‘Un dente sen cadáver’, pouca carne e moito óso

Frank Soutelo viaxa a Galicia para arranxar un problema persoal cunha herdanza. Durante a súa curta estancia alí, a Asociación de Hostaleiros de Lalín contacta con el para que investigue a aparición dun dente humano nun chourizo. O caso require ser levado con discreción porque pronto se celebrará a Festa do Cocido. Logo ha resultar que ambos asuntos están relacionados.

Algúns aspectos formais

Se o lector abre o libro por unha páxina ao chou e pon o dedo, sen mirar, sobre o papel, de seguro o pousará sobre unha liña de diálogo. É certo que están ben levados e teñen un punto macarra moi acaído, pero o seu uso como fío condutor desaproveita e desnaturaliza a narración de Frank Soutelo, que só logra expresar a súa personalidade a través das indicacións narrativas dos diálogos e dunha voz en off entre escenas na que cumpría máis introspección e menos frases feitas. Ademais, o carácter de inmediatez que engaden os omnipresentes diálogos choca coa narración en pasado, xa que a maneira natural de narrar en primeira persoa en pasado é facendo que a túa personaxe, coa historia xa pechada, mire cara a atrás e narre desde a última liña da novela. Neste contexto, incluír diálogos intrascendentes non se pode xustificar co argumento de que se contan “porque sucederon así”. Debe existir ―e na novela non existe― unha razón pola que Frank nolos narra palabra por palabra.

Á hora de narrar os feitos, Miguel Anxo Fernández non adopta ningunha perspectiva concreta, simplemente narra cos verbos en tempo pasado. Por iso cando, perto do final, Frank queda preso nun almacén, o autor vese nun apuro, porque quere seguir narrando no seu “pasado con carácter de presente” e non pode facelo porque Frank está inconsciente. A solución que atopa é unha desesperada fuxida cara a adiante: comeza a narrar en terceira persoa ―durante case tres capítulos―, contando as peripecias doutras personaxes ―diálogos incluídos― e empregando a voz de Frank. O protagonista transfórmase nun narrador omnisciente de urxencia.

Outro erro importante que (alguén) debeu corrixir é o que sucede en numerosos diálogos:

―E quéresme de escopeta?

―Viríasme ben. Preocúpame perder os nervios

―Ferramenta?

―…?

Non agardou o meu comentario.

―Veña, feito. Arranxarei coa María e maloserá.

O uso de entradas de diálogo con puntos suspensivos é un recurso moi pobre na escrita. É máis propio da banda deseñada, onde a expresión da cara da personaxe compensa a falla das palabras. Volvendo ao exemplo, a reacción de Frank foi: “Non agardou o meu comentario”. Se o autor consideraba que con iso non bastaba, debeu mostrar aquilo que quixera expresar mediante outro pensamento de Frank ―que para iso nos conta el a historia―, e non cun emoticono.

Con respecto á trama

Suponse que o protagonista é un bo detective, pero non o demostra ao longo da novela. De feito, agás pola súa vinculación persoal co tema da herdanza, que é o disparador que o fai entrar en escena, Frank é un elemento prescindible na historia. Ao final do capítulo 4 (de 33 totais) puiden deducir o nome do asasino, da vítima e os detalles xerais da súa morte. En cambio, Frank non foi capaz de concluír eses datos da información que el mesmo me deu.

Gran parte do labor de investigación ocorre fóra de plano e delégaa o detective no coro de secundarios que o orbitan. As pistas veñen buscalo a el á casa en lugar de ocorrer ao contrario. Penso que foi un erro darlle tanto carrete a personaxes saídos doutros volumes da saga. Usurpan a súa función e impiden que se desenvolva por si mesmo.

Que fai daquela o bo de Frank durante toda a novela? As súas principais actividades, aquelas polas que mostra máis iniciativa e interese, son:

  1. Comer a fartar e tomar nota das receitas que máis lle prestaron. A comida é a maior paixón de Frank, só igualada pola súa afección aos refráns.
  2. Facer publicidade de lugares turísticos da zona pola que se move (entre Lalín e O Carballiño). O noso home visita múltiplos sitios de interese cultural, e se non lle dá tempo de ir, fálanos igualmente deles. Nalgunha ocasión sentinme coma o Truman de O show de Truman, película protagonizada por Jim Carrey, envolto nun interminable anuncio publicitario de Gadisa. Penso que a mellor forma na que un escritor galego pode promover o noso país é escribindo unha historia digna.
  3. Seducir unha recepcionista. Desagradoume bastante ser testemuña dos repetitivos e pouco elegantes pensamentos internos de Frank con respecto a Zeltia.

Un dente sen cadáver non é unha boa novela. Encádrase dentro do xénero da parodia inconsciente. Cómpre lela coa tenrura dun neno para extraer algo positivo dela. Tampouco está ben editada nin corrixida. Máis dunha ducia de grallas son moitas até para unha editorial modesta e sen pretensións. Pregúntome até que punto ambos feitos ―frouxa novela, frouxa edición― están relacionados e que fallou na comunicación autor-editor para que chegase ás miñas mans un libro do que moi pouca xente vai poder gozar. A responsabilidade final é da editora, pero… e se o sabía e a asumiu con gusto? E se lle deu igual sacar á venda un produto a medio cociñar?

Lin Un dente sen cadáver e vin tras del un autor con ideas e boas intencións, con ganas de contar unha historia, con afecto polas súas personaxes, con ganas de agradar os seus lectores e de pasalo ben escribindo. Pero tamén vin alguén sen asesoramento literario ningún, que non recibiu (ou non quixo escoitar) críticas nin consellos. No interior de Un dente sen cadáver albisquei un autor novato e unha editorial que non quixo perder o tempo en cortarlle as patacas aos cochos. Que as rillen, que teñen bo dente.

♦ Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández. Galaxia, 2016. 248 páxinas. ♠17,50€

Lois Z.

Advertisements

15 comentarios en “‘Un dente sen cadáver’, pouca carne e moito óso

  1. “Penso que a mellor forma na que un escritor galego pode promover o noso país é escribindo unha historia digna.”

    Xenial!

  2. A isto me refería hai uns días cando che falei dos límites entre as tarefas do editor e do escritor. Se os erros que comentas (non lin a novela) son tan evidentes… onde está o traballo de edición? En imprimir e distribuír? Redúcese a iso? Quero crer que non, pero a realidade é ben teimuda.
    Volvendo ao do outro día, que xustifica que se edite esta ou estoutra obra? O apelido do autor? O ben que lle caia á (un dicir) crítica? A súa ubicación sociopolítica? E daquela, deixando xa de lado a literatura (porque, entre nós, a quen carallo lle importa a literatura), cómpre ceder o 90% do valor do produto final aos intermediarios se o resultado é o que é? É dicir, se non vas autoeditar… paga a pena reescribir?

    Son alérxico ao formato dixital, pero de aquí a dez anos, os que quedemos (se quedamos) paceremos xuntos por Amazon adiante. No entanto, a culpa segue a ser do chachachá.

  3. Os erros son moitos e moi evidentes. Faltan letras, palabras e hai frases en inglés con fallos gordos.

    Polo que vexo, parece que unha editora se basa maioritariamente na previsión de vendas que pode dar unha obra, e iso depende bastante do nome do autor e doutros factores que pouco teñen que ver, por desgracia, coa calidade do producto que se nos tenta vender.

    Reescribir sempre paga a pena, Pablo. Se M. A. Fernandez o fixera con esta novela (ou alguén lle axudara con iso) o resultado final tería sido distinto. Inda así, as erratas son culpa da editora e non as meto de todo no caixón da reescritura, senon da revisión. Fago esta diferencias para entendernos mellor. Revisión para min é correxir faltas, lapsus ou repeticións, algo que está suxeito a unhas normas mais ou menos esixentes. Calquera pode facer unha revisión.
    Reescribir, para min, é modificar o contido ou a forma de maneira algo máis profunda. Calquera pode suxerir cambios (algúns poden ser motivados por ideas equivocadas, claro), pero a reescritura ten que aceptala e levala a cabo o autor.
    A miña intención é empregar estas dúas referencias (revisión vs reescritura) como guía nestas conversas, non sentar cátedra sobre a definición que dé a da RAG delas.

    A Un dente sen cadáver fanlle falta ambas cousas. Revisala para eliminar erratas e vicios como os
    ―…?
    e tamén reescribila para mellorar cousas como a perspectiva do narrador.

    • Entendo a diferencia que fas entre revisión/reescritura. E compártoa, si. Pero esa reescritura, aínda que a execute o autor (porque a narración e o estilo son del) ten que vir suxerida por un editor. Aí é cando falo de que o editor ten que facer o seu traballo. Eu podo ler, reler e contraler o mesmo texto, e seguro que de tres relecturas, quito tres reescrituras formais, mentres que o corpo da novela, que é o que renxe polos catro costados, queda como estaba. Por iso é precisa a labor do editor. Do editor de “verdá”. Agora ben, se dende a propia editorial nin sequera se fai ben o traballo de revisión, cando os erros de “racord” non se perciben… que nos queda? Outro elo na cadea de intermediarios? Para iso, mellor buscarse un amigo deses que devoran libros para que che bote unha man.

      Mira, hai cousa dun mes recibín resposta dun grupo editorial galego sobre dous manuscritos enviados. Un dos orixinais, seica, non daba a talla. Vendo o nivel do que andan a publicar, a cousa non sei se daba para reír ou chorar (e, dende a humildade máis absoluta, aquí sei do que falo porque algún día contarei como e por que chegaron eses orixinais a esa editora), pero non é aí onde reside o drama. A traxedia reside no segundo orixinal. Ese si era, segundo eles, publicable. De feito, seica houbo debate sobre a conveniencia ou non de tirar adiante co proxecto. Tanto ten. O caso é que na resposta, quen daremos en chamar “unha cabeza visible do mundo da edición”, animábame a repensar a novela. “Perfecto”, dixen eu, “este é o comezo dunha relación escritor/editor como deus manda”. Pero cando preguntei por que era aquilo que tiña que repensar, a resposta foi “a novela”. É dicir, unha novela sobre a que discutiron a posibilidade de edición, unha novela que xa fixera ruído abondo nun par de certames dos grandes para ser eu un perfecto descoñecido, resulta que tiña que ser repensada. Toda ela. En xeral. Sen especificar. “Fai como vexas, cámbiaa, vólvea mandar e daquela, ben, daquela tampouco che aseguro que a vaiamos publicar”. A día de hoxe, aínda non sei que era o que había que repensar pero, con estas alforxas, como hai dios que non a toca nin cristo.

      Saúdos.

      P.S.: O recurso do […] está moi estendido alén da banda deseñada. No mundo do guión e no da narrativa, tamén. Non cómpre abusar porque arrasa co ritmo, pero aí está: eu mesmo tirei del algunha vez. O que non significa, claro, que a todo o mundo lle teña que gustar.

  4. O traballo dun editor ten moitas facetas. Unha delas debería ser a que sinalas ti, axudar a darlle o último empurrón a unha obra “que paga a pena ler”. Está claro que por normal xeral non fan iso: se a obra está verde, mándante para casa. Pode ser por pereza (porque teñen mellores -mais rentables- cousas que facer) ou porque non son bos analizando o producto e non serían capaces de darche ningunha idea válida. Ou as dúas cousas. Quizais lle pidamos demasiado ós editores, non sei. Pode que sexa un posto no que cómpre ser mellor empresario que analista literario.

    O que che dixeron sobre a segunda novela é para chorar… dende o noso punto de vista. Dende o deles semella que é o normal. Se non se sinten con esa responsabilidade tampouco van aceptar que lla cargue outro. Total, a eles dalles igual publicar a tua novela ou a do seguinte que veña tras de ti. Tampouco me gustaría que a conversa derivara a un linchamento desta profesión. Deixémolo en que temos queixas e en que o espírito das mesmas se fai carne en libros coma o que sufría esta crítica.

    O recurso do -… véxoo normal en teatro, guións de cine e outros xéneros gráficos onde a palabra vai ter un apoio visual. Tamén o vexo aceptable en novelas de corte humorístico ou experimental ou en situacións concretas que poden darse en calquer tipo de narrativa. Ti usáchelo unha vez en 60 páxinas que levo lidas. A ese nivel non o vou citar nunha crítica. Tería que ter moi pouco que dicir para recurrir e elo. M.A. tirou de -… cunha frecuencia moi alta, coma se fose unha palabra máis do diccionario do autor. Ademáis, empregalo nunha narración en 1º persoa é, para min, un agravante, sobre todo se se pon en boca do protagonista/narrador. Para iso está o seu pensamento: “Non dixen nada”, “Sorprendeume a súa pregunta”, “Quedei sen fala”, “Non me saían as palabras”… e istes son exemplos xenéricos.

    Un exemplo dun uso deles que me parecería aceptable sería algo así:

    -¿Por qué mintes?
    -…
    -¿Eu? Eu ben sei que fuches por aquel camiño.
    -…
    -Non tal, iso chámase paso de servidume.
    -…
    -Claro, cando non estaba inda a casa do vello.

    Aquí teñen unha función, a de formar un espacio en blanco, un (falso) vacío. Aquí é un recurso intencional (que pode usarse con maior ou menor acerto). No caso de Un dente sen cadáver os … eran sempre sinónimos de “Frank pon cara de sorpresa”.

    • Pablo, a túa experiencia lémbrame un pouco a un consello que lle veño de ler a Neil Gaiman: cando alguén che di que algo non funciona ou non lles gusta, case sempre teñen razón. Cando che din exactamente o que pensan que está mal e como amañalo, case sempre están errados. Aínda que eu non son moito de tomar os consellos doutros autores como verdade revelada, con isto penso que Gaiman quere dicir que os camiños da edición e da revisión non son sempre tan fáciles como sinalar os erros e pedirlle ao autor que os corrixa. Si que hai ata certo punto unha compoñente de obxectividade (como se pode ver p.ex. nesta propia crítica), pero hai outra moito máis difusa: como fas, por exemplo, para que ao lector lle quede a túa obra na memoria en lugar de esquecela aos dous días por moi ben escrita que estea? E como chegas a esa autenticidade da que fala Manuel máis abaixo? (porque a autentididade “literaria” digamos ten tamén moito de elaboración, non é espontánea)

      Tamén penso na miña experiencia como xurado dun premio, en que varios dos orixinais eran (digamos) obxectivamente impublicables, pero de entre todos eses había dous que para min sobresaían, que me facían pensar que alí había dous novelistas de verdade en potencia. E resúltame difícil entender por que sobresaían: se cadra por unha autenticidade, unha frescura, unha facilidade innata de contar, que non vin nos outros. Porén, non creo que estas dúas novelas en concreto se puidesen “amañar” facendo unha lista das cousas que estaban obxectivamente mal e pedíndolle aos autores que as solucionasen, porque o resultado sería unha especie de Frankenstein e se cadra esa autenticidade que había na versión inicial desaparecería. Eu neses casos optaría por pedirlle aos autores que “repensasen” a novela (como che fixo o editor a ti), aínda que si que lles daría unhas pautas. Polo menos diríalles o que me parece que está ben, para que o conservasen. Ás veces atopas tamén que unha novela funcionaría mellor como relato ou viceversa (ou mesmo como peza memorialística), pero tamén é difícil facerlle esa suxerencia ao autor sen coñecer os seus procesos de traballo ou os seus intereses.

      De todas formas, se queres unha segunda opinión, eu non tería problema en darcha, aínda coa advertencia de que ao no coñecérmonos de nada pode ser difícil dar unha opinión que axude e de que eu tampouco teño unha clarividencia especial para estas cousas.

      • É simpático o consello de Gaiman, inda que pouco útil na práctica. Se fixésemos caso del e alguén nos di que a nosa novela non funciona teriamos que rematar por descartala, xa que ninguén, nin nós mesmos, podería axudarnos a ver que é o que está mal nin como arranxalo.
        Eu penso que este consello vai no sentido de que se alguén che di que corrixas algo que ti non sintes como un erro, pois que non o fagas. Por suposto que seguramente si sexa un erro, pero tes que comprendelo ti, como autor, razoalo e aceptalo, para aprender e mellorar.
        Tamén pode ser que non fose un erro en absoluto, pero iso non é o relevante na discusión, me parece.

        Un saúdo, Manuel, grazas polas túas palabras.

      • Ola Eva, un pracer verche entrar na discusión. O mesmo que produce saber que Manuel segue o fío.

        A ver, malia o pretensiosas que puidesen soar algunhas das miñas afirmacións, vaia por diante que son un tipo que vén de aterrar neste mundo e sei das miñas limitacións. Con isto quero dicir que, se unha obra non é boa, eu non podo ter medo a unha negativa por parte da editorial. Xa se encargará o meu ego de administrar as cabazas como boamente poida (caso dese famoso primeiro orixinal do que falaba). Pero que pasa cando sobre unha obra levas dous anos recibindo escusas que ninguén pediu? Que pasa cando ninguén se molla? Mollarse é doado: dis que non che presta o estilo, que non che presta o tema, que non che presta o enfoque político, e pista. É máis, dis que non consideras a súa calidade literaria, que grazas por ter pensado neles para editar, e a correr. Pero “repensa a novela”? Que son eu, adiviño ou?
        Namentres, segues apostando por eses lanzamentos editoriais que che venden, e dis, señor, lévame pronto.

        En canto á proposta que me fas, Eva… mimá, agradézoa, en serio (de feito levo toda a mañán pensando en que responder), pero polo de pronto sinto coma se daquela non che estaría cargando cun traballo que non che corresponde.

  5. Ola. Quero felicitar a Eva e a Lois, aos que non coñezo, polas súas excelentes críticas. E a todos por estes interesantes comentarios.
    Concordo con que aquí debía haber máis edición ao estilo americano.
    De todos modos, creo que temos tamén moita responsabilidade os autores. Sentimos unha ansia excesiva por publicar, a propia dunha sociedade moi egocéntrica. E non nos preocupamos tanto de coñecer a fondo a vida, de ler moito e de facer algo que soe auténtico. E falo por min, en primeiro lugar.
    Unha aperta e encantado de lervos.

      • Eva, nota que eu dixen arriba “que soe auténtica”, non que sexa auténtica”. Toda arte é representación.
        Apertas.

      • Si. Non quería contradicirte nin corrixirte pero si seguir un pouco por ese fío. Estou de acordo. Penso que nas nosas letras hoxe escríbese moito para quedar ben. E xa non digo para quedar ben co poder “oficial”, senón para quedar ben con outros “poderes” máis pequeniños e máis nosos, como son xurados de premios, editoras, certas verdades asumidas, certas inercias editoriais, profesores de instituto, etc. Penso que se non somos nin capaces de escribir cousas que non vaian gustar a estes pequenos poderes, dificilmente imos conseguir ir máis alá. Como digo a propósito de case todo, non creo que sexa este un problema exclusivo noso pero se cadra ao ser unha literatura máis pequena estas cousas nótanse máis.

      • Home, se che ofrecín mirar o teu manuscrito é porque estou disposta a asumir o “traballo”. A oferta segue en pé, por suposto sen compromisos. Coido que me atoparás fácil en Facebook se queres contactar comigo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s