‘Contra(de)cadencia’, unha mostraxe de posibilidades

Todos sabemos que non se pode escribir hoxe como hai cen ou cincuenta anos, aínda que moitas novelas, e moita poesía, que “triunfa” nestes últimos anos semellan escritas hai medio século ou máis. Todos sabemos que hoxe non se poden facer, a non ser en forma paródica (no sentido clásico do termo) sonetos pretarquistas, aínda que haxa poetas galegos que boten moita man deste modelo con certo éxito de público, talvez menos certo éxito “poético”. Sabemos que desde hai séculos é imposíbel escribir epopeas, como xa non se escriben traxedias desde, como mínimo, William Shakespeare ou mesmo antes. Hoxe, o poeta que nos presenta caligramas seméllamos se non parvo, cando menos retrógrado, literariamente falando, etc., etc. E a novela. Pódese escribir novela como hai cincuenta, cen ou máis anos? A verdade é que os novelistas son debedores, aínda, de Joyce, de Faulkner, de Woolf, de Céline, etc. Intentouse a súa “superación” (en literatura, en arte, non se supera nada, simplemente tómase outro camiño ou, como moito, transcéndese o anterior) mediante o que se deu en chamar “novela intertextual”, novela intelectual ou novela literaria, adxectivo este último que non me parece axeitado, aínda que se use: toda novela é literaria e se non, mala cousa. Cómpre non confundirmos literatura (ou arte) e vida. A literatura, a arte, nin crea a realidade, nin a inventa, nin a reflicte, simplemente, alúdea ou, ás veces, afóndaa.

A novela é un artefacto que, en principio, acepta todo. Mais tamén é certo que unha novela non é un bulldozer nin, tampouco, un contedor: os materiais que entran nela deben peneirarse e arranxarse; porque unha novela non é unhas fermosas páxinas, unhas excelentes frases, etc., senón un todo que non é, como calquera todo, unha suma de partes ou das partes.

Tamén poderiámonos preguntar se unha novela debe contar a sorte que corren uns seus personaxes, o que lles acontece en situacións concretas e como reaccionan ante estas, ou se a novela conta –transmite– a filosofía do seu autor. E tamén cabería preguntarse se é posíbel unha novela sen personaxes, ou cun só personaxe. Esta, evidentemente, é posíbel: é a novela en que se confunden narrador e autor, novela na que só fala o autor por medio do narrador. Este último tipo de novelas adoita ser daquelas en que o escritor se preocupa máis polas palabras que pola historia (personaxes, acción, escenario, ambientes, etc.) e non consegue crear o soño vívido e continuo que é unha novela: estórbase de máis a si mesmo: bébedo de poesía, de palabras, de recursos e achados técnicos, non distingue o gran da palla. Son estas novelas aquelas en que o escritor está preocupado pola linguaxe e polas técnicas (presuntamente) renovadoras narrativas e, sobre todo, polas palabras, como un autor ou un resolvedor de encrucillados. Destas existen algunhas na nosa literatura e conseguiron, hai que dicilo, un grupiño de admiradores, mais non adoitan ser novelas de primeira, nin segunda, orde. Son artefactos máis ou menos lingüísticos, con máis ou menos riqueza léxica, máis ou menos técnicos, que abraian a lectores que confunden novela e pseudolirismo, novela e técnicas narrativas, novela e colaxe, e gustan maiormente das frases belidas e afectadas ou das frases “duras”, imprecatorias, acusadoras, denunciadoras.

Estas poucas, e parvas, reflexións veñen dadas por unha novela publicada hai xa case tres anos e que pasou, que eu saiba, sen pena nin gloria: só coñezo unha intelixente recensión de Alfredo Iglesias en Faro de Vigo: Contra(de)cadencia, de Paco Yáñez, publicada por Edicións Laiovento.

Digámolo de entrada: esta novela é filla putativa, máis que descendente directa, do que se deu en chamar novela intertextual, aquela novela que intentaba a destrución, atomización e pulverización da novela usual, e que se realizaba nos 1960-1970: os seus representantes máis directos eran os franceses do Grupo Tel Quel, até que renegaron da novela textual (o seu máis coñecido cultivador, Philippe Sollers, entregou diversas destas obras que deberon ler os seus amigos e algúns desnortados profesores de literatura; e, ademais, só en Francia, onde gozaban, e aínda gozan, dun bo sistema de publicidade e autopublicidade). Contra(de)cadencia chega, xa que logo, serodiamente á nosa literatura, á nosa narrativa? Será cousa de discutilo.

Contra(de)cadencia é unha novela sen historia, é dicir, sen ambientes, sen personaxes, sen acción… A trama, se é que trama hai, fica diluída e acaba por converterse, simplemente, nos espiches dun narrador, que semella un Zaratustra baixado do monte do Gozo ou do Pedrouzo, sobre todo o divino e humano que se move arredor das belas artes: política, cidade, nación, Europa, medios de comunicación, e, claro, as devanditas belas artes: música –sobre todo–, literatura, arquitectura, cine, etc., mais nunca deixa entrever “o horror que pululaba baixo a pel da cultura” (Adorno) ou que a cultura “está feita con caca de can” (Brecht).

A novela é como un longo (máis de 300 páxinas) monólogo argallado a base de diálogos telefónicos (no sentido de que o interlocutor nunca fala directamente, senón por medio do narrador en primeira persoa) e emails do narrador que responden a emails do interlocutor e viceversa, aínda que se pode pensar que o “interlocutor” non é outro que o propio narrador/autor ou o dobre deste, o seu “alter-ego”. Nunha palabra, o autor vai debullando opinións transcendentes que serven para cubriren as deficiencias narrativas e que se ben non entorpecen o curso natural da novela, adquiren significación no preciso instante en que se fan visíbeis e realizan unha función negativa, polo que o peso do narrado, o sentido, non descansa na trama, senón na emoción suscitada polas palabras. Palabras que ás veces se converten en poesía, como é o caso das páxinas dedicadas a Compositum/Compostela.

Yáñez proponse operar en diversos terreos, desde a derrogación da historia, da trama (que, como xa dixemos, non existe) até o emprego sistemático de colaxes de textos de diversa procedencia –case sempre de autor coñecido cuxa lista entrega ao final– pasando pola tipografía, o “encaixe” de partituras musicais e a acumulación de nomes e a repetición. Repetición que é habitual neste tipo de novelas nas que non existen personaxes ou só personaxes moi diluídos, non afondados e nas que, como acontece na presente, non existen conflitos, porque perorar contra a situación existente en todos os campos da vida social, política e cultural non quere dicir que se presenten e se desenvolvan os conflitos e moito menos se resolvan; simplemente, pregóanse ou, como moito, formúlanse. É dicir, os elementos non se propoñen nin se suceden de modo, por usar un tópico, cartesián, senón que se superpoñen. E é aquí onde a novela alcanza o seu máximo valor expresivo, mais tamén chega a producir un certo cansazo ao lector, sobre todo porque máis que un personaxe, ou mesmo o propio autor, quen fala na novela é, simple e soamente, un falante.

A obra preséntase, ou quere presentarse, fundamentalmente como a crítica discursiva dunha cidade (esta cidade apesta a morto, así se inicia a novela; non lle poñamos o seu nome completo a esta aldea que tenta ser cidade;/ chamémoslle, simplemente: / compositum; Compositum conformouse historicamente como un espazo civil feble, desartellado e incapaz, como unha sociedade pretendidamente postindustrial sen industria previa ningunha, como unha tentativa de sociedade da espiritualidade e do coñecemento artellada na ignorancia xeneralizada […]; Compositum vive nunha loita continua con ela mesma e con todo canto a arrodea: perda de peso poboacional no marco dun ring rexional polos beneficios outorgados ás novas áreas metropolitanas..,  etc. etc.), dun país (e si, este é un país populista cuxos alicerces culturais sitúanse nos bares, na rexouba, na pitanza pantagruélica, no ruído nauseabundo dos seus fogos de artificio, na murmuradora reunión familiar nas obtusas noites do luar…), dunha cultura, dunha política, dunhas situacións, por iso non é de estrañar que o “narrador” se presente ao mesmo tempo como un teorizador intercalado (Explora unha concepción’atonal’ da música na escritura, recupera o pulso do teu tempo, pois doutro xeito seguirá avanzando sen esperar por ti. […] A unión da música e a literatura, nos termos de esixencia que decote lle formulas á primeira, é o vieiro que intúo máis axeitado para a superación das debilidades actuais dos teus textos; O gran fracaso da túa novela […] é a discrepancia existente entre a reivindicación constante da contemporaneidade, da vangarda, do progreso como topos inesquivable do creador, e o conservadorismo formal con que expresas estas ideas; A inexistencia social da túa novela […] non ten nada que ver co seu contido nin coa súa forma; non penses que unha ensaística máis profunda ou cun estilo totalmente innovador chegarías máis lonxe, se acaso ao rexeitamento decidido e frontal das culturetas castes literarias, á demonización polos nefandos académicos, á catalogación de rareza irrevelante e pretensiosa; un texto que sexa: radiografía dunha transición estilística / berro xordo contra un medio que enmudece / restitución dunha vítima da historia imperante aínda-non-escrita / topoloxía dunha vida en travesía polo deserto / crónica dunha outredade recoñecida etc. etc.). É dicir, en boa medida presenta a súa obra como paradigmática: hai que escribir así, ou a partir destas decisións formais e estéticas, e mesmo morais. O lector pode ou non estar de acordo.

A partir das frases reproducidas, non moitas, acho que o lector pode percibir doadamente que o autor, Paco Yáñez, aspira ao que desde o seu punto de vista, máis ou menos teorizado ao longo da novela, pode ser ou é a radicalidade máxima, e para alcanzar ou chegar a esa radicalidade recorre á sátira, ás veces, poucas, ao sarcasmo, á inventiva, á reflexión e… á música. Ao final, é dicir, o resultado, é que a capacidade de revulsión é grande, a de subversión penso que non tanta (en realidade, na novela se denuncian castes e poderes, mais non o “poder”), o dominio dos materiais, até xa case o final do libro, semella atinado, mais nestas últimas páxinas a presunta innovación convértese no que foi, até eses momentos, obxecto das ironías e dos, poucos, sarcasmos do narrador: en retórica. Retórica da innovación, se se quere, mais retórica; retórica da investigación, pero retórica, porque esa investigación non acaba de atopar o obxecto que procuraba: a liberación dos seus fantasmas e a denuncia amarga dunha realidade. E non atopa ese obxecto porque esa denuncia non se enfronta a ninguén nin a nada: simplemente, reflíctese no espello ou rebota contra as paredes e o seu eco volve ao narrador, ao falante, para que este prosiga a ceibar espiches que se fan ecoicos e repetitivos

Esa radicalidade máxima pola que avoga o narrador/autor, lévao a xogos lingüísticos e léxicos (e tipográficos) no que a prosa traballada, a escrita rigorosa, a evidente vontade de estilo –aínda que dá a impresión de que o autor confunde estilo é vida: un estilo non é unha vida– non aparecen ás veces debidamente controladas. Hai, desde o meu punto de vista, un superplús de xogos lingüísticos que no canto de liberar a palabra, coacciónana, restrínxena, xa que lle impiden á frase a ambigüidade necesaria para a interpretación do lector. É dicir, querendo contar cun lector-cómplice, resulta que se lle entregan as cousas demasiado mastigadas. Un exemplo, entre moitos, talvez demasiados: ¡que poli(gamia)fonía de ve(racidades)oces tan xuizosa-mente afinada a poder de en(cerros)saios e lec(ccións)turas é o teu falar, elancio!; é na túa gorxa, entre a decisión irre(esponsable)vogable dos teus miolos, a presión su(purante)til dos teus lobios e o histrionismo pu(silánime)rgante das túas vísceras, onde se a(tropelan)tragoan as verbas, como fu(xitivas)ormigas apresuradas, in(ocuas)diferentes, non tra(spoñ)endo nada, non levan(tan)do nada, demasiado febles e anoréxicas para desentumecer os teus escleróticos t(emores)úneles, cronicamente  des(truídas)orientadas pola espantada raíña do seu formigueiro á procura de inseminacións virtuais nos lúgubres submundos do nacente”, etc. Ás veces, entre os xogos de palabras, os coñecementos técnicos da música (e non só técnicos, claro), a acumulación (des)controlada e un certo proído senón de abraiar no lector, cando menos de que este se implique fortemente na lectura[1], conducen ao narrador/autor a frases, parágrafos, dificilmente lexíbeis ou dixestíbeis: A composición emprega as chamadas estruturas de morfoloxías planificadas, compostas por parámetros como a interválica, a direccionalidade, a banda temporal, a densidade cuántica, a densidade xenérica, a densidade factual, a banda de frecuencia, o ámbito, as dinámicas, a articulación, o tempo, o corte do material e as accións máis puramente instrumentais. por mor da cantidade de parámetros que integran cada estrutura morfolóxica, os resultados constáronse en grupos de notas de gran variedade e complexidade, obrigando á renuncia do pentagrama tradicional e á adopción do pangrama: único procedemento válido para reflectir na vastísima tesitura que abrangue no violoncello.

No entanto, a pesar do que levo escrito (escribo en primeira persoa por dúas cousas: a) non creo na obxectividade, todos somos fillos das nosa crenzas, e b) o plural maiestático hai anos que me carga), non se pode dicir que sexa Contra(de)cadencia unha novela falida, porque non o é. Talvez lle falta unha estilización da súa práctica narrativa e talvez lle sobra algo desa desapiada vontade de alterar os esquemas de lectura tradicional, de desacougar, mais esa desapiadade vontade é conducida por un sentido crítico combativo e un desexo de liberdade (literaria, en primeira instancia) que mostran as posibilidades de Paco Yáñez. Posibilidades que confirmarán, ou negarán, próximas entregas “narrativas”, xa que a presente talvez só sexa “algunha sorte de híbrido narrativo que polo de agora descoñezo: que me descoñece” (p. 259). Posibilidades que, quizais, só se poden confirmar se na súa próxima entrega é aludida a realidade, se o texto non é como aquí, contra do que poida parecer e das intencións primixenias do autor, un texto clausurado, fechado, se a escrita deixa de ser como é en moitas páxinas unha especie de ritual, de representación, de montaxe e desmontaxe de motivos, de referencias literarias e artísticas, etc., que acaban por facer da novela unha obra altamente sofisticada.

En fin, descoñezo a primeira obra narrativa de Paco Yáñez (…distancias… –2008) e só espero que esta segunda cumpra un papel beneficioso dentro da súa (futura) traxectoria, que a presente lle sirva para se liberar de inxenuidades e que nas futuras obras non caia, como cae aquí demasiadas veces en experimentos máis ou menos herméticos, moitas veces gratuítos, por non xustificados, e que dan a sensación de certo snobismo forzado, de ganas de complicar a forma de dicir cousas moi simples, ás veces demasiado simples, sen negarmos, porén, o notábel esforzo creador. Esforzo que me dá a impresión non se ve suficientemente gratificado coa problemática comunicación que se estabelece ou se quere estabelecer co lector. Talvez lle sobre a esta novela o ton autobiográfico, confidencial, esa tendencia inicial ao lirismo, un certo dramatismo, unha certa énfase e demasiados alardes estilísticos, e lle falte un certo ingreso na percepción da realidade. Ou noutras palabras, na “alteridade”.

Segundo a miña opinión, Contra(de)cadencia non é unha realización lograda: é unha experiencia desigual, discutíbel nalgúns aspectos, estimulante na súa maior parte e, polo tanto, non penso que chegue serodiamente senón nun momento oportuno, aínda que tamén é certo que o puro gozo dos recursos imprevistos pode facer que o lector, ou algúns lectores, perdan de vista a intención esencial da obra, que é amarga e violenta e ás máis das veces lúcida; mais tamén é unha obra “fechada” (malia certa maneira gozar dunha estrutura aberta, ao ser argalla a sucesión de capítulos a modo dunha composición musical), xa que unha continuación sería unha mera repetición, polo que é difícil aventurar cara a onde poden orientarse os seus próximos traballos narrativos. E o que si é evidente é que a presente obra é unha mostraxe de posibilidades máis que de realidades. Noutras palabras,, haberá que esperar futuras entregas narrativas do autor, entregas nas que prime a novela sobre os experimentos. Como sempre, o futuro, é dicir, as seguintes novelas ou obras narrativas de Yáñez, ten a palabra.

♦ Contra(de)cadencia, de Paco Yáñez. Laiovento, 2014. 317 páxinas. ♠20€

XGG.

 

[1] “Gide: ‘O que se comprende nun abrir e pechar de ollos non soe deixar pegada’.

Genet: ‘A dificultade é a cortesía do autor co lector’.

Goytisolo: ‘La novela que elude la facilidad de los caminos trillados crea inevitablemente una tensión, un choque con las informuladas expectativas del público: este se enfrenta de súbito a un código diferente de aquél al que está habituado y dicho código le plantea un reto: si lo acepta y penetra en el significado del nuevo sistema artístico, el victorioso cuerpo a cuerpo con el texto es precisamente su premio”. (p. 109). Talvez non estaría de máis lembrar aquilo que dicía Borges de que el cando se escribía preocupábase de non pór dificultades ao lector. (Ao cabo, digo eu, é quen paga, e quen paga manda, dise). E xa de colleita propia: dificultades ao lector? Ou dificultade do autor para se expresar? Habería que dilucidar o tema

Advertisements

2 comentarios en “‘Contra(de)cadencia’, unha mostraxe de posibilidades

  1. Grazas a XGG polo seu rigor no contextualizar a novela e falar do posible vangardismo (ou non) das súas técnicas. Non é algo que atopemos con frecuencia na crítica galega. Ao respeito de autor@s que sacan nas súas novelas personaxes secundarias que noutras das súas obras xa apareceron como protagonistas (ou viceversa), teño lido recensións calificando tal proceder de “vangardista” ou “pioneiro”. Como? Sería vangardista en 1880, cando o facían Pérez Galdós ou Pardo Bazán. Ou nin iso. Por favor, leamos un pouco máis (tamén do que se fai fóra) e non nos emocionemos.

  2. Realmente são necessários mais críticos como XGG, o teu rigor e a tua exigência não abundam no nosso sistema literário. Não li “Contra(de)cadencia” e não sei se o lerei, muitas vezes dedico-me a ler ou reler o “clássicos”; agora mesmo estou acabando de ler algo que tinha pendente de Otero: “Las palmas del convento” que não faz mais que reforçar a minha ideia da potência de um autor de quem tanto se fala e que tão pouco se lê

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s