‘A caixa de cartón’ vs ‘Hai moitas cousas…’

Bicicleta. JAMES B. BROOKE/FLICKR.

No grupo B nesta primeira xornada asistimos ao duelo entre Susi Ons e David Botana sobre o tema: “As bicicletas”.

A caixa de cartón

Un vello descansa os ósos nun gastado banco de pedra. Aos seus pes o meniño que é o seu neto remexe de aquí para acolá cunha gran caixa de cartón. Esta chegara había pouco contendo unha fermosa bicicleta: vermella, estilo cross, cuns rechamantes amortecedores na pinza dianteira; unha fermosura que o vello ben quixera para si nos seus tempos mozos. Non obstante, ficaba solitaria a un lado da caixa.

–Que fas, rapaz? –solta o home sen poder conter a curiosidade ante o incerto traballar do concentrado neto. O meniño mira para el contrariado pola interrupción. Logo resposta de mala gana, coa seguridade de que o ancián non o ía entender.

–Estou tentando facer unha nave espacial. Pero á maldita caixa fáltanlle as lapelas da dereita e non teño maneira de amañala… Inda que… Ao mellor cunha corda do palleiro…

–Unha nave espacial? E iso que é? –pregunta o vello, divertido ante a condescendente mirada do pequeno.

–Ti es moi vello para saber desas cousas, avó. Xa che dixen o outro día que atendeses á película que botaban na galega, a dos extraterrestres…. e vas ti e dórmela toda! Despois claro, haiche que andar explicando as cousas…

–A dos bichos verdes? Iso non tiña nin pes nin cabeza! E logo, non prefires andar na bicicleta? Case nin lle tocaches desde que cha demos, veña a enlear coa caixa esa…

–Bohh! Ti que saberás, avó! A bici está ben, pero non é máis ca unha bici; se me apuras unha moto. Pero a caixa xa foi un castelo que conquistaron as formigas xigantes, un tanque da guerra do deserto, a cabina na que o Doutor da bufanda viaxa no tempo. Hoxe tocáballe ser unha nave espacial… Se non fose pola puta lapela!

–Esa boca! Quen che ensinou a ti esas cousas? Se o volves dicir voucha ter que lavar co xabrón de Lagarto!

O rapaz cala avergoñado pois, inda que esa palabra a aprendeu do avó (amén doutras moitas), sabe de sobra que non a pode dicir. Así que morde o beizo e segue a traballar.

O vello fica en silencio deixando que a reprimenda arrefríe. Se cede agora o rapaz non o tomará en serio. Xa criou uns cantos becerriños dese sangue teimudo. Mais, de alí a un anaco, solta coma quen non quere a cousa.

–Oiches. Acabóuseme a picadura. Se colles esa moto que tes aí tirada e me vas á de Carmucha por ela, igual ata me esquezo da túa sucia boca de falabarato. Toma, xa levas o carto xusto…

O rapaz deixa o que está a facer amolado e achégase ao vello que o agarda cunhas moedas na man aberta. Cando as colle e as conta vai replicar algo, mais o avó xa o está a mirar cun sorriso cómplice como resposta. O neno devólvelle o riso e lisca a fume de carozo na relucente bici vermella.

O vello mírao marchar tentando, sen moito éxito, lembrar as caixas baleiras da súa nenez.

David Botana.


Hai moitas cousas…

Hai moitas cousas que se poden atopar e perder nun bosque. No medio de toda a merda que o ser humano podía ciscar polo mundo, o que Carla atopaba podía ser susceptible de sacarlle algunha utilidade. Iso lle ensinara o ser que ela máis quixo. Pero desta vez fora distinto.

Rodeou a estatua con veas, nun círculo que pretendía ser perfecto, pero que ondeaba pola irregularidade do terreo. As luces alumeaban a figura dándolle un efecto fantasmagórico. Os ollos de Carla ficaban ollando para ela, inmutables. Esa foi a anécdota que alguén contou nun bar ao día seguinte, con varias cuncas de viño mediante.

A vida  dunha moza do século XXI no rural galego poderá parecer aburrida e insípida para calquera do seu xénero globalizado e cosmopolita. Pero Carla era un lobo solitario, unha friki da man de obra, unha relixiosa de todo aquilo que podía ser arranxado. A súa casa era un templo da reparación de utensilios de todo tipo. Herdanza do seu avó, tiña un baixo que servía de taller e tenda de segunda man. Estiveran moitos anos en bancarrota, a súa supervivencia fora un milagre, así o vira Carla durante a súa nenez, non se decataba que o exilio laboral dos seus pais tiña moito que ver. Ela criárase co seu avó, un ser ao que reverenciaba, e cando este partiu cara ao outro mundo, a pesar do escándalo dos seus pais por negarse a estudar máis, decidiu ficar naquela casa. Soa, Xa aprendera todo o que precisaba da vida da man do seu avó. Así o vía ela.

A crise salvouna, a xente decatouse de que gastaba menos en arranxar que en comprar, así foi sobrevivindo nos últimos anos. Carla tiña certo talento. E agora ademais das encargas habituais, dedicábase á restauración. Coller cousas do lixo e reformalas creando obxectos vintage que vendía pola rede.

Pero desta vez foi diferente, podería telas restaurado, eran dúas e estaban en moi bo estado, tería sacado un bo cacho por elas. Dúas bicicletas antigas. Lembroulle a súa infancia. Cando aprendeu a montar en bicicleta co seu avó. Cando percorrían o monte na procura de lendas ocultas. Cando aprendera os segredos que gardaba cada peza.

Desmontounas, cortou, soldou, e volveu montar. A estrutura resultante era amorfa pero resaltaba certa forma humanoide. Un ser fraco. Colleu a roupa do seu avó e vestiuno coma se fose el mesmo. A estatua ficou alí, en silencio, a ser atopada ao día seguinte polos primeiros clientes que chegaron á tenda.

A casa e o taller estaban coma sempre, a cama sen facer, restos de unha comida apurada aínda enriba da mesa, un móbil nun estante a punto de morrer sen batería, a caixa rexistradora sen baleirar… Pero de Carla ninguén máis soubo. Só aquela estatua. Cunha foto, requeimada polos bordes, do seu avó no canto de face. Unha foto sen ollos.

Susi Ons.

 

15 comentarios en “‘A caixa de cartón’ vs ‘Hai moitas cousas…’

  1. O meu favorito é ‘A caixa de cartón’. Os conflitos interxeracionais son un dos meus temas favoritos e penso que está plantexado con solvencia nese relato. Aínda que, curiosamente, nos dous relatos optaron pola dualidade avó/neto-a, preferín a posta en escena da relación a través do diálogo, tal e como o fai o primeiro.

  2. Voto por “Hai moitas cousas…”
    Dificilísima elección desta volta. Decántome por este relato porque conta cun extra de misterio que o outro non ten. Aínda que “A caixa de cartón” tamén me gustou, sobre todo pola súa capacidade de recuperar un momento.

  3. Gostáronme ambos, pero decanteime por ‘A caixa de cartón’ pola tenrura que desprende, a plasmación da relación neto-avó e, aínda que aparece como tema secundario, a crítica á sociedade de consumo.

  4. Escollín “A caixa de cartón” pola proximidade do narrado e o recoñecemento da situación. Gustoume a atmósfera escura de “Hai moitas cousas…”, aínda que recoñezo que ese final aberto me deixou fóra de sitio.

  5. A caixa de cartón

    >>Un vello descansa os ósos nun gastado banco de pedra.<>Pero a caixa xa foi un castelo que conquistaron as formigas xigantes, un tanque da guerra do deserto, a cabina na que o Doutor da bufanda viaxa no tempo. Hoxe tocáballe ser unha nave espacial…<<
    Na miña opinión isto talvez podía dicilo o narrador, como pensamentos do avó, tentando entender que quere facer coa caixa "Antes foi un castelo, logo un tanque, e hoxe tiña que ser unha nave espacial!". Se o di o neno é coma se Ahab lle explicase ós seus mariñeiros que a súa obsesión é mais ben metafórica e está chea de simbolismo (cousa que nin o narrador debía facer neste caso).

    As personaxes están ben levadas e os diálogos funcionan. O final dalle xusto o contrapunto que o relato precisaba, esta vez sen excederse e ata con algo de ambiguidade na interpretación.

    Hai moitas cousas…

    "Rodeou a estatua con veas"
    Mira que lle din voltas. Candeas ou cirios mellor que veas polas que circula o sangue.

    O relato é complexo e inda porriba ten un par de chanzos cos que é doado tropezar. O inicio é bo pero o 3º parágrafo é coma un volver empezar que non me sentou ben. Queda un pensando… se se parou a explicarme a vida e obras da rapaza, co tema avó e o tema profesional.. por que despois se volve tan misterioso o narrador e non nos conta que sucedeu ó final coa mesma claridade? O ton e enfoque do narrador hai que coidalo moito para no caer no artificio. E aquí síntese ese artificio cando o narrador é minucioso na preparación e deixado na resolución. Odio cando nunha película enfocan os pés dunha personaxe misteriosa pero á vez mostran ese chisqueiro en 1º plano que de seguro vai volver sair mais tarde. Aquí o autor/a fixo algo semellante. Viuse na obriga de crear e mostrar todo un contexto que apoiase a súa personaxe.. para logo xogar ás escondidas co lector.
    Eu quitaba todo ese 3º parágrafo. E se non se entende sen iso é que algo falla no relato e hai que redeseñalo.

    Espero que algún dos comentaristas me explique onde foi Carla e que pasa cos ollos do vello.

  6. Lense con ledicia os dous textos, pois o do avó e o neto lévanos a unha situación moi recoñecíbel e que se asocia con bos momentos e na outra hai un acto de amor polo avó desaparecido que tamén resulta agradábel; no tocante ‘á Caixa de cartón’, teño a impresión de que os diálogos ao mellor poderían resultar mellor sendo moito máis breves, mesmo inacabados… Eu opino que así, quen le, introdúcese con máis facilidade no que se quere contar, coma de xeito casual; coido que a case todo se chega mellor como por casualidade, incluída a lectura, aparentemente casual…Pero vaia, é unha opinión moi subxectiva e de gustos.

    No tocante a ‘Hai moitas cousas’ eu penso que estando ben, inda poderiamos achegármonos moito máis á historia como lectoras/es se quen nos conta nos achega inda máis a observacións persoais, sensacións moi concretas, prescindindo de boa parte da ‘ambientación’; é curioso, pero a min pásame moito lendo que cando alguén me escribe dende o medio de algo, como xa iniciado, a concentración e a captura da miña atención como lector, acádaa moito antes. É dicir, non conto a historia dende “era unha rapaza moi friki que… (algo friki xa é se anda a facer o que está a facer); tentaría enfocar moito máis de preto co ‘obxectivo de contar’, pois non me dou desprendido da idea de que quen conta está a facelo dende demasiada distancia… Claro, quen escribe é soberana/o.

    Malia que gostei dos dous, doulle o meu voto a ‘Hai moitas cousas’, pois quedei intrigado por saber onde foi Carla.
    Parabéns @s dous!

  7. É curioso como neste caso nos dous loitadores a bicicleta deu pé a unha relación dun neto/a cun avó.

    Do segundo creo que a personaxe da moza recicladora dá para moitas máis palabras. Unha personaxe moi prometedora. Pero por outra banda non conectei coa desaparición e a estatua que quizais precisaba dun pouco máis de espazo.

    Gustoume un chisco máis a sinxeleza do primeiro que converxe nun conto íntimo (eu de pequeno xogaba tamén con caixas de cartón)

  8. De “A caixa de cartón” gústame o final; penso que deixa un pouso agridoce que nos fai volver pensar nun relato que a primeira vista podemos crer que é simplemente unha especie de viñeta nostálxica. De “Hai moitas cousas…” gustoume a focalización nas accións da rapaza; vexo aquí (e non sei se é deliberado ou non) unha certa resistencia ás convencións da narrativa que nos din que é importante explorar as motivacións das personaxes… pois eu quedo co que fai Carla, coas súas accións, máis que co que pensa, porque lle imprimen unha enerxía ao relato que plantea máis preguntas das que responde. Por esas razóns quedo con “Hai moitas cousas”.

  9. Co paso dos días quedoume un recordo claro do que me transmitiu “a caixa de cartón” cando o lin. Cando penso no relato de Carla acudo máis a feitos que a sensacións, non sei ben que sentía e que pretendía Carla, faltoume esa pegada emocional para apreciar o relato.
    Por iso voto “A caixa de cartón”, paréceme unha ferramenta máis efectiva de cara a producir unha emoción duradeira no lector.

  10. A caixa de cartón
    Este relato explota a moitas veces tenra relación avó/neto presentándonos unha situación ben rara: un meniño de hoxe en día que prefire as posibilidades que lle presta a súa imaxinación por diante do obxecto que lle da case todo feito (a bicicleta). Sorprendeume porque o máis evidente me parecería o dilema bicicleta/videoxogos.
    O diálogo pareceume bastante ben levado e mesmo entrañable. Quizais me chocase algún excesivo razoamento do rapaz (esa explicación das cousas que o seu maxín transformaba a caixa) que non me pegaba moito para un meniño e que me pareceu máis dirixido ao lector que ao propio avó.
    Gustoume o tratamento da distancia entre xeracións e a ambivalencia conflito/complicidade. Tamén o final: “as caixas baleiras da súa nenez”, pareceume poético.

    Hai moitas cousas…
    Quizais o título queira dicir que non é ouro todo o que reluce.
    O relato conseguiu engancharme dende o terceiro parágrafo. O segundo me parecera confuso (o mesmo me ten o que se diga o día seguinte diante dunhas cuncas de viño) pero xa no resto fun da man de Carla e a súas vicisitudes.
    O autor ou autora perfilou ben o seu único personaxe: unha rapaza excéntrica, algo antisocial que se dedica a traballar nun obradoiro con despoxos que para o resto non son máis que lixo. O relato fluía de marabilla, de feito na miña cabeza xa estaba preto da vitoria no duelo. E chega o final. Para min non está ben resolto, non se lle pode presentar ao lector unha solución sen dar antes as pistas que nos conduzan a ela.
    Postos a especular, eu creo que na mente do autor (que non no relato, porque no vexo rastro ningún) estaba que Carla sufrira abusos do seu avó e a estatua sería unha representación, o descubrimento do monstro que era ante o mundo. O seu xeito de saldar contas. Por qué cunha estatua feita de bicicletas? Nin idea.
    O único certo é que non se lle quitan os ollos na foto de alguén querido.
    Balance agridoce con este relato.

    O meu VOTO vai para A caixa de cartón, que creo que xogou mellor as súas cartas aínda que me pareceu un duelo moi igualado.

  11. “A caixa de cartón” de primeiras entra ben e agocha unha historia bonita, sen embargo non me creo ese neno que non fala coma un neno: primeiro fáltalle unha miserable lapela para ver unha nave espacial na caixa pero resulta que lle vía sen problema un castelo… Pero a bici só é unha bici… Non sei, non me ten sentido e, aínda que gustei ben da imaxe non me chegou para darlle o meu voto.

    De “Hai moitas cousas…” gustoume en comparación pero quedo sen entender algunhas cousas (“desta vez fora distinto”, “esta foi a anécdota…”, etc.). Sóbrame algo da descrición de Carla (alguén máis o apuntou, mellor amosar que dicir: é como é por unha etiqueta social ou é quen é porque é así ela?). De todas formas, a historia paréceme completa, ordenada e fluída. Gústame o misterio que queda, aínda que me falten respostas.

    Así que voto por “Hai moitas cousas…”.

  12. Comento:

    ‘A caixa de cartón’ é un relato que resulta. A pesar de que pode parecer algo visto, que até existe un anuncio de Milanuncios cun argumento parecido, hai potencia na relación entre o avó e o neto. Queda ben definida e é interesante.

    ‘Hai moitas cousas’ é un texto quizais máis orixinal polo tema pero coido que non se traballou o texto. Sobran frases enteiras. Hai demasiada presentación da personaxe para o texto que é. Non existe unha xerarquía clara entre o relevante e o accesorio.

    O meu voto vai para ‘A caixa…’

  13. Para min, o cruce máis igualado da xornada, así que parabéns aos dous duelistas.

    Vou quedar con A caixa de cartón por motivos sentimentais: malia os posibles erros de racord que mencionou algún comentarista aí arriba, a historia abre e pecha cun bucle temporal moi ben executado, tanto literaria coma emotivamente.

    En Hai moitas cousas penso que a presentación excesiva condicionou a concreción do final por falta de palabras para se cinguir ao formato do torneo. Como eu tamén me vin aí, non se entenda isto como unha crítica senón como unha mostra de soliedariedade: 500 palabros non son un relato, son un puto haiku!!!

  14. Sigo na miña ronda de repaso. Susi, na túa montaxe da directora que tiñas na cabeza ó escribir o relato, que pasaba con Carla, co avó e coa estatua?

  15. Graciñas polos comentarios e polos votos, xentiña. Intentarei darlle un repaso aos diálogos para afinar algo máis a mensaxe. Tamén aproveito para darlle a noraboa á miña contrincante. A súa visión do reto resultou máis afouta, orixinal e tamén máis fiel ao tema (por un intre pensei que alguén me ía recriminar a falta de máis bicicletas). Despois de ler os dous de novo coido que votaría ao teu Susi. Parabéns.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s