No derbi Planeta-Random House gañou Messi

A Diada de Sant Jordi 2017. Primeiras impresións

Rosas e postos de libros no Sant Jordi 2017. ALBERT SALAMÉ.

Xesús González Gómez.

Este ano o día do libro caeu en domingo: mal día da semana, sobre todo tendo en conta o clima primaveral que luciu e, ademais, por sorte a unha hora en que as paradas de libros e as librarías recollían os volumes non vendidos, o Barcelona disputaba un partido de fútbol co seu gran rival histórico, o Real Madrid. Con vistas a apouvigar o posíbel desastre, é dicir, a caída de vendas con respecto ao ano anterior, moitas librarías iniciaron a semana colocando un cartel nos seus aparadores, cartel no que se avisaba que durante toda a semana, é dicir, do 18 ao 23 (o luns, primeiro luns de Pascua, é festivo en toda Cataluña), os libros terían o desconto do 10%.

Por outra parte, o mércores desa semana deuse a coñecer que o Concello barcelonés concedera uns 5.000 permisos para montar postos de venda de rosas e máis de libros en toda a cidade (engada o lector dun 10% a un 15% de paradas “ilegais”). Ao día seguinte, o xoves, aproveitando que faltaba pouco para o día do libro, saltou unha polémica: a Associació de Llibreries Independents (unhas 20 en toda Cataluña) emitía un comunicado denunciando o trato discriminatorio que sufrían por parte dos grandes grupos editoriais. O comunicado visaba especialmente o Grup 62, subgrupo do Grupo Planeta. Este subgrupo aglomera os distintos selos editoriais en catalán propiedade de Planeta: Edicions 62, Columna, Proa, Pòrtic, ademais doutros selos que publican tanto en catalán como castelán: Destino, La Butxaca, La Osa Menor, a propia Planeta, Península (que é unha división de Edicions 62), etc., é dicir, máis ou menos, un 80% da produción en catalán e un tanto por cento moi elevado da produción en castelán. Segundo esta asociación, o Grup 62 non lles serve os libros de maior venda porque “se destinan a grandes superficies e cadeas”, dándose o paradoxo de que “supermercados achegados ás nosas librarías dispoñen de grandes cantidades de títulos que a nós nos aseguran están esgotados” (en Cataluña algunhas cadeas de supermercados de alimentación, sobre todo Eroski-Caprabo, venden best-seller, en catalán e castelán, durante todo o ano). Á parte de non lles subministrar libros de gran venda, a asociación quéixase de que lles envían “literatura minoritaria ou de difícil venda” non solicitada.

Outra das queixas destas librarías é que, segundo o comunicado, “son premidas para compraren algúns previsíbeis best-seller de Sant Jordi con moita antelación, para eludir o desconto extra que editores e distribuidores deben facer por estas datas”. Para estes libreiros, esta presión “rompe o pacto histórico de que o desconto que se fai ao lector se reparte entre libreiro e editor” (o libro ten, para o libreiro, durante todo o ano, un desconto do 30% sobre o prezo de venda ao público; un mes antes de Sant Jordi, este desconto aumenta un 5%, é dicir, é dun 35%).

O Grupo Planeta declinou responder ás preguntas da prensa. Quen si falou foi o presidente do Gremi d’Editors de Catalunya que, por un “simple azar”, é tamén director de comunicación do devandito Grup 62: Patrici Tixis. Segundo Tixis, “sería un contrasentido que os editores prexudicasen as librarías. Ás editoriais o que lles interesa é reforzaren o tecido libreiro en Cataluña”. Tamén lembra que os libreiros teñen o dereito a devolveren o libro ao editor, e que por estas datas (achegadas a Sant Jordi) as librarías adoitan pedir moitos exemplares dalgúns títulos para estaren cubertas, e “se os editores servísemos a todas as librarías o que nos piden, iso obrigaría a imprimir moitos máis exemplares e, ao chegaren as devolucións, sería un mal negocio”. Tamén afirma Patrici Tixis que cando chega Sant Jordi, nas datas anteriores, sempre hai máis tensión e pódense producir algúns problemas concretos, “mais as librarías independentes en Cataluña son unhas 200. E os best-seller menos do 5% do total vendas”.

Pola súa banda, o presidente do Gremi de Llibreters, Antoni Daura, el mesmo libreiro independente, afirma que por Sant Jordi as demandas que fan as librarías están por riba do que se ten previsto editar, “así que non hai libros para todos”. Os editores, segundo Daura, e é difícil tirarlle a razón, distribúen segundo o seu criterio, tendo en conta as características da libraría, a súa facturación anual, etc., é dicir, como en calquera outro negocio. Disto resulta o que resulta nos outros negocios: “os pequenos están en inferioridade de condicións e recórtanlles os pedidos”. Daura continúa a dicir que agora un grupo de libreiros, a devandita Associació, protesta, o que é lexítimo. Tamén afirma que os tres últimos anos recibiron no Gremi máis queixas, e el imaxina que debido aos recortes económicos as tiraxes son máis curtas. O Gremi protestou perante determinados editores pedindo unha maior transparencia nos procesos de distribución, mais “non estamos perante a vulneración de ningunha lei. Protestar un pouco sempre paga a pena, mais é un tema difícil de resolver”.

Os días antes de Sant Jordi, os diferentes xornais barceloneses publicaron o seu suplemento ad hoc, é dicir, suplementos nos que se daba a noticia e un curto comentario, normalmente, dos libros máis interesantes, segundo xéneros, que había nas librarías a disposición dos compradores. O xornal El Periódico de Catalunya deu un paso máis, e no seu suplemento, na páxina 14, reproducía unha lista de títulos dos que,  segundo este xornal, “saíran probabelmente o 90% dos autores que ocuparán as listas dos máis vendidos en Sant Jordi que elabora o Gremi de Llibreters (e que segundo o mesmo gremio, suman só o 5% das vendas). Son libros que non necesitan promoción nin boas críticas: os seus autores teñen unha fiel base de lectores que seguramente pedirán aos libreiros ‘a última de…’”.

Velaí a lista que entregaba El Periódico de Catalunya:

Nosaltres dos/Nosotros dos, de Xavier Bosch; Lo que te diré cuando te vuelva a ver/ El que et dirè quant et torni a veure, de Albert Espinosa; La senyora Stendhal, de Rafael Nadal; Media vida/Mitja vida, de Care Santos; Como fuego en el hielo, de Luz Gabás; Rosa de Cendra/ Rosa de Ceniza, de Pilar Rahola; El laberinto de los espíritus/El laberint dels esperits, de Carlos Ruíz Zafón; Una promesa en el fin del mundo/Una promesa a la fin del món, Sarah Lark; Falcó, de Arturo Pérez Reverte; Todo esto te daré/Et donaré tot això, de Dolores Redondo; Els vells amics/Los viejos amigos, de Silvia Soler; De què fuges, qui et persegueix, de Empar Moliner.

(Cando titulo vai primeiro e catalán, é que o idioma en que foi escrito o libro é o catalán, agás que non se trate dunha tradución; cando vai en español, é que o orixinal é español, a non ser que sexa tradución doutro idioma. Se o título vai só en catalán ou so en castelán, significa que non existe versión ao castelán ou ao catalán. Como observará o lector, case todos os títulos previsíbeis como best-seller e que non foron escritos en catalán, teñen a súa versión a este idioma. Outro dato curioso: dos doce títulos seleccionados, nove pertencen a editorial do Grup 62 e os tres restantes a editoriais do grupo Random House.)

E chegou o prezado día, e pasou. O luns 24 déronse as primeiras cifras, cifras que durante a semana iranse matizando. As primeiras valoracións afirman que, debido a que o desconto se prolongou durante case toda a semana anterior ao día de Sant Jordi, as vendas superaron as do ano pasado. Os libros máis vendidos foron, en ficción, en castelán, Patria, de Fernando Aramburu (que segundo a banda colocada pola editorial levaba vendidos 175.000 exemplares) e en catalán Nosaltres dos, de Xavier Bosch. Mais transcribamos os datos completos.

Ficción catalán.

1.- Nosaltres dos, Xavier Bosch (Columna).

2.- Rosa de Cendra, Pilar Rahola (Planeta).

3.- Un home cau, Jordi Basté/Marc Artigau (Rosa dels vents)

4.- Quan arriba la penombra, Jaume Cabré (Proa).

5.- La senyora Stendhal, Rafael Nadal (Columna)

Dous primeiros datos: este ano entre os cinco libros de ficción máis vendidos en catalán non hai ningún título estranxeiro. Lembremos que o ano pasado Paula Hawkins acadara o terceiro posto con La noia del tren. E segundo dato, preocupante (?): catro dos libros máis vendidos foron publicados por editoriais pertencentes ao Grup 62/Planeta. O único libro dos cinco que non foi publicado por este grupo, un Home cau, foi editado por Rosa dels Vents, o selo catalán de Random House. Conclusión: os grandes grupos dominan o cotarro polo que respecta ás vendas de ficción en catalán. E anotemos que os “profetas” de El Periódico de Catalunya atinaron en tres dos cinco libros de ficción máis vendidos en catalán. Atinaron porque os datos das semanas anteriores permitían afinar bastante.

A semana que acababa o 1 de abril, en ficción en catalán os libros máis vendidos foran: 1) Rosa de Cendra; 2) Nosaltres dos; 3) Un home cau; La senyora Stendhal ocupaba o número 8. A seguinte semana, é dicir, as listas que apareceron día 8 de abril deron o seguinte “ranking”: Rosa de Cendra, número 2 en vendas; Nosaltres dos, número 3; Un home cau, número 5; e La senyora Stendhal continuaba a ocupar o posto número oito. Esta semana do 8 de abril ocupaba o número 1 de vendas, El que et diré quan et torni a veure, que pasaba do número 6 da semana anterior ao primeiro posto. E a semana do 15 de abril, os postos quedaban así: Quan arriba la penombra (1), Nosaltres dos (2), Rosa de Cendra (3), Un home cau (4); e La senyora Stendhal continuaba no seu inmutábel número 8. Anotemos dúas cousas: o primeiro lugar ocupábao un libro de contos, o que é, en calquera idioma, case unha proeza (talvez o éxito de Manual para mulleres de limpeza, de Lucia Berlin e agora este de Jaume Cabré, axude a que o lector se achegue un pouco aos contos), que entraba por vez primeira na lista ocupando o número 1; e que El que et diré… baixaba do posto número 1 ao posto número 5. Por certo, este libro está editado por Grijalbo, hoxe pertencente ao Grupo Random House. Pódese afirmar, xa que logo, que a única sorpresa, relativa, foi a entrada en maiores vendas de La senyora Stendhal. Expliquémonos.

Na última lista de libros máis vendidos, a pertencente ao 15 de abril, os best-seller do día de Sant Jordi, que entraran todos nesta lista do día 15, levaban as seguintes semanas dentro da lista dos 10 libros máis vendidos (colocamos por lista de máis vendidos a xornada do libro): Nosaltres dos, 4 semanas; Rosa de Cendra, 6 semanas; Un home cau, 5 semanas; Quan arriba la penombra, 1 semana (entrara en lista ese día 15); e La senyora Stendhal, 11 semanas.

Polo que respecta ás cinco maiores vendas dos libros de ficción en castelán, a cousa quedou así, segundo os primeiros datos:

1.- Patria, Fernando Aramburu (Tusquets).

2.- Tierra de campos, David Trueba (Anagrama)

3.- El monarca de las sombras, Javier Cercas (Random House)

  1. El laberinto de los espíritus, Carlos Ruíz Zafón (Planeta)

5.- No soy un monstruo, Carme Chaparro (Espasa).

A preeminencia do Grupo Planeta continúa a ser total: tres dos cinco títulos máis vendidos. Outro do grupo Random House e o outro dunha editorial independente, Anagrama, aínda que agora pertence ao Grupo Feltrinelli. Anotemos que El Periódico de Catalunya só acertou un dos títulos, o de Ruíz Zafón. Ora, que posición en vendas ocupaban estes cinco títulos as tres semanas anteriores?

Semana do sábado 1 de abril: El monarca de las sombras (1); Patria (2); El laberinto de los espíritus (6). Semana do 8 de abril: Patria (2); El monarca de las sombras (3); El laberinto de los espíritus (6); No soy un monstruo (7). E a semana do 15, os postos ocupados polos máis vendidos en Sant Jordi eran os seguintes: Tierra de campos (2); Patria (4); El monarca de las sombras (5); El laberinto de los espíritus (6); e No soy un monstruo (8). Digamos, como curiosidade, que esta última semana o posto número 1 o ocupaba a novela da valenciana Elisabet Benavent La magia de nosotros; o 3 a de Albert Espinosa, Lo que te diré cuando te vuelva a ver, e o sete, Derecho natural, de Ignacio Martínez Pisón.

No que respecta ao número de semanas de permanencia entre os 10 libros máis vendidos, as mellores vendas de Sant Jordi (colocamos por orde de vendas), a cousa era a seguinte: Patria (29 semanas); Tierra de campos (1 semana; entrara en lista ese día 15); El monarca de las sombras (8 semanas); El laberinto de los espíritus (19 semanas); e No soy un monstruo (2 semanas). O dato a anotar é a duración de Patria, novela da que se está a facer unha lectura política –que é lexítima–, mais o seu autor, en La Vanguardia, laiábase de que a xente se esquecera do que lle interesaba a el, a literatura. Aramburu é un grande escritor, diso non cabe a menor dúbida, e non o digo por esta novela, que non lin e de seguro que é unha excelente obra, senón por outras súas como Fuegos con limón (talvez a novela española máis “desternillante” dos últimos trinta anos) ou El trompetista del Utopía; outra cousa é a manipulación que do seu libro están a facer certos grupos ou tendencias políticas.

No que respecta ao libros de non ficción, vendas ficaron así

Non ficción/Catalán

1.- La vida que aprén, Carles Capdevila Plandiura (Arcadia).

2.- Taula i Barra, Quim Monzó (La Vanguardia),

3.- Només serán quatre gotes, Monica Usart (Bridge)

4.- El cavaller Floïd, Genis Sinca (Proa).

5.- La gran teraninya, Roger Vinton (Edicions del Periscopi).

Anotemos que nesta lista só aparece un título publicado polo grupo Planeta, El cavaller Floïd, biografía de Joan B. Cendrós, industrial, home de negocios e mecenas da cultura catalá. A biografía, ás veces máis ben haxiografía, dun membro diso que algúns despistados denominan “burguesía nacional”. Os outros títulos de maiores vendas foron publicados por pequenas editoriais ou mesmo por un xornal: o libro de Quim Monzó, que é unha recompilación dos seus artigos de tema gastronómico publicados no xornal La Vanguardia. (Como curiosidade, digamos que Monzó fai unha gran loanza de certos pratos galegos: orella, morro e rabo de porco, polbo, tortilla de patacas ao modo galego, etc.)

No que respecta á Non ficción en castelán, a lista de mellores vendas é a seguinte:

1.- 50 palos, Pau Donés (Planeta)

2.- Hijos del Nilo, Iñaki Aldecoa (Peninsula)

3.- La magia del orden, Marie Kondo (Aguilar)

4.- Escape Book, Iván Tapia (Lunwerg)

5.- Pablo Escobar, mi padre, Juan Pablo Escobar (Península).

Dúas observacións: catro dos cinco títulos foron publicados por editoriais do Grupo Planeta. O outro título, La magia del orden, foi publicado por unha editorial do grupo Random House. Por certo, é o único título que repite, é dicir, que xa aparecía o ano pasado na lista de máis vendidos o día de Sant Jordi.

Para acabarmos, velaí a lista de libros máis vendidos no que se refira a literatura Infantil/Xuvenil. Observará o lector que todos os títulos son en catalán (sobre o tema de venda e lectura en catalán, véxase nesta mesma web Preguntas tras as cifras do Sant Jordi’16).

1.- La llegenda de Sant Jordi, Emma Martínez (Estrella Polar).

2.- De quin color és un petó, Rocio Bonilla (Animallibres).

3.- Sant Jordi i el drac. Minipops, Meritxell Martí Orriols (Combel).

4.- La llegenda de Sant Jordi, VV. AA. (Estrella Polar).

5.- La muntanya de llibres més alta del món, R. Bonilla (Animallibres).

Desta lista só anotar que dous dos libros foron publicados por unha editorial do grupo Planeta (Estrella Polar), outros dous por unha editorial do grupo valenciano Bromera (Animallibres; Bromera tamén conta, ademais da editorial homónima, con Animallibres, Tàndem Edicions e Editorial Algar; así como a Fundació Bromera per al foment de la lectura). A outra editorial en discordia, Combel, pertence ao Grupo Casals, especialista en libros de texto e infanto/xuvenís.

Isto é o que deu de si, no que respecta a maiores vendas (que lembrémolo, representan sobre un 5% do total de vendas) o día de Sant Jordi. Día en que infinidade de escritores asinaron exemplares, entre eles o grego Petros Márkaris, o inglés James Rodhes, que ficou alucinado co ambiente, ou a estadounidense Siri Hustvedt, quen afirmou que con ela “non hai medias tintas, a xente que se achegou coñece o meu traballo e quere comentalo”. E quen non o coñeza pode aproveitar a recente publicación en galego de O verán sen homes por Hugin e Munin.

E a última hora, o Barça gañáballe ao Real Madrid no Santiago Bernabéu. A festa foi completa:agora só queda pensar como saír do labirinto do procés: talvez haberá que pedirlle axuda a Leo Messi.

Advertisements

2 comentarios en “No derbi Planeta-Random House gañou Messi

  1. Literariamente, atendendo ao proceso de escrita, “Patria” está moi por riba de “El trompetista del Utopía”, novela que pode (aínda que non deba) presumir de ter unha adaptación cinematográfica que a supera en calidade.
    Agora, atendendo á construción de personaxes, “Patria” cae polo seu propio peso (que ben lle chega). O maniqueísmo é tal, que non resulta crible en ningún momento. Non hai claroscuros. Só hai brancos e negros. A pretendida novela definitiva sobre o conflito vasco traza unha liña clara e meridiana que diferencia entre mártires incorruptos e zombis descerebrados, e claro, independentemente xa das consideracións políticas que poida tirar cada un, como lector non hai deus que a crea. Por suposto que en toda novela de conflito (calquera) un remata por se posicionar, por marcar quen son os bos e quen os malos, iso non se discute, pero Aramburu traza unha caricatura. Ben feita, xa digo, pero caricatura. E coas cousas de comer non se xoga.

    Sobre a campaña que se lle está a facer por motivos estritamente extraliterarios, prefiro non falar, que aínda teño o almorzo de media mañán na gorxa. Pero si, así vendiamos todos.

  2. Pingback: A oferta catalá e o Día de Sant Jordi 2017 - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s