Unha fervenza de adxectivos para invitar a ler

A lingua das lapelas dos libros (II)

Percorremos as lapelas de libros galegos actuais na busca das súas claves expresivas e de promoción.

Xesús González Gómez.

O pasatempo publicado a semana pasada apareceu no número 4, outono de 1986, de Luzes de Galiza. O artigo escribiuse antes de que aparecese o hoxe citado até o cansazo Seuils, de Gérard Genette[1], no que dedica unhas vinte páxinas (98-109) ás lapelas (Prière d’insèrer, no idioma de Rimbaud), xa que o depósito legal da primeira edición deste afamado libro, impreso en Évreux, na Imprimerie Hérissey, é de febreiro de 1987. Genette, despois de reproducir a definición que de prière d’insèrer dá o Robert, vén dicir, “Noutros termos, que serán os nosos” [os de Genette, claro], que a lapela é “un texto breve (xeralmente de media páxina a unha páxina) que describe, por vía de resume ou calquera outro medio, e dunha maneira a maioría das veces gratificante, a obra á que se relaciona –e á cal está, desde mais de medio século, unida dunha maneira ou outra” (p. 98). Non imos repetir, nin resumir, todo o que di Genette da lapela (prière d’inserer) –informativo e, tamén, divertido–, só traducir dous parágrafos, un da páxina 99: “[…] a lapela serve para ‘indicar’ á crítica, antes de toda lectura eventualmente inútil, que clase de obra se trata e, polo tanto, cara a que clase de crítica convén orientar a lectura –para uso, en suma, dos redactores-xefes”; e o outro da páxina 105: “A idade de ouro (ou de vermello) da lapela ou, como se di ás veces, do ‘recheo’, foi sen dúbida, nos medios vangardistas (Nouveau Roman, Tel Quel, Change, Diagraphe e outras parroquias parisienses), os anos sesenta e setenta. Os historiadores futuros gozaran, sen dúbida, ao clasificaren, nesta a preciosa trapallada, o que manifestaba profundidade, simulación, megalomanía, caricatura voluntaria ou involuntaria, mais é demasiado cedo para se dedicar a iso: algúns dos culpábeis circulan aínda, e non lonxe de aquí”. (Non lonxe de aquí: das Éditions du Seuil, patroas de Tel Quel até a súa desaparición?). Mais acabamos con Genette.

Lendo un libro. DANIEL WEHNER/FLICKR.

Hoxe, 31 anos despois, deume por repetir a viaxe, a ver os novos medios de transporte, é dicir, os novos libros narrativos aparecidos desde aquel xa afastado 1986, e os seus condutores vicarios, ou sexa, os lapelistas, transformaran o vello territorio. O viaxeiro, é dicir, eu, coma sempre, cando se trata de viaxes a terras descoñecidas ou non visitadas hai moito tempo, espera atopar nelas, un pouco baudelerianamente, “luxo, calma e voluptuosidade”. Será así? (Avisamos que non seremos exhaustivos, para intentarmos non caer nese monstro tan, outra vez, baudeleriano que é o tedio.)

O primeiro que cómpre salientarmos é que algúns directores editoriais aprenderon rápido e decatáronse de que o mellor para o lector é, simplemente, non dicirlle case nada, ou nada. Sobre todo por aquilo de prometer moito e logo resultar que a promesa das flores non se recolleu en froito ningún. Así, unha das mellores novelas galegas da segunda metade do século pasado é presentada moi sinxelamente da seguinte maneira: “Unha muller observa a través dunha ventá. Na casa de en fronte, un home le e fuma sentado nun sillón azul. Ela ve un ser avellentado que parece agardar algo escuro e terrible. É unha figura moi distinta da que coñeceu anos atrás, cando el era un xove profesor brillante e desdeñoso coma un deus. No medio houbo un tempo cheo de dolor e desexo, de amor e crime. Un tempo feito tamén de actos e palabras sobre as que a memoria bota agora unha nova luz” (como percibiría o lector, trátase de Deus sentado nun sillón azul). Claro que o lapelista máis intelixente de todo foi o de Blúmsdei: nin unha palabra. Algún comentarista se quixo dicir algo da novela tivo que lela (ou botar man dalgún prospecto que enviara a editorial, se é que os enviou), aínda que o título xa dá moitas pistas… Ben que para pistas (teoricamente) as que dá, a mancheas, a lapela seguinte: “Son microrrelatos ou relatos curtos, concisos e veloces (sic), que alimentan un receitario de tropezos na vida […] Predominan as situacións cotiás, guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina violencia, melancolía, drogas, medo e outra miserias que murchan, afogan e desesperan […] Escritos nunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces como tráilers de películas […]» Vidas Post-it. Santa nai de deus! A mestura é xenial: desde unha fervenza de substantivos à la page para morbosos non reciclados, a unha serie de palabras que dan nunha primeira impresión de estar a falar dunha receita gastronómica. En realidade, a lapela esta é un “palimpsesto” de receita gastronómica.

Se a lapela que se acaba de transcribir, en parte, é palimpsesto de receita gastronómica, os anacos que se dan a continuación deixan percibir que o lapelista pensaba: a) aforrar traballo, e lectura, a comentaristas; ou b) que os lectores constituirían un tribunal que, finalmente, lle outorgaría o tan desexado doutorando (en filoloxía galega). Claro que alguén de mente retorcida pode pensar que, ao cabo, o lapelista non era (ou é) máis que a) un critico frustrado ou b) un “pedantuelo al paño”, que diría Antonio Machado: “A visión de [nome do autor] non achega coherencias senón distorsións intencionadas, e así a trama vaise liberar da súa dependencia temporal, vaise disolver en fragmentos narrativos que se xustapoñen […] Criminal supón a escolla dun método narrativo que mina a solidez das nosas concepcións intelectuais […] A novela como escenificación paródica da propia función narrativa. Velaí unha das maneiras indirectas de explica-la experiencia humana do mundo” (Criminal, como deduciría o lector). Boa novela; e é tan post-moderna, que o lapelista non se dá conta de que acaba de converter o escritor de tal artefacto nun autor “omnisciente”: porque nesta novela, se se le con atención o que di o lapelista, nada escapa ás intencións do autor, como acontecía con aqueles odiados (normalmente odiados polos incapaces de escribiren unha novela que se poida ler) escritores que desenvolvían a súa novela mediante un “narrador omnisciente” –signo, este último da máis aborrecida anti-posmodernidade; e mesmo anti-modernidade. Ora, o máis gracioso de todo é que o lapelista afirme que a novela “mina a solidez das nosas concepcións intelectuais”, pode ser que as súas se son moi febles–, aínda que o dubido: o que mina concepcións intelectuais non son outras concepcións intelectuais, senón os feitos. Mais tamén ten que haber practicantes de filosofía idealista no mundo…

Se o lapelista de Criminal intentaba dar unha lección doutoral, máis intelixente era o de Miss Ourense: “Catro relatos policíacos ambientados en Ourense e protagonizados polo inspector Gumersindo Nespereira, un home que non está disposto a consentir que ninguén lle tome o pelo”. Intelixente porque deixaba o lector só enfronte do, digamos texto, aínda que lle avisara indirectamente que a cousa ía estar chea de humor, pero iso debía decidilo o lector. Ora, as lapelas que poderiamos considerar que respectan ao lector son aquelas que reproducen, simplemente, unhas frases da novela que se vai ler: “Ti correspondiches co que che pareceron informacións indispensables na túa residencia francesa, a túa condición de casado, a túa profesión de guionista cinematográfico. Datos todos que a muller foi escoitando aquiescente, como noticias chegadas dun mundo alleo de máis e, acaso por iso, indiciariamente perverso” (Volta e revolta).

Que o texto da lapela sexa longo ou curto, non ten nada a ver: pode ser longo e só falar de que vai a novela, e pode ser curto e indicarnos as grandes intencións do autor que, evidente, como corresponde a toda lapela, logra con creces: “En Laura no deserto [nome do autor] entra na alma dos personaxes para nos falar cunha voz intensa sobre a identidade, a culpa, o amor e a liberdade” (quen dá máis, con tan poucas palabras?). Ora, tamén o lector pode pensar, despois de ler estas palabras, que no canto dunha novela vaise a ler o informe dun psicanalista sobre un ou varios dos seus pacientes. O lapelista desta novela debeu ser o redactor desta outra (as dúas publicadas pola mesma editorial), porque semellanza existe: “Non sei cando nos veremos está escrita con toda a forza expresiva da fala e da agudeza do pensamento inquedo, curioso e irreverente. Unha novela que seduce e vai vibrar, o relato dunha existencia que abala entre Compostela e América, entre os praceres da carne e o sufrimento da tortura, entre a loita antifranquista e a brutal represión da Triple A”. Deixando de lado que o da Triple A non era represión, senón terrorismo, xa que, teoricamente, non formaba parte dos aparatos do Estado, aínda que estivese subvencionada por eles, ou nacese neles, o lector da lapela pode ficar abraiado, antes de ler a novela, e esperar o que, talvez, nunca lle entreguen: o lapelista foise ás grandes palabras. A grandes palabras adoitan encher as lapelas: “Sobre o fondo das tensións sociais dunha vila industrial galega en crise e da convulsa historia de principios dos anos oitenta, Cuarteto con piano aborda temas como a dificultade da convivencia, o terrorismo, a busca da perfección, a lóxica da forza, o amor ou o sexo. Unha novela de alento, escrita coa estrutura dunha peza musical e a minuciosidade dunha investigación policial, sobre as raíces profundas da traizón, da ansia e da soidade” (Mágoa, pensa un, que fallaran as notas, dando a impresión de que o autor non tiña idea de solfexo.)

Se o lector prestou atención ao que até o que de agora que transcribiu dalgunha lapelas, supoño que se decataría que na maioría destas se fala, indirectamente, da loita dos contrarios. O lapelista de Aquel lugar, vai directo ao gran: “Nesta novela mestúrase a violencia xeral coa particular, a tradición coa modernidade, o profundo coa superficialidade, a simplificación coa complexidade de dous mundos deixados á marxe. Polo momento, a viaxe queda como única saída” (Todos tan postmodernos e non nos demos conta que a viaxe xa non existe: hoxe xa só hai “turismo”.) Se as últimas lapelas transcritas usan das grandes palabras, a presente mestura estas coa información (sic) literaria: “[…] Cardume é un crisol de personaxes que evolucionan e logran subsistir as (sic) miserias dunha cidade desacougante. Cunha gran capacidade expresiva e unha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade de estilo, [nome da autora] reivindica nesta novela a memoria como conformación da identidade do presente”. Temos narradores que nos explican tanto o noso presente como o noso pasado, botando man de todas as técnicas e elementos da modernidade, da posmodernidade, etc., sen deixaren, por iso, de se lembraren da tradición. Tamén, seica, algúns dos nosos narradores son capaces de “minar” as concepcións intelectuais dalgúns lectores –escribo dalgúns porque cada lector responde de maneira diferente perante unha novela determinada. Existen outros que podemos confundir con psicanalistas. Tamén hai os que argallan novelas “podentes” mesturando todo o que faga falla:: “Unha historia fermosa gobernada (sic) por unha gran imaxinación e ateigada de riquísimas (sic) crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer un sutil e estimulante sentido do humor, esta novela podente (sic) homenaxea a literatura que viaxa (sic) de Lovecraft a Poe […]” (O xardín das pedras flotantes –con tal título, o lector xa imaxina que vai entrar no terreo da literatura fantástica. Un pensa que de tanto viaxar, esa literatura quedou un pouco apampada, o que se reflicte na novela de que se fala.) Despois de ler o transcrito, non sería de estrañar que máis dun lector se sentise aliviado ao ler lapelas como a que segue: “A vida de Zacarías Werner (1768-1823) convertida en novela gracias á capacidade evocadora de [nome do autor]. Unha mirada apaixonada, intelixente e culta sobre a Europa daquel tempo” (Fra Vernero). As flores (pobre Malherbe, “el peor poeta que ha habido jamás en el mundo”, Álvaro Cunqueiro) non prometían nada e os froitos recolleron todas as promesas que prometeran noutras sazóns.

Como pode percibir o lector que chegou até aquí, o ton das lapelas vai subindo subindo: “Concibida e escrita sen concesións, Iria é un poderoso exercicio literario que nos leva a bordo, coma en Manoel Antonio, e nos empurra cara a horizontes nunca antes navegados. Unha novela memorable, un fito na narrativa galega contemporánea”. (A novela será un fito, non a lin, pero pode un obxecto inerme empurrar a alguén?) Quen dá máis? “Unha novela esteticamente impactante e radicalmente anovadora que nos fala da sociedade e do individuo e do noso medo a espertar, a que o monstro do real afogue a nosa capacidade para seguir a imaxinalo todo” (Costa norte/ZFK). Imaxinar, o home, a muller, poden imaxinalo todo… e máis, e o exemplo está nos autores de lapelas: “Unha novela extraordinaria que propón unha travesía emocionante entre os territorios do amor e do desamor na procura dunha luz non convocada. Unha grande obra de madurez que confirmar a [nome do autor] como un dos novelistas maiores do noso tempo” (Toda a vida). Ou: “Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do animo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora de O club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina”. Destas tres novelas, só lin unha, que non me produciu precisamente hilaridade. Ou si, cando intentei descifrar os diálogos, que me semellaban un remedo dos famosos “diálogos de besugos” do defunto Tiovivo, revista humorística.

[1] Citado até o cansazo, e non só iso: temos visto bastantes “teses doutorais” que enchían abondo páxinas cos “seuils”, polo que supoño que os aspirantes a “doutor” deben estarlle moi agradecidos a Genette: axudoulles a encher algunhas ducias de páxinas nas que, como case todo o resto da tese, non se di absolutamente nada dun mínimo interese.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s