Urco, canteira de narradores

Vanesa Santiago.

César Lorenzo Gil.

Vanesa Santiago gañou o 6 de maio o I Premio Illa Nova de Narrativa, convocado por Galaxia. Malia ser este un galardón pensado para descubrir novos valores (está restrinxido a autores menores de 35 anos), o certo é que a autora de Fontán (Sada) xa publicara un libro de narrativa, Ninguén lembra, publicado por Urco no 2012.

Santiago súmase, así, a unha listaxe de autores de narrativa que tiveron a súa primeira oportunidade grazas á editorial especializada en fantasía, ciencia ficción e series B-Z e que agora xa publican con outros selos. Urco consolídase como canteira de narradores. Vexamos algúns exemplos concretos.

Jorge Emilio Bóveda (Ourense, 1975) acaba de publicar O monstro de Ille, na colección xuvenil ‘Costa Oeste’, de Galaxia. É un veterano autor que non dubidou en autoeditarse para darlle saída á súa expresividade narrativa. Mais a partir da década do 2010 os seus libros empezaron a aparecer en editoras comerciais. Primeiro en Toxosoutos mais os seus tres traballos xustamente anteriores ao que agora publica Galaxia apareceron en Urco: A xanela escura, A xanela insólita (ambos ensaios literarios sobre ficción de terror e ficción científica, respectivamente) e O sol do pasado, narrativa pensada tamén para o público xuvenil.

Xavier Frías Conde non entra precisamente na categoría de talento descuberto por Urco pero si é certo que o seu paso pola colección Alcaián con A aldea. Cando as néboas dos camiños contan historias (2011) foi un chanzo importante para ampliar a súa relación editorial con Rodeira a outros selos, especialmente Galaxia, editora na que publicou o seu título infantil O caso máis estraño do detective Marschen (2012).

Caso similar é o de Eduardo Santiago (Pontevedra, 1964), que se bautizou como narrador en Galaxia, coa publicación de 2044 mais que conseguiu renome como narrador de ficción científica logo de publicar en Urco A teoría do tempo imaxinario (2013). Un ano despois, o escritor lograba o Premio Jules Verne de novela xuvenil c’O gran reino, publicado por Xerais.

Nos próximos meses, outro autor nacido ao abeiro de Urco publicará o seu primeiro libro con Galaxia, confirmando esta tendencia que ten o seu contrapunto: autores que publican en Urco logo dunha ampla traxectoria literaria compartida con outros selos. Eis o caso de Ramón Caride, con obra en diferentes selos (principalmente en Xerais, onde publicou moitos títulos de literatura para adultos, para mocidade e para a infancia) e que xa publicou tres volumes con Urco: a antoloxía Flash-Black 13, O frío azul (novela que gañara o Premio Lueiro Rey de novela curta e que fora primeiramente editado por Sotelo Blanco) e o conto infantil O soño das cores.

Caso semellante é o de Manuel Lourenzo González, un dos autores que acumula o anel dos principais premios de narrativa en galego (Xerais, Blanco Amor e García Barros) alén doutros, tamén en literatura infantil. O escritor de Vilaboa publicou en Urco Cegoñas no fondo da ría, un conxunto de relatos fantásticos.

Que algunhas editoriais asuman o papel de canteira literaria non é novo nin único, tampouco en Galicia. Durante moito tempo, algúns selos, caso de Do Cumio ou Sotelo Blanco, fixeron tamén esta función. Autores como Xavier Queipo, Xurxo Sierra Veloso ou Xabier López López, por citar tres autores ben diferentes entre si, tiveron as súas primeiras oportunidades de publicación nestas marcas. Incluso editores destas empresas acabaron por asumiren responsabilidades nalgunha das dúas grandes (Galaxia e Xerais).

Advertisements

3 comentarios en “Urco, canteira de narradores

  1. Sorpréndeme un pouco que ninguén dixese nada (polo menos non publicamente) da discriminación por idade que introduce este premio. Por que non abrilo a todo o que non teña obra publicada (como o Pérez Parallé), ou se cadra aos só que teñan publicado un libro (ou dous, ou que non teñan publicado coas grandes: os criterios pódense discutir)? Ben de exemplos hai na literatura galega de debuts en torno aos 35 anos ou mesmo máis tarde, e tamén de xente que aos 35 anos xa se pode considerar veterana e sería un pouco raro que se presentase a este premio. Seguimos en Galicia (como no resto do Estado Español) introducindo discriminacións por idade que noutros países son hoxe inadmisibles. Por que asumir que todo o mundo ten que facer as mesmas cousas aos mesmos anos?

  2. Estou bastante dacordo co que sinala Eva, se se trata de descubrir novos valores, pois deso se trata, que ten que ver a idade do premiado?

    Tal como expón Cesar o tema parece inxusto como se aproveitan Galaxia/Xerais do traballo previo de promoción e difusión de autores das pequenas editoras. Unhas crean o producto -porque está claro que o producto é o autor, non o que poida escribir- e as outras procésano xa elaborado (insisto en que me refiro a número de citas e reseñas e outros mecanismos, non da calidade da sua obra) na súa ben engraxada maquinaria editorial.

    Aclaro que respecto ás editoras falo en plan de “peixe grande” e “peixe pequeno”, non de “bos e “malos”, que ó final toda editora, grande ou pequena, como negocio que é, vai ter máis en conta o curriculum previo do autor que o valor literario da obra ofrecida.

    • Isto pasa tamén noutros sistemas literarios, coido que inevitablemente. Se cadra, como en moitras outras cousas, na literatura galega a diferenza é simplemente unha cuestión de grao. Hai menos editoras e tamén hai menos gradacións: ou es grande ou es pequeno e polo medio case non hai nada. Sería interesante que houbese unha ou dúas editoras pequenas en medios pero grandes en capital simbólico, como as hai nos sistemas literarios castelán, británico, etc. Se cadra a que máis se achega a este perfil neste momento é Positivas, aínda que cunha certa irregularidade. Como escritora que publicou con moi pouco tempo de diferenza cunha pequena e logo cunha grande, divertiume e tamén me pareceu moi, moi sangrante as diferenzas de trato que sufriron as miñas obras polo feito de ser editadas nunha casa ou outra. Xa digo que pasa en todas as literaturas, pero, sendo a nosa (aínda) tan abarcable, sorprende este afán de crear establishment á mínima oportunidade que nos dean.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s