‘… e os domingos un croissant’: Desde dentro do psiquiátrico

Ursula Heinze.

Semella gozar de certa fortuna recente nas nosas letras o xénero memorialístico entendido non como autobiografía totalizadora, senón como recreación en primeira persoa de aspectos ou vivencias concretas dun período da vida de un. Véñenme á memoría Maternosofía (Galaxia, 2014), de Inma López Silva, A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, e o recente Terra, de Xurxo Mariño (Xerais, 2017). As tres tiveron boa acollida e se cadra poderiamos empezar a falar dunha certa prosperidade tardía entre nós do xénero da creative non-fiction, de nacencia estadounidense, que vén sendo contar historias reais valéndose das técnicas da ficción. … e os domingos, un croissant. Diario dun encontro coa vida (Alvarellos, 2015) entra tamén no xénero, pois é o diario de dous meses que Ursula Heinze de Lorenzo pasou nun sanatorio siquiátrico de Compostela para superar unha depresión.

Impresiona ao longo de todo o libro a honestidade, mesmo unha certa nudez da autora no enfrontarse coa súa experiencia e transmitírnola. Preséntanos o día a día do sanatorio centrándose no que observa e non tanto no que pensa ou sente, e teño para min que é este o maior acerto da obra. Case todos os momentos de reflexión ou introspección veñen motivados por cousas que a autora viu ou oíu no sanatorio, e isto dálle á obra unha especificidade e unha inmediatez sen as cales o xénero da creative non-fiction non se sostén. Non se preocupa por pontificar (salvo contadas excepcións) senón por observar e transmitir.

As capacidades de observación da autora brillan no seleccionar e transmitir o detalle sen edulcoralo nin dramatizalo (“Á primeira hora pola mañá afeitan os homes. Algúns están tranquilos, pero hainos que berran e deféndense cos brazos e como poden”, p. 57; “Aquí todo xira ó redor da comida e do tabaco”, p. 92). Así, a base de detalle, imos coñecendo tamén os outros pacientes e algúns traballadores do sanatorio, personaxes secundarios se considerásemos este libro como unha obra ficcional. Na segunda metade do libro, iso si, achei ocasionalmente de menos un pouco máis de selección ou edición por parte da autora ou o editor. A estrutura é literalmente a do día a día da autora nos dous meses que estivo no sanatorio e isto leva a unha certa repetición que algunhas veces funciona (porque dá conta moi acaidamente de como os pensamentos de Heinze pasan unha e outra vez polo mesmo sitio) pero noutras ocasións é simple redundancia. Un diario publicado non ten por que ter unha entrada para cada día, aínda que o orixinal si as tivese.

Outro dos acertos é o estilo, digamos, elemental, sen gran profusión de adxectivos nin, sobre todo, de adxectivos inútiles (aleluia!) e cunha construción das frases que reflicte a fala cotiá (ás veces, moi poucas, estráñase un maior traballo de edición para amañar algunha construción gramatical pouco ortodoxa que entendo que non ten fins expresivos). Para min este estilo é un dos grandes misterios da obra, porque dá a impresión de ser perfectamente espontáneo, pero estou certa de que ten detrás un gran traballo estilístico. Como calquera escritor saberá, escribir como se fala é unha das cousas máis difíciles.

O libro supuxo o ben publicitado regreso da autora –alemá de nacencia– á narrativa galega despois de máis de quince anos de ausencia. Ás veces aborrece xa un pouco que se faga noticia dos abandonos ou retornos literarios dalgúns dos nosos escritores máis coñecidos, como sucedeu tamén recentemente con Suso de Toro; paréceme que isto non é máis que pretender que somos unha literatura grande sen selo, unha literatura na que é noticia que a Pérez-Reverte ou Vargas Llosa lles sente mal o almorzo. Non obstante, precisións de socioloxía literaria á parte, alédame o retorno de Heinze, sobre todo se é cunha obra sólida coma esta; coido que a autora achega unha ollada diferente e excéntrica (no sentido de que está fóra do centro) sobre nós. Esta ollada agroma ocasionalmente en …e os domingos, un croissant cando fala, por exemplo, de pacientes que enfermaron por problemas de herdanzas e entronca coa novela de Heinze Anaiansi (Ir Indo, 1989), que, aínda que non libre de certos problemas na técnica literaria, proporciona un interesante contrapunto aos xeitos de entender a ollada feminista que máis predominan ou máis se publicitan estes días na nosa literatura.

♦ … e os domingos un croissant, de Ursula Heinze de Lorenzo. Alvarellos, 2015. 144 páxinas. ♠13,50€

Eva Moreda.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s