os especialistas Aurore Laluq, Philippe Frémeaux e Wojtek Kalinowski. Noutros casos, danse determinadas casualidades, tal e como ocorreu co noso segundo título, A ruta dos refuxiados, que quizais non era un libro que entrase nos nosos plans a priori. O equipo da cooperativa encárgase da tradución, do deseño e da maquetación. Tamén da difusión. Imprimimos cunha empresa de Mos, Jadfel, porque estamos en Vigo e para nós é moi importante a economía do km 0, é dicir, que na produción de calquera ben se minimicen os transportes para evitar no posible o consumo de combustible e ademais favorecer a economía local. A distribución a librarías facémola a través de Arnoia, que é unha das principais empresas do sector e ten a sede en Ponte Caldelas. Tamén vendemos en entidades relacionadas coa economía alternativa en Galicia.

Dicíame que A ruta dos refuxiados non entraba nos plans teóricos. Como foi daquela que publicaron esta obra?

Todos os cooperativistas de Catro Ventos agás eu traballan nun espazo compartido de traballo de Vigo chamado Espacio Nido. E teñen como compañeiro a Xoán Teixeira, que é fotógrafo e que tiña, xunto aos tamén fotógrafos Felipe Carnotto, Unai Beroz e Adrián Irago e mais ao xornalista Cristian López, este proxecto para publicar. Logo de reflexionarmos sobre o tema, chegamos á conclusión de que non podiamos deixar de incluír entre os temas que queriamos publicar os Dereitos Humanos. De feito, os dereitos humanos son unha cuestión transversal a todos os ámbitos nos que queremos participar. Así que unha vez tomada a decisión, foi doado apostar por este título.

E agora publican Limpeza creativa. Que é este libro?

Un manual, unha caixa de ferramentas para quen queira dar un paso práctico na transición ecolóxica no consumo diario. O libro escribiuno a xornalista italiana especializada en Ecoloxía Elisa Nicoli e foi traducido e adaptado á realidade galega por María Mediero. Axuda a quen queira fabricar na casa produtos da limpeza e cosméticos.

No seu catálogo tamén hai un DVD, Mañá, un filme que gañou o césar ao mellor filme documental francés.

Nós vimos este documental, que entra claramente no noso espazo de referencia e interese, cando se proxectou nos Multicines Norte de Vigo. E logo de velo pensamos que era unha mágoa que non puidésemos telo visto con subtítulos na nosa lingua. Así que falamos coa produtora, Karma Films, e propuxémoslles un acordo para comercializar a película con subtítulos en galego. E así foi. É outra desas cousas coas que non contabamos pero que coido que fortalecen o noso proxecto.

O deseño de Catro Ventos aposta pola continuidade. As capas de dous dos seus tres libros son moi semellantes. Cal é a estratexia de deseño?

Queremos que os lectores saiban que libros son os nosos no primeiro golpe de vista. De aí que teñan unhas características de deseño moi similares. Ao primeiro queriamos crear un código de cores para diferenciar os temas pero decatámonos de que moitos deses temas están uns imbricados nos outros, así que case mellor que diferenciar era unificar, crear unha marca recoñecible nas librarías dos nosos libros.

Que outros libros publicarán proximamente?

Hai varias cousas en marcha pero de todas elas prefiro non falar aínda. Ben, de unha si podo falar. Imos publicar un libro que naceu como debate entre especialistas sobre a biodiversidade e a nova grande extinción que se aveciña. Enfróntanse diferentes opinións e puntos de vista. É moi interesante e seguro que estimulará o noso espírito crítico.

Levamos falando un cacho de economía alternativa e economía social. Que non ten nada a ver coa economía colaborativa.

Non. O que se coñece como economía colaborativa, a de Uber ou Airbnb, é en realidade, unha práctica capitalista máis, empresas, enormes empresas con investidores detrás que converten determinadas persoas en socios dese negocio, nas condicións que sexan. A economía social está baseada en principios non competitivos e sempre sen ánimo de lucro. Dicíache antes que nós na nosa cooperativa buscamos ser sustentables e pagar os nosos salarios pero o noso obxectivo non é crear un gaño senón empregar ese beneficio, de o houber, no propio proxecto. A cooperativa social coma a nosa é un modelo ademais democrático e horizontal, onde cada cooperativista ten un voto, independentemente da súa achega económica.

Nos últimos tempos parece que aumentou a conciencia ecoloxista, animalista, sobre a calidade dos alimentos… Mais vemos tamén como a grande industria verniza a súa oferta con etiquetas “verdes” ou “sostibles”. E ao final moita xente pensa que comprando leite ecolóxico no súper xa está comprometido co ambiente.

Son varios temas os que propós. Por unha banda e empezando polo final, non vexo nada de malo a que a xente empece o seu proceso de concienciación comprando ese leite ecolóxico. Non se pode iniciar ningún proceso de transición sen dar os primeiros pasos. Así que dar eses primeiros pasos está ben. Moi ben. Porque logo danse outros. Pensa por un momento no avance do movemento antitouradas en Galicia. Foi exponencial e vai gañando participantes ano tras ano. Mais tamén che podo dicir que, como participante en varios proxectos de economía social en Galicia, ao final repítense moitas caras. Todos ou moitos, polo menos, estamos en “todo”. E isto quizais ten a ver con certo purismo inconsciente que debemos superar. Hai que favorecer que a xente vaia achegándose á economía alternativa ao seu ritmo.

Por outro lado, o capitalismo industrial é especialista en etiquetarse como lle convén en cada momento. Para iso ten a maquinaria enorme da publicidade, que non deixa de ser desinformación. Hai que crear conciencia crítica para saber que detrás de mensaxes “verdes” hai un nulo interese, incluso oposición, ao medio ambiente por parte desas grandes corporacións.

Se lemos as noticias, dá a sensación de que hai unha persoa tipo que participa na economía alternativa: son anti vacinas, consumidores de homeopatía, que toman o leite sen pasteurizar, levan soamente roupa frouxa e a última hora da tarde se poñen a meditar.

Forma parte dese proceso de desinformación do que falabamos. Hai medios de comunicación que empregan unha linguaxe contundente para cualificar determinadas actitudes que non se corresponden co que eles consideran consumo axeitado ao sistema. E a partir de aí, crean unha imaxe distorsionada de quen non pensa igual. O que hai que conseguir é ofrecerlle á cidadanía ferramentas e argumentos rigorosos para que poidan exercer o pensamento crítico. Velaí unha das funcións de Catro Ventos, dotar aos lectores en galego de recursos calibrados, racionais e serios para combater eses estereotipos e favorecer o cambio de mentalidade, se así o desexan.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s