Quen é quen no I Torneo de Duelistas

Guerreiros de terracota de Xian (China).

Queda unha semana para que dea comezo o I Torneo de Duelistas de Biosbardia, a liga de relatos en lingua galega que durante o resto do 2017 manterá en batalla 15 autoras e autores. Á espera de poder valorar os seus traballos, velaquí un repaso ás súas biografías.

Grupo A

Xosé Duncan.

Xosé Duncan

Duncan conta que nunca pensou que escribiría e, de feito, continúa, “hai moitos que pensan que non debería escribir, mais, como todo na vida, as cousas son como son e non como queremos que sexan”. Explica, polo tanto, que seguirá debuxando pesadelos, soños e angurias coas letras dun teclado.

Lois Pérez

Lois Pérez

Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre e contador de historias, e o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, coa obra Saltimbanqui, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico, publicada en libro-cd (Xerais, 2008). En 2013 publicou LP, o seu primeiro poemario, editado por Emerxente. Foi colaborador do grupo de teatro Pinchacarneiro, da Fundación Anade para persoas con diversidade funcional e ocasionalmente exerce de cronista do rock and roll para a revista Ruta 66 e como locutor radiofónico nocturno para openradio.es. Colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e no eido do ensino traballou e coordinou diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles (2008, 2009, 2010 e 2011) por organismos oficiais e institucións diversas.

Ana Vigo.

Ana Vigo

Nacida en Pontevedra. Considérase a si mesma “devoradora e creadora de historias dende que teño memoria. Para min, ler, escribir, debuxar e imaxinar son actos tan necesarios como respirar”. Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC, actualmente é redactora xefe e coordinadora da sección cultural no diario dixital TimeJust. Autora da novela La búsqueda de los dioses (Luhu Editorial), confesa que ten outro puñado de narrativa aínda no caixón. É autora de relatos curtos dispoñibles en diferentes antoloxías.

Lois Z.

Lois Z

Crítico literario. Licenciado en Bioloxía. Ourensán (1981) empadroado en Compostela. Xogador de rol, escritor de relatos e estampador de camisetas.

Grupo B

David Botana.

David Botana

Dedícase a dar clases particulares “(do-que-sexa)”, confesa, “mentres agardo a que as catro vacas da avoa xunten o esterco dabondo que me obrigue a facer algo de deporte; é unha sorte, podían ser cinco vacas. O pelo da cabeza múdaseme a lugares insospeitados do corpo, corpo xa con forma de fariñenta pera mol, mol pera que me fag… err… que me vou pudrindo; vamos”, conta. “Estou a escribir esta “Bio_Sbardia” miña (haha) cun pé en alto por mor dun ataque de gota aguda; é unha sorte, podía ser cunha embolia. A persoa coa que vivo leva todo o día a dicirme: «Maldito aleixado!» polo meu pé inflamado, curiosamente iso faime rir, faime sentir ben; é unha sorte, a maior de todas”, continúa. “Escribo cousas, polo xeral na cabeza, ás veces en papel. Son cousas variadas, algunhas con feitura de conto, o máis das veces de terror. Varias están publicadas e todo; é unha sorte, podían… podían… É unha sorte”, conclúe.

Lomeron Martínez.

Lómeron

Lómeron Martínez (A Coruña, 1974) é licenciado en Matemáticas e adícase profesionalmente á informática. Escribe dende hai sete anos no grupo «Libro de a bordo», co que publicou Uno más y lo dejo-50 relatos breves (2015).

Susi Ons.

Susi Ons

Naceu en Bueu a finais dos –conta– “tolos oitenta”. Explica que “dende pequena sentín unha gran paixón polos contos e os libros. Foi nesa época onde comecei a experimentar coas palabras, mesturando os personaxes das historias que máis me gustaban. Xa na adolescencia atopeime co mundo do teatro, que me engaiolou por completo. Rematei por Licenciarme en Arte Dramática. Co papel que me denominaba oficialmente actriz, comecei a axexar polos misteriosos mundos da escena… Traballei de zombi en Cataluña, bailei por decenas de rúas,  prazas, praias, mercados e rotondas de toda Galicia, sufrín un intento de pallasocidio no patio dunha escola en Fuerteventura, convertinme nunca experta en zooloxía… (Podo transformarme en lobo, raposo e porquiño sen que os nenos se decaten da miña orixe humana). E unha longa lista de excentricidades máis. Resumindo, convertinme en faranduleira profesional. E mentres transito neses lares, aproveito o seu campo de cultivo para crear as miñas propias historias. Algunha delas, xa andan perigosamente libres polo mundo”, conclúe.

Raúl Santos.

Raúl Santos

Raúl Raz Santos naceu “hai moitos anos” en Axeitos, Ribeira. “Non se pode dicir de min que teña logrado moitas cousas, á parte dunha gran colección de momentos ridículos e fracasos, que segue aumentando día tras día”, explica. Vive en Santiago.

Grupo C

Sabela González

Conta de si mesma: “Nacín o mesmo día que a MTV e tres antes que Fernando Alonso, en Burela, aínda que daquela nos ían nacer a Lugo. Gústame dicir que son de Cervo dende que a miña familia se mudou alí pero, dende hai xa abondo anos, son viguesa de adopción. O que máis me gusta do mundo é escribir e debuxar, e espero que algún día me poida dedicar a facelo a todas horas. É autora da triloxía As Crónicas de Landereina, publicada por Galaxia.

Marcos López

Naceu en Lavadores no 1975. É administrativo de profesión. Publicou dous contos no libro Contos da rúa (Elvira) e o libro infantil Pitusa, a fantástica nena da caca de ouro (Galaxia).

César Lorenzo

Naceu en Cequeliños, Arbo, no 1977. É xornalista e editor. Dirixe Biosbardia. Forma parte dos comités de redacción de LuzesProtexta.

Eva Moreda

Narradora. A súa última novela é A Veiga é como un tempo distinto (Xerais). Foi gañadora ou finalista de numerosos certames, como o Terra de Melide, Narrativas Quentes, Manuel Murguía de Relato, San Clemente, etc. Reside desde o 2006 no Reino Unido, onde actualmente é profesora titular de Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

Grupo D

Erica Couto

(Pazos de Borbén, 1979). Di de si mesma que reparte o seu tempo entre a investigación, o ensino do sumerio, e a literatura fantástica. Publicou relatos en Contos no nicho (Urco) e en varios volumes de Contos estraños. Escribe e xestiona o blog de rarezas bibliográficas En la lista negra, e constitúe o 50% do podcast de literatura fantástica “Todo tranquilo en Dunwich”. É a autora de Cuerpos. Las otras vidas del cadáver (GasMask Editores, 2017).

Pablo Fernández Barba.

Pablo Fernández

Premio Vicente Risco 2015 coa novela Transición (Dr Alveiros). Conta de si mesmo: “tomei emprestada unha lingua para escribir un libro. Ao día seguinte, o sistemiña premioumo. E ao de despois, arrepentiuse. O sistemiña, digo. Micromachista, mato gatitos e subo ás estadas para lles facer proposicións pouco decentes ás expatriadas do talle 38 e xustificar así o discurso das miñas amigas de gafas lilás”. “Porque escribir”, continúa, “escribirei mal. Pero ser, son un amor”.

Tomás González Ahola

Explica que “levo montando chiringuitos relacionados co libro e a lectura desde antes de ficar calvo”. Foi fundador de Urco Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Contos Estraños “e o que está aínda por chegar”, adianta. Di que tanto lle gustan os libros que ao longo da súa vida se dedicou a escribilos, editalos, traducilos, fabricalos e calquera verbo que se poida relacionar con eles “(agás censuralos, niso teño a conciencia limpa)”. Vive en Tenerife “estomballado ao sol” e o único que bota en falta de Galiza “é algunha (pouca) xente e o marisco”.

Advertisements

2 comentarios en “Quen é quen no I Torneo de Duelistas

  1. Pingback: I Torneo de duelistas de relatos | Contos Estraños

  2. Pingback: I Torneo de duelistas do relato en Biosbardia – Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s