De Estrabón a Xurxo Mariño, os cambios de perspectiva na literatura galega de viaxes

Manuel Veiga Taboada.

A evolución dun país quizais poida ser vista tamén a través dos cambios que se producen nas súas crónicas de viaxes. Dada a falta de textos propios, anteriores á chegada dos romanos, no caso galego, esta literatura empeza, sobre todo, con Estrabón e Plinio. Contamos cun bo resumo ao respecto, realizado por Antonio Balboa Salgado, e que leva por título Gallaecia nas fontes clásicas.

A partir de aí, como é natural, a bibliografía aumenta e acada resultados interesantes grazas ao Camiño de Santiago, e, xa con máis proximidade a nós, grazas á crónica dos viaxeiros que percorreron a “exótica” península ibérica ao longo do século XIX. Hai tamén unha obra moi útil que sintetiza unha parte destes textos: La Galice. Dez séculos de olladas francesas, realizada por Henrique Harguindey Banet.

Como se pode ver, estas obras teñen en común que os cronistas son estranxeiros, co que iso pode ter de bo e tamén de mao. Esta sería a primeira fase. Galiza convértese en obxecto observado, pero non en observadora, nin sequera apenas de si mesma.

Haberá que esperar á Xeración Nós, que tantos campos novos abriu, para encontrar textos que mostren unha plena conciencia da necesidade de coñecer o propio territorio. A serie Pelerinaxes ou a propia Guía de Galicia, realizados por Otero Pedrayo, representan un bo exemplo. Esta sería a segunda fase.

O terceiro paso desta evolución, en realidade subsidiario do anterior, correspóndelles aos autores galegos que exploran outros territorios para dar conta da experiencia dos emigrantes. É o caso da obra de Neira Vilas, Galegos no golfo de México, colección de reportaxes, ben escrita, sobre mariñeiros que traballaban nesas augas. Na mesma liña, Follas do bacallau é unha crónica, de altura literaria, do biólogo e escritor, Xabier Paz, quen traballou durante máis de vinte anos en barcos de pesca.

Por último, a cuarta fase viría dada polos autores galegos que viaxan xa sen a motivación de ofrecer testemuño do que fan outros compatriotas, senón co único fin de observar, cos seus propios ollos, territorios e xentes diversas. Neste ámbito situase Terra de Xurxo Mariño que Xerais vén de publicar.

Percíbese neste percorrido, nestas catro etapas, un obvio, aínda que limitado, proceso de madurez. Sen querer agora afondar máis, digamos, como inciso, que esa evolución non é lineal, pois hai momentos de maior protagonismo galego, caso da época medieval, co Códice Calixtino, seguidos de períodos de case silencio. A literatura de viaxes expresa tamén, a fin de contas, as diferentes reviravoltas que dá a historia.

Xurxo Mariño é biólogo, como o citado Xabier Paz e como Xavier Queipo, autor do prólogo de Terra. Non é unha similitude casual. A obra de Xurxo Mariño vén incluída nunha nova colección dedicada á ciencia. O subtítulo do libro é: “Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe” e debería converterse, na miña opinión, nunha das noticias editoriais do ano.

Trátase dunha obra extensa, na que non hai porén unha páxina que careza de sorpresa, de curiosidade.

A fórmula utilizada sen dúbida funciona. Estamos ante o relato dunha viaxe dun ano, ao longo de máis dunha ducia de países. Desde Homero a Kerouac, a viaxe é un dos recursos máis utilizados para conseguir que unha trama narrativa avance. Case se podería afirmar que toda obra literaria é unha viaxe, aínda que sexa unha viaxe cara ao interior de un mesmo.

Elemento fundamental é que o autor soubo converternos, os lectores, en compañeiros do seu periplo. Estamos ante unha viaxe intensa. Neste libro non hai paradas. A ruta está ben elixida, igual que parece acertado o tempo que se lle dedica a cada territorio.

Outra clave é o estilo directo, con breves toques de humor e incluso, ocasionalmente, de poesía, xunto coas oportunas explicacións e reflexións.

Unha explicación sería, por exemplo, a de por que se producen as sombras pluviométricas que crean boa parte dos desertos ou a de como, ás veces, as disimilitudes entre volcáns ou entre illas rodeadas de coral, non mostran máis que a diferenza no seu estado evolutivo.

Unha reflexión, pola súa parte, é a que o autor sente a obriga de realizar despois de ver como o caótico tránsito circulatorio de Beixing non dá lugar apenas a accidentes ou despois de comprobar como, en varios mercados asiáticos, as mulleres levan as contas e o teléfono e os homes só se dedican a trasladar as caixas e os paquetes.

Xurxo Mariño escribe de modo moi semellante a como se fala, dosificando sempre os datos científicos e expoñéndoos de forma clara e coloquial, de tal modo que o libro resulta moi suxestivo e nunca supón unha carga para as persoas sen formación neste ámbito. En realidade, Mariño consegue o obxectivo oculto del mesmo e desta colección de Xerais: abrir o apetito científico dos lectores.

Se con tales características referentes ao estilo, o autor te sitúa ademais a un par de centos de metros do límite dun impoñente glaciar ou sobre o extremo dunha lingua de lava quente dun volcán aínda vivo que, deseguida, lle comeza a desgastar a goma do calzado ou che describe a navegación en canoa ao longo dun río subterráneo, só iluminado pola pel brillante dalgúns insectos adheridos ás paredes da cova, pois é indubidábel que o teu interese polo libro non pode decaer. E hai moitos momentos así.

Como anotación persoal diremos que Xurxo Mariño observa, tanto nos Estados Unidos como en Australia, os pequenos incendios do monte, tolerados ou mesmo provocados, que evitan outros máis grandes e nocivos. Unha práctica que tamén existía até hai poucos anos no monte galego. O que nos podería levar á conclusión de que o propio só se coñece ben cando se viaxa a outros lugares.

Terra acaba sendo unha mestura moi atractiva entre a visión persoal do autor, coa que nos identificamos, e as contribucións dun experto que nos permiten entender e, polo tanto, gozar do que antes nos pasara desapercibido.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s