Damián Villalaín: “Casares sentiuse só politicamente en moitos momentos”

César Lorenzo Gil.

Carlos Casares. Vida e literatura, publicado por Xerais, é o volume pensado para o público xuvenil que Damián Villalaín (Vigo, 1958) lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras 2017. O editor e profesor foi compañeiro e amigo de Casares. Ademais é membro da Fundación Carlos Casares e coeditou, xunto a Xan Carballa, Carlos Casares. Os amigos, as imaxes, as palabras (A Nosa Terra, 2002), un dos primeiros grandes traballos recompilatorios sobre o escritor ourensán.

O libro que publica na colección ‘Merlín’ está pensado para o público adolescente e cun evidente fin didáctico pero para nada é condescendente, máis ben mantén o rigor en todo o momento e é unha lectura moi apetecible para adultos.

Eu son profesor e sei que a xente nova, a xente que está aprendendo, hai que tratala con respecto. Poñernos á súa altura non significa considerar que non entenden as cousas ou que se conforman con calquera cousa. Eu neste libro o que quixen principalmente foi contar a vida de Casares dun xeito accesible e pondo o acento na contextualización dos acontecementos persoais e xerais que viviu. A obra literaria trátase dunha maneira superficial, case como unha invitación á lectura, namais.

Non lle dá pena non poder darlle saída a todo o material que de seguro acumulou durante o proceso de documentación que quedou fóra deste volume?

Niso estou. Arestora estou a escribir un libro, que podemos considerar parcialmente unha versión estendida deste outro, que vai ter por fío non tanto unha biografía persoal coma unha biografía intelectual de Carlos Casares. Considero que aínda que el non se consideraba un intelectual senón simplemente un escritor, na realidade interésame achegarme á súa figura baixo ese prisma, atendendo á súa evolución ideolóxica e política. Tamén quero que nese libro haxa unha valoración da súa obra literaria non tanto cun obxectivo filolóxico (que eu non son filólogo) senón a través dunha valoración interpretativa dos temas que escolleu na súa creación.

Vostede era moi próximo a Casares. Cando un acomete un traballo biográfico dun ser querido, non sei como se consegue o distanciamento necesario para ser obxectivo e superar os vínculos co biografado.

Sempre queda a alternativa de non superalos senón facer todo o contrario. Eu reflexionei sobre isto que me preguntas e finalmente decidín non apartarme senón involucrarme, formar parte do libro, redactalo, en fin,en primeira persoa. Non pretendo expoñer unha visión obxectiva, quero facer a biografía do meu Casares, o Casares que eu coñecín.

Falemos de Casares. A súa evolución ideolóxica foi exótica no seu tempo en Galicia. Combinou un galeguismo íntegro e militante cunha postura afastada do nacionalismo dominante na época.

Casares viviu certa soidade política, especialmente nalgúns momentos concretos. En efecto, a súa postura ideolóxica non encaixaba na “normalidade” da época. Hai pouco contáronme unha anécdota ben elocuente. Disque cando Casares era profesor en Cangas na década do 1970 tiña por compañeiro a Francisco Rodríguez, o profesor e ex deputado do BNG, quen lle chamaba “O socialdemócrata”, así, sen máis, como quen nomea unha especie estraña.

O caso é que Casares empeza sendo un cristián, un cristián digamos rebelde, moi esperanzado co proceso de aggiornamento do Concilio Vaticano II, que seguiu con moita atención. É nese momento cando entra no grupo de Ramón Piñeiro e tamén cando empeza a tecer relación con outras figuras que lle toman a palabra ao concilio e inician un proceso de diálogo co marxismo, poño por caso o profesor José Luis López Aranguren, Gregorio Peces-Barba, entre outros. De aí, Casares vai evolucionando cara a certo filomarxismo, sobre todo na liña de Ernesto Che Guevara. El sente moita dor pola morte do Che. É nese tempo que admira a Fidel Castro e os movementos de liberación nacional no Terceiro Mundo. E é por iso que se distancia politicamente de Piñeiro, co que debate moito sobre estes temas, como se pode comprobar na correspondencia daquel tempo.

Mais logo na década do 1970, logo de coñecer a muller, Kristina Berg, e coñecer Suecia e coñecer a experiencia socialdemócrata escandinava, vira cara a unha postura socialdemócrata clara. E cando chega a democracia, vemos a Casares outravolta próximo a Piñeiro.

Casares parecía destinado a ser un dos grandes valores políticos do período autonómico, como foi Xosé Manuel Beiras noutro ámbito. Criouse para iso na “mesa camilla” de Piñeiro. Mais vostede conta no libro que finalmente o propio Casares escolleu, diante de todo, ser escritor.

Non é certo que Piñeiro confiase en Casares como un protagonista da política galega do futuro posfranquista. Máis ben xa desde logo se decata e así o manifesta de que Casares, en realidade, está chamado a ser un renovador da literatura galega. E a Casares a política apaixónao pero non quere estar sometido a un ámbito vital que no fondo non o enche e en efecto escolle a literatura cando ten oportunidade.

Mais a realidade é que tampouco Piñeiro quería ser político. El quería ser filósofo, díxoo sempre e ese era o seu obxectivo antes de que a guerra o colocase nunha posición que el non desexaba. E, de feito, Piñeiro deu por culminadas as súas aspiracións políticas cando se establece o Estatuto de Autonomía do 1981 e na primeira lexislatura se aproban as tres leis que el considera estratéxicas para construír o autogoberno: a creación do Consello da Cultura, a Lei de Normalización Lingüística e a fundación da Compañía da Radio e Televisión de Galicia. Tanto é así que os galeguistas que se presentaran nas listas do PSdeG-PSOE non querían recuncar na seguinte lexislatura; Alfredo Conde optou por ficar e os seus compañeiros respectaron a súa decisión pero tanto Piñeiro coma Casares tiñan claro que non querían continuar.

Que influencia tivo Vicente Risco na formación intelectual e persoal de Casares?

Coido que Risco influíu menos do que se adoita dicir sobre el. Casares coñéceo logo de gañar un concurso literario xuvenil e queda fascinado. Risco na altura era un home dunha cultura inmensa, moi amable, así con aquel aspecto esmirrichado, co cigarro sempre na man, aburrido dos seus compañeiros de xeración en Ourense (Ferro Couselo, Xocas, que eran moi de xogar ao naipe, o contrario ca el), que buscaba a compañía dos máis novos porque se divertía máis con eles. Casares convive con ese Risco no tempo que en Ourense se coñece como o tempo dos Artistiñas: Manzano, Buciños, López Cid… E nace unha boa amizade amais da admiración. E é por iso que cando Casares chega a estudar á universidade e entra no grupo de Piñeiro, fica sorprendido co retrato de Risco como traidor que alí lle transmiten. Non lle empataba aquela imaxe afable con aquel relato que lle descobre o Risco que cambia de chaqueta no 36. Casares escribiu unha excelente biografía de Risco e sempre intentou comprender a súa evolución persoal e ideolóxica pero non se pode considerar un discípulo del a ningún nivel.

Falemos do Casares editor. Nesta páxina, Henrique Monteagudo afirmaba que nin el puido evitar que Galaxia perdese, no tempo do establecemento da autonomía, o papel preponderante na cultura que a editora tivera no tardofranquismo. Que Xerais foi máis intelixente ao saber que materiais, sobre todo educativos, cumprían para o novo tempo institucional. Comparte a súa opinión?

Claro. Antes falabamos da soidade de Casares. A chegada del a Galaxia é un deses momentos de soidade. Viña de estar catro anos no parlamento, cos socialistas, e unha parte do galeguismo non llo perdoou e illouno.

Mais cómpre recordar que Galaxia, que en efecto, fora a grande editora antes da democracia, non podía medrar máis; podía manterse pero nada máis. A Galaxia é certo que o cambio institucional a colle co pé cambiado. En Galicia establécense grupos editoriais españois, non só Xerais (Santillana, SM, Everest…) e Galaxia non pode competir nin por recursos nin por modelo. Galaxia non era unha empresa senón unha fundación e funcionaba con criterios sen ánimo de lucro. Tamén é certo que Ramón Piñeiro non podía atender a todo cando estaba no Parlamento e iso notouse.

Que fixo Casares? Logrou profesionalizar a editorial e superar ese período de decadencia, até o punto de que a pesar de que houbo un momento no que o ideal para un autor era publicar en Xerais, moitos deses nomes fixeron o posible por poderen estar no catálogo de Galaxia.

Como se constrúe a identidade literaria de Casares?

Casares críase nun ambiente galegofalante. A ver, na casa fala en galego, co seu pai, e en castelán, coa nai. Ela era castelanfalante. Mais críase en Xinzo da Limia, onde o galego é maioritario. En Xinzo, durante a adolescencia, accede a lecturas interesantes na súa formación a través de Antonio Rodríguez, que fora profesor del e que estaba ao cargo da biblioteca municipal da vila. Nese tempo le incluso libros prohibidos, le a Valle Inclán, le a Antonio Machado… Mais cando chega ao seminario, prohíbenlle falar en galego. Isto foi un choque para el e coido que foi nesa etapa na que desenvolve esa sensibilidade persoal e social que logo ha dominar a súa obra.

De que tradición literaria bebe Casares? Cando publica Vento ferido estaba en boga a Nova Narrativa Galega. Pódese adscribir a ese movemento?

Coido que a base da súa primeira literatura, a que se recolle nese libro inaugural, é o neorrealismo e o existencialismo. Son evidentes as pegadas de dous autores concretos: Cesare Pavese e Albert Camus.

Cando falamos de Nova Narrativa, temos que dilucidar a que nos referimos concretamente: Falamos do proceso de renovación das formas de narrar que se vai producindo ao longo do século XX, en debate co paradigma realista do XIX? Ou falamos do movemento literario francés que se calcou ao galego (o Nouveau Roman), que cultivaron Alain Robbe-Grillet ou Claude Ollier, por exemplo? Casares si formou parte dese proceso de renovación, de recompilación de novas técnicas de narración que cultivaron Faulkner, Kafka ou Joyce. Pero el non tiña especial querenza pola escola francesa, quizais por Marguerite Duras, que formou parte tanxencialmente dese movemento, namais. El rexeitaba facer unha literatura dominada pola técnica. De todos os xeitos, hai que relativizar ese suposto dominio da Nova Narrativa nas letras galegas. Canto do que se escribiu realmente era Nova Narrativa? A obra (pouca) de Gonzalo Rodríguez Mourullo, A orella no buraco, de María Xosé Queizán, Arrabaldo do Norte, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e Lonxe de nós e dentro, de Camilo Gonsar.

Un dos obxectivos do Casares narrador é conseguir ser un autor accesible, de liña clara. Nunca ocultou a súa vocación de converterse nun autor popular. Mais non sei se as propias características do sistema literario en galego llo impediron, e só conseguiu esa popularidade a través da columna que publicaba a diario en La Voz de Galicia.

Na obra narrativa de Carlos Casares hai varios niveis de lectura. Hai lectores para Ilustrísima, lectores para Vento ferido e lectores para Deus sentado nun sillón azul, O sol do verán ou Os mortos daquel verán, por dar uns poucos exemplos. Deus sentado nun sillón azul é unha obra moi elaborada, moi esixente para o lector e a pesar diso xa esgotou coido que cinco edicións. É dicir, si é un autor próximo ao público. E é certo que el quere chegar a ese público pero sen renunciar en ningún momento ao seu universo creativo. E foi fiel a iso, igual que foi fiel ao idioma galego. Que a popularidade lle chega a través do xornalismo? Pois é pero é que a calidade da obra xornalística de Casares é altísima. Recoñezo que eu estiven moitos anos sen lela e agora volvín a ela e fiquei gratamente sorprendido. Casares sempre admirou catro “escritores de xornal”: Borobó, Álvaro Cunqueiro, Julio Camba e Josep Pla. Coido que el está á altura deles.

Había o tópico de que Casares escribía pouco. Que se gababa en público de que prefería facer outras cousas. Mais vostede conta no libro que máis ben todo o contrario, era un autor disciplinado, moi ambicioso e traballador.

Carlos Casares nunca pensou en facer carreira literaria. Nunca se lle ocorreu autoobrigarse a publicar un libro cada ano ou cada dous anos para manter a atención do público, dos medios… E nese punto sempre se beneficiou de que o sistema galego non é tan competitivo coma o español ou o inglés. El non ocultaba que adoraba escribir pero non renunciaba a outros praceres. Era un home que quería vivir e compartir a vida. Cando realmente o vías feliz era cando fumaba un puro nunha longa sobremesa, cando parolaba disto ou do outro. Era un gran conversador, non só polo ben que falaba senón tamén porque sabía escoitar moi ben.

E ademais, en efecto, era un escritor moi meticuloso. Escribía relativamente rápido. Era quen de ter o bruto dunha novela en seis-sete meses, o que el denominaba copión, un termo da cinematografía que define o bruto da rodaxe denantes de que o director inicie o proceso de montaxe. E logo traballaba ese copión. Dáballo a ler a amigos, eu lin algún, tamén Manuel Rodríguez, o profesor de Filosofía, era un destes primeiros lectores… E logo empezaba un proceso de depuración que demoraba anos. De O sol do verán chegou a haber 14 ou 15 versións. Esa sinxeleza casariana, esa sensación de naturalidade que tan ben conseguía, esa narración que parece que sae así espontánea en realidade era froito dun traballo minucioso de elaboración.

Ao redor de Casares teceuse toda unha mitoloxía sobre a súa vida persoal e os trazos da súa personalidade. Xa lin del que fora ladrón de libros, sedutor de doncelas, capaz do maior das xenerosidades e vítima de enfados que lle facían ferver as veas. Vostede coñeceuno, compartiu moito con el.

Certo. O que Casares nunca foi é unha personalidade napoleónica, asoballadora. Falaba tanto co catedrático coma co labrego, tiña amigos que coidaban cabalos e amigos ministros. Carlos Casares foi a persoa máis intelixente que eu coñecín na vida. Unha persoa xenerosa, que incluso cando presidía o Consello da Cultura non se negou nunca a escribir para a máis humilde revista ou ir visitar unha escola para dar unha charla. Unha persoa accesible, cariñosa. Que se enfadaba? Pois si. Que lle gustaban as mulleres? É claro. E elas gustaban moito del tamén. Casares dicía que só é pecado aquilo que se fai de cintura para arriba. Eu coido que só poden falar mal de Casares aqueles que non o coñeceron. Se o coñecías, ficabas engaiolado por el.

A morte de Casares no 2002 foi inesperada e moi dorosa para a cultura galega. Era tan obvia a súa influencia que se daba por seguro de que recibiría unha automática homenaxe no Día das Letras tan pronto as normas do galardón (ter falecido dez anos antes) o permitisen. Mais chegou o 2012 e aquel consenso parece que se perdera.

Non penso que haxa que procurar explicacións estrañas para que en vez do seu décimo cabodano, a homenaxe polo Día das Letras a Casares chegue no décimo quinto. Os mecanismos de decisión na RAG son complexos e interveñen moitos factores. O interesante desta data é comprobar como Casares é neste ano un autor celebrado. Eu penso que o Día das Letras non é tanto un refrendo “cara á eternidade” do valor dun persoeiro senón probar que vixencia ten a súa obra na sociedade no intre que se celebra. E penso que Casares pasou con solvencia a proba. O que queda agora, que esta festa no 2017 favoreza que se coñeza máis a súa obra e figura e que nas xeracións máis novas naza a vontade de lelo. Ese fin coido que é o principal no Día das Letras e que autores coma o Carlos Casares conseguen cumprilo.

Advertisements

Un comentario en “Damián Villalaín: “Casares sentiuse só politicamente en moitos momentos”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s