‘Sapos e sereas’, compracencia naïf

Detalle da capa de ‘Sapos e sereas’.

Sapos e sereas, editada por Galaxia, é a primeira obra que publica  Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974), unha colección de catro relatos e un epílogo. O fío que une todas as narracións hai que buscalo en dous elementos que non se cumpren cento por cento no quinteto, senón máis ben nun ziguezague coma o dos amallós dos zapatos, de ollo a ollo até amarrar o artefacto: unha visión feminina do relato hexemónico e unha visión desmitificadora da tradición narrativa popular e oral.

O ton ás veces é realista, ás veces panfletario (o epílogo), ás veces surrealista, ás veces mimético das lendas decimonónicas (no relato “Sapos e sereas”). É posible que este xogo teña a ver con varios motivos: que é a primeira obra da autora, que, segundo o que se explica na lapela da obra, estes relatos xorden de “obradoiros e cursos de escrita”. Ou quizais nada disto teña que ver. O problema é que só no rexistro realista se sente cómoda a narradora e fracasa en todos os demais, incluído o manifesto naïf que se presenta como epílogo. Por que? Porque Cabaleiro non domina a técnica narrativa para escapar do ambiente do aquí e agora. No relato “A noite que Lobo Feroz coñeceu a Groucho Marx”, a confusión do texto faino incoherente, sostido non nos achados propios senón na listaxe de “frases ocorrentes” que se lle atribúen ao cómico estadounidense que protagoniza a narración.

Se nese relato a autora intenta un fallido modo de contar irónico, distanciado, onírico, nos relatos de corte realista si consegue atopar unha técnica efectiva que mantén a atención do lector mais acaba perdida na compracencia argumental. A literatura é demasiado ampla como para imporlle mandamentos ou obrigas pero en ningún caso pode permitirse o luxo de ser previsible, obvia ou maniquea. E en Sapos e sereas hai disto a esgalla, especialmente no relato “Mal paso”, unha sorte de revisita kafkiana ao xogo entre aparencia e realidade á que lle falta carne, aire e poética. Non é doado intentar converter en material de ficción a violencia machista mais neste caso podemos comparar o simplismo de Cabaleiro co tecido complexo e polo tanto máis literario de Miguel Sande, por citar un autor galego tamén publicado por Galaxia.

Este breve libro de relatos (de só 89 páxinas, un tamaño máis habitual nas publicacións de poesía ca nas de narrativa) é ambicioso ao querer darlles a volta aos mitos e tópicos sobre as mulleres que se levan deitando na narrativa oral, popular e mitolóxica desde os tempos de madurez do patriarcado. Pero esa ambición conceptual non se completa cun esforzo por ben licuar unha reflexión propia ou ben documentada da tradición feminista sobre este tema. Polo tanto, o resultado non é nin revelador nin emancipa a lectura dun determinado nesgo ideolóxico. É inconsistente, fala de oídas. Ao non profundar na real esencia dos mitos, este libro non serve para ver as cousas doutro xeito senón que acaba por canonizar a visión tradicional do mundo ao só poder ofrecer un reverso mediocre en forma de clixé. Nalgúns momentos, os clixés do libro parecen tirados dalgún meme de facebook.

Loce algo así como un falso triunfo da vontade. A vontade por contar o que nunca se contou. Até parece que desa vontade nace unha euforia que ás veces se transparenta no texto. Mais logo todo soa a coñecido. Os eureka son unicamente ecos do que outros moitos libros dixeron antes ca este. E dixérono mellor.

Sapos e sereas é un compendio de exercicios narrativos e esbozos inacabados. Nalgúns relatos parece intuírse certa soltura na redacción mais ao acabalo un queda coa mesma sensación que logo de ver a capa da edición de Galaxia: Facer literatura (ou deseño) non é equivalente a saber usar as ferramentas da redacción (ou do Photoshop). Ese é só o primeiro paso.

♦ Sapos e sereas, de Ana Cabaleiro. Galaxia, 2017. 89 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s