‘A rapaza da tafona’ vs ‘A fornarina de Rafael’

Barra de pan. BRIDGET COILA/FLICKR.

No grupo A nesta primeira xornada asistimos ao duelo entre Lois Pérez e Ana Vigo sobre o tema: “Todo por unha barra de pan”.

 

A rapaza da tafona

 

Hai uns minutos a cola daba a volta á esquina. Agora, preto das tres da tarde, só fican dous clientes.

Unha rapaza escuálida agarda impaciente a súa vez. Os raios de sol atravesan a fiestra pero ela treme coma un vimbio ao ar. Pódese adiviñar a súa expresión de acougo ao comprobar que hai aínda cinco barras de pan. O home que a separa do mostrador deixa os cartos e pide unha empanada. Está a recollela cando unha muller entra ás presas na tafona. Funga coma se lle faltase o respiro.

–Cinco barras, por favor! –exclama á vez que empurra a rapaza. Seica non se decatou da súa presenza. A panadeira, distraída mentres deixa os cartos na caixa, vai buscar o pan de xeito automático.

A rapaza tatexa unha queixa, pero ningunha das dúas a escoita. O outro cliente xa marchou. A muller colle as derradeiras cinco barras, paga e diríxese á saída.

–Só necesito un pouco de pan –murmura a moza cando pasa ao seu carón. Semella esfameada de verdade, pero a muller ignóraa. A panadeira desapareceu na estancia do forno. Soa na estancia, a rapaza vacila uns intres e encamíñase cara á saída.

A muller avanza con rapidez e detense no portal que hai ao final da mesma rúa. A moza achégase a ela, que segue a finxir que non a ve nin a escoita.

–Señora, estaba eu antes. Necesito unha desas barras. Por favor.

Por primeira vez, a outra fita para ela, con xesto de carraxe.

–Non vin que estiveses antes. Mala sorte.

–Pero si que estaba. De verdade que necesito o pan.

–Neniña, teño unha urxencia. Viñeron os meus sobriños, e mira que horas son! Por que non vas á tenda que hai ao dobrar a esquina?

–Pero necesito o pan agora. Se non…

A muller non escoita. Abre a porta, e sen se despedir, péchaa ante a súa cara, que se amosa entre anoxada e abraiada.

A rapaza fica uns intres inmóbil, coma se agardase que a outra dese volta e se desculpase. Tal cousa non sucede.

Achega o seu pulso á boca. Arremángase e deixa ao descuberto o que semella un reloxo moi sofisticado.

–Axente 23 a nave nodriza. Descartada a hipótese do doutor; na Terra non hai vida intelixente que pague a pena preservar. Pode activar a Operación 020.

Recibe a resposta, e corta a transmisión. A continuación, presiona o botón de transporte. Esvaécese segundos antes de que o planeta estoupe.

Ana Vigo.


A fornarina de Rafael

–Diga?

–Ola, ei…

–Como que ola?

–Que pasa? Non podo chamar, joder? Fúcheste da clase de guión como se…

–Ola… Oooola, Marga, que tal, nena? Non te coñecía, como estivemos hai un rato…

–Marga o que, Lidia? Vouche dar eu a ti Marga. Estou empalmado, escoitas? Quérote foder, non me castigues máis así.

–Es idiota? Díxenche que non chamases á casa… Á casa, Marga! Que me estás botadiña a perder hahahahahaha…. Es moito, he?

–Esta aí outra vez o subnormal ese, non? Estou farto, Lidia, en serio.

–Non, a primeira mañá non vou, Marga… Díxenche que nos viamos mañá na clase de guión…

–Por que falas tan baixo, hostia? No Departamento escoitábate mellor…

–Estás tonto ou que che pasa?

–Vouche pasar a lingua polo cu, escóitasme? Pasarcha e que te vaias…

–Eu… Eu funme pero quedabades moi ben as tres…

–Claro que te vas ir cando te colla, xa o verás.

–…Por que está Antonio aquí facendo a cea para os peques… É Marga, cariño! Quéntaslle o leite a Uxío?! Escoitas, queres que se arme un escándalo agora mesmo ou que?

–E a min quen me quenta o leite?

–Non sexas bruto, Xurxo, por teléfono non, fai o…

–Antonio tiña que saber o que fago coa mao, escoitas? Lévoa á boca e pásocha pola cona.

–Cona! A min tamén me…

–Comerche a cona.

–Pero que dis da cona… Ai, vaia, Marga, Azcona… Si, se xa cho dixen, ou no? Rafael Azcona no plantexamento… Chapó!

–Inda non lavei as mans, Lidia, e chéirame a cona… Fíxenme unha palla, quérote hostia, dóenme as pelotas de pensar en ti e nin chamas…

–Azcona, eu téñoo claro, a min dos tres guións que suxeriu, o mellor, si, si…

–A cona que te pariu. Non me veñas con hostias, Lidia, cando nos vemos?

–Azcona foi o mellor, si, eu si que o incluiría na tese…

–Por que me castigas así, hostias?

–Pódese saber que carallo pasa contigo ou é que non te enteras? Están ceando xa os nenos e agora está Toño no baño, díxenche que non me chamases á casa..

–Toño? Así lle chamas, non? Toñito… Podía vir aquí e que ma mame, escoitas?

–Pero que dis, Xurxo? Que cha mam…? Mamet moito mellor! Na elipse narrativa, un xenio, si, pode entrar, é outra estrutura, Marga, iso tes que valoralo, ti, rula… Sabes?

–Estou farto, Lidia, deixámolo e xa está.

–Non?

–Non?

–Non como Azcona pero moi bo tamén…

–Non aturo máis, nena, gustaríame collerte agora e pan, pan, pan…

–Déixoo, he?

–O que?

–O pan, filla, inchábame como unha pelota. Nin barra de pan nin bóla nin nada, moito máis lixeira, onde vai parar… Si? Si?

 

–Quen era, Lidia?

–Marga, pero cortouse.

–E se deixaches o pan, quen mercou a barra de mediodía?

Lois Pérez.

Advertisements

13 comentarios en “‘A rapaza da tafona’ vs ‘A fornarina de Rafael’

  1. O meu voto é para ‘A rapaza da tafona’. Supoño que por empatía coa conclusión final de que non hai vida intelixente no planeta. Ademais, penso que a personaxe da rapaza (na súa encarnación do principio) está ben construída para o pouco espazo que hai para achegala ao lector.

  2. Da rapaza da tafona gustoume a expectación que crea o de ir a por pan, que queden cinco barras e cando xa todo está o teu favor porque o que tes diante pide unha empanada, chegue esa situación inxusta que, no meu parecer, perde co final do relato.

    Da fornarina as liñas de diálogos son moi boas, aínda que se bota de menos algunha anotación cando, por exemplo, Lidia fala en voz baixa. A situación tamén é trillada pero o xeito de tratala leva un aquel de chispa que fai que queden ganas de que se produza outra chamada a ver que pasa.

    Voto logo por a fornarina

  3. A rapaza da tafona

    En principio é un relato simpático que semella levar ó extremo o tema da barra de pan, pero hai cousas que non cadran e que me impiden sacar desfrute del.

    O relato ten 2 historias. Nunha delas unha rapaza precisa unha barra de pan e non a consegue porque se lle adiantan de maneira inxusta. Na outra temos un extraterrestre que firma acta de destrucción da Terra porque a xente daquí se porta de forma incívica. Por separado ambas historias non teñen nada de malo. O problema chega cando se xuntan nunha sóa, porque, coma a auga e a graxa, non forman un todo coherente.

    Por exemplo, a rapaza da panadería mostra ansiedade por conseguir unha barra de pan:
    >>Pódese adiviñar a súa expresión de acougo ao comprobar que hai aínda cinco barras de pan.<<
    ¿por qué está así? Non porque teña a misión de conseguir unha barra de pan ou a Terra será destruída (pouco lle importa iso). Móstrasenos así para despistar ó lector, para que a situación pareza algo que non é. E iso é trampa.

    Toda a primeira parte do relato mostra unha moza normal que precisa unha barra de pan tanto coma calquera de nós á hora do xantar. E necesítao ela, non a Terra, xa que queda anoxada e abraiada cando non a consegue.
    Logo chega o final sorpresa e vemos que ela é só unha axente que debía comprobar o refutar a hipótese dunha 3º persoa (o doutor). A implicación real desa axente no cumplimento da misión énos descoñecida (se fose a "súa" hipótese sería outra cousa. Tampouco teño claro que aporta o adxectivo "intelixente" na súa declaración final. Igual era mellor que tratase con gatos en vez de con humanos (ou poñer de protagonista ó doutor directamente).

    En resume, na miña opinión o artificio creado ó querer ocultarnos o que estaba ocorrendo na escena deu lugar a unha historia que botou por terra a que realmente o autor/a quería contar.

    A fornarina de Rafael

    Este relato parte dunha situación que, inda que me pareceu un pouco confusa de seguir nunha primeira lectura, está ben tipificada no código de guionistas e escritores. Unha personaxe recibe unha chamada e ten que disimular diante doutra por causa do contido da conversa. Neste caso é a chamada dun ardente amante na presencia do cónxuxe. Que sexa unha escena máis ou menos explotada non lle quita ningún valor, está ben levada e vese que o autor se esforzou por causarlle impacto ó lector (e no meu caso conseguiuno).

    A min a linguaxe empregada no relato polo tipo que chama (pódese falar de linguaxe non verbal nun relato que é todo diálogo?) causoume inquedanza e non risa. Eu lin un drama, non o "pasei ben" lendo o relato nese sentido. O tipo da chamada caeume bastante mal e tampouco puiden empatizar coa actitude da muller.

    Resúltame un relato dificil de xulgar por iso. Vexo calidade na execución, pero non me prestou moito o pouso que me deixou, sobre todo porque me parecía estar sentindo algo non programado polo autor.

    O final gustoume, iso si.

  4. O meu voto vai para “A fornarina de Rafael”.

    Ben é certo que, tal e como apunta Marcos, a lectura dos diálogos da rapaza faise confusa ás veces por non haber acotacións que diferencien o receptor real da amiga imaxinaria nunha mesma frase, pero salvado ese punto, a historia da infidelidade ten tela. Confrontar a presumiblemente apacible rutina familiar coas proposicións salvaxes do amante parecéume un acerto brutal.

    Conste que “A rapaza da tafona” chamoume moi positivamente a atención polo seu arrecendo a palla mental (no sentido menos pexorativo do termo, claro) de Kilgore Trout ou Firmin, mais o mal corpo que me deixou a fornarina levou a partida.

    Parabéns aos dous.

  5. Moito me custou decidir. Gustei da mensaxe de “A rapaza da tafona”: os pequenos xestos cotiás son importantes, esenciais, sen eles estamos botados a perder. De “A fornarina de Rafael” apreciei a crueza da lingua e a sensación de incomodidade que a conversa dos dous personaxes principais provoca no lector. Como non queda outro, elixo “A fornarina”, pero o certo é que para min os dous contos quedan empatados.

  6. A min tamén me deu que decidir… Despois de moitas voltas, quedo con “A rapaza da tafona”, polo seguinte:

    De “A rapaza da tafona” gustoume o comezo pero é certo que, como di Lois Z, hai un engaño ao lector que non debería existir ao presentarnos á rapaza dunha forma, nunha narración omnisciente, para que logo sexa algo distinto. A pesar de que non me disgustou a sorpresa final, si que vexo que non acaba de estar de todo ben traído por este engaño. Con todo, a historia está ben.

    De “A fornarina de Rafael” gustoume a idea da que parte, esa chamada ás agochadas, pero non me gustou como está escrito, pareceume confuso e resultoume desagradable.

  7. De “A rapaza da tafona” gustoume a idea de mesturar unha situación moi cotiá e mesmo vulgar con outra situación totalente fantástica e dramática. De “A fornarina de Rafael” gustáronme os xogos de palabras e o feito de que todo estea construído a base de diálogo. Iste último fíxome rir (máis que coas personaxes, das personaxes: non sei se era iso o que o autor pretendía), así que vou quedar con este.

  8. A rapaza da tafona

    Na forma na que está escrito pareceume un relato cunha situación ben narrada, correcta en expresión aínda que sen chegar a alardes estilísticos. O narrador omnisciente e narración en presente creo que colabora a amosar ao lector un punto de vista de escena cinematográfica.
    Botei en falta un pouquiño de concreción. Os personaxes son “unha muller” que atende, “unha muller (rapaza)” que espera e unha “muller (señora)” que se salta a cola. Destes personaxes, o único ao que lle vin un pouco de relevo foi á señora, que tampouco pasa de ser o arquetipo de señora que pasa por riba dos máis novos na peixaría ou na carnizaría.
    Como ven apuntou Lois Z, hai unha incoherencia entre a primeira parte (o alivio da rapaza cando ve que aínda quedan 5 barras de pan antes de saber que chegará alguén que a asoballe levándolle todas as barras) e a segunda na que todo era unha proba. Unha proba a toda a especie humana, nada menos. Non me resultou verosímil que unha raza extraterrestre sexa tan arbitraria como para facer depender a destrución da Terra de que unha señora escollida ao chou sexa caritativa ou non.
    Quizais ese final poida ser unha referencia á Guía do autostopista galáctico e tentara aportar unha visión humorística do destino da humanidade, mais este punto de vista non concordaría co ton do resto do relato.

    A fornarina de Rafael

    Pois ben comecei con este relato, non entendín o título. Alguén sabe que é unha “fornarina”? Por que de “Rafael” se o protagonista se chama “Xurxo”? Refírese ó pintor renacentista?
    Creo que este relato dedicou demasiado presuposto na reiteración das groserías de Xurxo e ben pouco a traballar mellor as intervencións: houbo momentos nos que me perdín, xa non sabía de quen era cada unha das liñas de diálogo e máis tendo en conta que non deixaban de introducirse nomes e máis nomes. Porén, na segunda lectura xa comprendín todo (talvez non estaba tan esperto como debería na primeira).
    Estes personaxes si os vin ben caracterizados, aínda que para min Xurxo, é demasiado basto. Isto non quere dicir que non estea ben perfilado, que o está, senón que non sei ata que punto é bo para o relato introducir un personaxe tan vulgar cando fala coa súa amante.
    A situación está clara: Xurxo e Lidia teñen unha relación fóra do matrimonio e el a chama cando está na casa co seu marido por aí. O enlace co tema está construído tras un xogo de palabras o “pan-pan-pan” del versus o “deixei o pan” dela. Un pouquiño pillado polos pelos, pero serve para chegar ao final onde se pon de manifesto que o marido si estaba escoito anacos da conversa da súa muller e quen sabe se no futuro será o inicio dunha sospeita.
    Cal é a mensaxe do relato? Non o sei, creo que presentar unha situación chistosa con personaxes que puideran ser reais.

    Vou dar o meu VOTO a “A fornarina de Rafael”, pareceume máis coherente.

  9. Ten razón Lome, que demo significa o título?

    Estiven buscando na rede. A Fornarina é un cadro de Rafael Sanzio. A que posou era a amante do artista, filla dun panadeiro. Non sei ata que punto isto lle aporta algo ó relato.

    O meu voto vai para a Fornarina.
    Ningún dos dous me entusiamou, pero este paréceme que estivo máis preto de acadar (en min e no relato) o que pretendía, narrar unha situación incómoda con certa solvencia e estilo. O seu rival non me fixo tilín nin como historia de humor, nin como cienca ficción, nin como surrealismo. Quedou a medio camiño en todas as sensacións.

  10. Dou o meu voto á Fornarina,xa aínda que teño que reconocer que me encantou A rapaza da Tafona polo fabuloso xogo coa expectativa, que fai un crescendo rematado nun final tan sorpresivo. Pero gustoume moitísimo o ritmo do formato en diálogo así como a situación, así como a forma de resolverlo.

  11. Comento:
    ‘A rapaza…’ é un relato un tanto inxenuo, cunha personaxe que non ten nin autonomía nin demasiado corpo. A idea parece tomada do mito da destrución de Antioquía (ou de Sodoma e Gomorra), cando os deuses veñen á terra buscando unha alma xusta e ao non atopala, deciden desencadear a destrución. Pero claro, neste conto todo se precipita, todo se deseña para que pareza xustificada esa xustiza divina extraterrestre.

    ‘A fornarina…’ é certo que pode resultar algo confuso nunha primeira lectura porque os diálogos están así sen acoutar. Pero vaia, na literatura pódense facer varias lecturas. Non penso que incomode a ninguén repasar as frases para encontrar o real obxectivo do conto. Pareceume moi ben elaborado o xogo que procura o autor: dous planos que conviven a un tempo nun equilibrio que ao final se rompe deixando o resultado no aire.

    O meu voto vai para ‘A fornarina…’

  12. “A rapaza da tafona”. O relato está ben construído, ten moi boa estrutura para unhas cincocentas palabras. O dialogo e a descrición xustas. En canto ao artificio que supón a rapaza, eu tamén vía trampa narrativa ata que pensei que igual está a facer un papel, adoptando o rol dunha pobre moza para calibrar a capacidade humana para a caridade que esa especie alieníxena consideraría como maior expoñente da intelixencia. Non é mala idea desde logo, pero penso que precisaba un maior calado. A destrución do planeta pola Merche do quinto, que de seguro ten días mellores, é unha grandísima faena para a nosa imperfecta humanidade. Se a rapaza chega a acender a tele… mi madriña!

    “A fornarina de Rafael”. Tampouco entendo o título… O dialogo está moi ben feito. Creo que a clave do asunto é a incomodidade que causa. Fai rir pero deixa un regusto amargo, sórdido. Penso que o autor/a prentedía incomodar e isto dalle un plus ao deseño do conto.
    Eu atopeime pensando no porqué a rapaza se ve con ese bocas e iso é bo, porque nun relato de tan poucas palabras a riqueza do mesmo é, en boa parte, o que pode evocar co escrito.

    Eu son moito de cousas sórdidas, así que o meu VOTO vai pola fornarina… sexa o que sexa iso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s