‘Fin de festa’, retrato de onte

Diana Varela Puñal.

O subxénero novelístico fiado a base de compoñer retratos de personaxes que habitan a mesma contorna e no que a trama só vai aparecendo (se aparece) aos poucos ten ampla tradición nas nosas letras. Vémolo en Xente de aquí e acolá, de Cunqueiro, ou en Memoria do boi, de Vázquez Pintor. Tamén o vemos, poño por caso, nun libriño editado por El Progreso sobre o Lugo de antes (viva antes!) que andaba pola miña casa cando eu era nena, e en moitos outros libriños semellantes editados polo país adiante para consumo interno da comunidade que se ve, con compracencia, reflectida nas súas páxinas.

En Fin de festa, primeira novela da poeta e dramaturga Diana Varela Puñal e que agora acada a segunda edición en Laiovento, a autora quere facer do primeiro (literatura). Conségueo en boa parte, pero ás veces escorrega cara ao segundo (que poderiamos chamar, seguindo a terminoloxía do director desta casa, ficción non literaria).

Un dos elementos que afastan o texto de Varela Puñal da intención literaria é o propio paratexto, formado nesta segunda edición por unha nota da autora, unha introdución e un vocabulario de expresións cormelás do profesor Luís Giadás, e máis outra nota da autora, máis breve, que xa se atopaba na primeira edición. Estes textos dan a entender que imos atopar aquí un libro sobre Corme (na ficción: Xuvino) e as súas xentes (de novo: viva antes!). Tamén falan, autora e prologuista, dunha suposta mensaxe moral da novela (os excesos sempre atopan castigo). Confeso que aquí deixei morrer as miñas esperanzas e resigneime a enfrontarme con outro exemplar da literatura de instituto puxante hoxe nas nosas letras. Por sorte, ao comezar a ler o texto en si axiña as miñas esperanzas reviviron, aínda que cabería preguntarse cales foron as motivacións da autora ou a editora para apoñerlle á novela un paratexto que tanto a circunscribe e non lle permite presentarse desde o comezo como literatura.

A novela alterna retratos de personaxes de Xuvino con outros dedicados a Susi Arnela, muller de gran beleza na súa primeira mocidade que, tras ser modelo, acompañante de famosos e habitual de xoldras, escorrega agora pola pendente (alcohol, drogas, prostitución ocasional). Os retratos do primeiro grupo son, sen dúbida, o mellor do libro. Hai prosopografías ben emocionantes, sobre todo as de Constante ou Modesto Abellón e a nai. Outro acerto é a creación dun espazo-tempo non totalmente definido: en contra do que se dá a entender no paratexto, Varela Puñal non particulariza o relato en Corme, senón que se limita a darnos o detalle suficiente (e inclúo aquí coloquialismos e dialectalismos, máis outro acerto da autora) para darlle vida á vila mariñeira que funciona aquí como espazo semi-universal ou polo menos universal-galego. Segue unha estratexia semellante no tratamento do tempo: o uso do pretérito imperfecto para describir as accións dos personaxes dános a impresión de que estas cousas sucederon repetidamente ao longo dun período indefinido, pero que adiviñamos prolongado no tempo e agora perdido (as interxeccións da narradora, que nos informa de que a burbulla inmobiliaria mudou moitas das paisaxes, de que a maioría dos mozos viven agora na Coruña). Algúns marcadores cronolóxicos sitúan o tempo da narración nos oitenta ou primeiros noventa, mentres que algunhas descricións dos costumes remiten aos sesenta ou setenta, pero non sinalo isto como un demérito: axudan a construír a sensación de pasado indefinido.

A expresión lingüística, porén, fai ocasionalmente escorregar a Varela Puñal cara á ficción non literaria da que falaba antes. Atopamos os lastres habituais en moita literatura galega actual escrita con vocación máis ou menos comercial: adxectivos e adverbios excesivos que non din nada, prosa funcionarial (plenos poderes, inmobles), frases feitas, metáforas febles. Non podo deixar de mencionar os numerosos erros de puntuación (as comas que delimitan, ou non, oracións subordinadas, complementos circunstanciais e aposicións): abráiame que a editora non se esmerase máis, sobre todo tendo a oportunidade dunha segunda edición. Todo isto fai esboroar ás veces a ollada afectuosa, pero irónica e un tanto distanciada (non hai aquí viva antes!) que a autora lles aplica aos seus personaxes: unha mágoa, porque esta ollada é quizais o grande achado da novela.

Os capítulos dedicados a seguir a traxectoria de Susi Arnela son máis irregulares. O seu pasado como símbolo sexual entre os mozos de Xuvino está ben conseguido; non tanto así o seu presente. En xeral, Varela Puñal consegue darlle máis vida a Susi Arnela cando nos conta o que fai nos seus anos de decadencia e non cando nos conta o que pensa: os mini-episodios en que Arnela asiste a clases de baile de salón ou se baña na praia no inverno matizan a ollada irónica e afectuosa de Varela Puñal; quítanlle un pouco de ironía sen que o afecto chegue a virar sentimentalismo. Pola contra, os semi-monólogos interiores de Arnela cando se ve afogada polos seus excesos non resultan cribles: a ironía e o afecto desapareceron sen que fosen substituídos por nada. O mesmo pode dicirse do final, que Varela Puñal intenta retratar coma un fatum, pero resulta precipitado e un tanto ex machina.

Espero que non sexa esta a última entrega narrativa de Varela Puñal. Non quere limitarse a facer un retrato pintoresco nin amable, e son moitas as ocasións en acada o equilibrio entre distanciamento narrativo e implicación humana que adoita facer emocionante a literatura. É tamén unha das autoras pioneiras da nosa literatura en deitar esta ollada sobre unha época (os oitenta e primeiros noventa) que ela coñeceu de nena: unha época mediocre e triunfalista en moitos sentidos na que podemos rastrear algunhas das nosas eivas actuais e que é ben merecedora de futuros tratamentos literarios.

♦ Fin de festa, de Diana Varela Puñal. Laiovento, 2ª edición: 2017. 87 páxinas. ♠10,60€

Eva Moreda.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s