Algunhas reflexións sobre a autoedición (I)

Muller lendo. MATT ACEVEDO/FLICKR.

Xesús González Gómez.

Alá polo mes de maio, César Lorenzo entrevistou nesta web a Carlos Meixide. A entrevista tivo unha primeira resposta de Dolores Vilavedra na que recomendaba a autoedición. A intervención de Vilavedra tivo diversas respostas, mais ningunha delas, infelizmente (talvez non se trataba diso?) entrou no miolo da cuestión: a autoedición, unha modalidade de edición que ten unha longa, e importante, historia, na nosa literatura, e non vou agora «historiala» (a autoedición en Galicia), mais lembremos que libros como Con pólvora e magnolias, os catro primeiro títulos de Rompente, Seraogna, O soño sulagado, así como un sen fin de títulos publicados en Hispanoamérica como no país, foron publicados en autoedición, polo que talvez fose necesaria facer esa historia da que falabamos.

Como sabe todo aquel que publicara un libro, ou que está pensando en publicalo, existen tres modalidades de publicación:

Contrato a conta de editor: o libro é publicado por un editor (é o que se denomina contrato profesional) e o autor percibe unha porcentaxe sobre o número de libros vendidos –outra cousa é que lle paguen, ou que os editores non impriman máis libros dos que din, se se vende ben a obra, que tamén acontece. Neste tipo de contratos o editor comprométese a pagar os custos de edición, a distribución do libro e, se é posíbel ou pensa que é rendíbel ou necesario, a súa promoción.

A segunda modalidade é a que se denomina contrato a conta do autor: o libro é publicado por unha editorial, mais o autor págalle á editora a fabricación dos exemplares da obra, a distribución e, se cadra, a súa promoción.

A terceira modalidade é a denominada autoedición. Esta modalidade distínguese da anterior (contrato por conta de autor) en que non pasa por ningunha estrutura editorial: o autor fai editar o seu texto e encárgase el mesmo de promover e vender as súas obras.

A autoedición, porén, non é exclusiva de ningún país. E, como xa dixen noutra ocasión nesta mesma web, os libros de Miguel Torga, até o seu pasamento, foron todos en autoedición. Como en autoedición foi, por exemplo, o primeiro libro de Jorge Luis Borges: Fervor de Buenos Aires. En contrato a conta do autor, por exemplo, existen na literatura francesa exemplos ilustres: Os cantos de Maldoror e Poesías, de Isidore Ducasse (Conde de Lautréamont) e Du côté de chez Swann, de Marcel Proust: publicounos un editor, mais pagaron eles do seu peto a edición. O último grande «éxito» do libro publicado a conta de autor deuse, penso, en Cataluña este mesmo ano. O mes de xuño, como cada ano, fallouse o Premio Joan Crexells, de novela. Este premio é, en certa maneira, unha copia ou calco do Premio Goncourt francés: concédese a novelas publicadas durante o ano anterior. O premio, do que se celebrou hogano a 46ª edición, tivo diversas etapas, pasando de ser dotado economicamente a non conceder nin un euro, para logo pasar outra vez a unha dotación de 6.000 euros, baixando despois a 4.000, e recuperando este ano a cantidade de 6.000 euros. O premio concédeo o Ateneu Barcelonés. Este ano cando se concedeu o galardón saltou a polémica: a novela gañadora, Crui, de Joan Buades só a leran, seica, á parte do autor, os membros do xurado, xa que estaba publicada por unha pequena editorial eivissenca (de Ibiza): Editorial Aïllades, que a publicara a conta de autor. Un dos membros do xurado, Anton Mª Espadaler comprou a novela nunha libraría eivissenca, e unha vez lida pasóullela aos seus compañeiros de xurado, que decidiron premiala. O fallo produciu certo escándalo, ou, mellor dito, unha indignación case que total, porque o xurado, cando deu a coñecer o seu veredicto, afirmou que na narrativa catalá actual «se bota en falta unha novela ambiciosa nas ideas e na súa formulación narrativa», o que é abondo discutíbel: hai, en proporción, máis ambición na actual narrativa catalá (máis ambición literaria) que, por exemplo, na española, e aí están os nomes de Francesc Serès, Mercé Ibarz, Sergi Pàmies, Ponç Puigdevall, Vicenç Pagès, Tina Vallès, Manuel Bauxili, Joan-Lluós, Jaume Cabré, Bel Olid, Biel Mesquida, etc[1]. Durante unhas semanas os foros literarios cataláns enchéronse de opinións para todos os gustos: o peor de todo: que case ninguén lera a novela. (Outro día falaremos da recepción da obra por parte da crítica catalá.) Eu non vin, aínda, o libro, mais segundo a maioría dos comentaristas, como obxecto é «infumábel»: a portada, o corpo de letra, o interliñado, o papel, etcétera fana case ilexíbel. É dicir, faltou unha «produción» profesional, que é o gran risco que se corre na autoedición e na edición a conta de autor: que, nesta última, a editorial escollida non sexa profesional.

Esta última modalidade, como a autoedición, está, hoxe, á orde do día en case todas as literaturas do mundo. E incluso hai editoriais «serias» e moi profesionais que se decataron de que as vendas xa non serán como antes da crise e promoven a edición por conta de autor para «facer caixa». Mesmo hai países en que existen editoriais que só publican libros a conta de autor, e en Galicia, aínda que non se diga publicamente, sospéitase que as edicións a conta de autor proliferan en certas editoriais, tanto de «alto» capital económico como de alto «capital cultural».

Nos últimos tempos diversos best-seller foron publicados por vez primeira en autoedición: Cincuenta sombras de Grey, de E. L. James, que primeiro publicou na súa web, logo nunha web independente e finalmente editado en papel foi un «exitazo» de vendas. O mesmo aconteceu en Francia con As xentes felices len e beben café, de Agnès Martin-Lugand. Ou no terreo da ciencia-ficción con Silo, de Hugh Howey, que até vendeu os dereitos ao cinema, a Ridley Scott. É dicir, a autoedición continúa viva en países cun mercado libreiro (ou literario, quede o lector co adxectivo que máis lle guste ou pete) consolidado. Nun país en que o mercado do libro é case mínimo, non pode ser un camiño para a revitalización tanto do libro como da literatura?

[1] Talvez, proporcionalmente, a ambición literaria da narrativa catalá actual só se ve superada pola euscára, que goza dunha gran calidade.

10 comentarios en “Algunhas reflexións sobre a autoedición (I)

  1. Non me estou a referir aquí nin moito menos ao autor deste texto, pero cando leo a certos persoeiros do mundo cultural galego recomendar a autoedición, o certo é que me dá un pouco a risa, porque os que o din tenden a ser xente ben posicionada no devandito mundo cultural, ben publicados polas editoras canónicas e que dubido moito que considerasen algunha vez seriamente editar as súas obras eles mesmos. É un pouco como cando che recomenda ser emprendedor un señor que nunca traballou en nada que non fose a función pública ou a empresa ben consolidada de papá. Igual que ser emprendedor, coido que a autoedición vale para algúns escritores pero non para outros, para algúns libros pero non para outros, para algúns contextos pero non para outros. Certos tipos de ensaio académico, certos tipos de novela “literaria”, de momento necesitan, queiramos que non, a lexitimación que proporcionan certas editoras ou certos cenáculos. (Non quere dicir iso que non se poida ou non se deba cambiar, pero son factores que hai que ter en conta cando se asume o risco da autoedición).

    Outra cousa é que, como describe aquí XGG, esteamos nun contexto en que a autoedición cada vez teña máis sentido para cada vez máis escritores. Se cadra non é o ideal (ou se cadra si), pero é así.

    En termos prácticos, e preparándonos un pouco para este brave new world que se nos vén enriba, igual é este o momento de que tiremos vantaxe de ser unha literatura pequena, en vez de seguir pretendendo que somos unha literatura grande e “normal” na que é noticia comentada en todos os xornais que Vázquez Figueroa autoedita. Nunha literatura como a castelá ou a británica vai ser moi difícil, penso, que un libro autoeditado teña reseñas nos medios mainstream ou sexa tido en conta polas institucións, digamos, canonizadoras, porque vai ter que competir coa maquinaria publicitaria das grandes editoras e tamén simplemente coa abafante cantidade de libros que se publican. Coido que na literatura galega – máis pequena, máis abarcable – temos máis capacidade de dar espazo a máis libros, ou polo menos aos libros que o merezan. Non digo con isto que cada medio ou cada crítico/a teña que reseñar todos os libros que saen, porque é imposible, pero si coido que é posible un posicionamento máis alerta, un preguntarse: Reseño estes libros porque son os que como crítico considero que merecen ser reseñados (para ben ou para mal, porque permiten abrir diálogo sobre algo), ou porque son os que están reseñando todos os demais e os que as editoras grandes están promocionando e por tanto hai que falar deles? Se nin sequera libros de editoras pequenas e con traxectoria (Laiovento, Barbantesa, Axóuxere etc.) teñen ás veces reseñas (sangrante), xa non falemos entón da autoedición. Penso que aquí os que escribimos crítica teriamos un esforzo que facer.

  2. Desde un punto de vista práctico e desde a miña ignorancia (só ilustrada polas miñas propias vivencias e, polo tanto, limitada), eu non vexo un problema na autoedición en si mesma. Eu vexo un problema no que pode ofrecer, como valor engadido, unha editorial. Cando un acepta o contrato dunha editorial é porque pensa que vai recibir algo a cambio. Obviamente, o primeiro que obtén é que, a priori, non ten que pagar nada por poñer o libro en circulación xa que os gastos de edición, maquetaxe e impresión corren a conta da editorial (a posteriori, todos pagamos dos nosos petos os desprazamentos e gastos da promoción e tampouco cobramos as horas que lle adicamos a iso). O que é máis complexo é que obteña o segundo que pensa recibir.
    Nalgúns casos, a promoción é a que é, e as ansias de difusión son as que son. Eu non levo moito publicando, mais si que fixen algo de ruído nas redes durante estes cinco anos polo que debería ser coñecido nalgures ademais de na miña casa á hora do xantar. O meu último libro (en 2016) vendeu 143 exemplares traballándoo a través dunha editorial. Deses, 90 foron vendidos directamente por min en feiras, charlas e presentacións. Está claro que, nese caso concreto, podería ter compensado pagar un traballo editorial, ter liberdade absoluta sobre o texto que queres publicar e ingresar algo máis de 1€ por exemplar deses 143 libros, ou non… Por outra banda, e é a miña opinión persoal, hai un certo intrusismo editorial no eido da autoedición. Xa que o (case) único xeito de financiarse que ten un autor autoeditado é por medio de Verkamis e similares, paréceme mal que unha editorial faga uso deste sistema para sacar novidades literarias. Non sei, non o vexo ético (talvez si que o sexa, que conste).
    Xa se entramos no marabilloso e máxico mundo das reseñas, recensións e recomendacións… Aquí hai moitos factores que debatir, moitos. Como poucos son os críticos profesionais deste país. Refírome a seres humanos cun salario por seren críticos e que non precisen doutra profesión (como os que escribimos, vaia) para poder pagar a casa, a familia e a comida. Iso deixanos cunha capacidade de lectura e análise moi limitada por parte dos creadores de reseñas. Nin que dicir ten que esas persoas empregarán ese tempo de ocio que sacrifican da súa vida (como os que escribimos, vaia) en reseñar as obras que máis lle chaman a atención a nivel persoal ou que saben que lles servirán para teren unha maior difusión eles mesmos como críticos.
    Non sei se estas reflexións teñen cabida no artigo inicial nin tampouco se aportarán algo a este debate, mais en ocasións semella que a autoedición é o único vieiro posíbel para gañar liberdade e diversidade literaria neste sistema que nos tocou vivir.

    • Home, críticos profesionais que vivan unicamente da crítica e non sexan ao mesmo tempo profesores/investigadores/escritores/xornalistas/etc., pois creo que hai moi poucos no mundo, nin sequera en linguas grandes como o castelán ou o inglés é o habitual (e coido que cada vez menos). E coido, polo menos é o meu caso, que a preferencia puramente persoal pode combinarse, en principio, cunha preocupación polo contexto, polo ecosistema, por engadir a un diálogo máis que estar monologando desde a túa sección nun xornal/blog.

      • Levas razón. Supoño que arriscar, innovar e ser obxectivo/a non ten nada que ver co adicarse profesionalmente a algo ou non, vai no que queira transmitir esa persoa.

  3. A autoedición é unha práctica habitual na música. Os CD´s edítanse á marxe das discográficas e os beneficios teñen que ver coas ventas nos directos. Do mesmo xeito na literatura, a autoedición ten sentido se o seu impulso orixinal procede dun espírito rockeiro; de non ser así, é mellor absterse. O que se edita a si mesmo ten que estar orgulloso do que fai e disposto a mostrarllo aos demais, sen medo ao ridículo, como os grupos rock ou punk que empezan; debe aspirar ao desfrute propio e alleo, antes que ao posible recoñecemento da xenialidade autoral. Se isto último é o que en realidade procura, o cal non deixa de ser lexítimo, mellor será que agarde pola seguridade dunha editorial ‘grande’, ou que fique instalado no comodo rancor dos xenios incomprendidos que deciden abandonar os textos na gaveta porque total ninguén estaría capacitado para entendelos na xusta medida…

    Admito que non todo o mundo vale para a autoedición, pois supón unha parafernalia e un impulso que non tod@s @s autores teñen, nin teñen porque ter. Tamén entendo, que para quen o ten, a autoedición é unha opción que ofrece tantas ou máis virtudes que as que pode ofrecer a edición tradicional nun mercado pequeno coma o noso.

    En todo caso, á marxe das condicións de produción dunha obra literaria, do ruído da súa promoción, ou das veleidosas conclusións que dela tire a crítica, a súa verdadeira trascendencia non se revelará ata o momento en que o/a lector/a peche o libro logo de enfrontarse intimamente a el nunha experiencia única e irremprazable. Se a partir dese momento se considera unha persoa un pouco máis feliz, será que a publicación do tal libro pagou a pena.

  4. Vivir para ver: resulta que estamos autoeditando por baixo das nosas posibilidades.

    O problema da autoedición é, coma sempre, a distribución. Ergo, os cartos. Cantos cartos precisamos para facer chegar o noso produto aos destinatarios? Temos eses cartos? Estamos dispostos a investilos nun negocio de renda (no mellor dos casos) nula?
    Eu teño claro que vou rematar optando pola autoedición. Arestora, a única cuestión que me ronda a cabeza é se fundar un selo propio, ou abrazar a causa amazónica. Non gañando un premio, tirar beneficio da literatura (en galego!!!!!) é un absurdo de dimensións astronómicas. Daquela, por que esa pretensión de crear un selo (o enésimo selo, a teima infinita da cultura galega, a creación de novas aldeas, de novas escisións políticas, de novas editoras…) previsiblemente condeado ao fracaso? Pola evidencia palmaria de que as actuais institucións están corruptas ata a médula. Mais… págame a pena o esforzo? O risco económico? Non o vexo claro, pero sigo a darlle voltas.

    Namentres, o último escritor que botamos de aquí (supoño que logo de lle recomendar tamén o camiño da autoedición) foi Carlos Tallón. E hai xente que aínda quita peito por ilo. Pues molt be pues adios.

    • O tema dos cartos… facendo un pouco de demagoxia moi barata, vou imaxinar un novo sistema. Un sistema que, da cadea autor-editorial-imprenta-distribuidora-libraría, omita os elos editorial e distribuidora. Un sistema onde o autor será o responsábel do seu, crear, e o traballo de revisión sexa feito conxuntamente con unha libraría especializada (é dicir, non aquelas que venden libros como se fosen barras de pan). A maquetaxe e os trámites legais serían feitos tamén por esa libraría e, xaora, a distribución sería nesa mesma libraría. A impresión, na miña opinión, debería ser por conta do autor. Habendo hoxe en día impresión dixital baixo demanda, non creo que supuxese algo inalcanzábel imprimir unha tirada de 400 exemplares.

      Botemos un pouco máis de imaxinación e… Se en vez de falar de unha libraría, falamos, por exemplo, dun anel constituído polas seis librarías máis potentes do país e que esa hipotética novela puidese estar nos seus andeis, repartindo o prezo do libro nun 50% entre autor e libraría… Non estaría ben? Ou talvez non, mais que se perdería?

  5. Si, Duncan, pero a realidá é a que é, e a movida non funciona así. Como desexo ben, pero nada máis.
    Ou si, porque o que ti propós é unha especie de cooperativa de escritores ou, dalgún xeito, un máis do mesmo pero autoxestionado. É dicir, un novo selo. O que me ronda a min a cabeza por culpa do “en mala hora” Rodrigues.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s