‘Pena máxima’ vs ‘Romance e salvación’

Céspede con balón senlleiro. MARKUS SPISKE/PEXELS.

No grupo A nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Lois Pérez e Lois Z sobre o tema: “Fútbol”.

 Romance e salvación

Os meus pés. A miña salvación.

O seu co balón foi coma un romance. É así. E só uns poucos duran para sempre.

Toda a puta vida foron por libre. Pero entendéronse ben con el dende o comezo.

Hoxe é o último partido neste equipo de merda. Vivín o meu soño, xoguei en lugares onde os máis nin se atreveron a imaxinar pero o luns a chupala, buscar traballo. O que me trouxo aquí foi o que me perdeu tamén. A paixón. O Crica, o do material, mírame de esguello, viume de madrugada preto do peirao. Pero eu vinte tamén. O vello truco dos dous móbiles: chama de un ao outro, o que ten na mesa de noite. Entón faise o durmido ata que o avisa a muller; logo responde atordado e fai coma que o chaman dos talleres do peirao, esbardalla con eles, que se escarallou o barco, veña, carallo, veña, agora vou… Ao volver de madrugada o malnacido bota as mans ao primeiro tubo de escape e enzoufa a cara antes de subir para a casa.

Fillo da merda.

Houbo ser el.

O míster negoume o saúdo e pinchoume da aliñación. A rascala, Bargueiras. Tes talento ata despexándoa, pero chúpannola os teus libros, a túa zurda, a túa cultura, que sexas gracioso cando te mamas a muerte, finiquito e pista; o Chiveta mírame, é un cocainer e deixouno a moza por darlle unha malleira ao seu mellor colega, que era o que a atendía un pouco; o Vichi esnafrou o martes o coche medio cego e o pai fíxolle un control de drogas; o pai do Nei, ao volver da obra, encontrou o irmán metendo riba da mesa do salón; o Capi é tan borracho coma seu pai e a Rocío alúmalle cando sae ata as mil; o delegado ía airear a casa da aldea cunha amiguiña e a muller agora toma depresivos dende que el marchou para sempre. Saíu hai meses en barca ao mar. Nunca máis volveu. Igual parece un fodido conto, pero hoxe que me retiro é hora de facer balance. Isto é o fútbol e non outra cousa. E aquí é onde me trouxo seguir o meu soño de neno. Outros poden fabular pero eu estiven na fábula. Canta ledicia e canta dor. Todo xunto.

Penso coma o Karlotti; se no derradeiro intre de vida sentes que fuches fiel aos teus valores daquela hai unha salvación, inda que morras. Se pola contra non foi así, entón morrerás condenado para a eternidade. Polo derradeiro pensamento.

E nisto é máis ou menos no que penso cando corro cara ao balón no último segundo do partido e alí me agarda el, coma na terraza dos meus avós, xa mortos hai moito, onde os meus pés namoraron del. Quixera salvarme pero sinto unha punzada e si, é o orgullo que tenta foderme. Botareina fóra e que se fodan. Rebentareino again.

Lembraredes o Bargueiras, monos.

Pero é inútil. Os meus pés seguen namorados.

Del.

E sempre foron por libre.


Pena máxima

Ese día Miro e os amigos foron cear a un sitio novo. Era a inauguración e tiveran a ocorrencia de facer un simpa aproveitando que había estar cheo. O nome da churrascaría, O penalti, presaxiaba o recargado estilo decorativo. Trofeos irrelevantes e fotos vellas de deportivistas encrequenados. Os trallazos das bólas que corrían pola madeira do futbolín estalaban nos oídos.

Miro pediu un «López Rekarte», que lle serviron tarde e pasado. Na parede había un recorte de La Voz de Galicia, enmarcado nun cristal. Na foto que acompañaba a nova saía Djukic, desolado despois de fallar o penalti. En primeiro plano, González, abrazado ó esférico. A escena aparecía reticulada polas cordas da portaría. A Miro non lle fixo ningunha graza. Ese intre era un recordo traumático. Podía repetir todo o que fixera ese 14 de maio do 94 coma se o tivese vivido mil veces.

Na sobremesa comezaron as risas contidas e a mirar cara á porta. Un fixo un aceno coa cabeza cando se ergueu un grupo grande que tapaba case toda a barra. Daquela oíron un berro. «Goooool!». Non era día de partido e o futbolín estaba libre. Tampouco fora por eles. Miro fitaba para o coche e turraba por marchar, pero os outros, intrigados e cos chupitos enriba, quixeron saber que pasaba. O balbordo viña da parte de atrás do bar. «Se lle marcas un gol ó dono non pagas», explicoulles un tipo con cara de pillo.

Semellante desafío esnaquizara o mérito da súa trasnada. Ó fondo había unha porta que daba a unha terraza interior. Atravesárona, diante deles viron unha portaría. A cor do chan imitaba o céspede e ata tiña pintadas as liñas dunha área grande. O reto consistía en tirar un penalti. O dono do bar facía de porteiro, con luvas e todo. A Miro aquilo empezou a parecerlle moi mala idea. Sentía latexar forte o corazón. Cando lle tocou a quenda a xente bruaba. A el dáballe voltas a cabeza. Non sabía nin onde estaba, seica en Riazor, no derradeiro minuto do partido. O Barcelona xa lle gañara ó Sevilla, só valía a vitoria. Déronlle ganas de dicir que non, pero a Donato xa o cambiaran e el era o segundo lanzador. Colocou o balón no punto de penalti e camiñou ata a frontal. Moveu as pernas para disimular que tremía. A pelota era unha anana branca sobre a que orbitaban lanzador e porteiro. Miro respirou fondo. Comezou a carreira sen ter claro como quería lanzar. Pegarlle forte ou agardar a que o porteiro do Valencia se movese. Tirou raso e á esquerda, moi frouxo. González ergueuse co balón na man e o puño en alto, cun atronador berro de ledicia porque ía cobrar. Miro choraba, os compañeiros termaban del para que non fose ó chan. Mauro, Nando, Bebeto, Fran, Ribera, Liaño… estaban todos alí con el. Tamén Arsenio, que o consolaba. «Que se lle vai facer. Estaba escrito». Miro quería dicir algo pero, cos saloucos, parecía que falase en serbio.

12 comentarios en “‘Pena máxima’ vs ‘Romance e salvación’

  1. Que vou dicir? Como testemuña en primeira persoa do penalti de Djukic, pareceume verdadeiramente poético trasladar a tensión dun partido de fútbol a un simpa-interruptus nun bar. Gustei moito de como xuntou a perda de algo que xa se tiña gañado (a cea sen pagar) pola emoción de gañalo por medio do xogo, de conseguir marcar o penalti. Lembroume moito aos heroes prototípicos dos flimes yankis que, cando xa teñen todo disposto para fuxir, volven á casa devorada polo lume para salvar ao can que quedou atrapado na cociña.

    O meu voto para ‘Pena máxima’

  2. Vou ser sinceiro: ningún dos dous relatos me prestou moi alá. A proposta de partida de cada un deles pareceume interesante, ben curiosa, mais a execución non me rematou de convencer.
    En Romamce e salvación penso que o kernel do relato é ese exército de virtudes morais que xogan ao fúmbol, mais no medio aparece con forza o eixo paralelo que é a despedida do narrador, e non sei a que carta quedar: ao final ambos fíos loitan por se impoñer e un por outro quedo coa semsación de que a casa remata sen varrer. A escolla de tempos verbais, tampouco axuda (comeza coma unha lembranza pausada e remata cunha carreira acelerada, descompensa o tempo).
    En Pena máxima vin demasiado explícita a intención de ligar o relato ao famoso partido e o resultado fíxoseme artificial de mais. Penso que tería gañando moitos enteiros se recorrese a sutileza na comparación. Dúas ou tres frases coma a do final sen referencias explícitas e tocaría teito.
    Con todo, e porque me fixo lembrar un dos días máis felices da miña vida (e non porque o Depor perdese a liga, ou non só polo menos XD), o meu voto vai para Pena máxima.

  3. “Romance e salvación” & “Pena máxima”
    Coincido con Pablo en que os dous relatos teñen puntos de partida interesantes, pero tampouco conseguín empatizar completamente con ningún dos dous. No meu caso penso que ámbolos dous relatos sufren pola limitación das 500 palabras, pois non vexo neles ningún defecto formal nin que avancen a trompicóns, pero si que as historias necesitan de máis espazo para seren completamente redondas.

    O meu voto vai para “Romance…” porque o penalty de Djukic tírame bastante dun pé.

  4. Voume decantar por “Pena máxima”, fáiseme máis interesante como enfocou o tema dado, e ese paralelismo entre o desafío no bar e o famoso partido.

  5. “Romance e salvación”

    Interesante achega ao mundo do fútbol desde o punto de vista do xogador. O relato ten dúas virtudes, afonda na sensación da despedida con moita melancolía, mostra o amor que pode sentir alguén fai algo que lle gusta. Eu teño xogado ao fútbol, pero nunca sentín nada parecido, soamente diversión… normalmente ata que alguén con moito amor polo deporte, pola xesta, pola vitoria me berraba un: «Non vías que taba solo, melón!» e aí se ía o meu sorriso. Hai algo na execución que pon trabas á lectura, como apunta Pablo creo que son os tempos.

    “Pena máxima”

    Este relato aposta forte por un momento histórico. Teño que confesar que para min aquel penalti fora bastante devastador. Non me interesaba para nada o do fútbol ata que o mítico Super Depor me fixera soñar. Logo medrei algo, souben de cifras, festas e casinos e pasoume algo coma cos namorados deportistas; que se me quitaron as ganas. Non son eu moito de fútbol como vedes. Este relato ten o mérito de estar moi ben construído, ter unha lectura moi amena e fluída. Tamén consegue evocar en min aquel mozo ao que lle gustaba o fútbol. Por iso leva o meu VOTO.

    Por certo. Da magoa que ninguén tirase de futbolín para este reto. Para cando un torneo de futbolín literario

    • Segunda proposta a seguir, Botana. Compatible ademais coa anterior. Licor café+furgolín+literatura.
      Penso que estou empezando a namorar…

  6. Para min están moi parellos os dous. Paseino ben con ambos. No primeiro “Romance” destacaría que está ben tratada a descrición das penurias da aliñación, e a loita entre cabeciña e corazón. Cando a paixón por algo impide facelo mal á mantenta. Pero tamén é certo que me custou entrar na primeira parte e tiven que repasala varias veces para saber que estaba a acontecer.

    Do segundo “Pena Máxima” non lle encontraba sentido a que o dono da churrasquería xogase o importe das ceas a un penalti. Vaia negocio! ata que caín que estaba de inauguración e iso podería explicalo.

    Neste relato, está lograda a mestura do que sucede na terraza interior co do penalti de Djukic. Votarei por el por ese bo traballo de entretecer eses dous feitos nas últimas ringleiras, cunha máis que acertada frase final: “Miro quería dicir algo pero, cos saloucos, parecía que falase en serbio.” Moi bo remate!

  7. Coido que neste duelo os dous relatos parten ideas moi atractivas pero que a súa execución non foi de todo satisfactoria (polo menos para min como lector e crítico).

    “Romance e salvación” creo que reflexa moi ben a sordidez que moitas veces rodea ao mundo do fútbol: o egoísmo, o alcoholismo, as drogas, a promiscuidade, a competitividade, as puñaladas. O personaxe tamén me pareceu bo: está totalmente resentido pola corrupción que ve no fútbol e as súas verbas destilan resentimento. Pero chega o momento no que podería completar a súa vinganza contra os malos compañeiros, o mal adestrador, perdendo a oportunidade de gañar o seu derradeiro partido. Pero o seu amor ao propio deporte pode máis ca el.
    Como dicía a concepción é moi boa, mais a realización creo que non foi a óptima. O relato non flúe como debería (eses paróns e arrincadas non me convenceron), e non acabo de crer esa narración en primeira persoa e presente. Ten algo de impostura: non se fala a si mesmo senón a nós, os lectores. Creo que para facer máis crible a narración tería que se ter contado en pasado ou, mantendo o presente, cun narrador omnisciente.

    “Pena máxima” é un relato bastante ben concibido: ten todas as pezas para ser un relato de éxito . Unha introdución que nos presenta unha situación única, atraínte, na que calquera lector se pode sentir identificado. Un baño de realidade ben perfilada nun par de detalles (o López Rekarte pasado, por exemplo) e un feito trivial (un “simpa” interrompido) que engarza cun sentido moito máis profundo (o paralelismo co penalti de Djukic, que por certo vivín en primeira persoa como espectador en Riazor). Non obstante, o relato deixoume un gusto de artificio, de construción sintética e pouco crible. Reflexionando despois duns días da primeira lectura creo que o problema está, non na estrutura senón no contido. O feito é que o enganche entre Miroslav Djukic e Miro é tan feble, é tan banal, que me custa moito de dixerir.

    Despois de moitas dúbidas decido votar por “Pena máxima” polos pelos, porque a súa execución é máis perfecta aínda que a idea do seu rival creo que ten máis posibilidades literarias.

  8. Comento:

    En xeral, coido que estes dous relatos son os mellores da xornada xunto co de Erica Couto.

    ‘Romance’: Moi ben definido o narrador e moi potente o contexto. É unha porta magnífica cara a un mundo literario do que poderían extraerse novos relatos e incluso un macrorrelato. O autor nótase que domina as técnicas, que sabe deseñar personaxes e que sae á rúa. En tempos falábase de escritores que pisaban o bar e que pisaban a biblioteca. Velaquí un caso concreto do primeiro tipo.

    ‘Pena’: Demostra que a literatura (a arte) sempre explica a realidade mellor que ningunha outra ciencia. Como se metaboliza o fracaso do Deportivo naquel penalti é excelente materia narrativa e coido que xa se plasmou nalgunha obra. Aquí o autor demostra que ese instante pode ser redefinido, reinterpretado e evocado un millón de veces. E con acerto. Paréceme excelente en todos os seus elementos.

    Voto por ‘Pena máxima’.

  9. Estame a custar ferro e fariña elixir conto en cada un dos duelos. E neste caso, tamén. Son unha ignorante do fútbol, iso o primeiro, pero, en todo caso, os dous relatos van máis alá de balóns e porterías. Votarei por “Romance” porque poucos votos se lle deron e, sobre todo, por ese falar tan fluído, propio e auténtico do protagonista. E tamén polo final, claro: esa traizón final dos pés evita xustamente unha traizón máis grande, a da propia vocación. De “Pena máxima” salientaría esa reinterpretación dun evento futboleiro levado ó cotiá. A presión e a inseguridade están en todas partes.

  10. Ámbolos dous están totalmente somerxidos no eixo temático.
    Pena Máxima engaioladora pola creación tan certeira e precisa do espazo. Realmente entras nun bar futboleiro, foi o que máis me gustou do relato, a descrición é precisa e axuda moito a introducirse nese universo.
    Romance e salvación… Gustoume polo transforndo, pola historia que conta. Pareceume un personaxe moi interesante, así como todo o entramado que se teme ao seu arredor, un mundo de drogas, consumo e escuridade, en contraposición pola paixón polo balón. Moi bo.
    Voto para:Romance e salvación

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s