Fausta Cardoso Pereira: “No plano cultural, Galicia está atenta a Portugal mais non ocorre ao revés”

César Lorenzo Gil.

O Premio de Literatura Fantástica Antón Risco é unha experiencia pioneira nas letras galegas actuais: permite que concursen obras escritas en portugués. Esta posibilidade aproveitouna a autora gañadora da edición do 2017, Fausta Cardoso Pereira (Lisboa, 1977), quen gañou o certame con Dormir com Lisboa (Urco), unha obra que comeza así: “Lisboa acordou zangada. Lisboa adormeceu satisfeita. Entre um momento e outro, Lisboa esteve furiosa”.

Dormir com Lisboa é unha novela de tema fantástico mais claramente inspirada naquilo que vostede ve día a día na capital. De onde nace a idea de escribir sobre a Lisboa actual mais nese contexto de fantasía?

Inicialmente non pensei en escribir sobre Lisboa. Quería transformar unha cidade na protagonista principal dunha historia, mais ía ser unha cidade imaxinada. Contodo, vivo en Lisboa e a cidade entrábame pola xanela cada vez que sentaba a escribir. Oía os ensaios das marchas populares, sentía o cheiro da sardiña asada, vía a miña veciña a estender roupa no exterior do predio, oía as campás das varias igrexas e os barcos a apitaren no Tejo… Lisboa invadía o meu traballo e eu conformeime coa idea de lle atribuír ese “papel principal”.

Lisboa é, en efecto, a principal protagonista da obra. Unha personaxe colectiva, que latexa. Que dificultades ten para unha escritora apropiarse dunha personalidade tan complexa coma unha cidade enteira? Pola súa experiencia, que é máis fácil, intentar apoderarse dunha persoa ou dun espazo que respira, que actúa?

Coido que calquera personaxe debe ser complexa porque somos así, persoas complexas. O que tentei facer para ser fiel á personaxe Lisboa foi ollala baixo varios puntos de vista que, de feito, son os das persoas que a habitan, que pasan por ela, que a visitan, que a gobernan, que gostan dela ou que lle son indiferentes. Gran parte de Dormir com Lisboa foi escrita fóra: nas igrexas, nos largos e miradouros, nas escadinhas, nos bancos de xardín, no Terreiro do Paço e no castelo de São Jorge. Despois de aceptar a idea de escribir sobre esta cidade, quixen exporme a diferentes formas de sentir Lisboa e á súa linguaxe, é dicir, a como ela interactúa cos humanos. Non conseguiría escribir este libro se non estivese en contacto permanente coa cidade porque, na verdade, ela non saíu da miña cabeza, ela existe de verdade e eu só precisei de a observar con atención. Sen ese contacto directo e diario, claro que tería sido para min moito máis fácil escribir sobre unha persoa.

É un tópico literario afirmar que a escritora ten a obriga de contar o seu tempo nas súas obras. Era vostede consciente disto cando considerou falar da Lisboa de hoxe?

Recoñezo que son unha persoa sensible ao que pasa ao meu redor e os meus temas literarios son resultado desa sensibilidade. Teño dito que escribo para ordenarme a min mesma, para me obrigar a analizar de forma transversal o meu pensamento e a formular unha opinión sobre os asuntos sobre os cales me indigno. Por iso, as preguntas que me fago a min mesma se expresan no meu traballo literario así como a miña busca da complexidade dun tema. O meu obxectivo é tamén o de provocar o lector e levalo a pensar por si propio. Por tanto, eu procuro as miñas respostas durante o proceso da escrita mais non quero que se reflictan directamente no texto.

Gustaríalle que Dormir com Lisboa fose algo así como un testemuño dun cambio substancial na historia recente da cidade? Até que punto é importante na xénese e redacción da novela a

O meu punto de partida era o dunha cidade con vontade propia e a desorientación que iso provocaría nos humanos. Como reaccionamos cando o que damos por garantido nos escapa? Ao final, unha cidade é un ser vivo e non un obxecto inanimado co que podemos facer o que nos peta. De aquí evoluíu para como nos relacionamos co espazo.

A presión turística vívese máis hoxe do que no 2013, cando comecei a escribir a obra. Naquela altura, a tendencia estaba aí pero aínda lonxe do que vemos hoxe. Lin sobre os casos de Barcelona e Veneza, lin a Saskia Sassen, sociólogos, arquitectos, académicos que estudan estas cuestións e, inevitablemente, tracei unha Lisboa que quere avanzar diferente, non converterse nunha réplica de calquera outra cidade.

Unha cidade ten historia, memoria, arte, economía, ademais da súa xeografía natural. E todo isto funciona como un sistema. Por exemplo, a arquitectura de Lisboa é o reflexo da súa historia e dos pobos que a ocuparan. Estamos na Mouraria ou en Alfama e, en menos de 15 minutos, pasamos ao Rossio e ao Chiado. Saímos de rúas labirínticas propias de civilizacións árabes para nos encontrar nun cuadriculado, nun espazo xeométrico que parece feito a regra e escuadra, e que foi construído após o terremoto do século XVIII. Por tanto, a historia de Lisboa foi a que conduciu a este resultado que eu chamo de tolerante por diversificado e pacífico. Mais como escapar ao tema das transformacións profundas que afectan actualmente este espazo? Transformacións movidas, esencialmente, por intereses económicos. Que impactos terán? Son preguntas que eu me fago e que me gustaría que cada sexan máis as persoas que as fagan a si mesmas. Que cidade queremos? Esta discusión, na miña opinión, non está na boca da poboación. O portugués, por natureza, “deixa andar” e por iso corremos serio risco de tornarmos Lisboa na próxima Veneza ou Barcelona, cidades que xa están na fase de reacción contra o fenómeno que viviron hai anos. Por que non aproveitar a experiencia doutras e actuar preventivamente? Eu oio as persoas queixárense na rúa mais o debate serio e participativo non existe. O que pretendín con este traballo foi crear pistas posibles para analizar este sistema, mais sempre con conciencia de que Lisboa ten un ADN de seu. Un personaxe da novela di: “Lisboa sem passado, é o mesmo que o futuro sem Lisboa”.

Do meu punto de vista, a novela ten un aroma saramaguiano, xa non só nas técnicas narrativas senón na orixinalidade de intervir un feito fantástico nun ambiente de moito realismo, dun realismo case xornalístico. Está de acordo con este apreciación?

Gusto de partir dunha idea absurda para contar unha historia. Non podo prometer que o vaia facer sempre pero até o momento na miña ficción dáse esa particularidade. No meu libro anterior, O Homem do Puzzle, o personaxe ten unha obsesión por puzzles e ao facer o crebacabezas máis difícil do mundo descobre que lle falta unha peza. Este é o punto de partida para abordar o tema da procura da orde e o que acontece cando, ao contrario do que esperamos, esa orde non existe. En Dormir com Lisboa, a cidade abre buracos e o que é certo e seguro (o chan) foxe de forma imprevista. O título do libro busca precisamente ese duplo sentido: se por un lado queremos ser seducidos pola cidade, por outro lado queremos posuíla, controlala.

O acontecemento absurdo, ou fantástico se así se entende, serve para chamar a atención para o tema central, coma se dunha caricatura se tratase. Identifícase inmediatemente o problema e deseguido, se o lector acepta a situación, eu continúo cun ambiente que lle é familiar e realista. Pretendo crear un equilibro entre estas dúas dimensións; xerar conforto e identificación co realismo; estrañeza co fantástico. No decorrer da narrativa escribo para que o fantástico se converta nunha parte tan integrada que sen ela nada teña sentido.

“A arte precisa espíritos coraxosos capaces de a reiventar”

Hai escritores, críticos e até lectores que consideran que a literatura fantástica ten as súas regras. E para un purista, Dormir com Lisboa non é ben literatura fantástica porque é libre de máis. Como ve vostede isto?

Non me ato aos xéneros. Teño unha historia para contar e é ela a que conduce a miña narrativa e me di o que debo ou non aplicar. Literatura é, tamén, crebar dogmas e fronteiras. Caso contrario non existiría movemento no espazo literario. Aprecio moito os autores que son disruptivos porque a arte, toda a arte, precisa de espíritos coraxosos, capaces de a reiventar, de a transformar. Se a miña novela é libre de máis no xénero, pois mellor. Porque esta historia precisa liberdade. E eu, en canto artista, preciso de continuar a escribir sen fórmulas, desapegada do purismo porque me interesa ser libre na imaxinación e experimentar.

A súa novela gañou un premio en Galicia. Como soubo do premio? Antes de presentar o mecanoscrito intentou publicar a obra en Portugal

Intentei. Mais as editoras nacionais recearan de que o tal xénero fantástico (aínda libre de máis) non tivese aceptación por parte dun público pouco adepto a estas lecturas. Mais se as editoras non publican nunca libros deste tipo (pásalles o mesmo aos libros de contos) mal podemos saber se existen lectores para elas. En tempos, unha editorial portuguesa promoveu un premio para literatura fantástica mais eliminouno. A estratexia até agora foi a de apostar por autores internacionais e cuxo éxito vén dado polo seu comportamento internacional. Eu puiden ter presentado esta obra a algún premio dos que hai en Portugal pero a maioría están apoiados ou participados por editoras e eu corría o risco (así polo menos o pensaba) de que o meu traballo ía ser ollado, unha vez máis, con estrañeza. De todos os xeitos, o que me fixo enviar o mecanoscrito para o ‘Antón Risco’ foi o feito de que unha das editoriais encargadas da publicación (Urco, a outra é Auga, que traducirá a obra ao castelán) está especializada no mercado do libro fantástico. Polo tanto, a miña intuición me dicía que están máis do que afeitos a lidar con este tipo de textos.

Até que punto foi sorprendente o premio? Achaba que o feito de falar de Lisboa para un xurado en parte galego (e polo tanto afastado xeograficamente) podía restarlle posibilidades á obra?

Fiquei feliz polo recoñecemento da calidade literaria de Dormir com Lisboa, principalmente porque o xurado estaba composto por profesionais de mérito e, por conseguinte, con criterios esixentes.

Nunca pensei en que Lisboa afastase o interese de calquera lector. Até mesmo que non coñece a cidade. Ao contrario, coido que o libro fai unha presentación de Lisboa capaz de deixar o lector con vontade de a visitar e de procurar as personaxes, ambientes… Ademais, do que falo é transversal a calquera cidade, en especial as europeas. Agora a ver se a miña intuición é correcta e pensan isto mesmo os lectores galegos e españois.

Hoxe en día non hai fronteiras entre Galicia e Portugal; a internet e outros medios favorecen o intercambio mais na verdade o descoñecemento mutuo no plano cultural asusta, non cre?

Após o premio, confésome sorprendida coa actividade cultural en Galicia. Descoñecía as iniciativas e o movemento, verdadeiramente colectivo, que se verifica en torno das artes, e en particular na valorización da literatura e da lingua. Agora coñezo varios autores galegos e volvinme lectora dalgúns. A miña participación no premio aproximoume a esta realidade polo que a existencia do Premio Antón Risco xa transformou a miña percepción sobre os movementos culturais de Galicia.

Que poden facer os creadores para mellorar o coñecemento e a comunicación? É posible colaboracións do estilo de presentación dun lado e do outro da fronteira ou acordos de coedición?

Persoalmente, non son moi optimista en canto á aproximación entre Portugal e Galicia, polo menos a curto prazo. No plano cultural, Galicia está atenta a Portugal mais non ocorre ao revés. Creo en que poidan existir excepcións, principalmente no norte, onde se realizan festivais literarios coa participación de autores de ambos os lados. Esta é unha boa práctica. Tamén coido que estaría ben que autores galegos puidesen ir a escolas portuguesas. O intercambio é fundamental e é unha mágoa que os portugueses non estean atentos xa que se os lazos se reforzasen, a escala sería maior e os efectos terían maior impacto.

“O acordo ortográfico non conseguiu que se lean máis os autores portugueses no Brasil”

En Galicia hai unha minoría, moi activa, de creadores e lectores que achan necesario mudar a normativa do galego e asimilala ao do portugués. Unha das razóns que usan para xustificaren o cambio é que así sería máis fácil dar a coñecer libros galegos en Portugal e noutros países da Lusofonía. Mais desde fóra dá a sensación de que o sistema editorial en Portugal está pechado. É real esta percepción?

Na miña opinión, o mercado do libro portugués o que está é estandarizado. Publícase moito mais sempre o mesmo tipo de libros. Hai pouca diversidade e as editoriais deféndense coa idea de que buscan darlles resposta aos gustos dos lectores. Non estou a prol de provocar unha evolución forzada das linguas para darlles resposta a intereses económicos. Véxase o caso do acordo ortográfico que ao unificar palabras dos “portugueses” de Portugal e do Brasil, ía servir para aproximar a literatura portuguesa ao mercado brasileiro. Acontece que o léxico é diferente entre o portugués dos dous países e o problema non está na forma en como se escriben as palabras senón en como se colocan nas frases. En resumo, a literatura portuguesa non conseguiu maior número de lectores no Brasil.

Aceptan os lectores de Portugal as variacións na lingua literaria propias de cada territorio?

Os textos de autores africanos publícanse en Portugal na súa versión orixinal. Nalgúns casos fixéronse adaptacións de autores brasileiros. No entanto, vexo que a tendencia de moitas editoriais é respectaren o texto de orixe. Na miña opinión, esta tendencia ten sentido porque o lector debe exporse ás variantes da mesma lingua. As diferentes tonalidades teñen, ademais, vantaxes. Cando leo portugués do Brasil atopo a música propia da oralidade (os autores brasileiros transmiten isto moi ben porque llelo permiten as variantes da súa lingua).

Mais insisto no papel da escola: os alumnos portugueses desde cedo deberían ter contacto con textos do Brasil, de Angola, de São Tomé, de Galicia, de todo o mundo lusófono e deberían deixar de asustarse polas diferenzas e máis ben comprendelas e aceptalas. Gústame decatarme de que no portugués de Galicia encontro escritas palabras que a miña avoa usa, ela que é da raia, do concello de Almeida. Eu achaba que ninguén dicía aquilo e, ao final, os galegos usan tales expresións nos seus textos.

A súa vinculación con Galicia non é nova. Vostede escribiu un libro sobre o Caminho Português a Santiago, Bom Caminho. De onde procede a súa relación co noso país?

Este libro xorde cando eu andaba a preparar a miña peregrinación. A verdade é que escribín o libro que me tería gustado ler e que non atopei. Existe moita bibliografía sobre o Camiño Francés e case nada da ruta portuguesa. Eu quería reflexionar sobre os motivos da miña peregrinación. Fixen entrevistas, procurei outras experiencias… Todo para levar o lector a “facer o Camiño” mais sen romantismos. Quixen ademais presentar unha Galicia tal e como a vin, xentil e próxima nos afectos e na cultura. Desde aquela, Galicia quedou “pegada á miña pel”. Aprendín moito sobre o que nos une, aínda que continúe a admirar o que nos separa, caso da iniciativa dos galegos, que os portugueses ben poderían “importar”.

En Galicia, os escritores non poden dedicarse profesionalmente á escrita literaria. Como é a situación en Portugal?

Igual. Son poucos os que o conseguen. Cómpre sempre ter outro emprego para pagar as contas.

A literatura portuguesa actual ten, para min, un valor moi interesante: valorízanse, polo menos fóra de Portugal, autores que teñen un universo literario persoal e complexo, que empregan técnicas literarias modernas e nin sempre para todos os públicos. Estou a pensar no propio Saramago, en Lobo Antunes, en Agustina Bessa-Luís, Valter Hugo Mãe. Gonçalo M. Tavares… É a escola literaria portuguesa máis ambiciosa ca outras, ao seu ver?

Talvez a escolla das editoriais para exportar a literatura destes autores siga unha estratexia que pretende crear unha diferenciación significativa en relación ao que existe fóra de Portugal. Sao autores consagrados en Portugal e supoño que as editoras consideran unha aposta segura, cunha resposta internacional que siga a mesma tendencia ca a do mercado interior.

Cales son as súas referencias literarias. Que autores lograron que quixera ser escritora?

A miña bagaxe está en permanente construción e vaime axudando na descoberta do meu propio camiño como autora. Cando era miúda li moito e moitas veces os clásicos da literatura portuguesa porque eran os libros que había pola casa. Un dos primeiros polos que sentín fascinación foi Amor de Perdição, de Camilo Castelo Branco, despois A Cidade e as Serras, de Eça de Queiroz. Co pasar dos anos fun gañando unha simpatía moi especial por Saramago, Pessoa, José Gomes Ferreira, António Tabucchi, Kafka, García Márquez, Torrente Ballester. Para non facer unha listaxe interminable, quero engadir a Adelaida García Morales, cuxos libros procuro nas librarías de vello. Ten unha melancolía xélida e ao tempo hipnotizante. Infelizmente, nin en España consigo encontrar libros dela.

Gústalle escribir cada día? Reescribe moito?

Cada libro foi unha experiencia diferente. O Homem do Puzzle demorou moito máis tempo ca Dormir em Lisboa mais neste último caso a intensidade foi diferente. Precisei dun ano de dedicación total, repito, total, para rematar a obra.

Gústame levantarme de madrugada e comezar xa a escribir pois son máis produtiva nas primeiras horas do día. Corrixo moito: a puntuación, o vocabulario, preciso sentir a música do texto, coma se estivese a facer unha partitura. Igual ca o músico aprende a música de memoria, eu intento memorizar o meu texto a base de lelo e relelo.

Gústame escribir novelas porque preciso estirarme, ter espazo para crear o tema central. Así é que cando me piden contos demoro moito tempo até sentirme completamente satisfeita co resultado.

Fáleme dos libros que está a ler arestora.

En ficción, Faces in the Water, da neocelandesa Janet Frame, da que non hai versión en portugués. Non só estou interesada no tema da obra senón na propia vida da autora que acabou por inspirar este libro. En non ficción, teño agora abertos dous libros: Fernando Pessoa ou a Metafísica das Sensações, de José Gil e The Lonely City, de Olivia Laing, máis unha vez sen tradución ao portugués. Estou claramente na fase de asociacións insólitas para a redacción dun próximo traballo.

Advertisements

2 comentarios en “Fausta Cardoso Pereira: “No plano cultural, Galicia está atenta a Portugal mais non ocorre ao revés”

  1. Parabéns pola entrevista e polo prémio!! Faria uma sugestao,, que era que deixarades o nome de Galiza que é também válido em galego autonómico (normas 2003) e que de certeza foi como se expressou a premiada. Parabéns mais uma vez!

  2. Moi interesante o de respectar o texto da orixe…a normalización é empobrecemento…eu leo en galego, portugués e brasileiro, e o entendo perfectamente…a xente que le é xente culta e enténdese que respecta e alaba a diversidade. Apertas!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s