A música das primeiras páxinas

Oberturas literarias (e 2)

Anxo A. Rei Ballesteros. XAN CARBALLA.

Xesús González Gómez.

Curiosamente, poucas novelas galegas teñen unha obertura máis ou menos operística. Unha delas, na que o inicio operístico é máis patente, e O enxoval da noiva, de Vítor Freixanes (Galaxia):

“¡Tempo de Entroido! ¿Xa en Roma se anuncia o carnaval! Unha máscara trouleira, toda vestida de colorado, axóuxeres nos pés, brinca pola porta de Sant’Angelo cun facho na man, fai unha cortesía e cruza á carreira a ponte antiga do Tíber que leva á cidade. Pensade nos exércitos de romeiros e peregrinos que veñen de todas as partes do mundo. Mirabilia Urbis Romae…”

Un inicio, unha obertura de ópera case que wagneriana; logo, a medida que avanza a  novela, esta ópera wagneriana, de tinturas xermanas, transfórmase lentamente nunha ópera italiana, elixa o lector o compositor italiano do que máis guste. Quedémonos, no entanto, con Rossini.

Máis está claro que non todas as oberturas teñen que ser de música “seria” –ben que algunha non ten música ningunha, xa que o son que emiten nunca chega a acadar un ton. Por exemplo, a obertura de Dos anxos e dos mortos, de Anxo Rei Ballesteros (Castrelos), que un, polo tempo, podía imaxinar que podía ser un inicio de rock, resulta que se avanza ao tempo e resulta unha especie de rap algo diluído, no que as notas musicais se van esvaecendo até case desapareceren e quedar todo un “recitado”:

“A ver, rapaces: ímonos? Xoán seguía a mirar a “Tele” con ollos de sono. Tiña as pálpebras finchadas e o brando do ollo sulcado de pequenas veas sanguiñantes, dunha cór marelenta e enganxoada. Avés dormira a noite anterior. Xa facía dúas noites que non se deitaba. Lía. Ou andaba por ahí de esmorga, bebendo a cachón e almorzando café con leite e “curasáns” no “Galicia” que abría as cinco. Agora doíalle algo a cabeza. Non sobexo: era unha door cimeira e asañosa que non cesaba: soave soave…”

Este outro inicio, tamén é debedor da música popular do seu tempo. Digamos que con ar, no sentido musical do termo, aos segundos The Pogues, cando Cait Rirdan abandona o grupo e é substituída por Darryl Hunt:

“Vaia tempo, eh. Empeza ben o día. Non para, a que se pon a chover non ten parada. Antes todos chamabamos pola chuvia, que se había seca, que se secaba a verdura, que se no inverno había arder o monte, qué sei eu. E agora aí tedes a chuvia. A min gústame a chuvia, eh, coidadiño, que se me falta moito tempo aínda parece que me falta algo. Que había ser de nós, que somos coma herba, sen chuvia.”

Tic-Tac, de Suso de Toro (Ediciones B.)

Se a obertura de Dos anxos e dos mortos podiámola considerar máis ou menos rapeira, a obertura de Non sei cando nos veremos, tamén de Rei Ballesteros (Galaxia), goza dun ritmo de bolero con certos contrapuntos de tango, que é no que ao final se converte a novela:

“Escoita, filla, xa que tanto parece interesarche, unha cousa debería, polo menos, quedar clara entre nós os dous: eu nunca estiven namorado da túa nai, eh? Nunca, dixen. Nin sequera nos primeiros tempos da nosa relación.

Oíches?”

Claro que oberturas a ritmo de tango e bolero hai a moreas na novela galega, mais deixemos por exemplos para outro día. O inicio de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (Editorial Follas Novas) é unha obertura ou, simplemente, unha posta en situación? A obertura, conveñamos que o é, desta novela, comparada con outras oberturas, sobre todo de autores dos anos 1980, demostra (ou demostraría) a influencia subterránea que exerceu este escritor (eu penso que para mal, mais iso é outra cuestión) e que nunca ninguén se atreveu a confesar. Este será un exercicio para moito máis adiante. Reproduzamos o inicio desta popular obra:

“Balbino. Un rapaz de aldeia. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldeia tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta ningunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.”

Máis que evidente que a presente obertura ten moi pouco de musical. Aínda que con moita paciencia alguén podía aplicarlle un ritmo máis ou menos rapeiro, e aínda que vaia de desgrazas, é evidente que o ritmo do tango (ou do bolero) non lle acae. Talvez, en caso de musicar o inicio este, iríalle un ritmo reiterativo, cun ton semellante ás ladaíñas do rosario católico, porque ao cabo a novela vai converténdose unha vida e paixón e, ao final, case unha redención, máis que unha resurrección. Ou talvez lle fose ben unha sonata do Padre Soler, que é no que, ao final, se converte a novela.

Mais agora debemos continuar con novas oberturas, non por moito tempo, xa que se me está a acabar o tempo de lecer e, en verdade, o tema empeza a me cansar.

“Pola mañán as grandes vilas do Norde durmen ainda cando os seus moradores espertan, e siguen rezagadas no leito do inverno, cubertas coa fumaxada matinal, nas rúas, os coches ben aliñados, agardan caladiños aos seus donos para voltaren a encher a vila de bruidos e cheiros noxentos.”

A orella no buraco (Galaxia), para min –o que será herexía para moitos, e sobre todo para moitas– a mellor novela da súa autora, María Xosé Queizán. Obertura desta novela é, feliz ou infelizmente, debedora do seu tempo: semella unha chanson française, a fuxir de calquera ritmo sincopado: “Tous les garçons et les filles”, de François Hardy, máis que, por exemplo, “L’accordéon”, de Juliette Greco. No entanto, a medida que avanza a novela, esta incorpora novos ritmos: fox-trot, balada italiana e, ás veces, algunhas notas de blues “branco”.

Cambiando de xénero (musical): a obertura de O porco de pé, de Vicente Risco (Galaxia, 1995, anoto o ano porque non teño a man a primeira edición da novela e non sei na presente lle introduciron algunha (in)corrección lingüística) é, directamente, de ópera cómica, como lembrara calquera lector, xa que é, talvez, ou sen talvez, o inicio máis coñecido da narrativa galega do século pasado e o que levamos do presente (porque falar de narrativa galega do XIX case é unha broma, con perdón de Modesto Hermida):

“Na posguerra, don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde. A parenta inflou como fol de gaita.

Agora é presidente da Xuntanza cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petit-gris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis.”

A novela continúa nas primeiras páxinas sendo unha ópera cómica, máis pouco a pouco, sen que o lector se decate, vai introducindo notas zarzueleiras para acabar, non moi apoteosicamente, xa que o autor vai, tamén, “perdendo fuelle”, converténdose nunha opera bufa con oitos actos de zarzuela.

Aí atrás falabamos dunha novela cuxa obertura era a ritmo de rap diluído, a obertura que presentaremos a continuación é unha hábil mestura de hip-hop con elementos do pop español máis potábel, o que dá como resultado unha obertura “alegre y zumbona”, o que sempre é de agradecer:

“Os regateos das rianxeiras da praza, ¡como chían as condenadas!, abouxo ós veciños da Avenida das Caldas. Alí, na parte baixa da rúa, espertamos todos os días de Xesucristo con ese balbordo de peixeiras. Enriba do almacén do maragato, no sobrado que     comparto coa sede social da Troya, vivo e bebo coa folganza que me permite a nómina de inspector do Corpo. O fedor dos cochos de solteiro é inconfundible. […]

(Miss Ourense, de Bieito Iglesias; Galaxia). Ben, en realidade non é unha novela, son catro relatos que o autor fuxindo a calquera temor deixou en relatos, porque puido facer, como fan moitos escritores (sic) unir mediante un tenue fío os relatos e entregar unha novela estragada, e perdón polo malísimo xogo de palabras; dicía que a novela continúa (ou os relatos) con ese ritmo máis ou menos híbrido (ou mestizo) até que lle dá, intelixentemente, por introducir outros, ou por salientalos: rock hispano, balada francesa e tamén italiana, bailes típicos da España dos 60: Yenka, Quando, etc. etc., até canción popular arranxada ao gusto do día, dos 1960. Noutras palabras, ritmo frenético con desafinados e pezas para bailar o “agarrado”.

E é que o ritmo do “agarrado” está ben arraigado na novelística galega. Até naquela que quere ser máis avanzada:

“Aquí sigo, deito á entrada da eira, ollando para o ceo cos ollos pechados, cos brazos abertos e a perna estricada, tirado na herba mollada.

Non me doe nada. E doer doeu, é certo: pero agora é nada o que eu sinto

A cancela de táboas permanece aberta e bate frouxa no marco de pedra. O Moino dá voltas arredor de min. Anda a cheirarme.”

O lector un pouco maiorciño ou que lle guste a prehistoria percibiría axiña o ritmo: bolero, máis exactamente “Reloj no marques las horas”. Por sorte, o autor empeza a cambiar de ritmos, e xéneros, a partir do quinte parágrafo e a novela convértese nunha perpetua colaxe: jazz, blues, hip hop, rock, bolero, country, pop español, twist, música barroca, notas mozartianas e bachianas (Variacións Goldberg), algo de Schönberg e algunhas notas, non demasiadas, de Alban Berg, etc.: con certo variado de xéneros e ritmos, mesturas de músicas, unha excelente dirección de intérpretes máis que excelentes: Criminal, de Xurxo Borrazás (Sotelo Blanco).

E un intento, case callado, de ópera-rock cuxa obertura é unha curta peza a ritmo de rap, máis francés que americano:

Os apuntes sobre a mesa, o bolígrafo, os resumos. Libros de consulta, o calefactor. A desgana, apatía, desánimo. O esgotamento mental, previsible, tan certamente. A xerra de café. Un café. Logo, outro. Os caracteres das letras, desfigurados, a ollada perdida. Café. O café axuda a memorizar. ¿axuda? Axuda a manterse esperta. E, desde o principio, os conceptos. Un concepto, unha teoría. Máis libros para consultar. Novamente os apuntes. Maldito exame, a cada hora, a cada minuto, a cada segundo.

Ópera-rock con, talvez, demasiado rap e ao final un híbrido en que brillan algunhas pezas mais que o conxunto non acaba de brillar como debera e, así, as pezas que brillaban fican mates, diluídas, esvaecidas… Ou, noutro ton e ritmo, a Orquestra París de Noia a interpretar o repertorio de The Rolling Stones: Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso (Xerais).

Curiosamente, a pesar da cantidade de escritores católicos dos que gozamos, o único que botou man da musica sacra, do canto gregoriano, por matizalo mais, foi Ramón Otero Pedrayo, no inicio desa novela que, como toda a obra oteriana, non foi moi ben lida e peor estudada: A Romaría de Xelmírez (título orixinal: A Romeiría de Xelmirez; citamos pola versión dobrada de Galaxia, xa que nunca tivemos na man a versión orixinal):

Sobre da Galiza decorría liviá unha fada a noite do derradeiro agosto a penas vestida devaporosas nubes, centileantes do diálogo das estrelas, cruzada pola peregrinaxe da Galaxia anceiosa de se mollar no mar e no consolo da cova apostólica: dous marcos postos no Occidente entre o mundo e o alén-mundo. Noite folgada e creadora, acariñando a dor illada dos castros na campía, o varudo erguemento das serras abraiadas nun vago clarexar de cósmica conciencia, a rexa vontade dos promontorios da Beiramar, a melancolía das praias desertas nas que morre a modiño a foula co cantigar mol e saudoso da antiga serea. Mais, sobre das vilas e mosteiros agromados en mesta primavera no céltico e verdecente chan, a noite era resoante voluta de igrexa. Milleiros de voces concertadas e vixilantes salmeaban as gabanzas divinas. En noite semellante, na hora entre galos e alba, escribira un sabio clerc, Raoul Glaber, aquelas soadas e fermosas verbas: “Dende o terceiro ano a contar do Mil, tódolos pobos cristiáns, e máis que os outros os francos e os italianos, erguen e refán a porfía igrexas e basílicas, coma se o mundo rexurdido, botando lonxe os farrapos da vellez, vestira a alba túnica das    igrexas novas.”

Inicio de canto gregoriano interpretado nunha escolanía de alta calidade para unha novela que esta argallada a modo de grande ópera italiana: un Rossini, talvez, mellor, un Verdi. Otero, como ben afirmou no seu día Anxo Tarrío, argallaba as súas novelas como se fosen obras musicais, de gran calado.

E non cabe ningunha dúbida, a presente obertura, que a continuación transcribimos, é un lied interpretado por un gran tenor que, a pesar de non poder coller case respiración, chega ao final da súa interpretación sen case suar e os pulmóns dispostos a volver iniciar outra peza, no entanto ter a gorxa un pouco vermella; un lied que inicia unha sinfonía que mestura distintos xéneros: desde a opera alemá tipo wagneriano até a ópera bufa, pasando pola sonata beethoviana, o vals straussiano e algún cadro zarzueleiro:

Xa antes de aquil houbera outro, cantas veces o contaba, o Perfeutiño. Mellor dito íanlle poñer Perfeuto por terse chamado eisí un irmán do meu pai que se fora de noviño para Brasil, que non se soupo máis, tamén era moito o que o lembraban, xa como morto.

E se non chegara a poñerllo porque nasceu nas últimas; que eu digo, e ben que me acordo, que aquelo non era nascer, que nin se chegou a tempo para lle botar a auga de socorro que se mandou por ela á parroquia da Trinidade, que polo visto era onde a abenzoaban mellor, que a auga de socorro hai que bendecila doutro xeito que;

[…]

Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor (Galaxia).

Ao primeiro moléstame. É novo. Non o coñezo. Ás veces, pasa. Meteuse no medio. Eu estaba atenta ao mozo dos tangos. Ao que saíu a cantar no palco invitado por Pucho Boedo, o da Orquestra Oriente. Convosco, un amigo que ten a voz do mar, arrolada pola luz do faro: Luís Terranova. Que guapo. Aínda máis guapo cando se puxo a cantar.

Deixo o lector que adxective, ou defina, ao seu libre arbitrio esta obertura, aínda que tanto a escrita como as referencias entregan unhas pistas. Pistas que logo, a medida que avance a novela se borrarán para entregar unha ópera alemá, de signo tráxico, con estilo ás veces wagneriano, pero máis achegada ao xeito mozartiano, con algunha incursión a ópera bufa que axiña queda agochada pola reunión de músicas wagneriaras, mozartianas e, ás veces, bachianas –con toques, de cando en vez, chopinianos. Tamén deixamos ao lector o pracer de adiviñar a que novela pertence esta “obertura”.

E, para acabarmos, unha obertura moi famosa:

“Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que se padre lo llevó a conocer el hielo.”

(Cien años de Soledad, de Gabriel García Márquez.) Acho que este inicio o lembran todos aqueles (e aquelas, claro) que leron a novela. É, como todos os inicios do seu autor, unha grande obertura, aínda que nela se encerre un pleonasmo.

En fin, só nos queda pedir desculpas aos lectores que chegaron até aquí: o clima primaveral propicia estes desbaratos.

Un comentario en “A música das primeiras páxinas

  1. Encántame o inicio de Memorias dun neno labrego. Pegóuseme dende que o lin, xa hai moitos anos. Por certo, para min o “Eu son” forma parte do inicio.

    Deixo a miña aportación:

    In a hole in the ground there lived a hobbit.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s