‘Maldita alma’ vs ‘Saco’

Tren a vapor.

Duelo de cuartos de final entre o primeiro clasificado do grupo B (David Botana) e o segundo clasificado do grupo C (César Lorenzo Gil) ao redor do tema ‘Obxecto’.

Saco

Subiron ao tren. O vagón era un pendello onde todos os fedores se concentraban tanto que se anulaban uns aos outros. Non había asentos nin varandas das que termar. Ducias de persoas viñan xa de Vigo amoreadas nos recantos. Elvira tomou a Lola pola man e mandouna sentar por riba duns sacos. Ela ficou de pé, arredada uns metros, no molde perfecto que lle deixaban un frade máis ancho ca alto e dous gardas civís esposados a un cofre.

Lola sentou derriba do saco co medo. Baixo as nádegas de adolescente notou as protuberancias a percorrer a tea.

Un saco de patacas.

Lola e Elvira viaxaban a Zaragoza buscaren unha carta de alivio para o seu pai preso. Unhas letras do seu curmán capitán de Artillaría que afrouxase o rigor do xuíz.

Para mellor levar o desequilibrio do vagón, Lola asentouse mellor sobre o saco. Xa non lle parecía que houbese alí dentro patacas. Había arestas. E durezas.

Un saco de casulos.

O papá non sabía nada de que elas viaxaban soas as dúas en tan longa travesía. El, que fora para Cuba con doce anos, fuxindo dunha casa de nove irmáns sen resíos nin centeo, habíase negar agora a que as súas meniñas saísen para fóra sen levaren chapeu e antuca.

O tren apañou unha curva difícil; a xente toda se moveu. Lola rebotou sobre o saco e tivo que apertar as pernas para manterse sentada. Non parecía que houbese casulos. Era algo máis duro, mancaba.

Un saco de carbón.

Lola ollou para Elvira. Durmía de pé, coa cariña encaixada entre os tricornios. Non quixera traer os zapatiños novos por se os perdía. Había estar ben cómoda con aquelas tamancas! Ver a irmá cos ollos pechos contaxiouna. Pouco e pouco foise aniñando sobre o saco. Encrequenouse e pousou a cabeza sobre a tea parda. Figuróuselle sentir o latexo dun corazón. Pam-pam. Había ser o motor do tren que lanceaba até alí atravesando a madeira. Pam-pam, pam-pam. Lola decatouse de que había algo vivo dentro do saco.

Un saco de corazóns.

Lola asustouse, ergueuse dun pulo, turrando pola tea do saco. Na escuridade, o vulto tomou vida. Xa todo o vagón espertara. Apartando a pantasma do saco, un home novo, case un neno, co pelo enmarañado e dous pegos negros no canto de ollos. O casaco enrugado de recruta de Infantaría. Incorporouse, sacudiu o po. Colocou galante a pucha e axustou a fibela do cinto.

–E logo, neniña –dixo–, seica me viches corpo de saco?


Maldita alma

O vello negro sorriu, un solitario dente dourado sostiña un beizo sobre outro; tiña tristura no mirar. Levou unha pequena harmónica á boca e un poderoso e sucio berro, cheo de carne e metal, partiu o ar. Cando o tiña ben arriba pregouno, mudándoo nun fondo laio. O neno que estaba ao seu carón chorou por dentro e por fóra, sen ser quen de soltar o alento ata que o vello ceibou a nota. Logo do queixume veu unha pausada melodía e, de súpeto, o zorregar dun vello tren. Ao redor había unha comparsa, a xente bailaba e cantaba baixo o compás dun paso fúnebre. O neno preguntoulle ao vello pola maxia que acababa de invocar. Este engurrou os ombreiros, deulle o seu gastado instrumento e comezou a cantar. O neno mirou fascinado a peza, estaba sucia e gastada, goteaba. Levouna á boca, sabía mal. Soprou. Nada. A nai turrou del, tiñan que enterrar a seu pai.

—Por que levas sempre esa vella harmónica colgada do pescozo, Sonny?

—Deuma un vello amigo de meu pai. Por este cacho de ferro son quen son hoxe.

—É certo o que din? Que a tocas todos os días para atopar a túa alma?

Alí estaban de novo. El, na terraza, con esa maldita cousa na boca. Ela, dentro, chorando coa rabia. Había moito que o debera ter deixado. Xa llo dixera súa irmá: «Ese negro non che convén, ten os ollos baleiros». Betty sabía do que falaba, tiña o mirar da avoa. Pero ela vírao enriba do escenario, e toleara. Para cando se deu conta de con quen estaba, xa o meniño daba patadas. A el todo lle era igual. Nunca o vira chorar, nin sequera co de súa nai. Só aspiraba esa longa nota unha e outra vez. Fixera as maletas, dixéralle que nunca máis ía ver o meniño, que lle ía sacar todo, que ía foder a outros tan forte que nin o meirande laio desa puta cousa ía poder tapar os seus berros. El mirouna sen vela, asentindo mentres saía tocar.

—Puto vello do carallo!

—Aí onde o ves, o tipo era unha lenda.

—Ese puto negro mexado? Lenda de que? De comer merda?

—Era o puto Lighthing Sonny, a harmónica máis rápida do Mississippi.

—Oe! Vello! Para dunha puta vez! Ou fágoche comer ese puto ferro.

—Déixao home, non lle fai mal a ninguén.

O vello abriu os ollos. Alguén chamaba por el: «Sonny». Era Luci, a enfermeira que o coidaba. Con ela viñan un home mais un cativo. O home lembráballe a alguén, o cativo a si mesmo. O home estaba nervioso, fóra de lugar. O cativo tiña os ollos curiosos. Saíron dar un paseo. Sonny tentou soprar para o neno, sen éxito. Gastara á fin o funil. O cativo sorriu con tristura. Sonny deulle a súa vella compañeira, a el xa non lle servía. O neno fíxoa cantar, unha longa nota. «Era iso», pensou o vello mentres choraba por segunda vez na súa vida.

 

14 comentarios en “‘Maldita alma’ vs ‘Saco’

  1. ‘Saco’. Gocei moito da evolución dese obxecto á par das emocións e sensacións que a viaxe lle ía deparando á rapaza. Tamén me pareceu moi acaída a ambientación e a escolla do detonante da trama para situarnos con moi pouco esforzo e palabras na historia das dúas irmás. O xiro final pareceume ben agochado baixo os latexos do tren e dá sentido a toda esa mudanza de contidos que experimenta o presunto saco de patacas.

    ‘Maldita alma’. Aínda que a premisa do músico que debe gañar/recuperar a súa alma é atractiva e manida á vez, non chegou a conectar comigo nesta ocasión. Penso que o meu problema co relato foi a perda do fío argumental. Non entendín a transición do primeiro parágrafo ao primeiro diálogo (que, supoño, vai ligado ao parágrafo seguinte) como tampouco entendín o segundo diálogo. Xa o da enfermeira e o cativo non fun quen de imaxinarmo. Se a acción transcorre de xeito inmediato entre a marcha de Betty, preñada dun fillo seu, e a chegada da enfemeira Luci, quen é ese cativo? O seu fillo non, é a súa alma? O home que vén con eles é o demo que lla roubou? Se é así, por que vén o demo coa súa enfermeira? Chora por segunda vez por recuperar a alma e a primeira foi cando a perdeu? Non sei, o fondo dá para moito, mais penso que non está ben amosado neste relato tan breve. A min resultáronme moitos fragmentos e pouca silueta, demasiado indefinida.

    Voto por ‘Saco’

  2. Tamén voto por “Saco”. En “Maldita alma” pasoume algo semellante, perdinme, e por outra banda, “Saco” xoga moi ben con ese obxecto de contido indefinido, fíxoseme entretido, coa sorpresa final.

  3. Saco

    Gustoume o inicio. Cada frase é un paso adiante no relato. Case se nota físicamente como se vai armando a historia.

    “Para mellor levar o desequilibrio do vagón, Lola asentouse mellor sobre o saco.”
    evitable repetición de “mellor”, inda que o cambio de orde do adxectivo case a fai pasar desapercibida.

    A historia céntrase nas sensacions de Lola sobre o saco. Algo tan mundano logra captar a nosa atencion en parte gracias a que o autor nos situou ben na escena: inda estamos pensando que o argumento é outro, o que se vai contando a cada pouco sobre o pai, e isto só unha distracción. Pero resulta que é ó revés!

    A parte na que Lola se deita no saco e “confunde” o ruido do tren co do corazón do tipo está moi ben, incluida a conclusión de Lola: un saco de corazóns.

    “Xa todo o vagón espertara”
    na 1º lectura esta frase confundiume. Pensei que xa todo o vagón espertara.. de forma natural, é dicir, que era pola mañá. E había algo que non me cadraba nese entendemento. Agora vino doutra maneira, Lola non chegou a durmir. Así ten mais sentido.

    O final ten a súa graza, pero non chega a completar ben o relato. Non recolle todo o que sementou. Si que temos unha segunda lectura, claro, a de que o mentado saco de patacas que vai cambiando de consistencia e dureza posiblemente se trate da sorprendida entreperna do soldado.

    É curioso, se o relato rematase coa frase “un saco de corazóns” tería quedado máis satisfeito. En cambio, ó darlle un sentido (inesperado? arbitrario?) a todo iso, o relato perdeume parte do encanto. O relato era un saco cheo de posibilidades e quedamos eu e a Lola coa mesma cara.

    Maldita alma

    “Este engurrou os ombreiros, deulle o seu gastado instrumento e comezou a cantar. O neno mirou fascinado a peza, estaba sucia e gastada, goteaba.”
    unha repeticion de “gastado”. E case quitaría ambas.

    O primeiro parágrafo está cheo de elementos. Unha festa e un funeral a un tempo, un vello toca a harmónica e dalla a un neno, que está alí para enterrar ó pai. O lugar dos feitos semella algún estado sureño dos EU.

    O tempo avanza a saltiños e imos seguindo a vida dese neno que quedou obsesionado con aquela nota, ou mais ben co que sentíu ó oila. O texto aproveita cada palabra para aportar algo de informacion, pero non de forma directa, senon mostrando escenas, como a relacion da muller con el. O curioso é que o tipo se fai un virtuoso da harmónica, pero non da chegado alí onde quere: non da chegado ó comezo.

    O home que o foi visitar debía ser o fillo (que daba patadas antes no ventre da nai), e o cativo, o neto, supoño.

    O final está ben. Por un momento pensei que ía suceder o mesmo que ó inicio, que o vello ía tocar e o neno obsesionarse tomando o seu lugar, pero non é así. E alégrome, porque iso significa que o prota absoluto é Sonny, en todo momento, non a harmónica nin ningunha clase de maldicion familiar. Pode que a lectura sexa algo esixente polo incerto avance do tempo e toda a info que hai que extraer de cada frase, pero a historia está ben plasmada e é potente.

    Pode que onde mais floxee sexa na montaxe, porque para entender ben a sonny o autor tivo que levarnos da man por varias escenas escollidas cando o natural soe ser mostrar un bloque único de narración. Facelo doutra maneira non é un erro, pero sempre se corre o risco de caer ó abismo entre chanzo e chanzo.

  4. “Saco” constrúe moi ben o ambiente dentro dese vagón de tren, lévate alí, contaxia. Paréceme un relato case perfecto, e digo “case” porque esa revelación final, ese “seica me viches corpo de saco?”, fíxoseme un pouco redundante, despois do saco do título e dos demais sacos (de patacas, casulos, carbón, corazóns) que se mencionan no relato. Que non digo eu que o meu comentario non sexa unha parvada pero, que queredes?, é a sensación que me quedou.
    En canto a “Maldita alma”, tiven que lelo un par de veces para entender ben a historia, máis que nada polos saltos temporais e porque, ó usar términos xenéricos para referirse ós personaxes (o neno do principio, o neno do final, un par de nais, de pais, etc etc), por momentos perdín o fío. Coa segunda lectura xa me encaixaron as pezas, e disfrutei da historia moito máis.
    Voto por “Saco”.

  5. Ten razón Couto en que a palabra “saco” comezando e rematando o relato carga cun peso que non lle colle no corpo. A frase do soldado deixanos igual que antes de lela.

    Voto por “Maldita alma”, o retrato de Sonny tocoume máis que a “lectura oculta” tralo texto do seu rival, que ó cabo, como todo o oculto cando se revela, lle resta protagonismo ó resto da historia.

  6. Os dous moi parellos. Saco ten un gran inicio e chega o cume con ese saco de corazóns. Pasoume con Maldita alma que non entendía nada e precisei dunha segunda lectura, pausada, na que as pezas encaixaron. O caso é que o xeito de presentalo crea certa confusión que hai que vencer, o autor foi ousado cando decidiu dar os saltos temporais alternando diálogos e narración, se máis anotacións, e correu o risco de que o lector acabase caendo polos ocos. Resulta ser un conto ben fiado e orixinal. Gustoume o final. Voto por Maldita alma xa que en Saco, sendo moi bo, segundo o meu gusto, no derradeiro tramo perde moita da forza que levaba enriba.

  7. Voulle dar o voto a “Saco”. É un relato con aire a vello, con cheiro a po amoreado. Un, para evitar malinterpretacións, relato que arrecende a clásico: sólido e ben narrado.

    A Maldita alma pasoulle, creo, o que xa nos ten pasado a varios ao longo da competición. Métesenos na cabeza unha idea de puta madre (porque a idea é de puta madre), empezamos a escribir alegremente, botamos un ollo ao contador de palabras, e veña risas. Coido que a pista se lle fixo curta de mais ao avión para despegar. Mágoa. Así que aproveito para deixar caer unha proposta: se algún día estes relatos rematan tendo calquera outro percorrido alén do simple torneo, estaría ben que os organizadores deixasen manga para os retocar sen abusar do cumprimento estrito das normas.

    • Pablo retocando un texto! Eu quero ver iso e voto tamén a favor de dar liberdade de extensión a futuras versións destes relatos se chegan a recopilarse nun greatest hits.

      • De feito, o último que escribín estou pensando en retocalo coas ferramentas seleccionar todo+borrar+borrar todo?+aceptar

        Despois xa só me queda hackear a páxina para borrar as pegadas, e a memoria do autor da gran novela galega volverá quedar incorruta.

  8. Levo días dándolle voltas a todos estes duelos de cuartos de final, non teño nada claro.
    “Saco”
    Un tren, un saco, unha rapaza e un rapaz. Van aí construíndo un relato traballado que, sen embargo, quedóuseme en nada. Non sei se a intención era humorística ou dramática. As referencias ó pai botáronme fóra do conto, xustifican a viaxe, si, pero o que nos están contando non precisa desa xustificación. Quero dicir, o que importa é o que pasa por riba e por debaixo do saco. O resto pareceume accesorio… aínda que a ambientación é moi boa.
    “Maldita alma”
    Vou votar por este porque, polo menos, o protagonista fora unha lenda de comer merda. Nese diálogo creo que está a mellor literatura de todo o torneo.

  9. Difícil elección. Paréceme que todo flúe algo mellor en ‘saco’ pero gústame a hostia o tema do blues, é coma unha debilidade. No primeiro, todo flúe de novo e hai un coidado da lingua que se agradece especialmente, ao tempo que non hai pretensión de impresionar con ela; a min iso paréceme pouco habitual pero moi valioso para escribir. Eliminaríalle o final, pero tampouco nos poñamos espléndid@s, é un texto moi ben escrito.

    Doutra banda, gustoume o tema de Sonny tamén; pero penso que aquí hai un momento no que queda pouco clara a evolución do que se conta e contribúe a xerar, alomenos en min, algo de desconcerto.
    Logo do final de cada diálogo penso que se desbarata un pouco o fío do que se quere contar. En todo caso, parabéns aos dous pola escrita e por facernos pasar un bo rato.

    Voto polo ‘saco’ malia que como motivo gostei máis do blues: igual era bo meter a Sonny no vagón do tren e mesturar os dous? Saúdos! :))

  10. A verdade é que o tema valía para todo… Con todo, o que máis me gustou foi “Saco” . Non me gustan eses mini-parágrafos, pero si me gustou o ritmo que confire o cambio no contido do saco e pareceume un relato redondo. De “Maldita alma” gustáronme as imaxes que crea e paréceme que a idea é boa, pero tamén creo que salta moito e non é claro. Ademais, tariñas de unha, tanto adxectivo anteposto molestoume. E non sei por que os nomes van en cursiva se non son alcumes nin nomes de animais, paréceme que fai todo unha fantasía e a historia perde.
    Voto por “Saco” pero gustaríame ler “Maldita alma” despois de darlle unha voltiña.

  11. O duelo máis difícil de valorar da xornada para min.

    Saco
    A idea pareceume dunha gran potencia literaria. Non sei como definir a orixinalidade da teima do saco, que se de patacas que se casulos que se de carbón. Cando cheguei ao saco de corazóns xa me tiña gañado. Que relato máis surrealista, que máxico, que valente. Dunha situación sen trascendencia, obtén petróleo. Quizais botei en falta un pouquiño máis de fondo nas historias de Lola e Elvira, máis apegadas ao saco multiforme.
    E chega o final. Non sei eu se lle fai un favor ao relato, deixoume un pouco chof, a frase final pareceume demasiado banal, como se non estivese á altura do resto.

    Maldita alma
    O primeiro parágrafo gustoume moito. É unha marabilla como están escollidas as palabras. Quizais se me fixo un pouco etéreo de máis, faltoume algo a que me agarrar.
    Xa no resto do relato custoume un pouco localizar o eido temporal, na relectura xa recompuxen os pasos de Sonny e a súa harmónica. A alma, ese “soul” como un laio saído do ferro. A atmosfera está moi, moi ben lograda e o final ben fiado, pechando o círculo da harmónica e da familia (é evidente que o home é o fillo de Sonny e o rapaz o neto).
    Non obstante, sinto que ao relato lle falta algo. Non sei explicar ben que, quizais tanto salto temporal non sexa moi axeitado ao formato de 500 palabras ou as interrupcións dos diálogos rompen co ritmo (boísimo por certo dese ambiente a Misisipi).

    Cambiei de opinión varias veces neste duelo mais vou votar finalmente por Saco. Creo que recordarei este relato por máis tempo.

  12. Ata aquí o meu torneo, foi un pracer lervos e escoitarvos. Marcho co peto cheo de descubrimentos, autores/as a seguir, unha manchea de estilos interesantes, unha ducia de historias fermosas, un saco de ferramentas para ir construíndo a miña cativa escrita. Graciñas.

    Falo do meu relato. A idea era sinxela: pode un psicópata tocar o blues? Se non sente, pode facer sentir? E se iso o obsesiona? Despois quixen adobialo cunha boa prosa, tiña enfronte a un auténtico artesán e quixen vencelo no seu terreo. Penso que aí se me foi a vitoria. O primeiro parágrafo consumiu moitos recurso, para o resto apostei duro e saíume mal. Obrigueivos a reler e iso non está ben, parece. Se cadra cuns asteriscos, ou unhas anotacións temporais… cando o amañe xa volo ensinarei. Porque para min isto é un taller. Ensineivos unhas cantas pezas a medio facer, porque corrixir así, coa vosa axuda, vaise facer ben sinxelo.

    Falo do meu rival. O relato é unha peciña de reloxería, moi ben contado, cunhas imaxes potentes. É moi bonito. Ata o saco de corazóns vinme xustamente derrotado. Despois ergueuse o tipiño e pensei: que quixo contar? Se o relato tivese un aire máis surrealista penso que ese final tería máis calado. Así… non sei. O saco pasou de ter corazóns a ser un saco empalmado. Parabéns de todas formas, pola vitoria e a mestría narrativa mostrada ao longo do torneo.

    Prometo volver a subir os relatos cunhas cantas correccións e ideas. Graciñas de novo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s