‘A sedición do Entruido’ vs ‘A Terra da Alegoría’

Le máis. DAVID BLACKWELL/FLICKR.

No grupo C nesta primeira xornada asistimos ao duelo entre César Lorenzo Gil e Sabela González sobre o tema: “Sedición”.

A sedición do Entruido

Non se sabe quen lle puxo sedición do entruido. Seguro que un avogado pavero ou o cronista oficioso. O caso é que aquel ano, durante o entruido, na aldea das Tormentas non respectaron a lei non escrita que dita que durante o tempo das mascaritas todo o poder é para as Farrapeiras.

Chegaron alí, como todos os anos, coas súas saias de cores e os labios de sangue e as plumas de aves asiáticas adornándolles o pelo. Levantaron un tantiño así as sedas para que os veciños lles bicasen a empeña do zapato acharolado e axitaron no ar a vara de vimbio consagrado. Mais ninguén se anicou. Nas Tormentas todo o mundo quedou de brazos cruzados e as Farrapeiras perderon os nervios. A Coronela, cuxa plumaxe era toda azul e negra, foise para o Louro, agarrouno polos ombros e intentou axeonllalo. Chamábase Madalena e tíñache ben forzas. Mais el resistiuse. E os curmáns e os tíos e todos os parentes foron acudirlle e as Farrapeiras aínda se puxeron daquela máis rexas e cada unha zorregou nas orellas e nas costelas dos tumultuosos. Mais as Tormentas aquela tarde resistiu e o entruido pasou sen orellas nin papas frías.

 

Pasou un ano. Os fotógrafos da prensa subiron ás Tormentas con grosos abrigos para observaren de novo a resistencia. As Farrapeiras eran desta volta moitas, máis ca nunca. Pintaran os labios de sangue até as cativas da escola. O terreiro encheuse de coches. O Liceo Recreativo fretou un autobús. A veciñanza da aldea estaba alí toda para recibir a moitedume. A Coronela este ano era outra, a filla máis nova da familia máis rica da vila. Amosou o nocello mais ninguén se lle achegou. “Póndeos en sal e vinagre”, berrou unha voz aguda do lado vilego. Ninguén se moveu. Do bando das Farrapeiras adiantouse, de súpeto, a Madalena. Buscou coa ollada o Louro. Achegóuselle. Descubriu a perna. O Louro inclinouse. Os curmáns, os tíos e demais parentes quixeron impedirllo. Mais el abaixouse igual. Cando tiña o xeonllo en terra, a Madalena levantouno polos ombros, acariñoulle a cara e esborranchoulle os labios del cos seus labios de sangue.

César Lorenzo Gil.


Na Terra da Alegoría

Algúns si que o notaban. Sentían como caía a ollada sobre eles, fría e punxente tras o aceno benévolo. Notábano ben: caía dende enriba das súas cabezas, igual que caían as codias brandas e os ósos vellos mal rillados. Caían, ollada e restos, con tanta insolencia e tan paseniño como aumentaba o peso que sostiñan nos ombreiros. Aquela carga xa había tempo que mancaba. Vaia se mancaba. Doía na pel e na carne, mais non foi ata que doeu no peito que as mans dos que si sentían se pecharon nun puño de esperanza. O trono cambaleou. A ollada caeu con medo aquel día. Máis puños escoitaron o que podían conseguir se todos se pechaban, se todos se erguían ata que el caese e unha vaga de ledicia confundiuse cun calafrío. Non tardaron moito en abrirse algúns para deixar entrar na man unhas moedas. Outros seguíronos, estendendo a palma paseniño, se cadra por medo á incerteza. Outros, seguro, por promesas. Os que notaran como proían as olladas perdéronse, dixeron máis tarde, nunha néboa ou nun recordo. Algo farían, non merecían xa o que caía do trono. Non merecían as codias, seguro, dixeron, seguro que o que querían eras as moedas, dixeron, arrastrando os pés con esforzo polas cinzas.

Sabela González.

 

13 comentarios en “‘A sedición do Entruido’ vs ‘A Terra da Alegoría’

  1. ‘A sedición do entruido’. Namorei da capacidade visual da súa narración, das cores e da forza e a enerxía que se lles supón a cada un dos dous bandos. Tamén, xaora, adorei o final.

  2. Voto por “A terra da alegoría” porque é un parágrafo que se arrastra, móvese despacio pero con moi bo tino e coa dirección moi clara.

  3. Tamén eu votei por “A sedición do Entruido”, por sorprendente, e pola capacidade do autor/ra para crear unha historia de corte case fantástico metendo a man e remexendo no significado profundo das festas populares.

  4. Votei por ‘A sedición do Entruido’, pola súa orixinalidade, as descricións, e a “rendición” final paréceme moi axeitada; tanto como reconciliación e volta á normalidade, como por esa alusión á cor do sangue, que remite a unha batalla “real”.

  5. O meu voto vai para “A terra da alegoría”.

    Moi probablemente, “A sedición do entruido” teña unha carga literaria máis fonda, polo que aproveito dende xa para parabenizar a quen fose que a escribiu: a narración é precisa, as descricións (eu odio as descricións!) son perfectas e a historia abre e pecha coma unha cerradura ben engraxada.
    Mais “A terra da alegoría” resume nun feixiño de liñas o nacemento e a morte dos milleiros de revolucións que non foron a ningures. A condición humana, vaia. Dende que tropezara co conto do campesiño ao que todos os que dicían querer salvar lle roubaban as galiñas, penso que é a mellor explicación que lin de por que o mundo está como está. Moito me temo que a imaxe dos puños pechados/abertos vaime callar durante anos, e iso ben vale un voto.

  6. A sedición do Entruido

    É un relato moi ben contado, gustoume a súa escrita. Frases curtas e ó miolo. Interesoume máis o como que o que.
    O inicio meteume en faena de seguido, e cun salto mortal, porque comeza a soltar (sabe alguén se o que di se refire a algo que exista?) cousas referentes a como se vive o entroido en Tormentas. Foime doado facer unha composición de lugar do que sucede. Imaxinádesvos se o/a autor/a se para a explicar os ritos das Farrapeiras e mil cousas máis que se dan por supostas? Non funcionaría tan ben.
    As personaxes e as situación introdúcense con moita naturalidade, no punto xusto entre que o narrador as coñece de toda a vida e o lector non ten nin papa de quen son nin por que son importantes nin por que fan o que fan. Este é un relato sen explicacion ningunha. Non se nos contan as motivación das personaxes e inda así, sabemos todo o preciso para entender o relato dalgunha maneira.
    Talvez a clave é esa. Non se nos intenta vender a bicibleta, e que o narrador falanos ben dela porque está contento co que el mercou. Non fai falla dicir que o Louro era forte ou de vontade de ferro: a Madalena era forte ela mais o Louro resistiuse. Con iso está todo dito. Tampouco se describen demasiadas accións concretas: os homes foron acudir, elas puxéronse rexas. E que cada lector se monte a súa escena, quen mellor que un mesmo para darse o que quere?

    Ó ser o entroido un evento anual o paso dun ano enteiro non afecta moito ó ritmo, é un sacrificio asumible. A esaxeración axuda a crear espectación, a dos fotógrafos contáxiaselle ó lector. O final é moi simbólico (xa o foi o relato todo dende o comezo), inda que a última frase non me dixo nada en especial.

    Un relato para aprender del.

    Na Terra da Alegoría

    O título xa me puxo no camiño indicado. A mensaxe é clara e está perfectamente narrada, e inda encima remata nun final moi ben montado. Tal como di Pablo, a imaxe que transmite é moi potente e queda prendida da memoria. Un bo relato.

  7. Voto pola Sedición do Entruido. Por que o entendín? Non. Por que vin nidiamente o xeito en que se desenvolve ese rito? Non. Pero completo a reflexión de antes. Comézase no medio de algo, dáse por suposto que xa sabemos unha serie de cousas das que non temos puta idea, e ao mesmo tempo, as imaxes son poderosas e chaman a curiosidade de quen lé. E en poucas liñas acada iso que se lle confire aos bos textos: poderiamos volver sobre el varias veces e seguiría a ter un certo misterio inesgotable. Que carallo pasa aí?

    No tocante á Alegoría, pásalle un pouco o mesmo, pero malia estar ben escrito, non son quen de interesarme máis por el que polo primeiro. O críptico ten que ofrecer algunha fenda máis pola que entre a luz, senón descólgase algún lector algo torpe coma min. Pero hai man, carafio!

  8. Difícil. Moi ben traído a superficie o substrato crítico de terra da alegoría. Imaxino posto en letras un deses pés xigantes de Xaquín Marín esmagando xentiña. Pero desta vez leva o meu voto ese festival carnavaleiro cheo de desafíos… (digno de ir ver no autobús do Liceo Recreativo) co Louro cravando o xeonllo en terra, como un Rei do Norte calquera abaixado ante a perna espida da Coronela Madalena das Tormentas.

  9. Dos dous relatos gustoume a técnica a base de frases curtas e un tanto crípticas que lle deixan ao lector construír o significado. Pero quedo con “A sedición do entruido” porque coido que o seu ton un tanto surrealista permítelle ao lector máis liberdade: non non está contando algo que quere que recoñezamos na nosa experiencia, senón que nos abre camiños que só podemos transitar coa imaxinación.

  10. Foron caer no mesmo duelo dous grandes relatos, se ben un deles está atado a unha reproducción abstracta cun recorrido limitado en canto a historia e personaxes, que xusto no que destaca o seu rival.

    Voto a “A sedición do Entruido”.

  11. Creo que este é o duelo que máis me gustou da xornada. Parabéns á autora e ao autor.

    A sedición do Entruido
    (Nota: as farrapeiras ou as Farrapeiras?)
    Non agacharei que o tratamento do tema… pareceume unha marabilla. Este é o exemplo do que debe ser un bo relato de 500 palabras: un tratamento do tema orixinal, a creación dun universo propio, uns personaxes definidos cun par de pinceladas pero que xa o din todo e un final potente que sexa consecuencia de todo a anterior.
    Por descontado, hai algún detalliño que non me convenceu: Tormentas non me pareceu o nome máis axeitado (os bailes coas maiúsculas e os espazos entre parágrafos tampouco axudan) pero o de “Farrapeiras” pareceume xenial.
    O relato mantén a estrutura clásica de introdución, desenrolo e final organizados exactamente por cada un dos 3 parágrafos.
    Ignoramos o porqué da sedición dos varóns. Nin falta que fai. A información vaise soltado pouco a pouco, un nome por aquí, un adxectivo por alá, o autor (ou autora) vai compoñendo todo o cadro e logra que me faga perfectamente a imaxe mental de todo o que se me conta.
    O final encantoume. A claudicación do Louro, non pola forza senón pola forza do afecto (co premio do bico) foi un gran acerto.
    Moi bo relato, si señor.

    Na Terra da Alegoría
    Deste texto chamoume moito a riqueza do vocabulario. É un relato que destaca polo ben feitas que están as frases, o medido do ritmo con cambios no tempo levados da man da puntuación e da lonxitude de cada oración. Pareceume exquisitamente escrito, non cambiaría unha coma.
    Por outra banda, na propia proposta (a alegoría abstracta) vai a súa propia limitación. O que se conta ten un enorme significado simbólico: o poder nun trono sostido polos sometidos, o puño como símbolo da oposición a ese poder e as desercións pola banda do suborno ou da esmola. Agora ben, como relato o lector ten pouco onde agarrar: nin nomes nin contexto nin personaxes. O propio alcance como relato (non no eido simbólico que como xa dixen é potentísimo) reflíctese en que non gastou nin a metade do orzamento de palabras que lle permite o concurso.
    Moi acertado o paralelismo que expuxo Marcos López coas obras de Xaquín Marín do pé xigante. Quizais faltou esa concreción de coñecer quen tomaba as moedas e quen as codias e que mantivo o puño en alto para levar ó texto como relato a enganchar máis ao lector (ou a min polo menos).

    O meu VOTO vai para A sedición do Entruido. Parabéns de novo por permitirme ler estes grandes relatos.

  12. A Sedición do Entruido, porque me encantou o universo que describe, a atmósfera, as personaxes a elección do marco e contexto. Esta orixinalidade fíxolle chuchar o relato. Tampouco agardaba ese final, pilloume por sorpresa e iso encantoume.
    En canto a Na terra da alegoría o que me atraeu foi a exibición temática, o debate interno que produce ao lelo, dos dous é o que máis se mergullou no eixo temático.

  13. “A sedición do entruido”. Un gran relato, para min o que mellor estilo ten nesta primeira contenda. As imaxes son poderosas e moi ben definidas con apenas catro pinceladas. Está moi ben conseguido ese de realismo máxico que lle presta coma un guante a esta sinxela alegoría.

    “Na terra da Alegoría”. Outra alegoría para abordar o tema. Gústame sobre todo a maneira na que este autor acometeu o reto. Frases curtas que saturan o relato de significados e ideas, despoxando o corpo do mesmo de toda verba accesoria. Isto fai que o conxunto sexa moi pleno, que aporte (se cadra) máis mordente que o seu rival. Pero tamén que, para min, sexa menos evocador.

    VOTO por “A sedición do entruido” porque quero, algún día, ter un estilo tan bo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s