Amadeo Cobas: “Hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores”

César Lorenzo Gil.

Amadeo Cobas (Noia, 1966) é escritor, crítico literario, activista cultural e entusiasmado da lectura. Tamén foi editor cando viviu en Zaragoza, cidade na que estivo case dúas décadas. O seu último libro, A cacería (Xerais), gañou o V Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Falamos con el da súa traxectoria e dos plans dun autor que encara o seu futuro literario con entusiasmo.

Co’A cacería, vostede gañou o Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Que foi primeiro, o libro ou a convocatoria?

Non. Eu tiña o libro escrito e andaba nesa fase de dárllelo a ler ás miñas amizades. E foi a miña grande amiga, tamén escritora, Clara do Roxo, quen me falou deste certame. Xa te podes figurar como é presentarte a un premio. Ti deixas alí o orixinal, esperas, case que te esqueces da historia e de repente un día chámante e dinche que es o gañador. Para min foi unha grande alegría porque me permitiu publicar con Xerais, unha editorial coa que levaba tempo querendo traballar. Eu fun editor e sei do importante que é, como autor, estar no catálogo dunha das grandes.

Como xorde esa historia prehistórica que se conta n’A cacería?

Xorde no Pireneu. Cando vivín en Aragón, ir á montaña pirenaica foi o meu xeito de aproximarme a Galicia. Aragón é un lugar máis ben árido, moi influído polo deserto dos Monegros. Así que o verde haino que ir procurar ás serras. Alí encontrei unha paisaxe que, por unha banda, me recordaba ao da miña terra e tamén descubrín unha afección que me acompaña até hoxe: camiñar. E nesa experiencia foi aparecendo esta historia, na que a montaña está moi presente.

Por que decidiu ambientala nese período, non sei se prehistórico ou protohistórico, xa que non está definido. Por que lle permitía certo primitivismo que se acomodaba a ese canto á montaña do que me fala?

Na novela aparecen falcatas, as armas que inventaron os iberos, así que se pode localizar entre os séculos V e II ac. É certo que me apetecía encontrar unha aventura máis pura. E tamén deixarme levar pola épica. Na miña cabeza estaba o castro de Baroña, que eu coñezo moi ben por estar perto da miña casa de Noia e sempre cavilei nas condicións de vida da sociedade castrexa. Como vivían, o duro que era vivir daquela. Eran tempos de moitas dificultades, nas que a esperanza de vida era escasa, cando a xente de 40 anos era xa vella. Amais da épica e a aventura, quixen introducir o amor como protagonista, un amor adolescente, con toda a potencia intacta.

Xerais publicou esta novela na colección ‘Fóra de xogo’, de narrativa xuvenil. Outras obras que gañaran este certame anteriormente, publicadas pola editorial, están no catálogo de ‘Narrativa’, para adultos. Incluíla nesa serie foi decisión súa? Pensou vostede este libro para o público adolescente?

A decisión editorial, como é lóxico, correspóndelle á editorial. Os editores consideraron que podería funcionar entre este público porque ten unhas características que o fan atractivo para esa faixa de idade. Eu aí non interveño.

Antes desta obra, vostede xa publicara outros libros, tanto en galego coma en castelán. De onde lle vén o gusto pola escrita?

Coido que sempre escribín. Sempre te acompaña a gana de contar cousas pero no meu caso, o que motivou que pasase de pensar en ser escritor a selo de verdade foi unha cuestión xeográfica. Eu vivín en Aragón 17 anos. Cando estaba en Zaragoza, escribir en galego era a miña maneira de matar a saudade. Recordo que daquela coa única persoa coa que podía falar na miña lingua era con Antón Castro, o escritor e xornalista de Arteixo afincado alí. A miña primeira obra publicada en galego, Contos de viaxe, ademais, tivo un extra de ilusión porque ma editou Xosé Agrelo, unha persoa que admirei moito, por Toxosoutos, que é a editorial de Noia.

E logo de publicares o teu primeiro libro, como escritor, superas esa ansiedade por ser un autor inédito e podes concentrarte en escribir, en ser mellor escritor cada día. Xa non che preocupa acabar os proxectos senón notar que en cada obra que inicias vas evolucionando.

Vostede publicou en galego e en castelán.

Si. Sigo sendo un autor con esa dualidade presente. Cada historia vaime pedindo un idioma.

Ten algunhas referencias literarias de cabeceira?

Moitas. Teño moitas. Un escritor aliméntase sobre todo de lecturas para aprender dos que van por diante. Eu intento aprender doutros pero teño sempre a prevención de non deixarme levar por voces alleas. Intento encontrar o meu propio estilo. Por falar de dous autores concretos e galegos, coido que que debo nomear a Gonzalo Torrente Ballester, que consegue esa sinxeleza aparente tan cativadora, e a Manuel Rivas. Logo de ler Un millón de vacas quedei alucinado.

Cal é a súa rutina creativa?

Depende do momento no que a obra estea. No primeiro momento vou construíndo o relato na miña cabeza. Doulle forma dun xeito primeiro desordenado, que se vai sistematizando pouco e pouco. Aproveito moito as camiñadas para ordenar ideas. Moitas veces vou polo medio do monte e teño que parar para anotar unha cousa. Incluso houbo veces de suspender unha excursión porque tiña que voltar á casa con urxencia e escribir.

Cando a obra xa está máis ou menos documentada e xa teño unha idea do que quero facer, escribo, a man, o primeiro texto, case toda a primeira escritura fágoa así, nun caderno e lonxe dunha mesa. Só cando está case todo rematado, paso o manuscrito ao ordenador.

É vostede un escritor que estrutura o traballo ou vai creando a dinámica da obra conforme a vai escribindo?

Eu antes de poñerme a escribir unha liña sei como empeza, como acaba, cantas páxinas (máis ou menos) vai ter, que van facer os personaxes… Necesito ter todo controlado. Por unha sinxela razón: non quero sentir nunca a síndrome da folla en branco, notar que non sei cara a onde vou.

Reescribe vostede moito?

Eu sigo a lección que me deu o meu amigo e escritor aragonés Lorenzo Mediano: o oficio que máis se parece ao do escritor é o do panadeiro. Facer un texto é coma facer pan: canto máis se traballe a fariña, canto máis pelexemos coa masa, mellor o pan. O traballo do escritor é reescribir, o traballo do escritor é eliminar. Os escritores, algúns, por defecto, adoitamos dar información de máis. Cómpre ir axustando a obra para deixala clara e interesante para o lector. Porque eu coido que hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores. Cando queres publicar un libro, tes que ser consciente de que ese libro haino que vender, hai que conseguir que unha persoa que non te coñeza se sinta atraída por lelo. Como escritor, son moi consciente do que buscan os lectores cando deciden comprar un libro e tamén me poño no lugar dos editores, que apostan por min e que loxicamente queren facer rendible o seu traballo.

Vostede tamén foi editor, cando vivía en Zaragoza. Foi un dos fundadores da editorial Tropo, que segue en pé, cun catálogo moi xeitoso.

Certo. Eu fundei Tropo canda Óscar Sipán e Mario de los Santos. Foron dous anos de moita ilusión, moita aprendizaxe e moito traballo. Moitísimo. Demasiado. Quedei exhausto de ler orixinais e de facer o resto de tarefas que precisa unha editora fóra do meu horario laboral. Non me deixaba lecer pero sobre todo non me deixaba tempo para ser escritor. Así que lles vendín a miña participación aos outros socios e volvín á escrita.

Como recorda aquel tempo en Tropo, máis alá dese cansazo?

Foi un proxecto fantástico porque os libros que publicaba (e publica) a editorial eran moi bonitos, con esas capas deseñadas por Óscar Sanmartín. No catálogo foron entrando textos de moita calidade e recordo que cando visitabamos as feiras do libro, a xente nos daba os parabéns. Tamén me serviu para decatarme do difícil que é vender libros producidos por unha editora pequeniña como era a nosa. Recordo unha vez, durante unha conversa cun dos grandes distribuidores de Aragón, que lle pedín que por favor, intentase coidar a nosa produción no relacionamento coas librarías. El, moi xentil, levoume ao almacén e amosoume un palé acugulado de libros do maior grupo editorial español. E díxome: “Eu vou facer todo o que poida por Tropo pero recorda que cada día, cada día, Amadeo, entra un palé coma este pola porta dunha libraría”.

O que si segue a ser é activista cultural.

Si. Xa en Aragón participaba coa Asociación Literaria Trespeldaños, coa que faciamos obradoiros literarios, escolas de escritores e outras iniciativas e instalacións con entidades privadas. E agora, que vivo en Vigo, colaboro coa Asociación Cultural Catropatacos, que preside Clara do Roxo, e que tamén elabora contidos culturais e literarios. Un dos proxectos dos que máis satisfeitos estamos é da iniciativa ‘Historias para coñecermos Vigo’, unha colección de libros, editados por Elvira, que contan con obras da propia Clara do Roxo, Marga do Val, Francisco Castro, Santiago Lopo, Manuel Sánchez Gálvez, María Lado, Ledicia Costas e mais eu, que como formaba parte do miolo do proxecto, puiden escollar escribir un relato sobre as illas Cíes, Os poboadores do Atlántico.

En que proxectos está a traballar arestora?

Teño entregada unha obra, á espera do que diga o meu editor. E xa estou rematando a fase de documentación dunha novela de aventuras “piráticas”. Vai ser unha novela histórica de aventuras, non unha novela de historia. Múdome de aquí a pouco e xa teño previsto ter unha mesa de traballo ben grande para que me caiba encol dela todo o material co que estou traballando.

E que libro está a ler?

El gran imaginador, de Juan Jacinto Muñoz Rangel. É unha historia poderosísima e moi ben contada.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s