Eloxio do vagamundar

César Lorenzo Gil.

De camiños, viaxeiros e camiñantes (Galaxia) é un ensaio de Santiago Lamas e Alfonso Mato que gañou o Premio Ramón Piñeiro no 2015. Seguindo o fío do libro Pelerinaxes, de Ramón Otero Pedrayo, crónica dunha peregrinación real que el mesmo, Vicente Risco e mais Xosé Ramón Fernández Oxea Ben-Cho-Shey fixeron entre Ourense e Santo André de Teixido no 1927, os autores desenvolven diversos temas ao redor do feito de camiñar en relación co feito literario, histórico, económico e biolóxico.

Mais este libro tamén é unha reivindicación da Xeración Nós, unha nova mirada sobre os obxectivos e arelas daquel grupo de homes que tomou a defensa e difusión da cultura galega como principal meta vital no primeiro terzo do século XX. Mato e Lamas danlle unha atención especial ás figuras de Vicente Risco e de Otero Pedrayo, ambas caras daquel movemento político e cultural que acabou esganado pola brutal represión fascista. Os dous, Risco e Otero, tiveron que enfrontarse persoalmente á vivencia do franquismo xa noutro plano, disimulando, quedando na casa, xa só escribindo mais xa nunca camiñando.

Este libro é tamén unha reflexión sobre a relación política coa paisaxe. De como Nós como iniciativa aglutinadora e ordenadora do pensamento galeguista decide, en relación íntima co Seminario de Estudos Galegos, sistematizar a relación (con criterios científicos e estéticos) con Galicia. De aí que os autores dediquen varios dos textos (pseudoindependentes e libérrimos) a aspectos como a arquitectura che (a que traían os emigrantes retornados de América e que horrorizaba a Otero), o laio polo cambio arbóreo en Galicia (naquel tempo non era o eucalipto a especie industrial por excelencia senón o piñeiro, que ía gañando espazo fronte aos tradicionais castiñeiros e carballos) ou o propio concepto de peregrinación, nun momento, previo ao revival do Camiño de Santiago que deseñou Manuel Fraga, no que se entendía que coñecer a terra de un era un acto de patriotismo.

É moi interesante advertir que o galeguismo histórico seguía os pasos doutros grupos que xa desde o século XIX se botan aos camiños para aprender do país no que viven, para descubrilo e a partir de aí amalo. Esa tendencia internacional estivo encarnada en Galicia no movemento Ultreia que pisou corredoiras e estradas até o seu acabamento no 1936, sempre como medio e instrumento do galeguismo para ampliar a súa base social e outorgar unha función ao seu propio espírito colectivo.

Mato e Lamas tamén reflexionan sobre o xurdimento do turismo en Galicia, a relación que tivo coas guías de viaxe e como a Xeración Nós pretendía “liberar” o territorio galego deste novo xeito de comprender o lecer. Otero e Risco, ambos viaxados, consideraban que saír da casa formaba parte das artes da formación e enriquecemento do intelecto, non da recreación ou descanso.

Mais este libro é valioso porque aproveita aquela peregrinaxe para ampliar o marco de atención. Por un lado, os autores atenden ao paso do tempo, a que foi de Galicia logo de 90 anos de historia e avances tecnolóxicos en infraestruturas. Polo outro, conectan esta experiencia do vagamundar con outras que se foron dando noutros lugares: o papel social do paseo, do camiño, nunha sociedade que pouco e pouco foi abandonando o paso a pé como principal maneira de transporte.

Porque a Galicia do 1927 xa non era aquel territorio inzado dunha poderosa rede de camiños cuxa orixe é medieval e incluso romana ou prehistórica, tal e como demostrou a máxima autoridade nesta materia en Galicia, a historiadora Elisa Priegue. O nacemento do automóbil e a consolidación do ferrocarril foron mudando o mapa. Nalgúns casos ficaron algunhas rutas case sen modificar pero en xeral novas liñas se foron deseñando cos conseguintes cambios de influencia entre núcleos de poboación e hábitos de vida. Aínda na década do 1950, unha gran parte dos galegos facía a pé toda a súa vida e non lle tiñan medo a cubrir unha ducia de quilómetros para levar a vaca ao castizo ou pulverizar unha muiñada de gran. Mais na comunicación “extraordinaria”, xa no tempo da pelegrinaxe de Otero, Risco e Ben-Cho-Shey as rutas empezaban a ser outras. Non hai arrieiros senón peóns camiñeiros, xa non dilixencias senón autobús (eles mesmos toman un para non se mollaren nun tramo do camiño) e malia a fidelidade ao territorio do mapa de Fontán, que levan calcado no peto, o camiño é retorto, complicado.

A peregrinación a Santo André funciona neste libro como un símbolo do que puido ser o país, xa que nin sequera hoxe se explota esta ruta sagrada na mesma medida ca o Camiño de Santiago. Quizais porque é unha ruta de consumo interno, é Santo André unha icona cultural propia da que non se pode tirar máis rendemento ca o simbólico para o propio afortalamento da identidade galega?

Da lectura do libro extráense novos camiños para muscular o noso paso polas letras sobre camiños. Tamén para outras experiencias, como o proxecto audiovisual Pelerinaxes, tamén promovido por Galaxia, que recorda doutro xeito aquela viaxe e a vincula co noso presente.

Algunhas lecturas recomendadas

Leviatán ou a balea, de Philip Hoare (publicado en castelán por Ático de los libros).

A outra Veneza, de Predrag Matvejevic (publicado en castelán por Pre-Textos).

Robert Louis Stevenson, de Nicholas Rankin (publicado en castelán por Siglo XXI).

Wanderlust, de Rebecca Solnit (publicado en castelán por Capitán Swing).

Diario dunha viaxe ás Hébridas con Samuel Johnson, de James Boswell (en castelán en Pre-Textos). Máis Viaxe ás illas occidentais de Escocia, do propio Samuel Johnson (publicado en castelán por KRK).

Viaxe a pé, de Josep Pla (en castelán, lingua orixinal, publicado por Edicions 98).

As ensoñacións do paseante solitario, de Jean-Jacques Rousseau (en castelán, en edición de Alianza).

Advertisements

Un comentario en “Eloxio do vagamundar

  1. Non estaría mal recuperar esa ou outras rutas a Santo André de Teixido. O seu éxito creo que pasa por desligala de connotacións relixiosas ou políticas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s