Carlos Meixide: “Teño unha editorial na que son o autor principal do catálogo”

César Lorenzo Gil.

Nesta semana, a parroquia porriñesa de Cans vive novamente a maxia do seu festival de curtametraxes cun evento especial, a presentación da novela Cans, escrita e editada por Carlos Meixide (Vilagarcía, 1977), unha historia pensada para a mocidade que se desenvolve xustamente durante un destes encontros audiovisuais. Aproveitamos a data para conversar cun creador que converteu o campo literario en galego nun espazo de guerrilla.

Carlos Meixide.

Cans conta a historia dun grupo de rapaces que durante unha visita ao famoso festival de curtas, van vivir unha manchea de aventuras. De onde xorde esta idea?

Hai que xunguila a varias cousas. A primeira, a miña novela Ons (2015), na que xa aparece este grupo de rapaces que tamén protagoniza Cans. A segunda, a iniciativa do festival de Cans ‘Miradas de Cans’, que propón unha vez por ano aproveitar a cita audiovisual como inspiración para un proxecto creativo. Xa houbo música, artes plásticas… o meu libro insírese nese contexto. E faino porque Afonso Pato, organizador do festival e persoa que me é moi próxima, no persoal e no profesional, me propón levar aquel universo creado para Ons até Cans.

Vostede vai presentar a novela nesta edición do festival. Sei que é un veterano neste acontecemento audiovisual mais supoño que desta volta as sensacións serán diferentes.

Lóxico. Será unha edición diferente porque antes do festival e da presentación oficial vou facer un percorrido literario co estudantado do ensino secundario do Porriño que xa leu a novela. É unha maneira de “vivir” algunhas das aventuras que se contan no libro.

É máis doado escribir sobre algo que se coñece ben, como lle ocorre a vostede co festival de Cans?

En efecto, eu utilicei as miñas experiencias sobre o ambiente lúdico de Cans para construír unha parte do argumento. A outra xorde a partir do moito que me aprendeu sobre os túneles de Confurco que me contou o propio Pato. Aí, nese escenario tan descoñecido para moita xente onde se desenvolve a trama. O túnel de Confurco formou parte dun ambicioso plan de infraestruturas que a primeiros do século XX quixo unir por tranvía o balneario de Mondariz co porto de Vigo. Ao final o proxecto fracasou pero deixou moitos misterios.

Cans é a secuela de Ons, a súa primeira novela xuvenil. Xa daquela tiña idea dunha serie?

A idea de facer Ons xurdiume logo de que un alumno que asistira a unha presentación da miña novela O home inédito me suxerise ambientar un libro na illa. Aquela idea abriume o apetito e empecei a darlle voltas ao asunto. A min apetecíame escribir algo para a rapazada, algo na liña da serie dos Cinco de Enid Blyton ou algo na liña das series televisivas que vira na infancia e que se desenvolvían nos institutos: Colexio Degrassi ou Os Rompecorazóns. Apetecíame moito ese ton xuvenil e realista que tan ben soubo aproveitar o escritor e profesor David Pérez Iglesias co seu alumnado do IES do Porto do Son na rodaxe da curta Nico. Desa atmosfera xorde Ons e logo, pouco e pouco vai tomando forma. Por suposto que lle vía posibilidades de converterse nunha serie pero eu só quería publicar aquela historia. E por fin o fixen, logo de crear a miña propia editorial. E en ano e medio xa vendeu mil exemplares.

Primeiro Ons, agora Cans… A próxima, Quins?

Para seguir a serie… Non. A seguinte xa estou a escribila e acontece en Guitiriz. Publicarase nos próximos meses.

Remata aí? Será unha triloxía?

Eu vou coma Simeone, partido a partido. Non me preocupa o alcance da historia. Mentres me apeteza falar disto, seguirei.

Pensou vostede en ofrecerlles aos Concellos situar a acción desta serie no seu territorio a cambio de axudar a financiar a edición?

Non pero non sería unha mala idea. Eu consigo motivación para crear unha historia e o Concello aumenta a súa oferta cultural e turística. Eu sei que na zona de influencia de Ons e Cans, os lectores desfrutaron das historias e aprenderon cousas que quizais non sabía do seu contorno. O investimento en creatividade sempre dá réditos.

Están moi de moda os roteiros literarios e seica no Baztán (Nafarroa) aumentou considerablemente o turismo tras a triloxía de Dolores Redondo.

Eu non vendín o que vendeu ela. Non hai comparación. Pero insisto, estou aberto a vincular universos literarios e territorios.

Vostede editou pola súa conta estes e outros libros. Como chega á conclusión de que é mellor crear a súa propia editorial que escribir baixo a estrutura dunha das editoriais que xa funcionan en Galicia?

Eu chego a ese punto no contexto no que a miña xeración se tivo que enfrontar á vida profesional. Educáronnos cunhas expectativas laborais moi diferentes ás reais. Eu, igual moitas persoas da miña idade, sufrimos o desemprego, a precariedade, facermos moitos esforzos para acabar traballando en algo que nos aborrecía e que nin sequera cubría uns mínimos económicos… Seguro que os libros que eu edito pola miña conta podería publicarse nalgunha editorial; incluso gañar algún premio. Pero chegou un momento no que publicar se converteu para min nunha maneira de saír dese período de depresión, de frustración. Editarme a min mesmo forma parte dun plan de vida. Fixen contas e decateime de que se conseguía vender 100 exemplares dun título, cubriría os custos da impresión dos meus libros. E víame capaz de facelo. Tiña experiencia en distribución e coido que son un autor que ten capacidade de vender e de venderse. E o mercado do libro é coma calquera outro: hai que atopar o cliente e convencelo de que lle paga a pena levar o produto que ofreces. E niso estamos. Eu teño unha editorial na que son o autor principal do catálogo, nada máis. Non fago autoedición; non son condescendente nin unicamente quero cumprir a arela de ver o meu nome nunha capa. Fago un traballo de edición completamente profesional, desde o texto á venda final. E de feito, xa editei outro libro, Bestiario do vestiario, de Martiño Suárez, seguindo os mesmos criterios.

Antes díxome que vendera xa mil exemplares de Ons. Para conseguir tal cifra cunha novela xuvenil, é lóxico pensar que conseguiu introducila no circuíto das lecturas recomendadas do ensino.

As cifras de vendas relacionadas con ese ámbito son escasas, un 10% máis ou menos, tanto de Ons coma de Cans. En realidade, as vendas son directas. Nas presentacións, nas librarías, no boca en boca… Nas feiras ás que vou cos meus títulos.

Feiras do libro?

Feiras de todo o tipo. Non hai un concepto moi estendido de feiras de artesanía? Pois eu coido que o libro forma parte desa produción artesá e coido que se insire moi ben nesa lóxica. Hai lugares onde funciona mellor pero hai xente que entende o sistema.

E onde vende máis?

O Culturgal de Pontevedra é un sitio moi bo. Tamén o Mercado da Estrela de Santiago, que se celebra antes de Reis… Mais vendo en moitos sitios. Algúns insospeitados.

E que público pide os seus libros, só rapaces?

Rapaces mais non só. Hai moito público para estas novelas da terceira idade. Son libros accesibles, con vontade popular, que a xente maior entende e aos que lles gusta achegarse. O público maior está moi descoidado pola literatura galega e aí existe unha posibilidade de crecemento de lectores.

Cando un é escritor e editor, que coñece e depende directamente dos seus lectores/compradores, non se perde autonomía estética? Non hai o perigo de escribir aquilo que se espera que guste?

No meu caso eu non vivo ese perigo porque ese concepto de literatura accesible xa vai comigo. Quero que as miñas obras cheguen á xente. Pero en calquera caso, coido que é máis doado ser fiel ao propio universo editando pola propia conta que a través dun premio ou unha editorial, que tamén teñen os seus condicionantes. Se son eu quen vende o libro, podo facelo como me pete e logo escornarme para dárllelo a coñecer aos lectores e conseguir que o merquen. A ese nivel, o autor que se edita ten maior autonomía.

Pensa vostede en ampliar o seu oficio de editor a outros autores, na liña de Bestiario do vestiario?

Se topo proxectos que me interesen, si. Apetéceme moito e insisto en que eu son un profesional da edición, polo tanto, o meu oficio é editar, amais de escribir. Pero teñen que aparecer os proxectos ilusionantes. Bestiario no vestiario está a funcionar nas librarías mellor ca os meus libros.

Polo que me di, recibiu algunhas propostas xa.

Recibín algunhas si.

E que lles contestou?

Que valoren a autoedición.

Vostede publicou por primeira vez no 2005, O home inédito, que foi no seu tempo a primeira novela en galego que se comercializou en formato dixital. Máis tarde houbo edición en papel, tanto en galego coma en castelán. Logo estivo dez anos sen publicar nada.

Pero eu si seguín a escribir. Hai algúns proxectos que non rematei e outros que aínda están en fase de traballo. E Ons e Inge e Robbie (2016) foron escritos ben tempo antes de veren a luz. Non foi que de repente me puxese a escribir como un tolo. De feito, só Cans e agora a novela ambientada en Guitiriz naceron despois do 2015.

Aprendeu moito desde aquela primeira obra?

Moito. Por exemplo, nunca titules un libro en galego con dous nomes de persoa estranxeiros. Falando en serio, adquires experiencia, entendes mellor o oficio e dáste de conta de que os textos precisan tempo e reflexión para funcionar.

Polo que me indica, na súa estratexia creativa contempla a reescritura.

Eu coido que o autor debe ser crítico consigo mesmo. Igual que eu son capaz de sinalar erros na obra doutros, quero facer o propio coa miña obra. Pero para iso necesito distancia, necesito que pase o tempo para poder achegarme ao meu texto sen esa proximidade. Tamén teño a sorte de contar con lectores cos que me aconsello. Ademais, xa os teño especializados: hai algún que me sinala problemas de trama, outro de personaxes, outro critica o estilo…

Cal é a súa rutina de traballo?

Intento dedicarlle as tardes á escrita. De 17h a 21h, como mínimo, teño que estar escribindo. Mais ás veces, escribir non é unicamente estar diante da pantalla, na mesa. Pódese avanzar na escrita camiñando, nadando, facendo outras cousas… Pero o importante é non perder esa rutina, que haxa constancia para que os proxectos avancen.

Que está a ler arestora?

Fouché, de Stefan Zweig. Cando o remate, teño ganas de ler Non hai outro camiño, de Isaac Xubín e Memória de elefante, de António Lobo Antunes.

Advertisements

6 comentarios en “Carlos Meixide: “Teño unha editorial na que son o autor principal do catálogo”

  1. asi da gusto. coerencia a tope. un modelo a imitar para moitos que andan chorando polas esquinas. levo anos recomendadelle o mesmo a alguns e asubian mirando para outro lado coma se non fose con eles.

  2. Despois de ver o comentario de arriba, pregúntome se a profesora Vilavedra valoraría a posibilidade de autoeditar ela mesma as súas propias obras críticas.

  3. Mellor que non o faga: nos seus libros non habería maiúsculas logo dos puntos, “coerencia” iría sen “h” e “asi”, “da”, “alguns” e “asubian” non levarían acento gráfico. Por non falar do achado morfolóxico “recomendadelle”…

    • Tes razón, z666sin, pido desculpas. Só é que me pareceu que unha persoa que ten a lingua como principal ferramenta da súa actividade profesional ten a obriga coidar este tipo de cuestións, por “coherencia” 🙂

      • Ten a obriga de facelo ata onde chegue o seu ámbito profesional. Un perruqueiro tamén pode ser laxo co seu propio peinado (é un exemplo tonto, creo que se me entende). Por certo, falando de entendernos, inda que me sinto a gusto sendo “z666” vou cambiar o meu nick por outro un pouco máis pronunciable.

  4. Non me agrada moito que Dolores diga que é xente “que anda chorando polas esquinas” quen busca unha editorial que o publique, pero peor me parece, Abel, que queiras facer escarnio pola forma de escribir dela, que participa nunha conversa informal sen máis obrigas ou ataduras que as que cada un se queira por a si mesmo.

    A próxima vez poderías aportar algunha pinga de riqueza ó debate, que seguro que algo che quedou por dicir, e deixa que cada un se exprese neste tipo de contextos como lle de a gana mentres todos nos entendamos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s