‘A covardía do silencio’ vs ‘A lingua de Deus’

No grupo A nesta primeira xornada asistimos ao duelo entre Lois Z e Xosé Duncan sobre o tema: “Verba”.

Silencio. PATRICK THEANDER./FLICKR.

A covardía do silencio

Alén deles dous non había máis nada que un horizonte baleiro, un inmenso leito de sabas brancas espalladas baixo un ceo sen estrelas. No oco do seu apreixo, ela esforzábase en trenzar unha arañeira onde reter o amor, aquel sentimento que se perdera baixo os seus pés tanto tempo atrás, aquela sensación morna e chea de vida que esmagaran sen se decatar.

El esbagoou. E ela separouse do seu ombreiro para ver se o salouco era verdadeiro, mais el xirou a face para ocultar a pena.

Ela suspirou. E el volveu apegar o rostro para escoitar se tamén choraba, mais ela mordeu os beizos e afundiuse máis no seu ombreiro.

Ambos os dous agardaron a que as bágoas secasen, deixando o proído da súa marcha sobre a pel, permitindo que os sentimentos cristalizasen baixo o frío camiñar da indiferenza.

No limiar do seu círculo imaxinario, as cinzas das lembranzas remexéronse timidamente, axitadas polos pulsos dos corazóns que batían ao unísono, despois de tantos anos xuntos que xa non sabían vivir por eles mesmos.

–Dicías algo?

–Non, por que?

–Por nada…

As cinzas trazaron espirais ao redor das súas pernas, empurradas pola airexa da frustración. El moveu a perna, como se quixese chegar a tocalas coa punta do pé, e ela encolleuse, renegando daquela mostra do seu pasado consumido.

–Sabes?

–Dime…

–Penso que sería bo facer unha escapada un día destes, mudar de aires…

–Unha escapada? E que imos facer con todo isto?

Miraron as cinzas, que xa non debuxaban un círculo perfecto e ameazaban con se espallar polo horizonte baleiro. As espirais de borralla ascenderon desafiantes até a altura do ventre.

–Non vai pasar nada por faltarmos un día…

–Non sei, non me parece boa idea.

As cinzas pousáronse de novo, a escasos centímetros dos seus pés. Ela concentrouse en tecer a arañeira con máis ansia, tensando ben aqueles fíos que estaban a piques de rachar. El afastouse un chisco para lle deixar espazo e varios fíos partiron, ficando pendurados dos seus peitos, repartidos ao chou entre eles dous.

–Non podo seguir así…

–Non sei se aguantarei máis…

Ela apertouse contra o seu peito, devecendo por notar preto aquel corazón que latexaba tan lonxe. El non se afastou, querendo comprobar se aínda batían ao unísono ou se xa era quen de os diferenciar. Porén, aos escoitar tan distintos, non puido evitar romper a chorar. Ela decatouse mais, desa vez, non se interesou polo seu pranto.

–Sabes?

–Dime…

–Nada, dá igual.

Xosé Duncan.


A lingua de Deus

Nun día solto de 1243, Frederico II, emperador do Sacro Imperio Romano, anuncioulle á cristiandade que andaba na procura da palabra coa que Deus lle prendera luz á creación. Ceibar cabaleiros na busca do Graal era mainstream e a Federico sempre lle chocara iso de que no principio, diante de Deus, fora o Verbo.

A través dun siloxismo que podería asimilarse a unha regra de tres, Frederico, a quen alcumaban stupor mundi, determinou que o idioma divino había ser o mesmo que logo falarían Adán e Eva na intimidade. Desbotou axiña a idea de Deus impartindo clases de lingua no paraíso: a linguaxe que buscaba debía ser natural, espontánea e herdable a través das xeracións. Igualiño que o pecado orixinal.

Para descubrir o idioma prebabeliano, o noso “parvo motivado”, como diría Emilio Duró, mandou criar un bebé sen que ninguén dese palabra na súa presenza. Sen que o tocasen sequera. O emperador agardaba que se manifestase nel a linguaxe innata da humanidade, mais o que sucedeu foi que o cativo murchou ata morrer. Stupor mundi repetiu a experiencia tres veces co mesmo resultado.

Douscentos cincuenta anos despois, Xaime IV, rei de Escocia, retomou a tese daquel iluminado italo-xermano na procura da nai de todas as linguas. Xaime soubo dos feitos de Frederico polas Crónicas de Salimbene de Parma e deseguido detectou o fallo do seu colega: a aqueles nenos faltáralles contacto humano. O norteño viu en soños a solución do problema. Enviou á illa de Inchkeith dous bebés e unha muller muda que os coidase. A partir de aquí hai dúas versións do que aconteceu. Unha delas conta que cando os axentes do rei volveron á illa atoparon os rapaces falando un hebreo digno do Celga 4. A outra, que berregaban coma as cabras. En ambos relatos, a muller, que era quen coidaba as cabras, mantiña a súa eiva.

Outros reis, tan merecedores coma os anteriores dunha medalla Castelao da época, continuaron cos experimentos, mais ninguén deu coa lingua na que a primeira parella da creación se preguntaba cada noite que que facemos mañá para comer.

A chegada da modernidade trocou o foco da cuestión e a finais do século XIX colleu forza a construción dun idioma universal –o mesmo can con distinto colar–, para que por fin un home de Turquía puidese ladrar igual ca outro de Dinamarca. Pero nin o esperanto de Zamenhof nin o klingon de Star Trek deron prendido na lingua da xente. Para iso aínda cumpría chegar ós emoticonos do whatsapp.

A busca da lingua de Deus xa é un tema superado. Ós monarcas actuais non lles interesa o diálogo e a sociedade galega, por poñer un exemplo que nos toca de preto, atopou a súa propia expresión –de forma irónica talvez a mesma que bulía na cabeza de Frederico II mentres agonizaba de disentería– para mostrar a súa indiferenza polo idioma orixinal. “Lo entiendo pero no lo hablo”.

Lois Z.

 

13 comentarios en “‘A covardía do silencio’ vs ‘A lingua de Deus’

  1. O meu voto vai para “A covardía do silencio”

    Gustáronme os dous relatos e non me foi nada fácil decantarme por un, pero ao final fíxeno por este porque o atopo máis achegado a min que o outro.

  2. A min tamén me custou decidir, pero ó final optei por “A lingua de Deus”, por retranqueiro, e por tocar un tema que me interesa moito. Tróuxome ós miolos o libro de Umberto Eco “La ricerca della lingua perfetta nella cultura europea”. Parabéns ós dous autores.

  3. Eu votei por ‘A lingua de Deus’. Gustoume especialmente o ton irónico que mantén, arrincando o sorriso sen deixar de ser crítico.

  4. A lingua de Deus. Gustoume por que sitúa a acción nun tempo remoto, o cal xa permite facer e desfacer con certa liberdade sen necesidade de atender a moitas máis consideracións, o que abre un espazo de liberdade, a “suspensión da incredulidade logo’. Pareceume divertida esa cuestión de non lle falar aos meniños e a parábola do idioma divino co tema do wasshap; a imaxe do idioma divino fíxome traer á cabeza o segundo libro da Historia de Heródoto, onde fala dos exipcios e do sistema que seguían para saber se o recén nacido era exipcio ou non, e o método era idéntico: illaban a/o nena/o sen lle falar até que pronunciaba a primeira palabra…É unha bonita coincidencia ou homenaxe, pero segue a ser un bo e irónico relato, alomenos para min. O outro relato pareceume moi evocador e valorei a súa poética, pero finalmente decanteime por este.

  5. Gustoume a lingua de Deus polo ton académico paródico. as pequenas historias curiosas dentro da historia tamén van despertando o interese pero… eu creo que cara o final a mensaxe crítica que quere transmitir queda engarzada dun xeito un tanto brusca.

    No outro caso, aínda que algún adxectivo frea a lectura, cun segundo repaso conseguín entrar no relato e as imaxes foron encaixando na miña cabeza, poñendo o título a peza final.

    Eu deste combate escollería este último que comento: A covardía do silencio.

  6. Gustoume de “A covardía do silencio” o uso de elementos fantástico-metafóricos, como a arañeira e as cinzas. De “A lingua de Deus” gustáronme algúns xiros irónico-retranqueiros, como “Ceibar cabaleiros na busca do Graal era mainstream” (xenial!). Quedo porén con “A lingua de Deus”, porque me encantan estes xogos a medio camiño entre o relato, a distopía e o microensaio.

  7. Gustáronme moito os dous relatos e iso que son ben distintos.

    De “A covardía do silencio” gustoume o ben que desenvolve os sentimentos dunha situación así, na que ocultar os sentimentos e medos reais é o que remata por destruír a relación que se teme que remate. Ten un lirismo fermoso e gústame que empregue personaxes sen definir máis que polos seus sentimentos pero que sexan tan comprensibles e cribles.

    De “A lingua de Deus” gustáronme moito as referencias a eses momentos históricos tan curiosos (non sei se todos certos, pero algúns cónstame que o son… Ora ben, a ver, “Frederico” ou “Federico”? Ainsh…), tamén me encantaron os toques de humor e paréceme que está ben construído. A historia en si gustoume moito (tamén me resulta interesante por “deformación” profesional, todo seña dito) e paréceme que avanza moi ben cara ao final.

    Quedo con “A lingua de Deus”.

  8. Parabéns! Encantoume en ámbitos dous duelistas o uso da temática para a elaboración dos relatos, A lingua de Deus engaioloume pola decisión da escolla da temática e repaso histórico arredor da “verba”. Pero decántome por A cobardia do silencio polo contraste do xogo que se fai da verba nas partes narrativas en contraposición da sinxeleza dos diálogos. Brillante.

  9. A covardía do silencio
    É un relato que me resultou complicado de interpretar. Recoñezo metáforas moi potentes: a arañeira para reter o amor, as cinzas das lembranzas en común. É todo tan alegórico que me pasou un pouco como Na Terra da Alegoría, que me custou enganchar coa historia ao non ter máis referencias que saber que hai un “el” e unha “ela”. Resulta máis complicado para min como lector identificarme con algún deles.
    Pareceume unha boa representación do tedio das relacións que duran moito tempo, dos amores xa gastados de tanto usalos, deses que seguen por rutina e por comodidade. Entendín que iso significa o título: é máis doado, máis cómodo continuar coa monotonía que rachar coa relación.
    Con todo, o relato fíxoseme lento. Tanta interrupción ao narrador coas liñas de diálogo, ao meu criterio, restoulle ritmo á narración.

    A lingua de Deus
    Vaia co título, recórdame un dos relatos que máis me gusta de Borges (aínda que pouco ten que ver con el).
    É un relato simpático, que atrapa dende o primeiro parágrafo. Esa mestura entre o cronista histórico e os comentarios humorísticos coido que foi un experimento de éxito. Foi valente meter latinismos e anglicismos nun texto tan desenvolto en galego. Creoume expectación e a súa prosa lévate da man ata que chegas ao final. Estiven realmente intrigado por coñecer a resposta ao segredo da lingua orixinal.
    A única péga que lle poño ao relato é o final. Tiven que lelo tres veces para entendelo e aínda non estou seguro de todo. Supoño que é unha crítica aos galegos que falan en castelán e que nunca utilizan a lingua do país (a “lingua orixinal” da súa terra) amparados no “lo entiendo pero no lo hablo”.

    O meu VOTO vai para A lingua de Deus, gocei máis coa súa lectura e pareceume un relato máis fluido.

  10. Comento:

    ‘A covardía…’ é un relato simbólico, sutil, deses que entran nunha escena íntima e conseguen tirarlle rendemento literario. Pero todo acaba aí. O autor tiña a oportunidade de escavar máis nese microuniverso pero foi demasiado cauto. Con todo, sempre hai que gabar a contención. Pena que non houbese contención de adxectivos e algunha frase feita.

    ‘A lingua de Deus’ preséntame unha dúbida: é un relato ou unha columna de opinión? As referencias “mainstream” poden darlle proximidade ao texto pero quizais hai demasiadas para un texto literario, de aí que pareza un texto para o xornal, efémero, efectista, de tese.

    Porque ese é outro dos problemas, é un texto de tese, un texto co obxectivo demasiado á vista.

    O meu voto, no entanto, vai para ‘A lingua de Deus’.

  11. Vaia, vexo que Cequelitos pronunciouse antes ca min nos mesmos termos que tiña pensado eu!

    A lingua de deus prestoume. Prestoume moito. Mais non o podo considererar un relato senón, tal e como din aí arriba, unha (excelente) columna de opinión alicerzada nun conxunto de moi acaídas lendas.
    O meu voto vai para a versión morna e doce do Disintegration de The Cure da Covardía do silencio, da que tamén gustei moito malia a escaseza de mala baba, mais teño que dicir que foi unha decisión baseada nos criterios técnicos antes referidos.

    Parabéns aos dous

  12. “A covardía do silencio”. O que me gusta do relato é o visual e simbólico que é. Semella case unha canción ou un poema. Inda que penso que ao final morde algo menos do que debera. Se afondase unha chisca máis no nó desa relación e no afastamento no canto de centrarse na prosa, igual fose un dos favoritos da xornada e o gañador deste duelo.

    “A lingua de Deus” pola contra céntrase na idea desde a primeira liña. Poida que demasiado. As relativas sucesión de sucesos nos que se aborda a mítica cuestión da palabra orixinal son relatos en si mesmo que esborrallan a atención do lector e saturan un pouco. Agradécese o ton humorístico que atenúa un pouco esta sensación. Inda así é o meu favorito neste combate.

    Polo tanto non me queda máis que dar o VOTO a “A lingua de Deus”

  13. Estou dacorco con César e Pablo en que o meu relato non parece un relato. Tentei darlle ese necesario carácter de ficción a través de certos matices e, por se acaso iso fallaba, porlle un pouco de humor para distraer ó público. Tamén admito que o final non pecha ben o texto. Penso que gañei porque resultou unha lectura entretida.
    Respecto ó relato do meu rival tamén firmaría moitos dos comentarios que xa recibiu. Duncan manexa moi ben as palabras, o relato é moi lírico, mais penso que faltou algo de evolución no argumento que captara o interese total do lector.
    É curioso, case se pode dicir, esaxerando un pouco, que neste duelo se enfrontaron un relato sen historia contra unha historia sen relato.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s