‘Transición’, o pecado da vehemencia

Detalle da capa de ‘Transición’.

O protagonista de Transición semella un home cargado de remorsos na busca de acougo para a súa conciencia. Porén, non confesa por principios, faino como vinganza cando os seus xefes deixan de pagarlle o prezo polo que vendeu o seu silencio.

Así de crúa se me presentou a primeira novela de Pablo Fernández Barba, servíndome un protagonista deseñado para sentar coma unha indixestión. El non é un mártir, só un máis do elenco de figurantes que tenta manterse a flote no esterco da España postapocalíptica que o autor tan ben retrata. En realidade todos os personaxes que aparecen en Transición son uns desgrazados, inda que non baixo a mesma acepción da palabra.

No 1988, o noso protagonista, un xornalista frustrado, foi elixido para entrevistar o señor Aurelio, nome ficticio tras o que se esconde un coñecido criminal, xa vello e moribundo. O que sae á luz durante esa entrevista é o que pon en marcha a novela.

Un dos requisitos que debe cumprir o entrevistador é falar galego, cousa que molesta os seus xefes e dá lugar a un par de escenas interesantes que ganarían en intensidade e patetismo se os non-galegofalantes se dirixisen ao protagonista en castelán. Espero que ninguén interprete que estou afirmando que se ambientas a túa novela na China tes que escribir os diálogos en chinés. O que intento dicir é que se a problemática do idioma forma parte do cadro que queres mostrar, por que non plasmala tal cal?

O primeiro terzo de Transición é prometedor pola desenvoltura do narrador ao relatar a súa historia, polo seu anticarisma, pola engaiolante entrada na trama case in media res e en definitiva por que un está lendo un libro escrito co corazón na man e que nos vai facer renxer as neuronas.

Non obstante, o gozo pola lectura resentiuse co pasar das páxinas e non remontou até perto do final. Xa interiorizada a proposta da novela, botei en falta un pouco máis de traballo na execución para puír redundancias, catro ou cinco erratas e un chocante cambio de criterio con respecto ao uso das maiúsculas. Non axudou tampouco o irregular ritmo co que avanza a trama. A fugaz viaxe de ida e volta de Madrid á aldea perdida na que se forxou o destino de Aurelio non funciona ben como engrenaxe, deume sensación de que esa parte da historia era máis importante para o autor que para o lector. Lorena e a súa filla, por exemplo, dúas personaxes que aparecen nese tramo do relato, teñen como principal función a de canonizaren en vida o protagonista ―en dous almorzos e dúas ceas convértese no home ideal para Lorena e no pai comprometido que lle axuda cos deberes á nena― para logo, ao retornar a Madrid, seren unha calculada pedra máis na súa mochila de remordementos. A intención dramática era boa pero o desenvolvemento pareceume apresurado.

Transición está cargada de valores negativos dos que o autor non fai apoloxía, senón denuncia, inda que ás veces esvare do politicamente incorrecto á grosaría gratuíta, escurecendo a crítica subxacente até o punto de que case cómpre dala por suposta. Cando o protagonista despreza un home apunta á súa profesión, carácter ou feitos. Pola contra, cando verte comentarios despectivos cara a algunha personaxe feminina cae en preconceptos e tópicos. Por mor da vehemencia coa que o autor quixo transmitir a ruindade das súas personaxes faise ás veces cómplice involuntario dos seus pensamentos e emborralla a verdadeira mensaxe do escrito. O protagonista, que serve de testemuña do ocorrido ―o autor nin nos dá o seu nome―, non debería acaparar tanta atención sobre si mesmo. Sorprendinme máis veces torcendo o bico por cousas que dicía el que polos efectos da ditadura. Esta fractura empática afasta o lector do obxectivo da novela porque sinala o narrador como unha persoa incapaz de facer autocrítica, e por tanto de experimentar unha aprendizaxe. A pesar de que a historia se nos conta desde o 2016 non existe unha reflexión fonda sobre os feitos ocorridos nesa estraña semana do 1988. Coa excepción dun par de referencias inocuas ―como a mención ao deterioro da voz de Joaquín Sabina―, a mentalidade da persoa que narra a alma do libro é a do mozo do 1988. Só nas últimas tres páxinas, a modo de epílogo, contemplamos no seu amargo esplendor o resultado deses case trinta anos de fermentación silenciosa.

Barba morde en todo aquilo que representa o poder residual que permaneceu nas mans de certas elites tras a ditadura e condena en concreto o ambiente de represión e censura nos medios de comunicación. Faino con moita potencia pero pouca precisión, porque Transición non pretende ser un escalpelo co que diseccionar a alma humana, véxoo máis ben coma un atadallo de Goma-2 que a algúns lectores lles estalará nas mans ao manipular o libro. E, se isto ocorre, fará ben o autor se o asimila sen rifar con ninguén máis que consigo mesmo.

♦ Transición, de Pablo Fernández Barba. Dr. Alveiros, 2016. 208 páxinas. ♠17€

Lois Z.

Advertisements

5 comentarios en “‘Transición’, o pecado da vehemencia

  1. Total, que ao final non sei se o libro che prestou ou non. Ou, recollendo a luva, se a goma2 rematou por che estoupar nas mans. Sexa como for, hai cousas que, como responsable, merco. E outras que, coa que levo carretado ás costas, non.

    Merco o absurdo que representou ter que traducir as pasaxes que estaban escritas en castelán. Para o meu gusto, aí perdeuse o 30% do potencial da obra (falo, insisto, como responsable). Tanto polo superficial (os malentendidos provocados por ser galegofalante en Madrí) como polo fundamental (a reivindicación da lingua nun terreo hostil, que en 1988 era Madrí, e hoxe podería ser calquera lugar de Galicia). Penso que non incumpro código ningún se desvelo que, dos vinte minutos que empregou o xurado en me “felicitar” polo premio, dezasete gastáronos en me chamar de todo por enviar unha obra con parágrafos en castelán a un certame de literatura galega. Cando procurei expoñer os meus argumentos con calma en días posteriores, tanto co presidente do xurado como cos responsables da editora orixinal, o único que recibín foi o silencio administrativo dun e a negativa rotunda da outra. Eis o resultado. Cando Urco rescatou a obra (e nunca terei sitio abondo para agradecer as xestións de Xosé Duncan, Tomás González Ahola e Luís Martínez-Risco) decidiron respectar o statu quo, e así quedou. Persoalmente, penso que foi un erro. Haberá que agardar ao “writer’s cut” para o subsanar (poñer aquí as risas que cumpra poñer).
    Merco tamén o posible fallo no cambio de ritmo mediada a narración. Pensei que arrancara demasiado rápido, e que chegar ao final sen levantar o pé do acelerador habería ser esgotador para o lector. Coido que me equivoquei xa que, malia recibir comentarios favorables a este freo no medio da trama, sodes varios tamén os que non lle víchedes necesidade.
    E merco tamén iso de que en ningún momento tiven intención de atacar a narrativa con escalpelo. Pode gustar, pode non gustar, pódese estar de acordo ou non. Pero cando un atopa un edificio en ruínas con danos estructurais case que irreversibles, coido que só hai dúas opcións: afastarse, ou tirar abaixo co que hai. Eu entrei co equipo de demolición completo, pero medín mal o cable e caeume o entullo todo enriba. Cando dea saído de embaixo dos cascallos, a decisión arestora segue a ser a de afastarme do que queda en pé.

    O que non merco, como non merquei noutros lugares, é o de xulgar a mesquindade do protagonista por parroquias (xa non digamos, desdibuxar a fronteira narrador/autor como fixeron por aí adiante tamén, acusándome a min persoalmente de todo aquilo que non gustaba do protagonista). O narrador é un ser mesquiño. Miserable. Ruín. E iso, por moito que me sigan preguntando polas miñas motivacións ideolóxicas sobre a memoria histórica, sobre a restauración borbónica ou mesmo sobre a corrupción mediática que sufrimos, é o que subxace na obra. E nesta liña… entre nós, paréceche máis arquetípica Laura que Miguel Ángel? De verdade ves máis prexuízos no primeiro personaxe que no segundo? Coido que aí leches un libro diferente ao que escribín eu, pero en fin, unha vez publicado, o libro perténcevos a vós non a min, e cada un pode entender o que lle pete (acusarme da morte de Manolete, xa non, claro).
    Para rematar (que está quedando unha resposta máis longa que a crítica), tampouco merco o intento de canonización en vida do protagonista na súa viaxe ás Portelas. Desengánate: na obra só hai un santo e unha santa, e ningún dos dous consegue salvar ao narrador das tentacións do diaño (e non falo do señor Aurelio). Por iso a autocrítica resultaba imposible. Porque non había (non hai) redención posible fronte ao solar que nos deixaron de xeito voluntario e premeditado.

    Ea. Máis nada. O resto, mellor diante dunha cervexa.
    Obrigado pola lectura!

  2. O que se lle pode reprochar a Miguel Ángel son uns feitos concretos que o lector ve e pode xulgar como lle pareza. O que lle reprocha o narrador a Laura vémolo a través dunhas reflexións e comentarios persoais : é a súa opinión, é un xuizo xa elaborado, e por iso fala peor do propio narrador que de Laura, a quen eu non lle recordo ningunha acción fea.
    Pensa nisto: se un ser ruín me conta unha ruindade doutra persoa, cres que me vou fiar del así polas boas? Non, un ser ruín non é un bo portavoz de ningunha mensaxe, e ti cargas nel moita mensaxe, parece que Laura e as outras secretarias son xente normal “víctima dos seus inxustos comentarios”. Se querías poñer a Laura á altura de M.A., móstrama tal como mostraches a M.A.

    Dis que lin un libro diferente ó que ti escribiches. Eu penso que escribiches un libro diferente do que querías escribir. Póñoche un exemplo.

    Hai unhas semanas publiquei a crítica de Segredos de Bretaña. Dixen cousas boas e malas del. Para ser un libro de Reigosa podemos concordar que fun máis crítico do que vas atopar por aí adiante.

    Cando me liches, comentaches:

    “Penso que non me quedaba o cu igual de torto dende o día que me decatei de que (eu) era un machista miserable. Ma-má.”

    Está claro que é un comentario de desacordo coa crítica. Pois ben, o que eu pensei ó lela foi que Segredos de Bretaña che encantara e que polo grande respeto que lle tes a Reigosa che parecera unha loucura que falara mal dela.

    Tempo andando souben que era ó contrario, que a miña crítica che parecera moi leve.

    Fíxate no que sucedeu: ti tiveches o impulso de plasmar nun comentario a emoción que sentiches ó ler a crítica, pero non fuches quen de transmitir o sentido do que querías dicir.

    • É que eu son asín: penso unha cousa, pero remato por escribir outra distinta.

      Non, home. Se te dás de conta, todo canto sucede na historia é a versión do narrador, que para iso é o narrador. Sobre se eu estou de acordo con el ou non, daría para lle explicar a non menos de media ducia de persoas a diferenza entre autor/narrador/protagonista, pero non vai vir un licenciado en físicas dar clases de literatura, nin aquí, nin a ningún outro lugar (e este comentario non vai por ti).
      Ao que me refería eu era a que, como autor (aquí si), son eu quen constrúe os personaxes. Miguel Ángel responde a unha serie de tópicos (habías quedar pampo, igual xa o sabes, se che conto que houbo quen interpretou que eu gababa/reivindicaba ese estilo de periodismo rancio) e Laura a outros: que che pareza ou non feo que ela se conduza baixo unha marcada diferenciación de clases é tan respectable como a opinión que che poida merecer, por exemplo, Cristina Pedroche. Pode que non o percibises, ou pode que eu non fose quen de cho transmitir. Mea culpa. Iso non fai a ningún deses dous personaxes nin mellores nin peores que o propio narrador: reitérome no feito de que non merco o xuízo da mesquindade por parroquias, de mesquiños está a novela chea. Agora ben, o narrador é o que é. El non pode pensar polos demais personaxes, e daquela non podemos saber deles máis que por como el os percibe. E volvemos á vital diferenza entre autor/narrador que tantos problemas me está a traer.

      Dito isto, liches “En medio de ninguna parte”, de Coetzee? Ou, para non me meter en xardíns, “Canta la hierba” de Lessing? Nesas dúas obras capitais, podes atopar moitas respostas a todas estas cuestións e, xa de paso, a pedra angular do meu propósito. Mágoa telo conseguido ao estilo Ícaro.

      Saúdos.

      P.S.: Se lle fas unha crítica a “Los energéticos” dicindo que a pilícula amosa moitas carencias cinematográficas, que os personaxes ou a trama non están ben dibuxados… e eu che respondo que “Ma-má!”, non quere dicir que eu lle teña respeto a Mariano Ozores. Quere dicir que o flim é unha bosta e que ti contemporizaches de máis.

  3. Non me vale que digas que é a versión do narrador, porque non falamos dun documental ou dunha biografía. Detrás do narrador houbo un autor que deseñou así ó narrador por algunha razón (igual que a MA e a Laura), e esa razón soe ser que o autor quería transmitirlle algo (unha denuncia, unha crítica, unha idea, unha emoción, simple entretenemento… o que sexa) ó lector.
    Entón, se deseñas un narrador ruín e con prexuízos e o usas para facer crítica da ruindade e os prexuizos doutras personaxes o que seguramente consigas é desacreditar esa denuncia que pretendías facer.

    Como xa dixen na crítica, a raiz dos problemas de Transición é que o prota narra dende un pto de vista desfasado, o de 1988. Debías ter narrado dende o 2016.
    Con MA non se nota iso, porque no 88 xa tiña coñecido a MA dende había tempo e cóntamos o seu caso por causa dunha pregunta de Aurelio. Logo, está ben introducido e o narrador ten certa autoridade no que di.
    Cando fala mal de Laura (ou das outras secretarias) non é así. Laura é unha persoa á que acaba de coñecer e coa que apenas falou tres veces nesa semana. A primeira vez que ve a Laura non di o seu nome, di “unha secretaria” (claro pto de vista de alguén que “inda non a coñece”, é dicir do rapaz do 88). Se dixera “a súa secretaria chamábase Laura, era unha maña pécora clasista e pija que blablabla” daquela saberíamos que a está xulgando dende o 2016 (como debía ter sido) e confiaríamos nel “porque xa a coñece”. Pero non, o que vemos é a un tipo que non coñece de nada a Laura falando mal dela gratuitamente.
    É como cando dis que ás secretarias “lle caen as bragas” cando pasa o xefe e lle sorrín. Ese é un comentario que para ser congruente debe vir de alguén “de dentro” (p.e. o home do 2016) non do rapaz do 88 que sube por 1º vez a eses despachos. Non podes narrar a dúas bandas collendo o que mais che convén de cada perspectiva.

    Non lin eses libros que mencionas, quizais algún día.

    Se lle fago unha crítica boa a Ozores ou unha mala a Tarkovski e ti respondes “Ma-má!”, o único que podo interpretar aí é que estás chamando pola túa nai. Absolutamente nada máis.

  4. Sempre me amolou que os libros teñan que estar ou todo en Galego ou todo en castelán, perden moito do bilingüismo real, harmónico ou non, que hai na nosa terra…pasoume tamén con Domingo Villar e as súas novelas onde ten un personaxe que non entende aos galegos, e o poñen como se falara Galego!!! quítalle a graza e a realidade, pasoume tamén con Los Gozos y las Sombras, todo en Galego ou en castelán NON TEN SENTIDO posto que fáltalle unha das características do señoritismo clasista en Galicia, falar os señoritos en castelán e o resto do pobo en Galego. Saúdos!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s