‘O límite Lundqvist’

Diplomas. CHRIS LAWRENCE/FLICKR.

No grupo D só publicamos o relato de Pablo Fernández, que vence o duelo por incomparecencia de Tomás González Ahola.

Naquel intre fatídico, o galardoado profesor Lundqvist abriu os ollos de pau a pau e volveu lembrar a primeira vez que tropezara cunha singularidade na súa vida.

Tal e como tivera que explicar en non menos de vinte entrevistas dende a publicación do seu famoso tratado, e nunhas duascentas logo da recepción do premio, aquel tropezo primixenio sucedera na sala da casa familiar, nos arrabaldes de Gotemburgo. Alí, sentado enriba da alfombra de importación que súa nai mercara na tenda dun refuxiado persa, oíu falar por vez primeira desas distorsións do continuo espazo-tempo que as matemáticas e a física non eran quen de explicar. Daquela, como nese mesmo e fatídico intre en que volvía a botar a mirada atrás, tamén abrira os ollos de pau a pau mentres Carl Sagan falaba dende o interior do seu televisor. E por moito que os máis críticos co seu traballo o acusasen de querer adornar literariamente aquela epifanía, el sabía que non esaxeraba: o día que decidiu adicar a súa vida a desentrañar os misterios que agochaban as singularidades, fora aquel sábado á tardiña diante da tele.

Por suposto, aos seus once anos as cousas teríanlle sido moito máis doadas de sufrir esa mesma chamada mística durante un partido de hockey sobre xeo, ou mesmo de fútbol: aforraría as risas, as brincadeiras e os empurróns que lle ocasionaron a redacción que tivera que ler diante da clase co gallo do “E ti, que queres ser de maior?” proposto pola profesora. Naquela altura, o galardoado profesor Lundqvist non era máis que un rapaz anónimo, débil, tímido e sen amigos. E aínda que esa parte da historia gardábaa para el, responder “Físico teórico” naquela redacción, non lle trouxera máis que problemas ata o día que entrou na Facultade de Ciencias de Upsala.

A partir de aí, as cousas cambiaron por completo. Antes de rematar o primeiro curso xa escribira o seu primeiro artigo nunha revista científica, no terceiro ano fixérano relator nunha conferencia sobre a teoría de límites cuánticos nos arredores das singularidades finitas e para cando rematou a carreira xa sabía máis ca a meirande parte dos seus profesores. Despois, con trinta anos, cando xa ninguén se ría del, veu o premio. O home que máis se achegara ao interior dun burato negro, o home que volvera redactar a teoría da superfluidez logo dos seus estudos sobre os vórtices de Onsager hoxe, vórtices Lundqvist-Onsager, o home que lle puxera o seu apelido ás matemáticas que antes lle pertenceran a Riemann, xa non provocaba risa. Mais el, no seu interior, sabía que fracasara. Achegárase máis que ninguén á última fronteira, á beira mesma das singularidades, alí onde as leis coñecidas deixaban de rexer, pero nunca puidera ollar o seu interior. Ata aquel intre fatídico.

Daquela, a porta do cuarto abriuse de golpe. A súa dona sorprendeuno sodomizando o seu fillo pequeno sobre o leito matrimonial e o galardoado profesor Lundqvist comprendeu que, por fin, chegara alí onde sempre quixera ir.

Pablo Fernández.

27 comentarios en “‘O límite Lundqvist’

  1. Unha pena non contar cun relato para facerlle de espello a este de Pablo, e saber como e canto, nun texto moi ben escrito e levado ao límite na resolución, pode pesar o tema tratado (e o xeito de facelo) na votación dos lectores. Desde logo, non se pode quedar indiferente ante ese final.

  2. Tiven que ir mirar á convocatoria do Torneo porque non recordaba o tema: Singularidade. Pregúntome se Tomás non se presentou para forzar a singularidade deste duelo.

    >>volveu lembrar<>Daquela, a porta do cuarto abriuse de golpe.<<
    Esta frase non me convenceu moito. Non sei se é polo "daquela" (daquela de cando?"), polo tempo verbal ou polo raccord dos acontecementos (outra singularidade?).
    É que a primeira frase do relato parece facer referencia a unha escena que xa está en marcha, e aquí semella que comeza de 0. Pode que a 1º frase só se refira a que el oiu ruido na porta -é como eu o racionalicei- , pero segue sonando raro. Diría que de natural pedía un… "A porta do cuarto abrírase de golpe". Que non sona tan ben, claro.

    Tecnicismos aparte é un final impactante. Dende logo que Lundqvist irá para o buraco. Un gran relato, que mala hostia tes, Pablo.

    • Sobre “volveu lembrar”, o que quería dicir e o blog non me deixou era que lembrar xa é traer de volta algo xa sucedido, e que o “volver”, por tanto, me soou redundante na frase.

  3. Neste caso non hai voto, loxicamente.

    Coido que neste relato están as tramas demasiado á vista. Hai unha idea visual moi potente e unha especie de axuste de contas moral co personaxe. O Pablo quizais se conformou con estas dúas premisas e o resultado é un tantiño simplista. Especialmente porque todo o periplo profesional (‘a la’ Sheldon Cooper) quizais non está á altura do parágrafo final. É nese parágrafo, especialmente na última frase, onde recae toda a forza narrativa (evocación, principalmente) da historia.

  4. Por alusións:

    -Rul: vai rañar os pés.
    -Marcos: esa era a idea. Que aparecese Tomás, digo. Un “matar ao pai”. Moi freudiano todo.
    -Lois: a lembranza é recorrente no protagonista, non casual, por iso o “volveu lembrar”.
    -César: non compro a túa lectura (moi respectable, polo demais). Na compro por dous motivos. Por unha banda, e independentemente de que che prestase ou non, non me podes dicir que a trama principal estaba á vista. E por outra, Sheldon Cooper… Non me amoles, ho, que a historia estaba inspirada en Rudolf Mössbauer!

    • Que algo teña unha motivación non sempre quere dicir que sexa boa idea facelo.

      Con respecto ó das tramas, penso que César non fala de se o final é predecible, senón de que o entramado é sinxelo. É a sinxeleza un defecto ou unha virtude? Pois non sei, a veces será e outra non, xa o dicían os Cucas, o simple é complicado.

  5. “…tramas demasiado á vista”?
    Noooon compro.
    “…especie de axuste de contas co personaxe”?
    Nooooon compro.
    “…o resultado é un tantiño simplista”. Isto xa non son eu quen de compralo ou non, mais romper o cigüeñal dun relato en dúas liñas, cambiando un burato negro por outro… non sei eu se merece ese adxectivo.

    O que, insisto, non significa que che teña que prestar.

  6. Creo que se escarallou un bo relato no final. (isto é, valoro a man de quen o escribiu; ten man de autor)
    E voto por el, xa que non hai outro.

  7. Un apunte: “rapaz anónimo”. Está de moda falar de “persoas anónimas” como sinónimo de “pouco coñecido, que non é famoso”. Creo que é un uso incorrecto da palabra anónimo: “sen nome (unha obra) ou que non quere dar o seu nome (un autor)”. Unha persoa pouco coñecida que por suposto ten nome e que non o oculta non poder ser anónima.

    Tras este paréntese de vello rosmón, paso a comentar o relato en si mesmo:
    As historias de vida sempre me gustaron, nestas nas que se conta a vida do personaxe dende neno. E esta flúe moi ben de principio a fin, temos un personaxe atraínte, destinado a chegar a ser un xenio da física. Créase unha certa intriga coa fin de ver onde chega nos seus estudos e de se saberemos algo máis deses misteriosos buratos negros. Está narrado de un xeito áxil, directo ao importante e perfilando o personaxe cunhas poucas (e afinadas) pinceladas.
    O final non me gustou. É discordante co resto, coma un mal chiste. Dende logo que o mundo descubra que es un noxento depredador sexual que viola ao seu propio fillo pequeno é unha singularidade, pero me pareceu un recurso efectista, como di César. Eu creo que non lle facía falta ser tan cru e anula o efecto positivo sobre o lector do que nos contara antes.
    Eu creo que unha de dúas: ou se cambia a traxectoria vital do personaxe incluíndo sombras de sordidez ou se suaviza o final pero, para min, as dúas partes tal e como están, non casan.

    • Interesante análise.
      Supoño que onda ti os asasinos, os violadores e os maltratadores van todos pola rúa cun distintivo cromático para os recoñecer.
      Aquí onda min o único que sabemos deles é que semellaban normais e saudaban sempre no ascensor antes de quitar a careta.

      • Falamos de literatura, non da opinión que ten del un veciño. Para contar a historia elixiches un narrador omnisciente (sabe todo e decide que conta ao lector e que non conta e cando o conta e como o conta), de feito empeza polo final para logo continuar con toda a historia de Lundqvist dende neno. É unha decisión que para min xoga co lector para darlle o gran golpe ao final. Quen conta a historia dun violador sabendo que o é e sen que mostre a máis mínima reacción ata que chega a ese intre na historia?

        Esta ben isto de que haxa debate, aínda que sexa nun caso excepcional coma este co autor. Boto en falta neste Torneo de Duelistas máis interacción entre os participantes.

  8. Hala, a min tampouco me gustou o final. Xa o dixen.
    Pero claro, non me gustou por cru e brusco… e aí reside xusto o que fai o relato redondo. Gustoume a historia do profesor e pareceume que flúe moi correctamente, a pesar de ter moito de clixé (cousa que tampouco me parece mala per se), e o contrapunto do final é o que lle dá calidade á película 🙂
    Se cadra prefería que o profesor Lundqvist sodomizase a outro que non fose o seu fillo, a cousa non é por non sodomizar, eh, que aí cada un busca os furados que quere ou pode. Pero a imaxe, persoalmente, foime brusca de máis.

  9. Claro que se xoga co lector. Niso consiste a literatura. Imaxina por exemplo “O nome da rosa”, e que no comezo Adso de Melk diga:

    “Vouvos contar a historia de como Jorge de Burgos matou xente hai anos para ocultar un libro que consideraba unha ameaza”

    Ou que n’ “O xeral do exército morto” o narrador comezase:

    “Vouvos contar a historia dun xeneral italiano que foi buscar polo xeneral Z., desaparecido en Albania en estrañas circunstancias durante a guerra, aínda que en realidade estaba morto e enterrado na casa dunha vella por deshonrar a súa filla”.

    Pois non habería novela, non?
    Aquí, o mesmo.

    (Concordo no privilexio que supón entablar estas conversas!)

  10. No inicio do nome da Rosa xa se dan bastantes pistas de que se vai contar algo sinistro, e de que se vai facer dende o inicio ata o final, cronolóxicamente, previa reflexión no prefacio. Tampouco é un narrador omnisciente, por tanto o que haia de artificioso -se o houbera- correría por conta de Adso, unha personaxe coas súas peculiaridades propias, primeira liña de fogo antes de elevar responsabilidades ó autor.

    En cambio, cando un narrador omnisciente fai algo raro, como lle pareceu a Lome neste caso, nese mismo momento xa estás vendo a man do autor.

    • Home Lois, dende o afecto que che teño, que me veñas agora coa separación autor/narrador logo que de cha defender eu en Transición e responder ti que quen lle dá voz ao narrador é o autor… róncalle un pouco moito o carallo.

      Dito isto, na obra de Kadaré que cito, o narrador é omniscente. E se empezase dicindo onde estaba o xeneral Z., non había novela.
      Sen nos poñer tan esquisitos, Deborah Chiel podía comezar “A caixa de música” dicindo:

      “Vou contar a historia de como a sra. Talbot descubriu que seu pai cometera crimes de guerra”

      E así todo.

  11. Eu o que dixen sobre Transicion foi que nalgúns pasaxes, o autor ó querer transmitir con tanta vehemencia a ruindade de certas personaxes semella (non chega a, só semella) facerse cómplice das opinións do narrador (que é unha personaxe tamén). É dicir, se Adso, como personaxe, é un escudo para o narrador, en Transición o teu escudo deixou pasar algunha bala que outra.
    P.e., se Adso critica a un rei da época por algo en concreto, pois vale. Pero se critica á monarquía dunha forma digamos “moderna”, como crítica encuberta ás ditaduras actuais, estaría sobrepasando as súas competencias para un monxe do S.XIV.
    En Transición algunhas críticas ou pensamentos do narrador non me concordaron coa súa idiosincrasia ou como queiras chamarlle, e aí é onde me pareceu que estabades misturando as voces peligrosamente. Por iso “a la postre”, e por causa dunha visión na miña opinión superficial de Transición, acabaron apoñéndoche a ti como persoa, á novela no seu conxunto e incluso a Urco defectos do protagonista.

    Hai un montón de novelas que comezan contando cousas así. Falei do nome da rosa porque a lin e non vexo nela a comparación.

    • Ah, non. Se eu constrúo un narrador ruín que conta unha historia de 1988 dende o 2015, por suposto que xoga (el) coas cartas marcadas: sabe que é o que o movía no ’88 e sabe que consecuencias tivo no ’15. Como o narrador é ruín, o autor é ruín? Pois non. Goberna o autor os personaxes, narrador incluído? Pois si. Chámase literatura (eu son físico, ergo, logo deste relato… son pedófilo?).

      É Adso Umberto Eco? Non. É Guillermo un investigador do século XIV? Nin de coña. É a crítica que fai a novela ás relacións de poder asimilable ao século XIV? Non. Desvela o autor as cartas antes do final? Tampouco. Invalida iso a novela? Xa me gustaría a min parir unha que fose a metade de boa.

      Volvendo ao narrador omniscente, debe este poñer as cartas todas cara arriba? A historia toda da literatura dáme a razón cando digo que non.

      E nada disto é incompatible con que o relato puidese non convencer. Nesta xornada hainos moi bos e seguramente mellores. Pero unha cousa é unha cousa e outra, outra.

      • O teu narrador, a pesar de narrar argumentalmente dende o 2015 parecía que seguía vivindo no 88.

        O narrador omnisciente pode facer o que queira mentres o faga ben. E se non o fai, aí estarei eu para turrarlle das orellas. Sobre este relato en concreto, o único que non me convenceu de todo foi a volta ó “presente”, pero xa me dixeras -me parece- que esa frase ía seguida do parágrafo anterior e non cun enter. Sendo así xa che digo que non avogaría por tocarlle ó relato. É como é e xa está. A min gústame centrarme en cousas que se poden cambiar, eliminar ou engadir. Neste caso creo que o relato está xa moi próximo ó seu máximo potencial posible, e cambiar algo sería contruir outro relato diferente que non sería necesariamente mellor -en todos os aspectos- que este.

  12. Non, o narrador non ten por que poñer as cartas todas arriba á primeira, pero o contrario é unha barbaridade. Imaxinas un Quixote que rematase aparecendo Fierabrás montado nun dragón? Ou Lolita que se descubre como extraterrestre no último capítulo? Pareceríanos a todos unha estafa.

    • Desgrazadamente, eu non vexo nada anormal en que unha persoa aparentemente respectable sexa un abusador. Síntoo. Do contrario non pasarían as cousas que pasan.

      Dito isto, e por iso stou contentísimo con este debate, conseguín o que quería: que empatizásedes cun monstro.

      Literatura, vamos.

  13. Fode ver un relato así sen rival diante. Ten moito mérito, señor Pablo, que o único duelo impar da xornada sexa o que máis comentarios acumule. Xa só por iso pagou a pena escribir o relato, non si? A min gustoume bastante, está moi ben escrita toda esa vida en tan pouco. O final da unha boa hostia, pero sen trampas polo medio. Non é para nada incompatible ser un xenio con ser un fillo de puta, de feito, a xente que se focaliza tanto en algo acostuma ter unhas grandes eivas noutras facetas. Algo que sinalar, rematei o relato imaxinándote a escribilo cunha risa na boca e dicindo en alto: «Aha! Trouxente aquí! Toma realidade! Toma hostia!». Tes carácter de autor, iso está claro, pero hai historias que se atopan máis cómodas afastadas dese carácter. Non sei se esta sería unha delas.

    • Boas, maese Botana. Coido que o único motivo que deu pé á proliferación de comentarios foi que, ao non haber voto, eu entrei ao trapo e prendeu o debate (aproveito aquí para insistir na alerta lanzada por César nun duelo viciño: habendo votos pendentes, os autores deberiamonos abster de intervir nos nosos propios relatos). O caso é que, antes de che recoller luva ningunha, poderías concretar as últimas frases? Non sei ben a que te refires.

  14. O certo é que me expliquei coma o carallo… Non hai luva que recoller, xa che dixen que me gustara moito o relato; falo dunha sensación. Non sei canto do texto obedece á mesma historia de Lundqvist e canto á intencionalidade de pegar o machetazo no final. Bukowski (outro xenio, coma Lundqvist, bastante impresentable) ten un relato que se chama “El malvado” onde fala de algo similar. Mira que o tipiño tiña un estilo super marcado e agresivo, pero nese relato semella separarse do contado, que é terrible. Incriblemente tampouco xulga e iso quédalle ben, porque o que debe xulgar é o lector. A min gustaríame ver tamén o porqué da situación, inda que me chafase a sorpresa. (Creo que inda liei máis o comentario anterior, xa o debateremos un día cun licor café diante)

    • Penso que o máis razoable que se dixo polo momento en todo o concurso (e mira que se dixeron cousas razoables) foi o de debater diante dun licor café. Esa luva recólloa xa!
      En canto ao outro, volvemos ao de sempre, 500 caracteres non dan moita marxe. Cun paragrafiño máis, tería cambiado os empurróns e as risas sufridas polo Lundqvist neno por algo máis sórdido que explicase o seu comportamento. De feito, intenteino, pero a cousa púñaseme preto dos 600. E así quedou.
      Con todo, penso que con catro cacharros na gorxa, habíao explicar mellor. O que nos devolve ao primeiro parágrafo do comentario.
      🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s