Sería posíbel que se publicasen hoxe en galego un Bernhard, un Carver ou un Modiano?

Desde a esquerda, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor. A foto foi tomada na Coruña.

Manuel Veiga Taboada.

Para garantir que a literatura galega teña futuro non só hai que intentar que aumente desde agora mesmo o seu público senón que deberiamos ser capaces de darlle unha resposta positiva á pregunta: “É posíbel que apareza hoxe, no noso sistema literario, un Bernhard, un Carver ou un Modiano?”

Un público máis numeroso, si, claro está. Pero máis alá do voluntarismo e da inmediatez desta aspiración hai que recoñecer que un público non se consolida sen un grupo de autores singulares que lle proporcionen a esa literatura voces que a fagan necesaria. Doutro modo, sería como ter unha literatura traducida ou como ter unha música onde abundasen os interpretes pero que carecese de compositores.

Persoalmente, non lle vexo moito sentido ao intento de construír unha literatura recoñecíbel como galega pola paisaxe que evoca, pero non pola súa orixinalidade. En literatura, como en toda a arte, o que importa non é o retratado, senón o punto de vista.

Podemos ir detrás dos lectores sen un punto de vista particular que ofrecerlles? Sen un modo de entender o mundo que non encontrarán noutros lugares?

Citei a Bernhard, a Carver e a Modiano porque non son autores experimentais nin difíciles de ler, pero si son voces singulares, nacidas a partir do seu propio carácter e personalidade. Voces anacionais ou sen nacionalidade expresa que, non obstante, acabaron servindo de prisma para coñecer Austria, os Estados Unidos e Francia, respectivamente.

Deberiamos ser capaces de entender isto moi ben. Pode que Rosalía se inspirase en cantares populares. Non é inapropiado afirmar que a poesía de Rosalía expresa o sentir do noso país, cando menos nunha determinada época, pero eu creo que aínda resulta máis evidente, se o analizamos en profundidade, que a idea que temos de Galiza é, en boa medida, unha creación froito da capacidade poética de Rosalía.

Son os autores que nos parecen máis diferentes os que descobren os países, os que os ven dun modo distinto e nos mostran aos demais ese modo novo de mirar.

O sur dos Estados Unidos que coñecemos é, en boa parte, unha creación de autores como Faulkner ou Cormac McCarthy. Eles viron o que ningún outro vira. Esas visións non estaban aí ou estaban só como xermolo, apenas formuladas.

Acaso veriamos hoxe igual a Mancha ou a propia España, se Cervantes non tivese nacido?

As leis físicas existen antes de que alguén as descubra, pero a imaxe que temos do mundo, a fantasía, os soños, as diferentes formas de ver o mesmo, non existirían sen os artistas. A arte é un complemento do mundo físico. A materia é fría. É a arte a que lle dá o seu sentido humano.

A literatura galega non ten hoxe un Cunqueiro, pero o peor é que dá a impresión de que non é iso o que busca. Parece máis sinxelo é rápido copiar patentes alleas. Pode resultar un método eficaz a curto prazo, sen dúbida. Pero non será nunca unha solución.

De aparecer hoxe en galego un libro equivalente aos de Bernhard, Carver ou Modiano, moi probabelmente ficaría sen editar. Creo que non tanto porque non haxa público, como porque o seu público potencial está convencido de que en galego non se editan libros así. Trátase dun círculo vicioso que se foi creando nas últimas décadas. A voz de autor, a orixinalidade, escindíronse da literatura galega a medida que a autonomía avanzaba.

Toda estrutura sostense grazas a un sistema de equilibrios. Pero en Galiza o equilibrio está roto, neste momento, non só polo lado da lingua, senón tamén polo do punto de vista dos narradores. Non existe ese punto de vista.

Sei que alguén dirá que pido moito e que o que digo nos debilita. Pero non é o diagnóstico o que mata o enfermo, senón o silencio e o conformismo.

Se Dieste e Blanco Amor foron orixinais en tempos ben máis difíciles, por que non é posíbel repetir e aumentar hoxe ese éxito?

Advertisements

3 comentarios en “Sería posíbel que se publicasen hoxe en galego un Bernhard, un Carver ou un Modiano?

  1. Estimado sr Veiga Taboada, dous puntos

    Confeso que tiven que ler ata catro veces o remite da proclama, porque coas tres primeiras non quedara convencido.
    Esta mesma discusión, pero así, a mesma talmente, tívena eu haberá catro meses cunha rata de biblioteca (e sen embargo, amigo) de aquí de Noia: se Benrhard presentase hoxe un orixinal en calquera das editoras que sobreviven no país (e que os demais sufrimos), daríanlla publicado? A miña resposta foi que nin de puta coña (desculpe o léxico, pero é que esa foi a miña resposta), mentres que el sostiña que, ante un xenio do tamaño de Bernhard, ao sistemiña non lle quedaría outra que pasar polo aro. Na súa defensa direi que estou a falar de moi boa xente, e como toda boa xente, o meu amigo sufre episodios de inocencia infantil de cando en vez: o pobre aínda pensa que a literatura está por riba da mesquindade.

    Verá, Bernhard non publicaría hoxe en Galicia por catro grandes motivos:
    1) Posiblemente ningún dos editores que andan ceibos por aquí o entendería (case podo imaxinar o correo de resposta: “Repítese moito vostede, gasta non menos de tres páxinas en dicir o mesmo contando cousas que xa contou e non coñece as regras básicas de puntuación. P.S.: Sabe vostede o que é un parágrafo?”)
    2) Seguramente calquera deses mesmos editores que andan ceibos por aquí pensaría (con gran derroche de paternalismo) que os lectores galegos tampouco o entenderían (se eles, que son editores, non o entenden, vano entender os pobres mortais). Ademais, pense vostede no incómodo da situación: “Thomas, no canto destes ladrillos infumables que traes… non terás por aí unha noveliña curta para mover nos colexios? Algo así, benpensante, moralizante, adoutrinante… Ti xa me entendes!”. Case mellor non imaxinar o escenario, verdá?
    3) Por suposto, a crítica oficialista, esa que vai quitando unhas perrillas, editando trapalladas e enchendo andeis con libros de balde a conta de agradar ás editorias, non correría o risco de que un energúmeno así lles saíse polos montes do Xurés cunha obra como “Tala”: laminaríano sen piedade así como a súa primeira novela entrase no prelo.
    4) Obviamente, a mediocridade intelectual e a miseria moral que imperan no gremio, farían o resto, e o pobre Bernhard tería que abandonar calquera pretensión de publicar en galego (como de feito xa fixeron outros compatriotas dese hipotético Bernhard galego nos últimos anos): imaxine se non como farían todos eses panaugados para mover a enésima mellor novela galega dos últimos anos cunha “Corrección”, “Xeada” ou “Formigón” circulando por aí.

    Por se isto non abondaba, naquela conversa co meu colega de aquí de Noia tamén rematou por aparecer Carver, e aí si que xa, festa: algunha descerebrada lilá acusaría o pobre Raymond de escribir machiruladas, as escritoras patrias iniciarían unha campaña de denuncia contra o seu inaceptable discurso literario, e por non verse salpicadas pola polémica as editoriais rematarían botando terra sobre o tema, o libro e o autor. Co silencio cómplice da crítica oficialista antes referida, claro, que o que se move na foto, non sae.

    En canto ao pobre Patrick, ben, confeso que Patrick non apareceu pola nosa conversa. Nin tampouco esperamos que pase, que escribir, escribe ben, pero aburre ás ovellas.

    Así que non, non conte vostede con resurreccións imposibles. Afágase á mediocridade, á literatura papel cuché, a militar nalgún grupo de presión se quere salvar os mobles, a bailarlle a auga aos críticos, a falar ben de calquera bosta con forma de lanzamento editorial e, sobre todo, a botarlle a culpa a Feijóo de que cada vez se lea menos en galego.
    E por favor, unha última cousa: non lle bote a culpa aos narradores, bótella aos mesquiños que sustentan o circo. Hai xente que se podería sentir ofendida.

    Sen outro particular, parabéns polo artigo.
    Saúdos.

  2. Pingback: O ‘mainstream’ galego - Libraría Aira das Letras

  3. Pingback: Catro ou cinco ideas para autoodiarse con xeito (e sen prescripción médica)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s