O ‘mainstream’ galego

Libros sobre Galicia.

Eva Moreda.

Lin con interese o artigo en que Manuel Veiga se preguntaba se Bernhard, Carver ou Modiano poderían hoxe editarse en galego, para a continuación responderse a si mesmo que non. Léase o que segue como conxunto de reflexións que me provocou o artigo de Veiga, sen ánimo de refutar ou polemizar.

Nunha serie de micropolémicas (por chamarlles algo) que se sucederon nos últimos meses en Twitter, Facebook e este mesmo portal, teño observado unha certa tendencia a identificar “literatura galega” ou “sistema literario galego” con “narrativa mainstream galega”, e coido que Veiga peca aquí do mesmo. Non o digo como demérito, xa que en realidade neste erro caemos todos decote e é ademais ben comprensible: a narrativa mainstream, aquí e en calquera lugar do mundo, é o que se vende máis, o que se ve máis, o que se traduce máis (ou polo menos se percibe como máis traducíbel).

Chegados a este punto, coido que non teño máis remedio que definir o que entendo eu por narrativa mainstream. Vou aventurarme e dicir que é narrativa que pode ser lida por un número amplo de persoas; non é excesivamente difícil nin experimental, pero ao mesmo tempo ten ou aspira a ter lexitimidade cultural (ao contrario que a ficción popular ou que certas formas de experimentalismo), cousa que a miúdo fai tratando temas profundos e candentes do noso tempo. Por dar unha definición de andar por casa: o que se comenta e se reseña nos suplementos culturais de diarios tipo El País, El Mundo e demais. Moita desta narrativa mainstream, en moitos sistemas literarios, aspira a inquedar e facer pensar o lector pero tampouco demasiado, non vaia ser. (Un exemplo de moda estes días é Kazuo Ishiguro: lea vostede esta novela e, ademais dunha experiencia estética razoabelmente satisfactoria, poderá comentala e quedar como dios cando nunha cea familiar se fale dos problemas éticos da clonación humana ou do clasismo británico. Non lea e sobre todo non comente vostede a Gilbert Sorrentino ou Donald Barthelme, porque entre tantos posmodernismos non se sabe ben que mensaxe queren transmitir, e iso é de dexenerados que non aman os libros).

Á hora de definir o mainstream, porén, moitas veces é máis unha cuestión de atributos que unha cuestión de como é recibida unha obra, como funciona no sistema literario correspondente. Nos suplementos literarios que mencionei arriba, ben pode pasar e pasa que Roberto Bolaño e Almudena Grandes sexan reseñados un a carón do outro, sendo como son proxectos literarios ben distintos en ambición, en significación e en calidade: Bolaño non che dá tema de conversación para ceas familiares (a non ser que teñas unha familia un tanto especial) como si cho pode dar Grandes. Pero tampouco hai que esquecer que a Roberto Bolaño custoulle ser considerado parte deste mainstream, e aínda así imaxino que as vendas dos seus libros están por debaixo dos de Grandes e que para o lector medio en castelán será un dexenerado coma os dous que puxen arriba.

Non coñezo a fondo os casos de Bernhard, Carver ou Modiano pero non me estrañaría nada que tivesen pasado as súas dificultades antes de convertérense en parte do que hoxe é o mainstream: é dicir, aínda mantendo a singularidade e a significación do proxecto literario, gañar unha visibilidade e unha lexitimidade que fagan que máis lectores se acheguen a eles.

Penso que Veiga non repara no seu artigo en que aínda quedan redutos de narrativa galega non mainstream. Hai pouco reseñei para esta web A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, e proximamente publicarei a reseña de Ana e os homes, de Mario Caneiro. Como explico con máis detalle nas reseñas, coido que os dous presentan en certa medida algunha das características que Veiga sinala nos tres autores arriba citados. Hai en ambos casos un retratar Galicia como sen pretendelo, un usar a realidade de un como punto de partida para crear un universo literario sen caer no realismo histérico e identitario que no fondo vén sendo unha serie de idealismo pedagóxico (as cousas como deben ser, non como son). Pero o que si é certo é que estes dous libros, e outros moitos, non poden considerarse parte do mainstream do noso contexto: o de Piñeiro tivo algo máis de pulo, pero non son libros que atopemos recomendados no ensino ou nos clubs de lectura, enxalzados por blogs e contas de redes sociais, distinguidos nos numerosos premios destinados ás mellores obras do ano e por tanto a construír o discurso do que é mainstream ou o que non.

O conto é que eu non sei ata cando teremos na nosa literatura eses espazos non mainstream. Creo que hoxe Bernhard, Carver ou Modiano se cadra atoparían un oco na literatura galega. Dentro de dous, cinco, dez anos? Xa non sei. O mainstream ten moitas cousas boas: fai visíbeis obras significativas, como dixen antes, e en literaturas grandes e normalizadas pode servir para crear as condicións materiais e económicas para que outras obras menos comerciais poidan saír adiante. Na nosa? Por razóns de puro tamaño, non sei se será sequera factible un mainstream (literatura comercializada, non esquezamos), xa non digamos usar o mainstream para subsidiar o que non o é.

Aquí, coido, as opcións podían ser dúas. Ou ben renunciar, de momento, a sermos unha literatura normal co seu mainstream e vivir un pouco como no franquismo, na máis insolente ignorancia do mercado e preocupándonos doutras cousas como escribir obras coas que esteamos contentos e que creamos que acheguen algo que ninguén achegou nunca, aínda que as lean tres persoas; ou ben centrarnos no mainstream e liquidar todo o demais. Esta segunda opción parece ser a escollida polo sistema literario galego (non así en plan conspiración na Illa de San Simón, claro, pero si en xeral, xa sexa por decisión consciente ou por inercia). Por iso, penso, é ben comprensíbel que Veiga identifique “narrativa mainstream galega” con “literatura galega”: se xa o vai comendo todo!

Eu, persoalmente, se tivese que votar,votaría pola primeira opción. Vexo moito nas redes sociais e demais un discurso que se pode resumir en “demostremos que a literatura galega ten os mesmos xéneros ca as demais, as mesmas historias ca as demais, os mesmos libros que as demais”. Eu propoñería: Fagamos o propósito de que cando un lector remate un libro en galego pense: “Este libro é totalmente diferente a calquera cousa que lin nunca antes. Non se parece a nada do que podería atopar en calquera outra literatura. Conta unha historia distinta e a conta de xeito diferente. Isto é algo que sempre atopo na literatura escrita en galego. Por iso quero recuncar na literatura galega a próxima vez”.

Advertisements

10 comentarios en “O ‘mainstream’ galego

  1. Adorei o artigo, en serio, dos pés á cabeza. Só apuntaría algo da miña propia colleita (seino, son un puto repugnante e mesmo ao bo teño que lle pór algún reparo). Na frase ‘Ou ben renunciar, de momento, a sermos unha literatura normal co seu mainstream e vivir un pouco como no franquismo’, só mudaría o final por ‘e vivir un pouco máis do franquismo’.

  2. Non sei que che dicir, Eva. En liñas xerais, tal e como deixara claro daquela, eu estou co Veiga.

    E non digo que ti non teñas razón no teu argumentario se pasamos por alto o punto no que (para min) patina: que queda hoxe en día fóra do mainstream dentro da nosa narrativa cando o sistemiña se encarga de ocultar, silenciar e mesmo destruír calquera intento de renovación ou de discurso disoante?
    O problema, tal e como o vexo eu, está en que hai unha concentración tal de vendefumes, panaugados e enxugapenicos ao redor do negocio (e si, digo negocio) que xa non queda arrabalde polo que transitar. Obraron unha política de terra queimada tal, que conseguiron o raro milagre de exiliar lectores e escritores todos xuntos dunha tacada. Hai marxe de manobra? Eu digo que non. E manteño que Bernhard ou Carver pagarían hoxe esta mesquindade coma calquera outro.

    • Creo que caes aquí no mesmo que lle critico a Veiga e no que me critico tamén a min mesma, vaia: quedar coa imaxe oficial da literatura galega e ignorar que hai outras cousas (cada vez máis precarias, pero hainas).
      Unha investigación que me fascinaría facer (cando me meta nun segundo doutoramento, vaia :)) sería como se constrúe hoxe en día esta imaxe oficial (por chamarlle algo) da literatura galega, por que ocorre que se salientan algunhas cousas e se esquecen outras. E novamente non falo aquí de conxuras na illa de San Simón. Ti falas de vendefumes, panaugados, etc., eu non che vou dicir que non os haxa, pero tamén hai que ter en conta que na literatura galega pois moitos cartos non hai, algún si, pero dame a impresión de que moita xente non se move tanto por cartos senón por visibilidade, influencia, poder (sendo estes conceptos todo o difusos que se queira), tamén por inercia, preguiza, boas pero mal orientadas intencións, etc. Tamén hai que ter en conta que toda esta xente non estará sempre de acordo en todo e que haberá xente que estea máis no centro do sistema e xente que estea máis nas marxes, e que as posicións de uns e de outros irán cambiando co tempo. O que estou intentando dicir aquí, e tamén mo digo a min mesma, que tenho certa tendencia a caer no modo conspiranoico, é que non hai aquí unha Kommitern que imponha un Diktat sobre o que debe ser a literatura galega, pero si que as dinámicas que existen entre toda a xente que está no allo acaban xenerando esta imaxe “oficial” da literatura galega que atopo moi problemática e limitadora, e que concordo que arrincona ou espanta a algunha xente.
      Comentei arriba dous nomes que me parecen interesantes e que non entran dentro desta oficialidade; podería darche máis: Manuel Darriba, o propio Manuel Veiga, Xabier Queipo, e menciono a estes tres cunha intención moi clara, porque os tres publican cunha das editoras grandes (non están nas marxes do sistema, polo menos nese sentido) pero ao mesmo tempo non creo que se poidan identificar co que ti ou eu (ou o propio Veiga, non sei) identificamos co mainstream galego.
      A raíz de comezar a facer crítica para BB empecei tamén a investigar un pouco mais conscientemente o panorama das editoras pequenas e hai varias cousas en Barbantesa, Axóuxere, O Figurante (agora desaparecida), etc. que me dá a impresión de que caen tamén fóra deste mainstream. O interesante, volvo repetir, sería investigar por que moitas destas obras pasan desapercibidas fronte a outras que reciben mais atencion tendo a priori menos méritos, cales son as dinámicas que determinan que isto sexa asi (evitando, outravolta, as teorías das conspiración). Se cadra o que deberiamos facer é comentar (en BB ou no twitter ou entre nosoutros) estas obras ou as que nos pareza que merezan máis atención e pasar do mainstream. Pero ao mesmo tempo o mainstream o que pretende é que se fale del todo o tempo, crear a impresión de que se non falas da novela de fulanit@, que levou o premio da AELG ao mellor libro do ano, ten banner en Sermos Galiza e é a mais lida nos clubes de lectura do país, non estás no mundo e non estás na actualidade. Se cadra dese tipo de presións é do que teriamos que aprender a inmunizarnos un pouco, que tampouco estamos no instituto (os que queiramos; os que se sentan cómodos co mainstream, pois adiante). Claro, isto sería máis fácil nunha literatura grande: se só un de cada 100.000 estadounidenses se interesan polas novelas de Sorrentino, pois mira, xa son 3.000 persoas en todo o país e malo será que non se dean xuntado polo menos unhas cantas a través dun blog ou de Twitter ou do que sexa para comentar a Sorrentino á marxe de Jonathan Franzen ou o que queira que estea promocionando o NY Times naquela altura. Extrapolando estas cifras a Galicia, sáennos vintepico persoas, que é moito menos sostible (pero bueno! Eu se tivera vintepico persoas coas que puidese falar de literatura sen ter que cortarme, pois xa me daría por contenta).
      Tamén coido que ti e máis eu temos diferentes ideas do que é facer cousas distintas e orixinais, do que é provocar. A min provócanme máis Barthelme, Lydia Davis, Tobias Wolff, Sebald (por nomear 4 autores moi diferentes) co seu romperme as expectativas, non ser complacentes comigo como lectora, chegar a cabrearme e frustrarme e facerme reler os seus textos varias veces para facerme entender que a literatura nin ten por que contar nada, nin ten por que ter personaxes cos que empaticemos (e nin sequera ten por que ter personaxes), nin ten por que lerse de xeito fácil e cómodo, nin ten por que crearnos unha sensación de satisfacción ao final ou durante; provócanme máis estes catro, dicía, do que me poida provocar unha escea sexualmente explícita e que sexa tal de xeito, digamos, desagradable e politicamente pouco correcto (aínda que as esceas deste tipo de _Crash_ cáusaronme unha impresión estética ben fonda que varios anos despois aínda me dura). A min, sinceramente, isto ultimo paréceme que pode rser itneresante pero tamén pode ser quedar un pouco na superficie, e que conste que igual estou sendo inxusta contigo, pero polo que te lin aquí en BB ou no Twitter dame a impresión de que van por aí un pouco os tiros. Perdoa se estou sendo inxusta.

      • Non es inxusta, Eva, así que esquence iso de pedir desculpas. Aínda que o foses, vamos.
        Penso que as nosas respectivas teses son en realidade dúas caras dunha mesma moeda: ti, falas de estilos, eu, de contidos. E, malia termos argumentos para os defender, seguramente os nosos puntos de vista poidan ser facilmente cuestionables.
        Por unha banda, a min poderanme dicir que as merdallas que me prestan (xa non digamos as que escribo) non lle prestan a ninguén máis. Daquela eu preguntarei que é o que gusta por aí adiante, responderanme cunha lista de pailarocadas de aquí a pasado mañán, e eu darei por finalizada a conversa avalado polos datos de lectura. Terei toda a razón que queira, mesmo poderei gañar (ou non) unha discusión, mais os contidos que eu defendo seguirán sen aparecer editados.
        Por outra, a ti diranche (de feito, aproveito e xa cho digo eu) que si hai novos estilos publicados e publicitados dende cada unha das dúas grandes editoriais deste país: ocórrenseme “De remate” de Cajaraville e “Máscaras rotas…” de Ramos. Supoño que ningunha das dúas están na órbita do que defendes ti como novos estilos, pero aí están.

        Ti e mais eu temos a razón que temos (moita, pouca ou ningunha, alá cadaquén coa súa opinión), pero o que é incuestionable é que hai un núcleo duro que traza as ringleiras sobre as que hai que escribir. E cando falo de negocio, falo do que me falas ti, de chiringuito. De ter unha plataforma para vender política, para merecer unha medalla Castelao, para cultivar o ego, para ir de feira a gastos pagos ou para que as editoras che enchan os andeis de libros de balde. Iso é o que determina o mainstream (estilo ou contidos, tanto ten) e o problema é que para manter todas esas ridículas (ou non) prebendas, esa xente non tivo reparo ningún en establecer un canon único e en arrasar con todo o demais. Ditan doutrina, pola conta que lles trae todos responden amén, e cada mes temos unha nova gran novela galega que non hai por onde coller.

        Conspiración da illa de San Simón? Oxalá. O drama é ben peor: é a conxura dos necios, e por desgraza a necedade estache moi deslocalizada de deus. Non colle en San Simón.

  3. Eu pregunto: habería potencial/vontade/posibilidade de argallar un underground ou escena indie na literatura galega e facer que o mainstream nos importe o menos posible?
    Isto por suposto tendo en conta que en ningún contexto cultural a separación entre o mainstream e o alternativo é completamente neta.

    • Potencial e vontade hai. Posibilidade (medios, en realidá) e lectores para conseguilo, xa non sei. O dano provocado é importante, xa dixen.

      Dito isto, niso estamos, non?

  4. A min, o do certame, tírame do …… O que si se pode organizar (e deberiamos) é un movemento indie galego (levamos meses berrando por el)

  5. Grazas por traer o tema e opinar.

    A todo esto… a partir de qué número de ventas ou porcentaxe de mercado se considera que un producto é mainstream? Por que este é o criterio, non? Un traballo orixinal en outro idioma e traducido entra en esta categoría?
    Hai obras dignas de ser consideradas mainstream escritas en galego que cumplan esos criterios no “mercado galego”? Cantas ao ano?

    A dicotomía plantexada no artigo é unha simplificación para expoñer a cuestión, pero dándoa por válida, a min o que me preocupa (en certa medida) é que siga habendo galegas conscientes de selo (herdeiras de unha CULTURA) e que distingan que a tradución ao galego de unha obra de outra cultura non é unha obra galega.

    Sobre cuestións económicas/industriais son un ignorante absoluto, mais son relevantes para o caso.
    Como lector, a min xa me viña ben que houbese un mainstream galego, polo que tería de visibilidade do sector e aumento na oferta, pero non entendo moi ben se esto significa que teñamos o mismo que nos ofrecen outros so que… escrito en galego. Que o idioma fose o que o diferenciase e non os temas tratados, a identidade social propia, a sicoloxía dos personaxes (caendo en estereotipos?) ou incluso un escenario urbano distinguible, creo que non aportaría nada a cultura galega pero si a un sector económico que propiciaría que houbese un 1% de traballos dignos de trascender ou deixar pouso.

    Si alguén escribe unha historia en galego que é indistinguible de calquer tradución do último autor de moda paréceme fenómeno, pero igual que dentro duns anos ninguén saberá quen é Dan Brown (sábeno hoxe?) tampouco será lembrado/a. Non vexo nada negativo en eso a non ser que se PRETENDA facer pasar como expoñente da “cultura” galega. Unha empresa de orixe galega vende roupa en todo o mundo e dalle de comer a moitas familias (entre outras cousas), pero ninguén cree que esa sexa “moda galega” por moi feita en arteixo que esté. É posible, non o sei, que xente que empezou traballando ahí atopou un límite a expresión artística que lle bulía dentro e grazas ao coñecemento, disponibilidade económica, contactos personais e experiencia puido montar unha empresa de seu para dar vida a esa “obra”. De igual xeito se un autor vende 10000 libros (ja!) igual ten un par de aniños libres para parir esa obra que leva dez anos dándolle voltas no maxín e que dentro de 50 haberá nenos que a lean no bacharelato.

    Igual non me expliquei ben, pero aquí queda. Xa digo que de cómo funciona a industria non sei nada. De San Simón coñezo o queixo.

    • Ola Xosé M, moitas grazas por opinar. As cuestións que planteas son ben interesantes.

      En canto á cuestión das cifras de vendas: moi pertinente, aínda que faría varias precisións. Para decidir o que é mainstream e o que non penso eu que moitas veces conta a visibilidade (en certas publicacións ou círculos) máis que as vendas. Hai novelas autoeditadas que venden moitas copias en Amazon, pero logo nunca as verás resenhadas nos medios culturais prestixiosos, logo eu non considero que sexan mainstream; e hai novelas que si tenen visibilidade nestes medios pero ao final se cadra non venden moitas copias. E todo isto tendo en conta que consegur cifras fidedignas de vendas de libros en calquera literatura non é fácil. Pero nun contexto coma o galego eu creo que cuns cantos centos de libros vendidos xa se pode aspirar a entrar no mainstream, sempre e cando a visibilidade acompanhe, claro.

      E o tema da tradución e o que conta como galego ou o que non é tamén moi pertinente. Obviamente vivimos nun contexto en que ademais de literatura galega todos lemos moitas cousas mais e son inevitables as influencias (e vemos peliculas, TV, etc.), e dáme a impresión de que é case irremediable que caminhemos, en todo o mundo, cara a unha certa uniformizacion literaria. Non se trata xa só de que ambientemos as nosas novelas en Wiscosin en vez de ponhamos Portomarín, senón que estou pensando máis nas estratexias narrativas que seguimos, o realismo sicolóxico baseado en personaxes cos que mais ou menos podamos empatizar, con historias centradas na evolución ou desenvolvemento destos personaxes que atraian a un número amplo de lectores, etc. Tampouco é que tenhan nada de malo este tipo de obras que usan técnicas digamos estándar, hainas que son obras canónicas con toda xustiza e atraen un amplo tipo de público. Pero o meu comentario ía máis no sentido de que se escribirmos obras deste tipo non nos está a funcionar (e se cadra non tanto polas obras en si, senon polo problema da lingua, economía, etc.), igual nos era mellor botarnos ao monte. Ou igual non. Isto é unha opinion puramente persoal.

Deixa unha resposta a Lois z Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s