Emma Pedreira: “As galegas levamos a retranca na cana do óso desde a prehistoria”

Emma Pedreira. AR SALGADA.

César Lorenzo Gil.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é unha das escritoras galegas máis premiadas e versátiles. Poeta e narradora, gañou o Narrativas Quentes 2016 con Corazón e demais tripas (Positivas) e publicou recentemente Bibliópatas e fobólogos (Galaxia), un monllo de microrrelatos nos que sobresae o humor e o amor polos libros.

Bibliópatas e fobólogos é un libro que fala de libros. Os libros como xeito de explicar a existencia. É quizais ese o principal valor da literatura?

Se nos poñemos filólogas, debería botar man do aprendido na carreira e dicir que a literatura está feita para aquilo do docere et delectare (ensinar e deleitar), algo que sigo ao pé da letra en todo o que busco, como lectora e como escritora. Pero a literatura e a súa función dependen de moitas máis cousas; do momento, da formación, da facultade de espellar, das expectativas (e falo sempre tendo en conta a biface persoa lectora/persoa escritora). Se nalgún momento da vida a literatura puido ensinarme a aprenderme, agora abonda con que me satisfaga nos máis primarios sentidos. Sexa no momento que sexa ou desde o recanto vital que for, para min os libros sempre son e serán fascinantes.

Neste volume optou por intercalar o formato curto co moi curto. Non sei se se sente cómoda con etiquetas como micronarrativa.

Eu síntome cómoda escribindo. Punto. Non escollo abeirarme a ningunha proposta nin pegar na fronte unha etiqueta antes de poñerme a escribir. Vaia, hoxe teño o corpo de microrrelato resultón con tendencias modernistas, e aí vén o texto. Coido que as etiquetas veñen pola banda da recepción, non da emisión. Correspóndenlle á xente que nos le e valora o noso traballo. Eu emito unha mensaxe a través dunha canle, cífroa; a maneira que me apoñan despois de descifrala xa non é tanto cousa miña como pode selo o traballo de codificación, o sentido crítico e a complicidade lectora fan o resto. Por iso o certo é que o mínimo, o curto, o micro, si levan consigo un código específico pero tamén unha consideración moi activa da persoa que le porque a microficción pretende a retroalimentación para que o texto e a súa mensaxe se abran –ou se pechen- para “acabar de facerse”. Niso parécese á poesía, na confianza que depositamos en quen le para que a mensaxe se decodifique. É máis íntima aínda a relación entre poesía e relato se á poesía lle aquelamos o de “en prosa” e ao relato o de “micro”, porque aí se eslúe unha ínfima fronteira, pero non, aínda así son lugares diferentes que requiren de formacións e experiencias diferentes e non teñen por que funcionar os textos poéticos na narrativa e viceversa.

Ás veces acúsase á literatura galega de ser moi filoloxista. Non pola profesión dos autores unicamente senón polo valor da lingua e a linguaxe nas propias obras. Velaí Crónica Córnica, de Francisco Coimbra, ou De remate, de Héitor Caxaraville, onde o que e o como se fala e se escribe teñen valor literario. Neste libro a palabra tamén é protagonista. Cal era a súa intención ao destacala xa desde o título?

O de filoloxista é un termo que escoito por primeira vez e, ademais, referido á nosa literatura, non me parece unha acusación. As acusacións ben fundamentadas –e ben levadas pola “vítima”, claro– activan a autocrítica e, por tanto, desinstalan a preguiza. Supoño que ter consciencia da fraxilidade da lingua e da escrita na nosa lingua e ter conta dos seus coidados pode parecer filoloxista. O caso é que si me interesa ser filoloxista, igual que me interesa ser animalista moito máis alá de ser especista e ampliar as marxes da atención e da protección. Filoloxista entendido como activismo filolóxico, como proteccionismo do idioma e, no seu interno, da gramática, sintaxe e morfoloxía elementais para a comunicación, interésame e moito. Por outra banda a posta en valor das palabras como elementos vivos dentro da narración e non só como pezas das que se serve o discurso para funcionar, paréceme rico e vivo e ten que ver con dar valor á forma para que o fondo funcione.

En todo o libro vostede mantén unha atmosfera humorística, irónica, de parodia ás veces, de sarcasmo extremo outras. Do meu punto de vista é este factor o que máis relaciona este libro coa tradición galega, por exemplo con Castelao. Está de acordo?

Gústame o humor. Estou nun punto da miña vida en que sen un sentido crítico –e cínico– para atinxir  moitas cousas e sen revestilas de humor, estaría profundamente deprimida, ademais de pobre. E tamén penso que as mellores conquistas e desarmes poden facerse a través do humor e non da violencia. Pero para falar da tradición do humor na nosa literatura eu choutaría por riba de Castelao e revisitaría a nosa propia oralidade, a de hai séculos e a actual. Hai un elemento que as galegas levamos na cana do óso desde a prehistoria: a retranca. O intraducible do noso sentido do humor puido ter enchoupado a nosa tradición escrita tamén e si, aí entrarían Castelao, Cunqueiro ou Celestino Fernández de la Vega, pero non é exclusivo deles, xa estaba aí moito antes, no trobadoresco por exemplo, pero tamén moito antes de ser recollido na escrita. Así que prefiro entroncar por aí co humor, fóra da filoloxía e máis cercana ao social e ao tabernario, para explicar un pouco o humor deste libro e como chegou a xente ben diversa.

Vostede tira do sentido do humor, ás veces con acidez, incluso nos seus comentarios no facebook. Fáleme, por exemplo, desa oficina que describe a diario con moita coña. Alí seica é vostede a escritora galega que gaña moitos premios pero que non sae de pobre coa literatura, non si?

Alí veñen de saber hai moi pouco que escribo, que publico, que me “tocan” premios e que me plaxian. E parécelles raro que o faga en galego porque o galego é para ir a Luar ou á festa da empanada, non para a literatura ou o activismo cultural. O de que a literatura non me procurará unha mansión e un iate privado hai que ir explicándollelo aos poucos, con paciencia, con cariño e con humor, igual que fixeron comigo durante estes vinte anos de terapia para autoras galegas.

Tras uns anos nos que o relato desaparecera do andel de novidades das editoriais galegas, levamos unha tempada de boa colleita. Estou pensando amais de no seu libro, no Galería de saldos, de Diego Giráldez ou en Cuestións vitais secretas, de Iván García Campos, entre outros títulos. É cuestión de modas? De xeracións? Ou diso que afirmaba en tempos Camilo Franco, de que o relato é o xénero ideal para o tempo de hoxe no que falta tanto o tempo?

Pois eu estou pensando en calquera outro momento, así ao chou, dos últimos anos e vexo a Marica Campo, María Canosa, Uxía Casal, Beatriz Dacosta, por citar algunhas narradoras dedicadas ao relato e non creo que teña desaparecido nunca. Se cadra o que desapareceu foi o interese do público, ou da mercadotecnia, que indubidablemente marca os gustos durante un tempo. Estou de acordo é con Camilo Franco. A súa proposta e a miña coinciden: a economía temporal e a pouca paciencia dan lugar a este tipo de relato. Cando non tes horas completas que dedicarlle a un texto que sacar, deter, puír, traballar e podes facer da escrita algo máis instantáneo o (micro) relato é o ideal. Pódelo deixar feito do día anterior e requentalo un pouco sen que se note na súa textura. E alimenta e sabe ben.

Antes falabamos de premios. Vostede gañou xa bastantes, tanto en prosa coma en poesía. Que valoración fai dos certames literarios en Galicia? Un dos máis recentes recoñecementos foi o Premio Internacional Jovellanos 2017 ao mellor poema do mundo. Gañar algo así debe pór a proba o propio ego, non si? Na súa calidade, como inflúen os premios sobre a súa rutina literaria: son un aliciente, unha confirmación, simplemente unha posibilidade de ampliar difusión…?

Na Galiza, se alguén ten un problema co seu ego en nadiña llo corrixen. A terapia é tan sinxela como un dos nosos máis sublimes vocábulos: Boh! Adoro esta palabra, que en cuestión de medio segundo pode arrearche un sopapo de realidade e dicirche que si, que gañaches moitos premios, que publicaches moitos libros ou que o teu poema é o mellor do mundo, pero o ano que vén haberá outro e tamén será o mellor poema do mundo e que probablemente mellores poemas do mundo mellores que o teu están soterrados en humildes gabetas agardando a súa oportunidade. Os premios están moi ben porque responden á túa (á miña) demanda de atención dunha maneira moi práctica, danche proxección, cartos, libro, azos, pero a humildade debería estar por riba de todo xa que por un premio de longa traxectoria acabarán por pasar todas e todos os poetas do lugar.

Vostede publica desde que tiña 20 anos. Daquela foi encadrada na xeración poética dos 90. A este respecto interésame coñecer que pensa sobre a influencia daquel tempo literario sobre a cultura contemporánea galega. Foise mitificando aquela época conforme se afasta? Tiveron que loitar vostedes, as escritoras daquel tempo, para individualizar a súa visión literaria?

A primeira vez que me apuxeron unha etiqueta foi nese momento. Publiquei o meu primeiro libro antes de rematar a década dos 90 e alí me pegaron na fronte o colante de “Poesía de muller” que foi como se nos denominou ás mulleres que publicamos no momento, como escindindo as voces femininas das masculinas e creando un subgrupo programado para traballar xuntas. Eu estaba no momento do arranque, do querer aprender e ser aconsellada e non me molestou. Tiña vinte anos e a aceptación no mundo adulto é importante nesta idade, tomeino como algo iniciático e conformeime con esa consideración porque non me pareceu pexorativa. Agora mesmo continúa a parecerme algo circunstancial e froito do boom das voces femininas daquela década, pero, xa con perspectiva, paréceme que considerar que o fenómeno era algo novo ensombreceu o esforzo das que traballaron antes ca nós. Tamén hai que dicir que somos un país mitómano e, dentro da literatura o mito é fundamental, así que como non mitificar cada paso dado se deixou pegada e foi exitoso! Queda aí o que pasou nos 90 para apreixalo e aprender e, por suposto, para manter a convivencia porque as autoras dese momento aínda somos novas e nos queda moito por traballar. O bo é que o traballo e o tempo foron destrenzando aquel pack literario e puidemos ir mantendo os nosos discursos persoais, que é doado localizarnos como poetas dos 90 pero tamén enunciar os nosos nomes individualmente. Iso solidifica cada un dos nosos discursos persoais.

É vostede de escribir cada día? Ten rutinas? Como é o seu esquema de traballo? Corrixe moito? Ten lectores próximos aos que lles pasa os seus manuscritos antes de os editar?

Son de escribir cando podo ou cando me deixan. As rutinas son moi importantes, pero cando non tes nada que dicir, pois mellor non forzar e dedicar o tempo a cousas máis produtivas, como ler ou formarse. Así que nestes últimos tempos son máis de arroutadas que de rutinas, non teño tempo de sentar a agardar polas ideas. Escribo cando teño unha e só se dispoño de tempo para traballala. Vou sempre acompañada polo meu sentido –finísimo– da audición e colleito o que escoito, son de rapina. Traballo moito dentro da cabeza, ás escuras, co insomnio ou co pensar noutras cousas e non no que estou facendo (teño un traballo gris e bastante automático) polo que cando a idea chega ao papel xa vai traballada nun 80 por cento. Outro dez faino o repouso do texto, que para min é imprescindible para poder ollar con alleamento e sentido crítico o que vou facendo. Ter xente que me le no folio impreso na casa tamén me dá unha seguridade que ás veces non teño se estou soa. E un último cinco por cento déixollelo aos e ás editoras porque son xente que vive diso e tamén teñen que comer.

Sei que vostede ten experiencia en ser escritora plaxiada. Xa lle pasou varias veces.

Escribín un texto, gustoulle a un xuri e premiárono. Logo gustoulle a unha persoa moi preguiceira, bo gusto literario pero sen facultades para o traballo, presentoullo a outro xuri e volvérono premiar. Isto debería supoñer un delito pero á xente fíxolle moita graza e riron moito e entón lexitimamos o plaxio como un chiste e unha plusvalía para o texto orixinal. E como as leis protexen todo agás a propiedade intelectual escrita, morreu o conto e fin. Aínda non sae na galipedia o de que son unha escritora plaxiada.

Que libros están agora na súa mesa de noite?

Nunca hai menos de vinte ou trinta. Hai algúns que sempre estarán agardando que os lea e non lles tocará probablemente nunca (un par de novelas de Will Self, por exemplo). Outros están sempre aí porque non os deixo moverse: unha antoloxía das poetas Beatnik, a obra completa de Sylvia Plath, The Bloody Chamber, de Angela Carter e o Transformations, de Sexton, o terceiro volume da poesía trobadoresca (escarnho e maldizer) ou Caras baratas de Adília Lopes. Estes días coroan os meus oitomiles de libros Luns, de Eli Ríos, o facsímile da causa penal contra Romasanta e a Contabilidade de Valter Hugo Mãe.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s