‘O Barba Azul’ vs ‘O Presidente e mais Su Madre’

Repolos. OYE MOÇAMBIQUE/FLICKR.

No grupo B nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Raúl Raz Santos e David Botana sobre o tema: “Manual da pirataría de repolos”.

O Barba Azul

Once da mañá.

Tres homes entran nunha taberna. Un duns sesenta anos, mans grandes; xesto grave. Outro terá uns trinta, pelo longo; mirar preocupado. O terceiro é un mozo de vinte e pico, aneis nas orellas e no nariz; ri sen motivo aparente. Os tres visten buzos e botas de traballo. “Repolos Marcial” anuncian as chaquetas.

—E digho eu —solta o máis novo—. Haberá algo de beber para tres desempleados?

—E haberá —resposta o taberneiro—. Que vai ser logo?

—Que digha o capataz, que é o que vai paghar. Para cantos cacharros dan trinta anos de indemnización, jefe? —O home máis vello non responde, queda mirando para algún punto entre as botellas cos dentes apertados. O rapaz deixa de rir.

—Trae unha botella de ron e uns vasos.

 

Sete da tarde

—…merda de ghaliña?…

—Hehehe… este non cala nin debaixo da augha, eh patrón? Aghora que xa estaba afeito ao seu runrun… Caghonacona! —O melenas fala co seu antigo capataz. Este asente taciturno mentres bebe. O outro semella estar a discutir con un vello a mellor maneira de abonar o repolo.

—Trinta anos? Toda unha vida.

—…

—… iso secachos… sabesh? As merdash… non son todas ighualesh… iso enssinoumo aquel…

—Comezou canda o vello Marcial, non?

—…

—… a clave é ooo… PH! Coma o dos champúsh… Alí criamosh un…

—Hostia, xa levaba eu… cantos… quince? A ver que fagho aghora.

Dazasete.

—…tiña que velo, chamabámosslle o Barba Azul… vaia repolazo!

—Que?

—Levabas dazasete. E a mona aquela de alí, tres xa. Non ides ter duda. Sodes novos e traballades ben. Non ha faltar quen vos dea choio.

—…sempre colliamosh o mellor… para a laconada de empresa… pero este ano, merda!

—Eu só quero traballar con usté, patrón.

—…

 

Unha da madrugada

—Oíron… Eu quería ir pechando e tal. Que temos vacas e mañá…

—Todo Diosh con dous putos choiosh… inda has vender repolosh tamén…

—Cala, mona! Veña pa casa. Cobre aquí.

—Buf… a ver quen ghía aghora… Hostia! As chavesh do Jondiere!

—Tes as chaves do oito mil?

—Si oh… merda! Quedáronme no peto…

—…

—Mira que es burra aceiteira. Está usté ben, patrón? —O patrón mira cara ás chaves absorto. Logo ergue a vista, nela hai lume.

—E se imos polo Barba Azul?

 

Unha e media da madrugada

Un xigantesco tractor para ao borde dun aramado. Dentro del, tres homes en distinto estado de embriaguez intercambian impresións.

—Eshtá pechado, capi.

—Para unha máquina de trescentos cabalos non hai nada pechado. Louro, baixa e colle os trinquetes mais o adival! Ti, mona, cando eu…

—Patrón… esto… non será moito?

—Louriño. A puta mellor cosecha da miña vida. Deilles todo e nin ma deixaron recoller. Pero eu lévoa hoxe toda, como hai Dios. Veña! Amarra os trinquetes!

 

Cinco da madrugada

Tres homes miran absortos para un remolque cheo de repolo.

—E aghora que facemos con todo isto? —di o Louro.

—Para unha laconada, será moito, ou? —responde o Alex.

—… —Asente o patrón cunha risa na boca.


O Presidente e mais Su Madre

Éche ben curioso o xeito no que funciona a memoria.

Por exemplo, todo o mundo se acorda do Equipo A, pero ninguén recorda como foi que os vampiros chegaron a ser a forza maioritaria no parlamento.

O máis seguro é que se presentasen ás eleccións cun discurso centrado nas vantaxes do fascismo sensato, ou calquera cousa parecida, e que conseguisen a maioría absoluta sen que ninguén os votase.

Coma sempre.

O das cruces débenche ser contos porque non lles fixeron nin caso. O que si fixeron foi prohibir as estacas de madeira. Ser propietario dunha convértete en culpábel inequívoco dun delito de rexicidio en grao de tentativa; aos vampiros váiselles moito a pota, rexicidio disque. E terrorismo, sen xuízo nin nada.

As rosas tamén están prohibidas. É sabido que unha destas flores, pousada enriba do cadaleito no que dormen, fai que o vampiro non poida saír. E os allos, pois parece ser que o cheiro lles resulta mortal.

Nun alarde de populismo sen nada que ver con Bram Stoker, cambiaron os Audis por carretas de cabalos. Pero atendede aquí, que tamén prohibiron os repolos.

Para isto non se atopou explicación ningunha, non sendo que un repolazo puidese acabar con eles.

Para poder entrar nunha casa, os vampiros teñen que ser invitados. Se non lles deixas entrar estás zafo. Pero claro, a ver como lle dis ti ao presidente que non pode pasar cando se che presenta na porta, sexa a hora que sexa. E, deste xeito, el e os seus conselleiros poñen as botas a conta do noso sangue.

O que pasou nas seguintes eleccións foi que ninguén votou polos vampiros. E veña, maioría absoluta outra vez.

Coma sempre.

Había que facer algo e, a memoria, que como xa se dixo funciona de xeito ben curioso, encargouse de traernos o recordo dun capítulo d’O Equipo A no que fabricaban un canón que disparaba… repolos!

Seguindo as instrucións de M. A. Barracus, uns cantos puxémonos a fabricar canóns e os outros empezaron a plantar, e traficar, con repolos. Incluso se escribiu un manual, para que todo o mundo soubese como facelo.

O contrabando de repolos é unha actividade moi perseguida pola policía vampira; que para facer unha autonómica seica non había cartos, pero para esta carallo se houbo; así que se nos está complicando o tema de xuntar munición suficiente coma para declararlles a guerra.

En realidade nin sequera sabemos se o dos repolos vai funcionar. Mira que se os prohibiron porque non lles gusta o cocido… en fin. O que está claro é que, algún día, chegaremos a ter bastantes repolos coma para botalos das institucións.

Eu, por se acaso, sempre teño o canón cargado e apuntando á porta, non vaia ser que algunha noite apareza por aquí o presidente ou algún dos seus amigos. O día que veña algún deles, vai levar un repolazo no peito que se vai cagar na puta madre que o pariu.

E a puta madre que o pariu vai levar outro, por trosma.

14 comentarios en “‘O Barba Azul’ vs ‘O Presidente e mais Su Madre’

  1. O meu voto vai por ‘Barba Azul’. Supoño que ter un tema tan surrealista (mais marabilloso á vez) condiciona moito o relato que se vai facer. Porén, penso que ‘Barba Azul’ ten o equilibrio xusto entre o realismo (os tres foron despedidos), o surrealismo (ese repolo ao xeito de balea branca como xoia da coroa e o mellor dos botíns) e o punto cómico que desprende tanto a situación na taberna como os diálogos e a idea de vinganza que se lles pasa pola cabeza enchoupada de alcol.

    En canto aos vampiros, síntoo. Non fun quen de crer a relación entre o tema dos repolos e a dominación vampírica mundial e, ao non crer no que me estaba a contar, non houbo xeito de meterme no relato.

  2. O Barba Azul

    Este relato está cheo de virtudes, un dos que máis me gustou da xornada (a falta de ler un duelo). A exposición da situación das personaxes é moi boa, dísenos todo o que hai que saber sen necesidade de explicacións e a través de diálogos moi naturais.

    Ata a compartimentación do relato segundo as horas funciona ben, porque trae consigo algo máis que o simple paso do tempo. Sabemos que cada vez estarán máis bebidos e serán inda máis conscientes da súa nova situación, pois o despido foi algo recente. É como ver pasar as fases do duelo (non quero dicir que o relato as siga, senón que sabemos que non é o mesmo como te sintse no momento no que che dan unha mala nova que como te sintes 12 horas despois).

    A das sete da tarde é un pouco caótica, a súa función penso que é de transición e de ir soltando algúns conceptos e deixar claro que a cousa vai ir derivando cara algo que virá máis tarde.

    “Jondiere” – esa “j” despistoume moito. Case non o consigo.

    A narración en presente, afastada, vaille moi ben ó relato. Aquí son as personaxes as que mandan.O narrador é coma un árbitro, todo vai mellor se non se nota que está aí.

    Ó final as personaxes rematan tendo nome e todo. Pode que sexa para marcar un achegamento intencionado do lector cara eles. É sutil.
    As partes nas que o diálogo é así:
    -…
    Eu quitaríaas. Non significan nada. Penso que o silencio ten mellores forma de expresarse. P.e., no final:
    “O patrón asente cunha risa na boca.”
    Non era necesario marcar o seu inexistente diálogo.

    O Presidente e mais Su Madre

    O inicio é unha moi boa idea sobre como comezar un relato no que hai que forzar un pouco a máquina de suspender a incredulidade. Nada máis empezar xa sei que non me vou preocupar por se é realista que os vampiros chegaran á Xunta. Están aí e punto.

    O enfoque do narrador tamén está ben conseguido. Fala dende un presente concreto, pensando o mesmo no inicio que no final. É un erro moi común escribir este tipo de relatos (reflexión en 1º persoa) facendo que no final o narrador exprese un cambio con respecto ó que pensaba nas primeiras liñas, como se o que el pensa evolucionase co noso coñecemento da historia que nos conta, como se nos quixese guiar. Aquí non sucede iso, a reflexión ten un inicio e un final. Neste sentido só floxea nalgún momento puntual no que se nota un pouco que o tipo fala para un público (nós) que semella non saber que os vampiros gobernan o pais.

    Logo, o corpo do relato sosteno o humor absurdo co tema dos repolazos. Iso está ben, pero botei de menos unha maior identificación entre os vampiros e os gobernantes que coñecemos. Porque sen iso, sen crítica, o relato é só humor espido, un chiste para contar e desbotar. E a crítica está aí, claro que si, pero en bruto, sen traballar, case dada por suposta só porque se identifica ós políticos con vampiros. O tema dos repolos, p.e., non cadra ben. Por que os repolos? Non me vale só que teña gracia ou que o pida o tema. Teño que ver ese algo máis que lle podería facer ganar o duelo.

  3. Eu voto tamén por “Barba Azul”, que me convenceu moito máis tanto pola historia como polos diálogos, co toque absurdo ben medido. Opino o mesmo que sinalan os compañeiros respecto a “O presidente e máis a súa madre”, chócame o tema dos repolos nesta historia, semella metido con calzador.

  4. Barba Azul ten un toque Ken Loach que vai atrapando, esa vinganza proletaria que non deixa de ser unha trasnada está ben fiada polos diálogos… Pasoume tamén como dicía Lois Z que non me gustaron os silencios indicados con “-…”. creo que frean a lectura.

    Lendo “O presidente” si que o dos repolos ten un punto surrealista hehehe… daba o dos repolos para unha versión da invasión dos ultracorpos. A verdade é que o tema condicionaba e era difícil encaixalo. Creo que se fixo mellor en Barba Azul. Voto por ese relato.

  5. Voto polo Barba Azul. Malia o tráxico da premisa, o fío argumental e, sobre todo, os seus diálogos, foron quen de me arrincar unhas risas. Non sei se, como apunta Marcos, o clima está máis preto de Loach ou de León Aranoa, pero por aí arrecende, si.
    O presidente e mais su madre éntrame máis na categoría de palla mental. E aínda que o de nos desfacer das hordas fascistas a repolazos non deixa de ser unha proposta (política) interesante, como relato… non sei eu.

  6. Un duelo no que se contrapoñen dúas concepcións ben distintas: hiperrealismo versus surrealismo.

    No primeiro recuncho do ring temos a “O Barba Azul”. Non me convenceu o narrador (que tampouco é que apareza moito) e a concepción xeral: semella máis unha micro-obra de teatro ca un relato e o narrador unha acotación desa obra (ou o xeito de poñer ao espectador dun chiste en situación). Pola contra os personaxes están moi ben caracterizados, son totalmente realistas e representan perfectamente aos típicos operarios. A noite de mini-esmorga de mollar as penas polo despido ten unha evolución lóxica e o relato pecha moi correcto co chascarillo da laconada.

    Do outro lado O Presidente e mais Su Madre é un relato que presenta unha ficción disparatada: estamos gobernados por uns vampiros, pero foron entrando sen nos dar nin conta, pouquiño a pouco. Dentro do ton lixeiro o narrador conta cousas moi graves é facilmente podemos trasladar á nosa realidade: como a existencia de certas leis non quere dicir que sexan xustas senón que protexen aos propios vampiros que son quen as promulgan no seu propio beneficio. E non pasa nada, a democracia segue o seu curso e volven a gañar con maioría absoluta. E un grupo de subversivos (terroristas segundo a lexislación vampírica) son os únicos que se opoñen á desesperada: cos repolos. As mencións ao equipo A son tan disparatadas que me gustaron no medio do delirio xeral. O relato é auto coherente e fiel á alegoría proposta.

    O meu voto vai para O Presidente e mais Su Madre pola súa orixinalidade, maior risco e pola utopía presentada que se me fixo máis interesante.

  7. Comento:

    ‘Barba Azul’: Ben levada a atmosfera obreira e noctámbula. Alguén o definiu con moito acerto como un relato ao estilo Ken Loach. Penso que faltou algo de puído e de reescritura para conseguir que o texto lucise máis, que fose máis enxeñoso. Ás veces abúsase do clixé e os diálogos son mellorables.

    ‘O presidente’ formula unha atmosfera interesante pero un tanto simplista. Deume a sensación de que o autor se obsesionou un pouco co tema do duelo e acabou algo constrinxido na redacción. A orixinalidade da proposta acaba algo abafada nesa rixidez expresiva.

    Voto por ‘Barba Azul’.

  8. O meu voto vai para “O presidente…”. Sinceramente, “O Barba Azul” non o entendín á primeira e non me dixo nada á segunda… “O presidente…”, pola contra, pareceume un bo relato: meteume axiña na historia e encantoume a “ida de olla” para a que lle deu ao autor o tema da piratería de repolos. Iso si, eses parrafiños non me gustaron nada.
    Tedes bon delito os dous indo a 499 palabras XD

  9. Ámbolos dous divertíronme moito, a verdade é que foi un auténtico placer ver as propostas que salieron do tema que propuxen. Moi divertido!
    O presidente pareceume totalmente disparatado, rincón moitísimo con él, polo absurdo da situación, non sei se se pretendía facer unha conexión co panorama político actual ou non, eu vinlla, pero bueno, apreciación personal.
    Gustoume Barba Azul pola situación, os tres rehén desempregados que planean a vinganza no bar. Boa resolución da proposta temática, además da forma na que se narra a trama, de forma dialogada, con descricións precisas e xuntar. Moi bo
    Voto para: Barba Azul

  10. Primeiro de todo: parabéns ó ganador.
    Segundo… bótase de menos, polo menos eu boto de menos, unha vez finalizado o enfrontamento, unhas palabriñas dos autores, unha breve explicación das motivacións ou algo…
    No meu caso, escribín este relato influenciado polos dous anteriores. Despois de ter ofrecido aquí dous contos de ton grave e triste, apetecíame abordar este terceiro desde unha perspectiva máis humorística, e o tema prestábase.
    O humor é moito máis difícil.
    Estaba bastante seguro de que ía perder desde o momento no que o mandei, pero de vez en cando tamén presta presentarse a un duelo coa pistola descargada…
    Dos tres relatos cos que participei, o que máis me gusta é o primeiro, “Ser non será…” e o que menos “Co sol nos ollos”. Este queda, obviamente, no medio.
    Parabéns a David outra vez, e a ver ata onde nos leva o torneo.

  11. Bótase de menos, si, na liña que sinalou Lome. Eu tras a primeira xornada escribín un post nalgúns duelos e non tiven resposta dos autores, así que deducín que calquer explicación dos meus propios relatos ía ser igualmente ignorada.

  12. Graciñas Raúl. A verdade é que nos tocou un tema ben bonito. Ti botácheslle algo máis de pelotas que min, de feito cando ía pola metade pensei que me tiñas contras as cordas. O relato non ía nada mal, pero ao final a idea resentiuse, coma se se fose esgotando pouco a pouco. Eu a verdade é que estaba tan desorientado que me acheguei á zona de confort. Síntome cómodo cos diálogos, cos bares, coa aldea e cos parados. Así calquera cousa sae. Podo dicir que é o relato co que máis agusto me sinto, pero, polo de agora, orgulloso non me sinto de ningún.

    Moitas gracias a todos polas votacións. Penso que atopei un par de formas de darlle unha pasada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s