‘Marta e a píntega’, como che vos cambia o conto

Ilustración de Patricia Román para ‘Marta e a píntega’.

Guiada por unha píntega parlante chamada Olimpia, Marta entra sen querelo no mundo dos contos, onde debe axudar a resolver “un problema ben gordo”. Esta é a proposta de Marta e a píntega, de Eli Ríos, que ademais inclúe ilustracións moi aqueladas de Patricia Román.

Marta e a píntega é un libro recomendado a partir dos dez anos. Todos os colaboradores e lectores de Biosbardia entramos nesa definición, así que podemos mercalo e lelo sen medo. Agora ben, eu penso que calquera neno ou nena de oito anos tamén podería desfrutar deste libro tanto ou máis que os da idade que sinala a recomendación.

O primeiro que chamou a miña atención cando comecei a ler Marta e a píntega foi que estivese narrado en presente. Hei de admitir que non me dei afeito ao uso deste tempo verbal no libro; talvez Ríos o escolleu para involucrar máis profundamente o neno-lector na historia, para darlle un toque extra de emoción que o tempo pasado, inda que fose a elección natural, non lle daría. De feito, a linguaxe e a forma de contar a historia están moi ben deseñadas para captar a atención dos lectores máis novos, con moitas partes, especialmente os diálogos, susceptibles de dar un bo espectáculo a través do uso de voces e tons variados ao seren lidas en alto.

Marta e a píntega é unha historia na que se cuestiona a vixencia dos valores dos contos tradicionais dende un punto de vista non de aprendizaxe social (o medo aos descoñecidos, o valor da obediencia, da pasividade ou da renuncia, etc), senón individual (e se o lobo non quere comer a avoa? E se a princesa non quere a ningún príncipe nin ser unha princesa?), porque para ensinar o primeiro cómpre estereotipar os individuos, uniformalos cunha personalidade plana e alienante para quen a tome como modelo de vida.

Os cativos toman contacto con estas ideas a través das personaxes do libro: Carapuchiña, Rapunzel, o Lobo, Gretel… que se negan a ser o que os seus contos fixeron delas. Isto foi o que máis me gustou do libro. Marta debe axudalas a conseguir o seu soño trocando o seu papel de lectora en creadora, pois debe escribir os novos contos que as liberen do seu eterno retorno. Ademais, a protagonista usará o fío da historia para reconciliarse coa súa nai, a cal foi tamén, na súa infancia, vítima metafórica da desfasada moral que contiñan eses mesmos contos.

De cara aos adultos, o libro é unha chamada de atención a non perpetuar o tópico, a permitir a evolución dos pensamentos e aceptar certos cambios de paradigma que veñen petando na porta da sociedade dende hai tempo.

Non obstante, penso que Ríos non pechou de todo esta idea no seu argumento. Unha vez proposto o conflito principal ―a modificación dos contos―, a solución é tan inmediata e doada que a autora tivo que recorrer a un diabolus ex machina para introducir unha dificultade adicional e repentina que, coma nas películas de Hollywood, xustificase un pouco de acción no relato.

Para resolver este problema inesperado as rapazas deben traballar en equipo e mesmo falan de facer un trato cos seus antagonistas ―o cal sería moi orixinal―, inda que finalmente utilizan métodos máis expeditivos, como o engano, o envelenamento e a sabotaxe industrial.

Non embargante, inflixirlles un castigo sen que o lector os vexa actuar con maldade é correr un grave risco empático. Se nos atemos unicamente a que uns din que os outros son os viláns da historia o que resulta é unha loita de poder entre iguais na que ganará o máis forte ou o máis listo, mais non quen leve a razón ou defensa unha causa xusta.

O lector identifícase con Marta, que é nova no mundo dos contos, e a través dela aprendemos cousas dese mundo, e a nosa Marta non experimenta por ela mesma e de forma inequívoca quen son os malos da historia, dinllo outras personaxes das que se fía sen cuestionar a súa palabra. De feito ningún antagonista dispón sequera dunha liña de diálogo no que mostrarnos a ilexitimidade da súa vontade ou dos seus obxectivos.

Ademais, a vida das princesas dos contos clásicos é igual de tópica que a dos ananos, dragóns, príncipes e outras personaxes utilizadas para a manipulación social, porque por moi viláns de conto que sexan ou ben parados que saian, tampouco foron eles quen escribiron os seus destinos.

♦ Marta e a píntega, de Eli Ríos. Galaxia, 2016. 132 páxinas. ♠11,50€

Lois Z.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s