A lingua das lapelas dos libros (I)

No 1986, o autor analizaba a lingua que usaban as editoriais galegas para promover os libros que se publicaban.

Xesús González Gómez.

Dise, desde hai xa un tempo, que a narrativa galega está a atravesar unha crise que parece xa permanente. Sae un autor, ao que lle custou o inimaxinábel publicar, fáiselle unha recensión de favor e logo, a esquecerse del. Ou esperar que publique a próxima cousa dentro de catro ou cinco anos, cando estea máis madurecido. Moitos dos que publicaron unha novela ou un libro de contos no noso idioma, desapareceron para sempre ou deles, como do pobre Fernández, nunca máis se soubo. A verdade é que, ás veces, esperaban, con ese libro –que escribiron e publicaron con toda a ilusión do mundo– cambiar o panorama da nosa narrativa. Resultaba que tal libro era do máis normaliño que hai por aí, ou era, en verdade, francamente malo, e non pasaba nada. Humillados (e talvez ofendidos) desapareceron para sempre, pero había alguén que os tiña en conta, o seu editor, que os amaba. Que logo, en privado, maldixese deles, iso xa é outro cantar. Pero maiormente non. O editor amábao como ama todos os produtos que chimpa ao mercado. E para demostrar ese amor, e aténdoos só ao terreo da narrativa, imos viaxar un pouquecho a través das lapelas, esa crítica, talvez a única que se exerce no noso país. Se a lapela é mera reprodución de algo que se di nun limiar ou prólogo que vai asinado, non se reproducirá aquí nin coma. Aquí só se quere falar daquilo que din os servizos editoriais. E se nos decidimos pola narrativa, é por que está a sufrir unha crise case que permanente e por que, con todo, produce menos vergoña que reproducir o que se di dos poetas, pois –ultimamente– parece ser que a produción poética galega (que é boa) vai deixar atrás todo o visto até o de agora en calquera parte de Europa; e non. Tamén restrinximos a nosa colectánea lapelística aos últimos dez anos, por non ciscármonos.

As lapelas están feitas para vender produtos, certamente, e por iso os servizos da editoriais teñen que esmerarse para facer presentábel todo libro saído dos seus obradoiros. E así, como se verá, ás veces eses publicitarios que se acochan tras as lapelas, din cousas ben curiosas. Vexamos algúns exemplos.

Para principiarmos, velaí o que se di sobre unha novela que vira luz por primeira vez en Montevideo. O lapelista da reedición non debe crer nela cando escribe que o feito polo autor de Un home de Vilameán “dá como resultado (…) o deseño faiscante e rigoroso daquela revolta [a irmandiña] que constitúe unha das páxinas máis relevantes da nosa historia”. A tal lapela podía servir para un libro de historia (con todo, cómpre recoñecermos a finura e –sobre todo– a intelixencia do lapelista ao ir por outros eidos que non o da literatura). Pero axiña aparecerá a literatura: “Os vinte contos que se recollen en Remuíños en coiro están enfiados por un delicado e insólito sentido do humor. [A autora] nesta segunda aparición consolídase como un dos valores máis firmes da renovación narrativa que se está producindo en Galicia”. Se non se vende o libro, non será por falta de mestría do publicitario. E se esta autora é interesante polo seu humor e a súa capacidade anovadora, outro autor, da mesma editorial, pode vender porque o seu libro “é unha novela insólita na literatura galega onde o lector ó longo dun cento de páxinas chega a un estado de ingravidez entre a realidade criticada e a fantasía crítica” (E cun ceo de lama). Se para unha editora o tal autor é o transcrito, para outra editorial o mesmo autor: “ao final, o lector ten a impresión de que lle regalaron todo un mundo: tanta é a mestría coa que está concibida e realizada esta narración. Polas súas páxinas anda algo moi verdadeiro do ser de todos” (No cadeixo). Hai outros escritores que como o autor de A fuxida “amosa(n) unha gran facilidad (sic) pró relato e un bo coñecemento da nosa lingua que fan da súa obra un divertimento para o lector”. Outros, ademais do divertimento, instrúennos: “Artellando con mestría os dous planos temporais, o autor, escritor abondo coñecido, obtivo un relato suxerente e divertido. Un relato no que a ironía e o desenfado agochan unha visión do conservadorismo e máis o caciquismo da Galicia de hoxe e de sempre” (O conde de Viloíde); e outros, seguindo a nosa tradición máis profunda, escriben relatos onde “humor e calidade que sempre foron da man na nosa literatura. Os autores afondaron no feliz xuntoiro. A habilidade na construción do relato, o vigor da súa estrutura, o extraordinario dominio da lingua, dan ó feixe de traballos unha calidade máis ben inusual na nosa xoven narrativa” (Un pequeno favor e outras historias de amor perverso). E hainos aínda que “por obra da axilidade e mailo fino e constante tratamento humorístico que a caracteriza, resulta unha peza de lectura certamente fácil e gratificante” (O reverso do espello). Uns regálannos mundos e fannos chegar a estados de ingravidez, outros leccións de historia, pero a maioría é máis xenerosa, pois está visto (lido) que na nosa nación non escacha a gargalladas quen non quer (ou está tan queimado que só ri co Diario Oficial da Xunta de Galicia).

Algúns espíritos disgregadores que andan ceibes por aí preguntarán se é que en Galicia non hai outra clase de narradores. Como? Claro, como nos os vai haber. Hai deses que fan andar polas súas obras “uns personaxes eternos –galegos de hoxe e de sempre– [que] acadan unha expresión literaria completa, lonxe por un igual, de limitacións ruralistas, e de tentacións mitificadoras ou redentoras” (Homes de Tras da Corda). Como ollará (le) o lector, o ton vai subindo, e sobe tanto que, segundo nos din, outro narrador “acada un cume literario con esta obra, unha das mellores novelas galegas de tódolos tempos, conforme á crítica máis esixente” (Breixo). A crítica máis esixente, de momento, só eran os servizos editoriais; pero será curioso constatar que o mesmo autor é tratado con moita sequidade ao publicar unha nova novela na mesma editorial, pois o lapelista só di: “Unha particular forma de soedade, o footing, sérvelle á protagonista de Memoria de Noa pra fiar a súa singular biografía, con esta novela o autor acadou o ‘Premio Chitón de Novela 1981’”. Polo camiño, ou cambio de lapelista, ou enfriamento das relacións editor-escritor, ou pousar os pés na terra do lapelista de marras? Chi lo sa. Para outros escritores de lapelas, a comparación desmesurada está á orde do día, e así se di dun escritor que narra en planos diferentes “que converxen nun discurso crítico e moralizador, tráxico e cómico, como nas películas de Charlot” (Tiroliro a sete voces). Que máis desexariamos todos, desde o autor até o sufrido lector.

Sigamos. Se nos descobren mundos, se nos anovan a narrativa, se nos fan rir a cachón en menos do que se escinde Compromiso por Galicia, tamén hai outros máis serios, máis profundos, aínda que deben de ter coidado, non sexan denunciados por intrusismo, pois fan que o seu “libro quizais sirva de terapia” (Arredor da muller en 18 mundos). Hai outros que chegan alén, é dicir, o non vai máis: “é, nalgúns dos seus personaxes-símbolos e da sua simboloxía xeral, unha exposición do proceso de descomposición interna –autonihilación, irracionalidade, ‘tolura suicida’– dunha nacionalidade que non atopa a súa propia ‘fórmula foronómica’, a súa capacidade de movemento, e que vive cedendo as súas forzas creadoras a tarefas e finalidades alleas” (A vila asulagada, despois de ler isto, non é de estrañar que a tal novela sexa unha das máis soporíferas escritas en galego, co permiso de Anxo Tarrío). Esta novela, que tampouco encontrou a súa “fórmula foronómica”, ben podía entroncar con estaoutra que “é unha parábola do desclasamento astra case identificalo co autoodio. A semancia resúmese nunha feira da contradición, unha a xeito de Kermesse urbana galega”. Mais se alguén pensaba que xa se acadara o cumio logo de ler o anterior, aí vos vai iso: “Obxectos activos, o mítico popular, a avangarda creativa europea, o narcisismo que dá tanta ternura para si; constrúense nun universo interactivo e moderno que poderiamos definir ó axexo, inacabado coa contemporaneidade da máquina que fai operacións mentais e materiais que son forma de relación da enerxía” (A insoportábel levidade do ser? John Barth? Non: Trasalba ou Violeta e o militar morto).

Hai outros editores (lapelistas) que prefiren falar da fantasía e da imaxinación –iso tan caro– dos seus apadriñados: “O Fotógrafo nos pon de manifesto unha poderosa imaxinación aparellada nas invencións técnicas de avangarda literaria de hoxe” (sic e resic todo o parágrafo). Ou, falando dunha novela, ou o que sexa, que deberon ler catro persoas (unha, o que isto asina, para a súa desgraza): “o xogo da fantasía, as notas surreais, mestúranse a mil mundos de ‘realidade’ e homes e mulleres da rúa cos seus nomes propios, coa súa achega concreta a un proxecto común, entretécense nas páxinas deste libro” (Pae S XXI). Se o transcrito se lera, por exemplo, no New York Times, un pensaría que se está a falar de Manhattan Transfer, como mínimo, e xa vedes. Ás veces, como en verdade non hai moito a dicir do produto e o de “lava máis branco” xa está moi usado, escríbese: “Exprésanse [os personaxes] nunha linguaxe descomún, quizais frívola avant la lettre, ou con narracións articuladas no equilibrio renacentista da acción e o final feliz” (Mamá-Fe). Talvez o lapelista equivocou a adxectivación. Outras, algún dos nosos editores (ou lapelistas), séntese un creador, un émulo de Vargas Llosa, e chímpanos as mesmas idioteces que este sobre a novela: “Razón pola cal as técnicas do fluír de conciencia, as superposicións e cortes no desenvolvemento do fío temporal, utilizadas certeiramente (…), non obedecen só a unha necesidade de renovación formal, necesidade máis imperiosas cada día na narrativa da nosa lingoa (…) achega a presente novela ao que se entende por Novela total” (Dos Anxos e dos Mortos). Como se ve, a narrativa galega, se nos guiamos polo editores (polos lapelistas) do noso país, vai de marabillas. E aínda un esforzo máis se queres seguir gozando da lectura, querido amigo. E vai aí unha disquisición lapelística sobre unhas narracións que, polo que se intenta dicir, o autor debe ser o igual de Cortázar pero en galego: “ofrece uns relatos moi persoais, de certa bipolaridá, na medida en que o home é produto do seu meio, nun esforzo estético no que predomina unha utilización do montaxe literario dun xeito que constitúe unha leda renovación da pantasía abordada dende unha acusada personalidá” (A cadea). Como se pode ler, aquí o que non anova algo é porque non quere, pois facilidades, en verdade, non faltan. Pero, parece ser, fartos de vangardas que só consomen profesores universitarios, aburridos de escacharen a gargalladas cada vez que len un orixinal, cansos de que os transporten a outros estados que non son o seu, de que lles regalen mundos sen que eles o pedisen, os editores decidiron que había que renovarse para renovar o lector. Así descobren que tamén había autores dos de antes, que existen narradores que contan historias: “hai, no cabo, nestes contos, unha sucesión de aconteceres e sucedidos, ben ambientados, descritos nunha prosa ricaz. Hai presenza dun narrador que sabe expresar con palabra viva (…) a multiplicidade psicolóxica dos personaxes, e o universo no que os seus personaxes se desenvolven” (Contos nocturnos).

A viaxe a través das lapelas podía continuar, pero abonda por hoxe. Segundo os editores galegos, na nosa narrativa todo é humor, anovamento, mestría, axilidade verbal, fantasía, vangarda, imaxinación…, é dicir, non hai crise. Talvez os lectores sexan algo túzaros e teiman en dicir que si, que existe, a citada e recitada crise. Que os nosos narradores non teñen tanta fantasía e moita menos imaxinación, que a citada renovación é un aburrimento total que conduce a ningures, que a axilidade verbal adoita non aparecer a maioría das veces, que a maioría dos libros narrativos son confusos, escuros, etc. Mais talvez os lectores galegos esteamos equivocados, talvez a razón sexa dos editores, non enchen estes os estantes da libraría con 30 novidades narrativas por mes? Entón, crise? Non, saturación. Ou non? E as lapelas son algo máis que meras frases publicitarias para vender un produto, sexa este cal for? De momento, penso, só cabe unha asociación de defensa do consumidor.

Mais, agora que o penso ben, as lapelas non son publicidade, nin divertimentos de diletantes que traballan nas editoriais. Non; demos co segredo: as lapelas son a única crítica, a verdadeira crítica que existe e se exerce en Galicia. Aínda máis, talvez sexa a única que merecen os nosos escritores.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s