‘Remixio e Madalena’ vs ‘Chegou o demo’

Igrexa de Santiago do Burgo (Culleredo). JOSÉ LUIS CERNADAS IGLESIAS/FLICKR.

No grupo A nesta segunda xornada asistimos ao duelo entre Ana Vigo e Lois Z sobre o tema: “Roubaron na parroquia”.

Chegou o demo

Cando escoito os berros do párroco, que chegan a nós dende a rúa, decátome de que a fixen boa. Na taberna todos rin. Cren que o pobre home toleou porque o que di non ten sentido. En que cabeza cabe que desapareza todo o que había na parroquia? Non se trata só dalgunha imaxe ou santo. Esta mañá, o interior da igrexa apareceu baleiro de todo. Alguén roubou o altar, os bancos, o órgano e incluso a súa sotana. Penso que é ese detalle o que causa o riso dos veciños.

–Foi o demo! –afirma o párroco espido. Sen dúbida está tan asustado que nin se decatou da súa impúdica aparencia–. Levou todo! Quere que perdamos a cordura, por iso o fai!

–Dende logo, vai por bo camiño –bromea o meu pai. Nervioso, dou voltas coa culler ao leite con cacao ao que me convidou de almorzo. O líquido fumega, queima coma o inferno. El repara no meu apuro–. Non te asustes, Xanciño.

Trago cuspe. Ás veces o meu pai éche ben parvo. Gosta de rir dos demáis, pero non ve o que hai ante os seus ollos. Se tivese unha idea do que fai o seu fillo, non semellaría tan despreocupado.

O párroco asomou pola porta, esgotado. As pingas de suor esvaran polo seu corpo nu. Teño unha lixeira idea de onde foron parar as súas roupas. O que non podo imaxinar é que pasou cos bancos, o órgano, e o altar. Se cadra esmagaron a alguén. Son obxectos duros.

As instrucións foran claras. Pronunciar as palabras e facer os xestos axeitados para conseguir a pedra negra incrustada sobre a porta, na parede frontal. Se o feitizo funcionaba, esta aparecería na cova ao pé da estatua do gato. Con ela, seriamos invencibles, iso é o que me dixo ao asignarme a misión. Supoño que me trabuquei nalgún paso, e agora non hai solución. As paredes, e a pedra, permanecen no seu lugar. Son un fracasado.

Alguén dispuxo unha manta sobre o corpo do párroco. Tremelicante, o home acobadouse na barra para contarlle ao encargado a terrible visión da súa igrexa baleira.

O meu pai consulta o reloxo e fai un xesto.

–É hora de que vaias á escola, Xanciño. Se chegas tarde un día máis, esfólote vivo.

Non mo di en serio, pero tanto ten. Hoxe vanme esfolar, e non pola miña impuntualidade.

Abandono o local de vagar, e devagar camiño ata o cruce de cada día. Tería que seguir de fronte para chegar á escola, pero hai semanas que me desvío polo camiño da esquerda. É o que leva á estatua do gato. Alguén, ou algo, ocupará o meu lugar na clase. Agora, os meus problemas son outros.

Vexo ao lonxe a estatua, que empeza a moverse ameazante. Refrego as mans, consciente do sufrimento que se aveciña. Cando o animal de pedra se abalanza sobre min, pecho os ollos. As gadoupas do demo atravésanme, e todo remata.

Ana Vigo.


Remixio e Madalena

Remixio tirou pola corda con forza e caeulle morta ós pés. Mirou para o campanario, alí non había nada. “Levaron a Madalena!”, díxolle a don Enrique, que estaba dentro. Faltaba media hora para a misa.

Remixio non durmía pensando onde estaría a súa Madalena. Comía pouco e non paraba na casa. Na aldea uns botábanlle a culpa ós romanos, outros sospeitaban dos musulmáns. Ben sabida era a súa querenza polas campás galegas.

Don Enrique quixo traer de seguida outra para o sitio. “A igrexa non pode estar sen campá”, bufáralles ós que pedían agardar un tempiño, a ver se aparecía a vella. Pagouna a parroquia. A nova lapeaba coma un sol no alto da torre e podíase tocar cun mando a distancia. Don Enrique mandara gravar o seu nome de arredor dela e batuxouna con auga bendita antes de estreala.

Remixio foi polas ferrallas da redonda co seu 205 vermello, preguntando. Xa perdera a muller e perdera unha filla. Non ía renunciar tamén á Madalena, polo menos non tan facilmente coma don Enrique. Nunha desas veces escoitou ó lonxe o repicar da Madalena. Seguiu o son ata a igrexa das Tormentas. Tocaba a enterro, pero ó chegar xa non lle pareceu tan seguro que fose ela. Estivo roldando polo adro sen atreverse a falar con ninguén. A xente miraba para el. Identificou o sancristán e cando tivo oportunidade fóiselle presentar a ferro frío como o seu homólogo na parroquia de Talamiras. A falta da reacción que esperaba naquel home quitoulle as esperanzas, o outro quedara coma se nada. Ningún dos dous tiña ganas de falar. Remixio botou o último cartucho. Que se había moito que tiñan esa campá. “Quince días. A outra fendeuna un raio”. Preguntou por quen lla vendeu e marchou. Suábanlle as mans.

Aquel nome levouno a unha nave afastada das estradas principais. Pasou por diante de maquinaria pesada e obreiros lixeiros. Semellaba un home invisible. Entrou nunha oficina e dixo quen era. Aquí si que tivo certo que a súa fora unha visita non desexada. O tratante quedou mirando para el un anaco, sopesando algo. Logo entregoulle un sobre preñado. “Vai o que acordei co cura. Para ti, se hai algo, sae da súa parte”.

Queimou o sobre cos cartos dentro antes de entrar no coche. Case queima tamén as mans de tanto que lle tremían. Matou o lume a patadas e esparexeu as cinzas. Claro, por iso chegara tan pronto a nova. Por iso sorría don Enrique mirando para ela. Enriba cobrando da Madalena.

Volveu á aldea das Tormentas e contouno todo. Deixárono subir á torre para que dese testemuño de se aquela era a campá da súa parroquia. Sentou alí no alto con ela, falaron un anaco. Despois pasoulle a man polo corpo. “Cala, miña nena, cala, que inda vas estar mellor aquí que noutro sitio”. Baixou. Dixo que non a era.

Antes de marchar preguntou se, así de cando en vez, podía vir tocar a rosario.

Lois Z.

11 comentarios en “‘Remixio e Madalena’ vs ‘Chegou o demo’

  1. Difícil escolla aquí hoxe.

    “Chegou o demo”
    O mellor: A presentación, a ambientación e o xeito que ten de facer avanzar o relato. O comezo é moi potente, coa acción xa avanzada e o culpable narrando.
    O peor: O final, a última frase non é necesaria. Na miña opinión, rematar un relato coa morte do narrador, en primeira persoa, non é un recurso que acabe de convencer.

    “Remixio e Madalena”
    O mellor: O final, a derrota moral do Remixio, a rendición. Está ben escrito e as motivacións da(s) personaxe(s) son claras.
    O peor: Apela demasiado ó sentimentalismo. Que o protagonista perdera a muller e tamén unha filla é un dato que só busca conmover, e faiseme forzado.

    Voto por “Remixio e Madalena” pero, sen a frase do final, faríao polo outro.

  2. Foi complicado decidir cal dos dous relatos levaría o voto.

    De ‘Chegou o demo’ gustei moito do concepto de fracasado ‘cómico’ do narrador (polo menos así mo pareceu a min) e, como xa apuntaron, do bo xeito de presentar o feito principal do relato. Non entendín que tiña que ver o título do relato co relato, quero dicir que semella que o feitizo valería para traer ao demo (aínda que, supostamente, xa chegou), mais dise que faría aparecer o contido da igrexa na cova do gato e que, así, serían invencíbeis… Non sei, non o vin claro.

    ‘Remixio e Madalena’ pareceume un relato ben estruturado e con un obxectivo moi claro. Aínda que me sobrou a parte da nave e os operarios, entendo que foi o único recurso co que facer que a ‘desaparición’ da campá fose executada por alguén alleo á parroquia das Tormentas e poder rematar o relato con ese sistema de visitas pactado.

    Voto por ‘Remixio e Madalena’.

  3. Chegou o demo
    Gústame o relato pero este parágrafo ofréceme bastantes dúbidas:
    ‘As instrucións foran claras. Pronunciar as palabras e facer os xestos axeitados para conseguir a pedra negra incrustada sobre a porta, na parede frontal. Se o feitizo funcionaba, esta aparecería na cova ao pé da estatua do gato. Con ela, seriamos invencibles, iso é o que me dixo ao asignarme a misión.’

    por que? quen? con que fin? Resulta confuso e pouco claro para a/o lector/a. A estreitez de palabras non xustifica a pouca claridade, malia que intencionada, da pasaxe. Un pouco atropelado e seguimos adiante en acto de fe.

    No tocante ao final, eliminaría ‘e todo remata’.

    Polo demais gustoume e paréceme que está ben escrito e abre unha fenda no sobrenatural. Entrounos gana de saber que aconteceu.

    Remixio e Madalena
    A narración flúe ben ata ‘Preguntou por quen lla vendeu e marchou’; substituiría vendeu por ‘vendera’ para que quedase máis claro.

    Gústame esta “road movie thiller diocesal”, igual quedaba ben un final máis abrupto co Enrique. Digamos que simbolicamente unha caída accidental do párroco corrupto dende o alto da igrexa, non lle acaía mal ao texto, pero malia todo, a min gústame así tamén.

    Voto por Remixio e Madalena.

  4. Comento:

    ‘Chegou o demo’ pareceume un texto algo inxel, no plano argumental e técnico. Hai unha xerarquía algo confusa na presentación do asunto, os diálogos son mellorables e a conclusión algo inverosímil. Rematar un texto premendo o botón nuclear pode parecer boa idea pero logo case nunca queda ben.

    ‘Remixio…’ é un relato costumista moi ben tecido. Como apuntou algún compañeiro quizais está sobrado de sentimentalismo e inténtase xustificar a motivación do personaxe sen que o relato o necesite. Estou convencido de que a autora/autor a estas alturas xa está convencida de que lle falta un derradeiro cepillado. Pero hai que destacar nun relato tan pequeno como se define unha paixón. Algo tan complexo, algo que se fai tantas veces inexplicable cando o vivimos, de repente aparece aquí moi ben definido, plastificado cun amor inesperado. Para min é o mellor relato da rolda.

  5. Neste duelo quedo sen dubidalo con “Remixio e Madalena”.
    Gustoume moito como está levada esta historia; pareceume que é sinxela e directa e que os diálogos son naturais e o final cativoume. Para min é un relato redondo e quedei engaiolada coa Madalena e o Remixio :). Non vexo incorreccións que me canten e non me parece, como comentaron algúns compañeiros, que haxa un exceso de sentimentalismo en ningures. De feito chámame a atención a facilidade coa que aceptades o exceso de violencia e non o exceso de sentimento.
    En fin, por outra banda, a historia de “Chegou o demo” non me pareceu que avanzase correctamente, paréceme que se contradí, que confunde co seu uso de tempos verbais distintos e non me gustou o seu xiro “demoníaco” nin o seu final.

  6. Un tema meu, foi un duelo moi divertido de ler.

    Chegou o demo
    Ten un comezo que captou a miña atención, cun toque humorístico. O que o párroco estea nu acrecenta o patetismo da escena. No entanto, tiven algúns problemas co marco temporal. Fálase de que roubaron “na mañá” pero todo o parágrafo está en presente, non me casa moito.
    Rompeume tamén un pouco o ton cando o narrador se mostra diante da cunca de colacao e máis cando xa fala das instrucións para completar o feitizo. Pensaba que estar a ler un relato de ladróns e resulta que vai de maxia negra! Deixoume bastante confundido.
    Tampouco entendín moi ben que aporta á historia que o protagonista sexa un rapaz e que pinta seu pai.
    Do relato, como Raúl, quedo coa presentación e co ambiente inicial que crea.

    Remixio e Madalena
    Vaia, creo que Tormentas é un talismán porque este é, segundo o meu punto de vista, o mellor da xornada (como ocorreu na primeira, aínda que o autor / a autora non pode ser a mesma persoa). É un relato moi ben concibido. O xeito en que vai soltando a información vai creando intriga á vez que crea un ambiente moi crible.
    Non creo que sexa un relato nin costumista nin sentimental. Dende logo ten elementos costumistas e sentimentais mais, como construír un personaxe crible en 500 palabras sen apoiarse nalgún tópico ou prexuízo? A morte da muller e filla son unha motivación coma outra calquera para explicar a adoración que o personaxe ten para Madalena. Para min, é un relato “negro” no sentido de “de detectives, de investigación do crime” e coido que ten moito mérito en tan curta extensión levalo a unha boa fin (como foi o caso). Parabéns.
    Dous detalles que me despistaron: “Aquel nome levouno…”, non sabía a que se refería. Creo que a mención non é o suficientemente clara.
    Logo, que quere dicir: “ Dixo que non a era”? Refírese a se era Madalena ou non, pero creo que a referencia anterior está demasiado lonxe.
    Moi bo o personaxe maligno na sombra, Don Enrique. É unha sorpresa final das boas, das que xa se viñan anunciando pero que non te decatas dela ata que se fai evidente.

    Dou o meu voto a: Remixio e Madalena.

  7. O meu voto vai para Remixio e a Madalena.

    Chegou o demo resultoume un caos verbal e, tal e como comentou alguén aí atrás, un mal uso da primeira persoa en boca de alguén que morre.
    Pero consideracións técnicas aparte, non está á altura do relato competidor, que para min comparte o privilexio de ser o mellor relato da xornada co dos sicarios de protección solar +50.

    En contra da opinión doutros comentaristas, a Remixio e a Madalena non lle sobra nin falta nada. É un relato perfecto. Parabéns ao/á responsable.

  8. De “Chegou o demo” gustoume o roubo de todo o contido da igrexa e o misterio que iso supón. Porén pola metade a historia quizais perde algo de forza e chega ao final moi débil. Ten en contra tamén, un relato rival case perfecto. Unha pequena xoia. Moitas cousas interesantes pasan por Tormentas e veciñanza 🙂 En Remixio hai roubo e pescuda. Hai traizón. Hai renuncia (levar a Madalena pola forza). E o achado de encontrarlle sentido, a unha vida que o perdeu todo, no amor incondicional polo repenique da campá tocando o rosario. Moi bo.

  9. Chegou o demo, un relato para min sorpresivo, gustoume que o protagonista fora un neno con tratos co demo, a contradición da inocencia da infancia co mal sempre foi un punto que me atrae moito. De tódolos xeitos pareceume un xiro algo brusco para a lonxitude do relato. Creo que a idea funcionaria moito mellor nun relato máis longo.
    Remixio e Magdalena… A idea de un sacristán, namorado da súa campá, que realiza unha investigación para recuperala gustoume moitísimo. Ademáis da elección da trama, o ritmo tamén é moi bo, engancha moito a consecución dos feitos, e pecha moi ben a resolución de expectativa que se abre ao inicio.
    O meu voto é para “Remixio e Madalena”

  10. “Chegou o demo”

    Un relato cun bo comezo. Consegue manter a sensación de misterio ata a metade. penso que cun par de voltas cara o tramo final podería quedar moi decente. Eu son moi amigo dos finais abertos, pero este, poida que o sexa demais.

    “Remixio e Madalena”

    Penso tamén que é o mellor relato desta excelente xornada. Está narrado con pulso firme, decidido, cada frase aporta datos relevantes e ademais as personaxes están perfectamente perfiladas (ata a campá). Non lle vexo moitas taras agás as xa sinaladas, e esas tampouco é que sexan demasiado graves.

    O meu VOTO vai para “Remixio e Madalena”

  11. Grazas polos consellos, apliqueinos case todos. É certo que o da muller e a filla pode descolocar algo, no mellor dos casos non molestou, así que o modifiquei. Tamén quitei a frase dos obreiros e as máquinas, non era necesaria. Pensei en facer algunha referencia á súa idade, pero como ninguén preguntou por iso mellor non o toco.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s