‘A soidade das medusas’, éxito na fronteira

A soidade das medusas é un libro valente, e é xusto estender este eloxio tanto á autora como á editorial que apostou por publicar un produto que non é nin unha novela nin un libro de relatos de xénero.

Quédame a dúbida, e quizais algún día Collazo ma poida resolver, de se o concepto desta obra xurdiu dela de forma natural ou lle foi suxerido como solución creativa ante o coñecido pánico editorial a publicar unha antoloxía de relatos sen unha temática común. E é que se hai algo que supera o medo dun autor ao folio en branco é o terror a non saber de qué falar na presentación dun libro.

No caso da Soidade das medusas ese problema resolveuse de forma elegante interconectando os relatos do libro de dúas maneiras. Unha, ambientando parte deles no mesmo tempo e espazo, a saber, as rúas dunha cidade anglosaxoa indeterminada na actualidade, e dúas, afondando no pasado dalgunhas personaxes que aparecen noutras historias do libro.

Collazo é unha autora consciente de que escribir unha historia é moito máis que utilizar imaxes visuais. A través dos seus textos, e por medio dunha importante dose de carga lírica, transmite de maneira eficaz emocións e sentimentos. Ademais, as ilustracións de Luz Beloso conseguen que nos metamos dentro dos relatos con maior facilidade.

Outro matiz que destacar deste libro é que ao ler os relatos un séntese xogador dunha aventura gráfica na que vai detectando pistas coas que completar o crebacabezas que dispuxo a autora. Esa saba branca que aparece no segundo relato é a mesma que saíu voando no anterior? Esa personaxe non será aquela que se mencionara noutro relato? É un exercicio estimulante que fai entretida a lectura.

O principal activo de A soidade das medusas é a orixinalidade da súa concepción, o risco tomado e aposta pola introspección. A verdadeira historia é o que ocorre dentro das personaxes, a exploración e desenvolvemento do seu estado mental, cousa que a autora fai de maneira espléndida. Non obstante, en ocasións forza un pouco as engrenaxes que envolven a trama. Non vou dicir que se marcou un deus, pero si algúns santiños ex machina. É evidente que para Collazo o importante é o que imos experimentar durante a viaxe e non a onde nos diriximos ou se a estrada ten un tramo submarino.

O punto feble da obra, ou, dito doutro modo, aquilo que certos lectores botarán en falta nas súas páxinas é unha trama condutora, algo que unifique e lle dea forma ao cúmulo de significantes que propón o texto. A forza dos relatos de A soidade das medusas reside nas pontes que os unen. Non é este un libro para ler unha historia solta un día de lecer. Poida que un goce do modo en que está escrita, pero faltará contexto para comprender o que se está lendo. Tampouco ao chegar á última páxina do libro atoparemos esa sensación de conclusión que habitualmente proporciona unha novela. A crítica aquí non é que a autora renunciase ao sal da novela e ao azucre do relato canónico, senón que a ausencia deses condimentos non foi de todo substituída por outro sabor ou especia exótica que nos fixese esquecelos.

Con respecto aos relatos (non desvelo nada que non poida saberse lendo o texto da contraportada), “Náufrago”, un escritor que queda pechado nun piso, é o máis clásico e á vez o máis artificial pola cantidade de explicacións que a autora se empeña en darnos para xustificalo (como a razón pola que o home non leva o móbil enriba). “Ave de paso” foi o que mais me gustou, xa totalmente centrado nas circunstancias da súa protagonista, o pasado, presente e futuro de Helga pasa por diante de nós con gran mestría. O mellor de “Protagonismo”, ademais de tocar o meu amado xénero da metaliteratura, é o seu intelixente final. Con “Toc” e “O avó” entramos de cheo na interconectividade entre os relatos, con eles chega o verdadeiro clímax do libro, xa que o último relato, “Sweet Child of Mine” inevitablemente deixa o lector de baixón ao darlle un final tan aberto xusto ao relato que pecha o libro. Supoño que a orde dos relatos foi moi estudada, pero a menos que perdese algo esencial no meu camiño polo labirinto das referencias cruzadas, eu tería escollido outro como peche.

Só un apuntamento máis: cada relato comeza cunha cita no seu idioma orixinal, en todos os casos agás no da poeta estadounidense Louise Glück, que aparece en castelán, por que razón?

Como conclusión, quedo con que A soidade das medusas é un libro que paga a pena ler, e por suposto tamén con ganas de ler máis relatos de Iria Collazo.

♦ A soidade das medusas, de Iria Collazo. Galaxia, 2016. 84 páxinas. ♠10€

Lois Z.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s