Que le a xente de proveito?

Xesús González Gómez.

O domingo día 23 de abril, día de Sant Jordi, o xornal La Vanguardia publicou unha enquisa especial: Cal é o seu libro? Na cabeceira de case todas as páxinas, nas distintas seccións do xornal, aparecía unha foto de quen, teoricamente, respondía, así como o título e a portada do libro, en edición española ou catalá, se a había. Algunhas das respostas, a maioría, foran indagadas polos xornalistas de La Vanguardia, e outras tiradas, supomos, de declaracións dos personaxes que recomendaban un libro.

A primeira sección do xornal barcelonés é a dedicada á política internacional, e así comezaban, porque ese día se celebraba a primeira volta das eleccións presidenciais francesas, cos libros que suxerían os candidatos á presidencia da república gala. Como se verá ao longo das transcricións, unhas respostas son totalmente conxunturais e outras son de, digamos, gusto.

O primeiro en responder (sic) foi Emmanuel Macron, novo presidente de Francia. Macron recomendaba un libro… de poesía. E dun poeta nada fácil: René Char. O libro é Furor e misterio, escrito mentres Char estaba no monte, a loitar contra o invasor alemán, alá polo 1942-1943 (existen diversas edicións en español, quedemos coa que publicou Galaxia Guttenberg). A resposta de Marine Le Pen era, ademais de política: O desembarco, de Jean Raspail (o título orixinal é Le champ des Saints) “conxuntural”. A novela, publicada en 1973, narra o “desembarco” de emigrantes en Europa e a desaparición da civilización occidental, etc. En español fora editada no seu día por Plaza & Janés e foi reeditada non hai moito pola moi dereitista editorial Áltera. O candidato da esquerda, J.-L. Mélenchon recomendaba Matadeiro-5, de Kurt Vonnegut, xa un clásico (Anagrama edición española; existen versións catalás e vasca). O candidato socialista, Benoît Hamon, a Camus: O verán. Vodas (edición española, Edhasa; en catalán, Edicions 62) e o candidato da dereita, François Fillon, que se reclama do xeneral de Gaulle, era consecuente consigo mesmo: Memorias da esperanza, do citado xeneral (Taurus). A “premier” inglesa, amante e lectora voraz de novelas policiais, recomendaba Orgullo e prexuízo, de Jane Austen –existen diversas versión tanto en castelán como catalán –, e o líder laborista, Jeremy Corbyn, o Ulises, de Joyce (Galaxia): “é moi difícil de entender a primeira vez e non resulta demasiado máis fácil na terceira ou cuarta lectura”. A chanceler alemá, Angela Merkel decidíase por Vievzig Jahre, de Günter de Bryn (que eu saiba, non traducida a ningunha lingua peninsular). Neste libro o autor relata a súa experiencia de 40 anos de réxime xermano-oriental: a chanceler lembraba a súa mocidade, supomos. E o líder socialdemócrata, Martin Schulz, decantábase por un xa clásico norteamericano: Ao este do Edén, de John Steinbeck (Tusquets).

A recomendación de Donald Trump é moi “trumpiana”: Reasons vote for democrat, de Michele L. Knowles: “Un gran libro”, segundo o presidente dos USA. O libro seica foi un hit entre os republicanos daquel país. Ora, sucede que, á parte do índice e os títulos dos capítulos, as súas 256 páxinas están en branco. (Hai anos, a catalá editorial Eumo, vinculada á Universidade de Vic, hoxe en mans do grupo Planeta, publicou un libro, En blanc, cuxas páxinas estaban todas en branco, para que cadaquén escribise o que lle petase; no 1978, Carlos Fisas, que se fixo moi coñecido como colaborador radiofónico e autor dunha serie de Historias de las historias de amor, de gran venda, regalaba un libro da súa autoría: Que hacer con el sexo a partir de los 60. Fóra da portada co título, todo o demais eran páxinas en branco.) A filla de Trump, Ivanka recomendaba El umbral de la eternidad, de Ken Follet (Plaza & Janés; El llindar de l’eternitat, en catalán, Rosa dels vents): “Encantáronme os dous primeiros libros e estou a medio camiño co terceiro. Son unha gran fan da ficción histórica e Follet é un mestre desta arte”. O presidente ruso, Putin, elixía un clásico romántico do seu país: Un heroe do noso tempo, de M. Liermontov (Xerais): “Na miña mesa permanentemente esta Liermontov para me distraer e en xeral para pasar a outro mundo: san, fermoso e interesante”. A primeira ministra de Escocia, Nicola Stugeon, ía ao seu: Sunset Song, de Lewis Grassic Gibbon (non coñezo traducións ibéricas desta novela: “Lino por primeira vez aos 13 ou 14 anos. É unha historia marabillosa, belamente escrita, que tamén conta a historia do meu país. Os seus temas son eternos”. O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, elixía Prisoners of Geography, de Tim Marshall, un libro que se articula en torno a dez mapas de rexións cruciais do mundo para explicar as estratexias xeopolítica dos grandes poderes. E o papa Franciso: Nati Liquidi, a obra póstuma de Zygmunt Bauman, que é un diálogo do sociólogo polaco con xornalista Thomas Leoncini. Virginia Raggi, a alcaldesa de Roma polo Movemento Cinco Estrelas: O Principiño (Galaxia), do que di, “Releo cada ano”. O primeiro ministro israelí, Beniamin Netanyahu decantábase polo poemario de Haum Nahman Balik, A cidade do exterminio, do que existe unha versión española completamente esgotada que publicou en 1987 as Ediciones del Dragón, nunha tradución de Jose Mª Millàs Vallicrosa, un deses sabios cataláns e catalanistas que despois de 1940 non volveu publicar un libro en catalán: antes de 1936 case todas as súas publicacións e traducións foran no sei idioma natal. Villacrosa traducira este poemario de Balik nos anos 1950 e Ediciones del Dragón recuperárao. E, para finalizar, o presidente turco, Edrogan, modelo de demócratas, recomendaba Safahat, de Mehmet Akif Ersoy, primeiro libro de poemas de Ersoy, autor do himno nacional turco (tampouco deste autor sei de traducións ibéricas). A súa poesía, afirmaba La Vanguardia, glosa o afundimento do Imperio Otomán e a loita pola independencia nos anos 1920. Evidentemente, ninguén esperaba que recomendase a Orhan Pamuk ou a Nazim Hikmet.

Políticos españois

Despois da sección de política internacional vén a de política española. O primeiro político español que recomendaba un libro era o presidente do goberno, Mariano Raxoi, e sinalaba Persona non grata (Tusquets), de Jorge Edwards, dicindo que era un libro pioneiro na disidencia e abrira o camiño para outros disidentes. Lería o presidente, adepto e adicto á última páxina do xornal deportivo Marca, a Jorge Edwards, ou “sopráronlle” título e tema os seus asesores, como facían os de José María Aznar? Despois do presidente do goberno español, o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont. Este recomendaba a novela de Pilar Rahola, La Rosa de Cendra (Planeta), o que é de agradecido: sempre está ben que os señores agradezan os favores aos fieis vasalos. A coordinadora do PDECAT (antiga Convergència Democrática de Catalunya, que cambiou de nome por dúas razóns, a ver se así deixa de baixar en votos e, o máis importante, para intentar apagar as voces que falan da súa corrupción “sistémica”, por usar un adxectivo de moda), Marta Pascal, recomendaba unha boa novela, de autora catalá: Els vells amics, de Sílvia Soler (Proa), esquecendo toda posición ou política conxuntural. Non facía o mesmo Oriol Junqueras, líder de Esquerra Republicana de Catalunya (xa se sabe, de esquerda ningún, republicanos uns poucos, de Catalunya, todos), que recomendaba o libro do ex-dirixente da CUP Antonio Baños, La República possible (Ara llibres), que non lin e nin comentarei (ademais, está mal falar de ex-compañeiros de traballo; mellor dito de colaboradores humorísticos en programas de radio dos que un era produtor, que é ao que se dedicaba Baños antes de entrar na política). A líder catalá de Ciudadanos, Inés Arrimadas, recomendaba o excelente El voto femenino y yo (Instituto Andaluz de la Mujer), de Clara Campoamor, o que é de agradecer: non se decantou por idioteces asinadas polos Trapiellos, Muñoces Molinas, Savateres ou Zarzalejos varios ou calquera dos editorialistas de El País, ABC ou El Mundo. O líder do PP en Cataluña, García Albiol, do que se dubida que lese algún libro, curiosamente si recomendaba un, El pasajero 23 (Ediciones B), de Sebastian Fitzek, un trhiller que, de seguro, non é nada comparado coas intrigas do seu partido. A lideresa da CUP Anna Gabriel, recomendaba unha biografía de Ulrike Meinhof: la biografia (Tigre de paper), escrita por Jutta Ditfuth: mágoa que non tome exemplo da alemá, e ela, e mais o seu partido ou conglomerado, e estea máis a favor da clase que da “nación”. O presidente da xestora do PSOE, Javier Fernández, recomendaba De mujeres con hombres (Anagrama), engadindo que Richard Ford, o seu autor, afirmara que era, sobre todo, un escritor politico, co que estamos de acordo: tamén podía engadir que político e non politiqueiro. Pablo Iglesias, pola súa banda, elixía El Premio (Planeta), de Manuel Vázquez Montalbán. Novela que, con todo, non é, precisamente, a mellor do seu autor, pero ben paga a pena recomendala. Albert Rivera,o líder de Ciudadanos, recomendaba Sapiens. De animales a dioses (supomos que en edición española de Debate, non na catalá de Edicions 62: Sàpiens. Una breu història de l’humanitat,que tal é o seu título en catalán), de Yuval Noah Harari: “Unha crónica sobre a evolución da humanidade que nos fai ter unha nova visión do que fomos e do que seremos”. Mágoa que non dea unha nova visión de Ciudadanos, debe pensar Rivera, senón que manteña a de sempre: o partido do IBEX-35.

As recomendacións da Cultura

Até aquí, os líderes e as lideresas político/as internacionais, nacionais ou autonómicos. Viñan despois aqueles/as que aparecían no apartado “Tendencias”, que é un apartado de moda nos diferentes xornais, apartado no que se amorean indebidamente feitos e persoas que teñen tanto a ver uns cos outros como o touciño coa velocidade. Noutros tempos, máis serios(?), este apartado dividíase, tal cal maoísta, en dous: “Sociedade”, apartado ou sección no que ían parar as idioteces do día, e “Sucesos”. Como que continúan ir, maiormente, a esa sección as idioteces de sempre, saltámola, e imos directamente ao apartado cultura.

Neste apartado opinan escritores, actores, directores de cinema, etcétera etcétera. Debera ser o apartado no que o amante da literatura debería descubrir libros que non coñece ou que están no seu “corazón”. É así? Vexamos.

Richard Gere,o actor americano, recomendaba Elogio de la sombra (Alianza), de Borges: “Unha recomendación? Mellor dúas, o poema ‘Laberinto’, de Borges e O Barón rampante (Xerais), de Calvino”. Despois desta boa recomendación viña a da directora de cinema Isabel Coixet: “La España vacía (Turner), de Sergio del Molino, un ensaio fascinante que se le como unha novela”. O libro de del Molino non entrou na lista de maiores vendas, pero leva suficientes libros vendidos para que a esperanza aínda se manteña, xa que é un libro máis que excelente. E continuaba subindo o nivel das recomendacións. David Carabén, lider do grupo Mishima, recomendaba “Ferdydurke (Seix & Barral; Quaderns Crema, edición catalá; en catalán existe outra versión, hoxe fóra do mercado, doadamente encontrábel en librarías de segunda man, de 1968, reeditada logo, en Edicions 62; a tradución de Quaderns Crema está feita directamente do polaco; a de 62, das versións francesas e inglesa), de W. Gombrowicz: lino hai moitos anos e causoume unha grande impresión, ademais de pasalo moi ben porque é á vez divertido e moi reflexivo, E ten un estilo único”. A verdade é que o director de cinema Jaume Balagueró facía unha recomendación literaria: A neta do señor Linh (Salamandra; La neta del senyor Linh, edición catalá de RBA), de Philippe Claudel (“Unha fábula exquisita sobre a soidade e a vida, dunha sensibilidade embriagadora”), mais baixaba o nivel. Nivel que volvía a subir a artista Alicia Framis, recomendando In the flow, de Boris Groy “Para os mozos creadores. Define moi ben que é unha revolución hoxe. É unha destrución radical da sociedade actual e explica moi ben a arte do inmediato futuro” –este ensaio de Groys non está, que saibamos, traducido a ningunha lingua peninsular, polo que recomendamos os seus libros traducidos ao español a todo lector que estea e ler estas liñas. Recomendamos, sobre todo, Obra de arte total Stalin (Pretextos). A editora da edición española da revista Granta recomendaba a novela de Carlos Fonseca Coronel Lágrimas (Anagrama), e avisaba: “Coidado, lector, nestas páxinas experimentarás vertixe, ansiedade e felicidade. Unha bela ópera prima. Narrativa intelixente, e aínda conversando con Borges”. Non coñezo a novela deste escritor costarricense, así que recomendo esta recensión crítica de Xosé Antonio López Silva. A cantante Rosalía decantábase por un clásico: O libro de Morelle (última edición española, Alianza, existen varias. Matc Editor, edición catalá), de Marcel Schwob: “Cando lin este libro confeso que me namorei de Monelle e da súas profecías. Elíxoo por uns relatos tan vivos e escuros á vez”. A bailarina e coreógrafa Àngels Margarit apostaba por Argelagues (Proa). de Gemma Ruíz, “pola súa recuperación da oralidade e a memoria da nosa avoas”. A novela de Ruíz estivo entre as dez máis vendidas en catalán na xornada do Día de Sant Jordi. Uri Altadell, director do festival IN-EDIT, recomendaba o libro de relatos de Ruy d’Aleixo (non é nin brasileiro nin portugués, é catalán nacido en Sant Feliu de Codines), Els noms dels seus déus (Males herbes): “Gústame porque son personaxes que son escravos dunha vida que buscan de maneira desesperada no seu lugar no mundo”. O escritor arxentino Rodrigo Fresán recomendaba Los cinco y yo (Tusquets), de Antronio Orejudo: “Nunca lin un libro dos Cinco [é dicir, as aventuras narrada por Enid Blyton] e xa nin falta que me fai ao ler este libro. Orejudo dálle aquí unha volta orixinalísima e completamente irreal ao asunto ese do realismo”. En cambio, o director de teatro Lluís Pasqual íase polo lado científico: “El gen. Una historia personal (Debate; edición catalá, Edicións de la Campana: El gen. Una història íntima), de Siddartha Mikherjee, libro que foi unha das dez maiores vendas en catalán no apartado de non-ficción: “Hai moitas maneiras de explicar o ser humano e de paso atoparlle sentido. A xenética é unha. E en mans deste biólogo é apaixonante”. A actriz Alba Aguilera decantábase por unha novela, de autora francesa: Vernon Subutex (Random House Mondadori), de Virgine Despentes, a autora de Fóllame: “Retrato rachador  e sen filtros do París máis real. Somérxete na psique destes personaxes que xiran en torno a un homeless que todos podemos ser mañá”.

O escritor mallorquino, Biel Mesquida, que fora un dos enfants terribles do textualismo catalán (L’adolescent de sal), recomendaba La memòria de l’arbre (Anagrama[1]), de Tina Vallès, unha autora que a cada libro se supera. Non é escritora de masas, mais a cada libro amplía o seu círculo de incondicionais, porque Vallès é desas autoras, dos que se está, apaixonadamente, ou a favor ou en contra: “La memòria de l’arbre, un neno esponxa que nos fai vibrar de visións, sentidos e sentimentos. Un libro conmovedor!”. A responsábel de Farregut Fund for Catalan Culture decantábase por La ciutat cansada (Proa; premio Carles Riba de poesía 2016)), de Maria Cabrera: “É un libro con poemas que non deixaron de me impresionar mesmo despois de que os traducise ao inglés”. Quimi Portet (ex-Último de la fila) lembrábase dun clásico catalán que, en verdade, só goza do favor de círculos moi restrinxidos a pesar de ser un bo novelista: “L’home que es va perdre [Quaderns Crema; existe versión castelán, Sirmio-El Acantilado, o selo en castelán de Quaderns Crema], de Francesc Trabal, escrita en 1929, dunha especie de realismo máxico sabadellense, de amenidade intrínseca e audacia sorprendente” e, o último na sección cultura, o director do Museu Picasso de Barcelona, o francés Emmanuel Guignon, coñecido autor de monografías sobre pintores surrealistas, sobre Eugenio F. Granell e outros. Guignon recomendaba unha obra mestra da literatura española: Jusep Torres Campalans (existen varias edicións: Destino, Lumen, etc., algunha delas esgotada), de Max Aub: “A biografía dun pintor imaxinario, amigo de Picasso, inmerso no furacán da vangardas de principios de século [XX]. Unha broma literaria que sempre me gustou”.

Viña logo a vez do deporte, de dirixentes de clubs ou de oficinas burocráticas e de deportistas. Xa sabemos a mala prensa que gozan os deportistas no que á cultura se refire. Por exemplo, hai anos corría unha anécdota a respecto do búlgaro Hristo Stoichkov, alto mando do exército do seu país coma todos os futbolistas internacionais. Foi fichado polo Barça. No vestiario viu que Josep Guardiola tiña libros, e preguntou, o búlgaro, aos seus compañeiros, se Guardiola era homosexual. Evidentemente, o de homosexual é, neste caso un eufemismo. Outra anécdota. Un coñecido adestrador vasco é un gran lector, entre os seus escritores preferidos cóntase Kafka. Xogou nos dous equipos da Cidade Condal. Cando o entrevistaban os xornalistas, respondía topicamente. Unha amiga súa (natural do mesmo lugar que o hoxe adestrador, e libreira de profesión) preguntoulle porque só farfallaba tópicos, e contestou que se, por casualidade, se saía da tónica xeral, os xornalistas sempre lle farían as preguntas a el. En fin, deixemos as anécdotas e vaiamos ás recomendacións.

Robert Fernández, o secretario técnico do F. C. Barcelona recomendaba Todo esto te daré (Planeta; Tot això et donarè, Columna, a edición en catalán. Hai tamén edición galega, de Xerais), de Dolores Redondo (“A intriga mantense durante toda a novela e ademais hai un final inesperado”). Lembre o lector que a novela desta escritora navarra, gañadora do Planeta do ano pasado, se desenvolve na Ribeira Sacra. Redondo vendeu libros abondo o día de Sant Jordi –eu só lin a primeira novela desta autora, e desde a páxina 40 deixou de interesarme. Non volvín recaer.

Logo viña a resposta de Jorge Valdano, o “intelectual” do fútbol: El último milagro, de Horacio Convertini (Nuevo Extremo, Buenos Aires): “Novela negra sobre a crise terminal do Racing, en Arxentina. Personaxes ben trazados capaces de todos os males inimaxinábeis, mais sempre por amor… ao Racing”. Novela divertida na que resulta que o conspirador máximo é un poeta que cita a Artaud, Rimbaud e outros. Non sei se é doado atopala en librarías españolas: hai exemplares nalgunhas bibliotecas municipais de Barcelona.

O presidente do Barça, Josep Maria Bertomeu (que nestes momentos esta a tourear coa xustiza), recomendaba El setè àngel (Proa), de David Cirici: “Unha novela moi recomendábel, cun publicista de éxito, o seu fillo náufrago e os refuxiados como grandes protagonistas”. Cirici hai un anos deu o salto da literatura infanto/xuvenil –que non abandonou– á literatura para adultos de moita calidade. Foi un dos dez libros máis vendidos de ficción en catalá o día de Sant Jordi. Laia Palau, xogadora de baloncesto e medalla de prata olímpica, vén destruír a imaxe clásica da deportista: Crematorio (Anagrama), de Rafael Chirbes: “Unha novela interesante que denuncia a corrupción, a mala política e a especulación inmobiliaria. Moi actual, non si?”. A ver quen lle quita a razón. O adestrador do Español, Quique Sánchez Flores, recomenda Canastas sagradas (Paidotribo), de Phil Jackson: “Este libro é pura vocación, liderado. Un exemplo práctico (sic) para calquera”. Observemos que os xornalistas non pediron a opinión do adestrador do FC Barcelona: por que? Adivíñeo o lector, de seguro que acerta. Anna Tarrés é técnica de natación sincronizada, recomenda “Unha interesante reflexión sobre o proceso creativo e a creatividade que hai en cada un de nós”. Iso é o que entregaría, segundo Tarrés La creatividad. El fluir y la psicología del descubrimiento a la invención (Paidós), de Mihaly Csikszentmihaly. O Presidente do Consello Superior de Deportes, recomenda un libro político, porque é un político: El factor humano (Seix Barral; El factor humà, Edicions La Campana, en catalán), de John Carlin: “Transmite con fidelidade os valores de respecto, integración, esforzo, sacrificio e superación propios do deporte e que poden contribuír a facer un mundo mellor”, cando o libro é o exemplo de como un demócrata aplica a súa ideoloxía ao deporte, que é competividade, xerarquía, etc., e estupidización das masas. Non é certo que o deporte rei non gusta a case ninguén? Que seareiro do Barça, do Real Madrid, do Depor, do Celta ou do Rúa de Valdeorras CF é capaz de estar dúas horas diante da pantalla vendo un partido entre Alemaña e Brasil se pode mirar o seu equipo, aínda que xogue contra un quinta división –non sei se existe tal categoría? Os seareiros simplemente defenden as súas “cores”, nada de calidade deportiva ou futbolística, non sexamos inxenuos. E quen di o fútbol di outros deportes de “masas”: o que menos interesa aos seareiros é o deporte. O que interesa é gañar, que gañe o “seu” equipo, e se é posíbel humillar o contrario, estes son os verdadeiros valores do deporte, hoxe por  hoxe.

Joel González, campión olímpico de taekwondo, recomenda Leonardo da Vinci, cara a cara (Aguilar),de Christian Gálvez, coñecido presentador de televisión: “A intriga e o non saber que pasará. Entusiásmame na lectura e no meu día a día”. O piragüísta e campión olímpico da súa modalidade Saúl Craviotto recomenda un thriller, líder de vendas no Sant Jordi 2016 e que este ano aínda se vendeu ben: La chica del tren (Planeta; en catalán, Edicions La Campana: La noia del tren), de Paula Hawkins: “Gústame porque é un thriller psicolóxico no que nada é o que semella e non podes deixar de ler”. Outro campión olímpico, modalidade tenis, Marc López, recomenda La mano de Fátima (Grijalbo; Plaza & Janés en catalán: La mà de Fàtima), do defraudador a Facenda Idelfonso Falcones: “Gustoume porque é unha historia na que un se ve realizado pola loita e as dificultades dunha vida difícil” e a tamén campioa olímpica, en natación, Ona Carbonell recomenda Open: Memorias (Duomo editorial), de André Agassi: “Consegues entrar no seu mundo e eu, coma deportista, sentinme moi identificada”.

O piloto de moto Gerard Farrés recomenda 48 brazadas (Planeta), do nadador Miquel Sunyer: “Como a miña vida foi unha superación constante, o meu lema é ‘A vitoria sempre’, por iso gústanme e motívanme estes libros, como este de Miquel Sunyer”. E, para finalizar este apartado ou sección, vai a recomendación do presidente do Joventut de Badalona, Jordi Villacampa: Els vells amics, de Sílvia Soler –unha das dez mellores vendas o día de Sant Jordi e que como se viu recomendara Marta Pascal, coordinadora de Convergència Democràtica de Catalunya, perdón, do PDCAT –: “A experiencia de cinco amigos a partir dunha viaxe de tan só catro días explícanos o sentido da vida e fálanos tamén do valor da amizade”.

Despois de deportes vén a sección de Economía. Que nos recomendarán economistas, banqueiros e demais “ralea”? Velaí as súas recomendacións, e como non aparece ningún banqueiro e case ningún economista, quedamos sen saber se os primeiros nos recomendarían libros sobre a Mafia ou vidas de bandoleiros e os segundos novelas e relatos de ciencia ficción ou de fantasy.

Núria Mas, conselleira do Banco de España decántase por Marta Rojals e a súa novela Primavera, estiu, etc. (La Magrana-RBA): “Unha novela sorprendente, chea de xiros, capaz de converter unha historia normal sobre unha rapaza corrente en algo apaixonante”. Non coñezo esta novela, mais se Núria Mas di verdade, é para lela: unha persoa corrente convertida en protagonista (sic) dunha novela! Xa era hora, abofé.

A xuíza mercantil Marta Cervera apúntase á gran literatura: Cáscara de nuez (Anagrama, que tamén publicou a versión en catalán: Closca de nou), de Ian McEwan: “Ao principio o libro sorpréndete porque o narrador é un bebé dunha embarazada, mais axiña descobres que é todo un acerto por parte do autor”. Un autor que adoitar acertar case 100 sobre 100. María Remero, secretaria xeral da USOC (Unión sindical obrera de Catalunya, terceira forza sindical de Cataluña), decántase por O Principiño, o mesmo que alcaldesa de Roma (e é que deus os cría e as ideoloxías os arrexuntan): “O esencial é invisíbel porque só no corazón se pode ver ben”: A ver que opina o xuíz que os investiga desde hai un ano por fraudes en ERES.

A directora da Oficina Económica da Moncloa, Eva Valle Maestro, recomenda unha novela cuxo autor está nos seus antípodas ideolóxicos: El movimiento del Caballo (Salamandra; El moviment del cavall, Bromera, en catalán) de Andrea Camilleri: “Novela intelixente, irónica, orixinal divertida e atemporal. Con personaxes únicos e unha trama policial maxistral, do mellor de Camilleri, aínda que sen Montalbano” e a presidenta de Sellbytel vai polo clásico: Memorias de Adriano (Edhasa; Proa, Memòries d’Adrià, tamén existe en edición de peto, La butxaca, que recuperan a tradución de Jaume Creus publicada en 1983 pola defunta Editorial Laia. En galego, Memorias de Hadrián, publicada por Positivas), de Marguerite Youcernar: “Novela que en moitas ocasións se volve poesía, que reflexiona sobre a vida e a morte, as guerras e o amor, cunha sabedoría e sensibilidades extraordinarias”. Elena Massot, conselleira delegada de Vertix: Argelagues, de Gemma Ruíz, novela que tamén recomendara a coreógrafa e bailarina Àngels Margarit, como vimos: “Homenaxe a unha xeración de mulleres valentes, solidarias e con gran capacidade de sacrificio, que saíron adiante en anos moi duros. Iría ben recuperar o seu espírito”.

E, para acabarmos, Gloria Molins, fundadora de Tri4real (Airbnb): Un arbol crece en Brooklyn (Lumen), de Betty Smith: “Unha historia entrañábel relatada por unha nena, filla de emigrantes europeos en Brooklyn. Unha novela sinxela, sincera, próxima e que deixa pegada”. (Lembre o lector que a adaptación desta novela ao cine en 1945 foi o primeiro “éxito” do director elia Kazan)

E un dato: observaría o lector que dentro do apartado ou sección “Economía” todas as consultadas son mulleres; por que? A min ocórrense dúas razóns: os homes que integrarían este apartado só len xornais económicos e/ou deportivos, ou alguén da redacción de La Vanguardia (misóxino ou antifeminista) pensou que poñendo só mulleres ía quitar razón a aquelas que din que a muller está discriminada no mundo do traballo. Como isto último é máis que certo, se a consulta non se realizou tendo como pretexto estas dúas razóns, non vexo outras.

Unha lista coas cifras dos máis vendidos

Es España existen diversas empresas que informan das vendas máis ou menos reais de libros: Nielsen, Cegal, Libridata para Cataluña (mais esta “plataforma” non conta cos datos dos FNAC, Corte Inglés e Casa do libro, que son máis ou menos un 40% das vendas), etc.

Hai unas semanas demos os últimos datos sobre as vendas do día de Sant Jordi en Cataluña, segundo Libridata. Agora, a empresa Nielsen entrega as súas cifras dos libros máis vendidos (en número de exemplares) durante a semana do 17 ao 23 de Abril. Nielsen conta con datos das maiores librarías de España e logo realiza unha extrapolación estatística,mais, como di un editor barcelonés –que se mantén no anonimato– en declaracións a La Vanguardia: “que só eles saben como fan, e ademais vana variando [a extrapolación] para axustala, é como a fórmula da Coca-Cola”. Como que os datos son para toda España, ou todo o Estado, como queiran, centrémonos na lista de máis vendidos en catalán esa semana. Os números, segundo Nielsen, son os seguintes:

1.- Nosaltres dos, Xavier Bosch (7.722 exemplares).

2.- Un home cau, Jordi Basté & Marc Artigau (7.063).

3.- Rosa de cendra, Pilar Rahola (6.814).

4.- Quan arriba la penombra, Jaume Cabré (5.579), até aquí datos de Nielsen, os seguintes son datos de Libridata dados a coñecer recentemente.

5.- La senyora Stendhal, Rafael Nadal (5.364)

6.- El vells amics, Sílvia Soler (4.376).

7.- La vida que aprénc, Carles  Capdevila Plandiura (3.212), e o único libro de non ficción.

Desta lista dos sete libros máis vendidos en catalán, cae El que et diré quant et torni a veure, Albert Espinosa e a novela policial de Jordi Basté & Marc Artigau supera a novela de Pilar Rahola. Ora, cómpre matizarmos, que os libros de Espinosa e Rahola se daban como máis vendidos o día 23, é dicir, o día de Sant Jordi, mentres a nova lista inclúe toda a semana. No entanto, os datos vanse achegando á realidade, falta, con todo, que os editores dean as súas cifras, que non as dan: por medo a Facenda, porque venden máis do que din e así non pagan todos os emolumentos por dereitos de autor? Algún día saberase, supoño.

A lista de máis vendidos en español, en todo o estado, esa semana, lidéraa, como non, Patria, de Fernando Aramburu, 20.711 exemplares vendidos nesa semana do 17 ao 23 de abril. O segundo máis vendido foi Lo que te diré cuando vuelva a verte, 13.597 exemplares, sen contarmos a versión catalá, que non se sabe. Como curiosidade, digamos que na lista Nielsen aparece, con 6.188 exemplares vendidos, No soy un monstruo, de Carme Chaparro, novela que aparecía como un dos cinco mellores vendas en castelán na lista ofrecida ao día seguinte de Sant Jordi polo Gremi de Llibreters-Libridata, e que no “reconto”, é dicir, na segunda lista, non se achaba rastro dela entre os 10 libros de ficción en castelán vendidos ese día.

Queda para outro día argallar comparativas.

[1] Dese hai uns dous anos esta editorial abriu unha colección en catalán, Llibres Anagrama, que concede un premio co mesmo nome, do que a novela de Tina Vallès foi a gañadora na última edición. Anotemos que a colección distínguese por apostar por libros que arriscan e, ademais, adoitan ser bos. A non dubidar que a colección ampliara os horizontes da actual narrativa catalá.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s