‘O conto de Román e Ramón’ vs ‘O leite morto’

Leite derramado. ARTEMTATION/PIXELBAY/PEXELS.

Publicamos os dous relatos do duelo que faltaba do grupo B, entre Lómeron e David Botana. Ambos consumiron a primeira prórroga. O tema do duelo é “Lactancia”.

O leite morto

Un home esperta angustiado por mor dun pesadelo (fedor, sangue; o berro dun meniño ao nacer). Ao coller o móbil para mirar a hora descobre unha mensaxe: «Atopeino, meu ben! Agora tes que ser valente. Por min, por el… por ti». A voz de Alma, a súa ex-parella, resoa desnortada na súa cabeza a medida que le esas sinxelas liñas. Un terrible presentimento vai collendo forma no seu esgotado maxín. Érguese e vístese ás présas, coa mente posta na terrible situación que o levara a esa cama de hostal barato.

Eran felices, Alma mais el. Tanto que decidiran compartir esa dita cun meniño. Mais Berto, así lle chamaron, naceu enfermo. Posuíao unha feroz e continua fame. Os peitos de Alma tiñan pouco leite e claudicaron axiña ante a inhumana demanda do cativo. Por se fose pouco, este só toleraba o alimento materno, expulsando con rabia do seu corpiño calquera cousa allea ante os baldíos esforzos dos doutores. Berto esixía a berros algo que a súa desesperada nai xa non tiña. Ninguén puido evitar a súa morte.

O coche derrapa cando o home chega ao seu antigo fogar. A urxencia fora aumentando parella ao mutismo da muller. As portas da casa fican abertas de par en par. Dentro fede a abandono. Centos de libros, escritos nesa antiga lingua da que Alma vivía, invádeno todo. Un pergamiño destaca por enriba dunha morea de papeis. Enigmáticos riscos sucan o antigo documento acompañando unha terrible e obscena imaxe. O home sae presa do pánico, facendo ruxir o motor do coche. Sospeita onde pode estar ela e teme o peor.

Alma culpábase. Metéraselle na cabeza que non fora quen de darlle a Berto o que precisaba. Esa culpa mesturouse coa lectura deses malditos libros cos que traballaba, negros volumes nos que a vida era só un transo previo ás múltiplas facetas da morte. Fechouse no seu estudio e en si mesma; toleou. O home, xa sen azos, fuxiu.

Ao chegar ao cemiterio o nicho de seu fillo aparece baleiro, tal e como temía. Logo camiña errático baixo unha densa nube de irrealidade mentres lembra a voz de Alma. «Non o entendín, sabes? Queríao todo»

Preto da capela hai un banco. Alí colléranse da man por última vez durante unha eternidade sen palabras, tras despedirse do neno. «Isto xa pasou antes, existen fames distintas, sabes?»

No banco hai unha muller, está de costas, espida. A súa pel é un manto nevado. Non se move. «Acaso só son o leite das miñas tetas?»

É Alma. O home evita mirar o que descansa no seu colo; algo que fede. Teno pegado a unha das súas pequenas mamilas. Estas foron abertas mostrando a carne de dentro, nunha estraña e obscena cruz. Un afiado coitelo repousa na inerte man da muller. O sangue cobre todo. «Carne da miña carne, sangue do meu sangue»

Alma está morta. Semella en paz, feliz.

«Sería como parilo de novo, sabes?».

O berro rouco dun meniño rompe a paz no camposanto.

David Botana.


O conto de Román e Ramón

Lucía naceu princesiña, mais nunca viviu nun castelo. Medrou obediente e curiosa, mesmo pensara meterse monxa. Aos dezasete partiu, pra se apuntar de noviza e soñaba coas misións: lonxe, lonxe da Galiza. Cando quedaban dúas noites pra ingresar no convento, coñeceu un tal Marcial na verbena do Ateneo. Semellaba xeitoso, unha luz case divina alumáballe os ollos. Do mozo pouco sabía, tirábanlle as tatuaxes, tiña un tanque no peito e vestía chaqueta de traxe. Cabeza tiña tamén, de astronomía sabía: “Vente comigo prá leira: amosareiche as estrelas. Marte verás e a Vía Láctea tamén; xúroche, miña fada, que ficarás abraiada”.

Abraiada ficou, e de xemelgos preñada, de Marcial nunca máis soubo, nada nadiña de nada. Coitadiña Lucía, que pra colmo de males os pais morreran pra ela, tan grande foi o desgusto. Traballou de camareira, trocou o reino da casa polo mostrador rechamante e a bandexa sen asas. Alugou unha casiña, de aldea, vella no medio do monte. Cando pariu os meniños, por cumprir as tradicións, chamounos Román e Ramón, polo avó e seu padriño. Por gañar algúns cartiños quitou un pouco de roupa e seica de barra mudou. E sen ben saber nin como, sen estudar pra enfermeira, meteuse entre pos e xiringas, tan toliña se volvera ela. Non comía, só bebía, e os meniños que choraban. Case lle morren, pobriña, os seus peitiños non daban. De tanto chorar e berrar, os doutores e os axentes deron coa súa casiña, confiaron os meniños a unha parella feitiña.

A parella tan feitiña vivía nunha granxa preciosa, desas con cuxos e vacas. Os nenos con moita ledicia dos tetos das vacas bebían, tantísima fórache a fame. Ramón forte medrou, gordo coma un xatiño; namentres Román tiraba a alto e pola contra estreitiño. E cando chegaron a homes marcharon a Compostela, pra estudaren diso que chaman de economía e empresa. Alí cheiraron as noites, das de xolda e alegría, descubriron os licores dos que mamara Lucía. Doce aniños pasaron cando o barrete puxeron; naquel tempo souberon dos avós, xa enterrados os dous, que máis herdeiros non tiñan. Román quería unha granxa e Ramón un videoclub. Por vez primeira na vida os irmanciños rifaron, Ramón gañou pola forza pois remataron a golpes. Mais un día o Román a tendiña forzou e canto había apañou.

E como remata este conto? Pois Ramón meteuse cura e segue a comer moi gordiño, na parroquia, moi pretiño da Coruña. E de Román non se soubo, aínda que hai quen di que xa o viron: seica montou un club de neon, na estrada camiño a Cuntis. E cousiñas da vida, Román e Ramón entre barras e igrexas —igualiño que a súa nai— cumpriron o vello refrán: o que no leite se mama, na mortalla se derrama.

Lómeron.

Advertisements

13 comentarios en “‘O conto de Román e Ramón’ vs ‘O leite morto’

  1. ‘O leite morto’: o comezo pareceume un pouco atropelado, mais gustei moito da premisa que ofrecía o segundo parágrafo e que daba pé ao corazón do relato. Non sei se ese primeiro parágrafo foi o que me fixo perder o fío porque prometía un desenlace máis ‘realista’ (a muller mandou unha mensaxe antes de facer o que fose e só ao final sabemos que era estar espida nun camposanto coas mamilas abertas por un coitelo e co bebé de Rosemary no colo). Si, talvez fose iso. E eu son de misterio e terror, porén, non me encaixou o recurso dos vellos libros e a bruxería. Penso que algo máis real resultaría tamén máis dramático e abraiante que ese final de filme.

    ‘O conto de Román e Ramón’: adorei os dous primeiros parágrafos. O terceiro sacoume da historia de Lucía (coa que empatizara á perfección) e colocoume na historia dos dous irmáns (xa, xa sei que o título di que o conto é deles). O único malo que lle vexo ao relato é que, cando xa me estaba a crer que o conto era dos irmáns, o propio relato vai e formula a pregunta de como remata o conto. Poida que eu non sexa de que me fagan preguntas, resultoume fóra de lugar.

    En todo caso o meu voto é para ‘Román e Ramón’.

  2. “O leite morto”
    O mellor: O ambiente realista xerado durante todo o texto.
    O peor: Sobranlle un pouco os elementos fantásticos.

    “O conto de Román e Ramón”
    Desta volta non podo dividir entre o mellor e o peor. Non son capaz de valorar este relato.
    Intento explicarme. É cousa miña, un prexuízo ou unha manía. Este tipo de historias escritas ó “cantar de cego” ou o que sexa… que non me gustan, vaia. Non ten nada que ver coa súa valía literaria, nin coa dificultade que poida supoñer escribir algo nese estilo, que supoño que será grande. É unha cuestión de gusto personal.
    Tampouco soportaba os Electroduendes, da Bola de Cristal, porque falaban así.

    Voto por “O leite morto”

  3. Concordo cos votantes anteriores: O leite morno tería gañado moitos máis enteiros substituíndo a proposta sobrenatural do relato por outra máis realista. A badalada do final tería sido moito máis estarrecedora. Con todo, voto por el.
    En canto a Román e Ramón, estou co Rul: non gusto dese tipo de narrativa de xoglar. Tampouco dubido de que literariamente poida ser valioso, mais, non me prestou. Síntoo.

  4. Custoume tomar a decisión, pero vou votar por “Román e Ramón”; creo que é valente por parte do autor utilizar esta técnica, e está ben construida.
    De “O leite morto”, penso que tamén me desconcertou o elemento fantástico.

  5. O leite morto

    Este relato parece escrito por macgyver, ou dito doutro xeito, en lugar dun requisito parece que tiña unha ducia deles por cumplir, uns elementos que había que usar sen deixar ningunha peza sobrante.

    Paréceme que a maioría dos adxectivos amasados no relato non eran necesarios (o afiado coitelo). P.e. ese “terrible” que se repite no 1º parágrafo. Non só pola repetición: é certo que o presentimento fora terrible, somos testemuñas diso a través do pesadelo. Mais a “situación” non, pois non a coñecemos ainda.

    O segundo parágrafo funciona moito mellor. Este debeu ser o comezo do relato. Firme, potente e ó miolo. Só mudaría a última frase por un “Morreu (de fame) ós poucos días” (ou algo similar), para seguir na liña da contundencia. Porque se me dis que ninguén pudio evitalo fasme pensar en quen e de que modo o tentaron, e iso non che interesa, autor.

    No segundo parágrafo chega outro problema. A subtrama dos libros, como dixo Duncan, non encaixa. Volve repetirse “terrible” noutra frase afogada por adxectivos indefinidos (no sentido de que algo enigmático, obsceno ou terrible van mellor ligados a subxectividade dunha personaxe que empregado por un narrador omnisciente). Sería mellor, p.e., dicir que lle pareceron enigmáticos os ricos ou que lle pareceu obscena a imaxe. Semella a mesma cousa, mais non a é.

    No 4º parágrafo volven mencionarse os libros. Agora mesmo son o elemento principal do relato, xa porriba do meniño ou de seus pais.

    Ademáis está sucedendo outro drama silencioso no relato. Os verbos en presente traizoan ó autor, non lle serven para contar certas partes da historia e debe renunciar ó tono que aparentemente elexira como conductor do relato, pois é a info contada en pasado a que está movendo realmente a historia. O presente queda relegado a servir de preparación para mostrar final, cando este non precisaba ser preparado.

    O final vai ó seu propio ritmo. Ten forza e funciona mellor se un es esquece de todo o lido anteriormente sobre os libros, a mensaxe no mobil, a alarma e o pesadelo, como dixo Duncan entre liñas.

    Contra a historia contada non teño nada. O neno cadaver bebeu a Alma da súa nai e fixo un reborn. Sabe deus o que podía sair daí. En cambio, o xeito de transmitirnos a historia non foi eficiente. Por normal xeral, cando nun relato ou un cap de novela elixes un enfoque ou un ton (ou un tempo verbal) e na metade tes que cambiar, pode ser que haia algún problema sobrevoando o texto.

    Non pretendo pontificar que haia que escribilo todo dun tirón en presente ou pasado, mais pode valer como guía facelo así, para que no momento no que vexas que fas facer esa mistura, un se pregunte “estou seguro de que esta ferramenta é a mellor opcion para contar a miña historia, ou só a vou usar porque non teño outra máis axeitada a man?”.

    Se o autor quere reescribir este relato, aconséllolle que se esqueza da pai espertando, inda á casa e remexendo nos libros da muller. Iso queda para a precuela. para contar a historia en presente poderías recortar o trasfondo, limitalo a un recordo puntual ou a unha frase de diálogo. Ó fin, só tes que dicir que morreu porque só aceptaba o leite da nai e que esta xa non podía dar mais. Se optas por escribila en pasado o 2º parágrafo pode servirche como inicio, e logo colocar o 4º. Non facerme caso tamén é unha opcion.

    O conto de Román e Ramón

    Vaia, este relato está rimado! A primeira frase gustoume.

    “Aos dezasete partiu, pra se apuntar de noviza e soñaba coas misións”
    Esta frase é rara. Ese “e” tería sido mellor un punto, non?

    Pouco a pouco, vou botando a rima de máis. Talvez se fose máis sutil… Cando as rimas son en iña ou iño fanse algo repelentes.
    A historia paréceme feble. A maneira de contala non acaba de darlle o pulo que precisa. Este conto moderno, ademais, abandona á súa protagonista por outros novos, o cal é un gran obstáculo no camiño ó éxito. De feito o 3º parágrafo é como un volver empezar que non aproveita o xa contado (agás argumentalmente, claro), e deixa o final desprovisto de verdadeira relevancia ou impacto. O relato perdeuse nalgún punto do 2º parágrafo, inda que claro, falar de Lucía nunca tivo outro destino que dar pé logo a que os seus fillos reproducisen o comportamento que mamaron.

  6. Eu declárome seguidor de biografías raras e extravagantes (sexan inventadas ou reais). Por iso en principio pintaba mellor Ramón e Román. Pero creo que o autor fixo unha aposta por un xeito de contalo que a min persoalmente (xa vexo que a outros lectores lles prestou) íame expulsando de seguido da historia. Desde o meu punto de vista quixo ser unha parodia do xeito de narrar dos contos pero non a levou ata as últimas.

    Respecto a leite morno: Sobran quizais algúns elementos, pero ese neno que só quere leite da nai e expulsa calquera outra cousa que lle dan, é un personaxe potente co que comezar e co que acabar o relato. Voto por Leite nesta lide

  7. Non tiña nada claro a quen votar neste duelo, así que volvín probar co vello sistema de deixar pasar uns días e comprobar cal dos 2 relatos deixou máis pegada.

    Por iso voto por “Leite morto”, porque a pesar de estar mal executado aborda unha idea potente que, unha vez espida de do corsé da escrita mantén a súa forza. O seu rival, a pesar do esforzo vertido na súa construcción non logrou conxugar forma e contido. Cando penso nel só me acordo de que era un relato rimado, mais non quedou case nada de Lucía, moito menos de Román e Ramón, a quen non considero protagonistas da historia a pesar da prebenda de aparecer no título.

  8. Dous relatos que me engaiolaron, ambos sumidos na traxedia.
    Do leite morto, quedo coa a atmósfera de misterio que o rodea de comezou a fin. Xera unha expectativa tan fonte dende o comezo que fai que o leas dunha tirón buscando o final, final que satisface moito.
    De Román e Ramón quedo coa narración da crónica tráxica das súa vidas, unha historia que xa se torce nos acontecementos que rodean á súa nai e que os salpican irremediablemente a eles.
    Dou o meu voto, despois de ámblas lecturas, a “Leite morto” por como me enganchou, por como vai enrolando ao lector nese mundo misterioso e escuro, pola lectura deliciosa que supuso.

  9. Non sei se é o dos elementos fantásticos que outros comentaron, pero en “O leite morto” falloume algo. Tamén é certo que me puxo mal corpo e que na miña cabeza as imaxes da historia se desenvolveron con claridade.
    No conto quedei algo fóra en canto a cousa empezou a rimar nunhas cantas frases cando antes non o facía e logo de volta deixou de rimar. Este tipo de contos non son o meu, tampouco, e o certo é que me perdín e que non entendín todas as alegorías da vida da Lucía. E a vida de Ramón e Román non me dixo nada.
    Quedo co “Leite morto”, pero non quedo contenta de todo.

  10. Comento:

    ‘O leite morto’ é un relato que se sustenta nos adxectivos. Especialmente os adxectivos que menos cualifican e máis embazan a lectura: Por exemplo, terrible, que aparece dúas veces en dúas liñas. Hai ademais certo abuso das frases feitas. En canto á narración, penso que o autor deseñou un exercicio, unha aproximación ao mito demoníaco (que aparece en moitas culturas) do falso neno que chucha o leite da nai até esmirriala. Do meu punto de vista, debemos escribir no 2017 intentando ser conscientes de todo o que se escribiu antes, procurando achegar un punto novo ao gran tapiz da escritura.

    ‘Ramón e Román’ padece un tanto do mesmo defecto. Hai unha historia mil veces vista que ademais o autor pon en falso verso (versificar a prosa está ben. Por exemplo fano moi ben Gonçalo Tavares e Mircea Cartarescu) pero cómpre algo máis de sofisticación no ritmo. O equilibrio argumental é precario e coido que non se comunica ben cal é a motivación do relato máis alá da acumulación dalgúns tópicos biográficos.

    Voto por ‘Ramón e Román’.

  11. “O leite morto” pareceume un bosquexo de relato máis que unha composición acabada. “O conto de Román e Ramón” non deixa de ser unha historia terrible contada a ritmo de brincadeira. Imaxino que ese sería o ton a usar cun meniño para lle contar unha historia da familia Voto por “O conto…”.

  12. Moitas gracias polos votos e polos acertados comentarios, xentiña. Teño unha débeda con vós, que será pagada refacendo o relato e converténdoo en algo digno deste fantástico torneo.

    Aproveito para felicitar a Lome polo coraxe de presentar unha aposta tan arriscada coma un texto rimado. Anímote a que o reconduzas facendo o que vou facer eu, fulminar o accesorio. No teu caso a cousa sería centrarte nos dous elementos corazón da historia, a lírica contraposta ao descenso ao averno da protagonista. Vexo moito potencial nese concepto. Eu voume cargar ao marido, aos malditos libros negros e unha manchea de adxectivos…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s