‘No San Martiño’ vs ‘Baixa produtividade’

Amencer.

Duelo de cuartos de final entre o primeiro clasificado do grupo A (Lois Z) e a segunda clasificada do grupo D (Erica Couto). O tema do duelo era ‘Curro’.

Baixa produtividade

Ó día seguinte do seu despedimento, os compañeiros de traballo de Faustino atopárono na súa mesa, coma se tal cousa, co seu traxe azul escuro impecable e gravata ancha, como a el lle gustaba. O xefe tivo que chamar a seguridade para botalo da oficina. El agarrábase ó escritorio. Os zapatos cantaban sobre o parqué, parecían xogadores de baloncesto en pugna pola derradeira posesión do partido. Faustino tentando encestar unha nómina na súa conta corrente.

Xurxo seguiu a xogada desde o seu posto. O Faustino, que sempre se queixaba do fodido traballo de merda no que caera. O que dicía que non se podían aturar vinte anos no mesmo choio. Ata que o botaron non se deu conta da sorte que tivo.

Ás doce Xurxo saíu para o café. Aínda quedaban algunhas cousas do Faustino ciscadas polo chan. A foto de familia en Manzaneda, un cupón dos cegos, un calendario, as gafas de ver de preto, unha caixa de Rivotril. Recolleunas con desgana.

Camiño á cafetaría viu o Faustino sentado nun banco, cunha bolsa de deportes ós pés. Facíalle acenos para que parase. Achegouse sen estar moi convencido e aquel amosoulle o que tiña nas mans. “Mira o que pon aquí, baixa produtividade”. Botou unha risa chea de tristura. “A xente é mala, egoísta, este mundo non ten remedio. Pero hanse arrepentir, xa o verás”. Xurxo asentía a todo o que dicía o seu ex-compañeiro. Faustino fixo un vurullo coa carta de despido. “Xurxiño, ti es bo rapaz. Non volvas dentro”. Apertoulle o pulso e mirouno ós ollos. “Ti vai para casa, estamos?”.

Xurxo rematou o biscoito e abriu o periódico. “Non irá facer unha tolada o Faustino”, pensou. Mirou o móbil, faltaban cinco minutos para cumprir o descanso. E para que querería unha bolsa tan grande? Chegou á última páxina do diario e os ollos pousáronselle no número premiado da ONCE. Onde vira ese número antes? Sobre a mesa do Faustino había nove millóns de euros.

Chegou á oficina sen folgos, levaba tanto apuro por coller ese cupón millonario que subiu os catro pisos de dous en dous chanzos. Non tiña o corpo como para esperar polo ascensor. Apañou o boleto e deu volta. “Para que viñeches, home? Eu a ti queríache ben e agora…”. Faustino aparecera de súpeto ó seu carón, traía con el a bolsa de deportes e cara de home morto. A cremalleira do bolso estaba aberta. “Tocouche, Faustino! Tes premio!”, Xurxo deulle o cupón, improvisando, case choraba. “Amañaches a vida!”. Tardou un anaco en convencelo. Despois deixouse abrazar e louvar ata que Faustino marchou co billete no peto. Daquela Xurxo derrubouse na súa cadeira. Ó mellor só trouxera a bolsa para recoller as súas cousas. Ó mellor acababa de estragar a oportunidade da súa vida. Enriba da mesa había un sobre para el. Rachouno e leu. “Baixa produtividade”. Deulle unha patada ó escritorio. Outra. Empezaba a volver a xente do café. A bolsa de deportes aínda estaba alí, sobre a mesa de Faustino.


No San Martiño

Enriba do mantel das festas puxera os pratos cos figos secos, as noces, as uvas. A vella mandáralle cocer unha rosca que agora estaba a arrefriar cabo das botellas de augardente e coñá. O café de pote quecía, e a casa enteira cheiraba ó prebe dos bolos que aínda estaban por amasar. Fóra, no curro, os dous porcos abaneaban as carnes dando carreiras curtas cos fociños arrichados e os coiros fumegando vapor. Gruñían coma os cans nos días de enterro, quen sabe se cheirando o fío do sangrador, ou o ulido dos ramallos, prontos para ser queimados.

A nova pasara toda a noite a traballar. Arrombara a casa e os animais, pasara o ferro e limpara a salgadeira, e agora picaba cebolas que ía amoreando nun capacho.

A vella estáballe pegada. Os ollos pasaban da fiestra da cociña ó coitelo co que a nova ía cortando os bulbos.

«Xa tardan».

Entrou a nena cun feixe de panos de mesa entre as manciñas xeadas.

«Onde os poño, mamae?».

«No comedor, ó lado do xogo de café», respondeu a nova.

Foi a vella detrás da cativa coma a sombra dun pecado. Engurrada e seca, cos ollos miúdos que só sabían buscar pencas, alá mirou como a nena, nas puntas dos pés, ía dobrando cada pano a modo.

«Estas tazas son de diario, muller, non van ben. Garda estas e tira as da voda», botou pola boca triunfante.

A nova chantou o coitelo na carne da enésima cebola, batendo o gume con forza na táboa de cortar.

«Esas están na ucha do faiado».

«Pois báixaas e leva estas», insistiu a vella.

«Báixeas usté, mamá, se lle ten tanto cariño. Eu non quero nin velas diante».

A vella percorreu paseniño o estreito espazo que levaba do comedor á cociña, repenicando coas tramancas no taboado.

«Moito che gustaban cando casaches», soltou.

A nova limpou as mans no mandil e apoiounas no mesado. Fregando o nariz co dorso da man para botar ben lonxe os fumes das cebolas, fíxolle un aceno á meniña que aínda non se movera do comedor.

«Nena, vai fóra, a ver se eses homes veñen ou non veñen. Cando cheguen, ábrelles o cancelo e fainos pasar para dentro. E pon o meu manto enriba da cabeza, que xea».

Fixo a rapaza o que a nai lle mandou. Baixou as escaleiras e foi onde estaban os porcos. Batían os animais cos pezuños contra as táboas do curro, e chiaban, cos ollos tan abertos que parecía que lle estiraran a pel das pálpebras e llas pegaran ó cocote. Ó pouco oíu as voces da cuadrilla de homes que xa viña polo camiño.

«Nena!», chamou o matachín, «onde está a túa avoa?».

A cativa indicou a casa mentres lles abría o cancelo ós cinco que viñan. Cando pasaron a rente do curro, a nena preguntoulles.

«E doeralles moito?».

Riu o matachín coa boca chea de ouro mentres lle acariñaba a cabeza.

«Que lles vai doer! Naceron para bestas, e as bestas non senten nada».

15 comentarios en “‘No San Martiño’ vs ‘Baixa produtividade’

  1. Este foi para min o duelo máis complicado de votar.

    De ‘Baixa produtividade’ gustei especialmente do xiro cruel do destino que acontece case ao final e como queda este aberto, ao gusto do lector. Penso que é moi sólido e que o único que me renxeu un chisco foi que non rematei de crerme a relación entre o traballador novo e o vello. Non me quedou claro se o novo, improvisando, quería devolverlle o cupón ao vello o se pensara (era o que eu cría) quedar con el. Non quero dicir que ese fose o meu problema senón que é un exemplo do que me fixo sentir. Para min que ambos os dous estiveron todo o relato no limiar entre falarse moitísimo e nin ser mirar á cara.

    De ‘San Martiño’ namorei da escenografía e do que o relato deixa de contar máis que do que conta, malia que o que conta está feito dun xeito exquisito. E ese pensamento final que fica na memoria e que fai conxecturas ao redor deses dous porcos… animais? homes? o marido e o pai da nova? o marido infiel e a outra? Fantástico relato.

    O meu voto é para ‘San Martiño’

  2. Tamén voto para “No San Martiño”, malia ser ambos moi bos relatos, encántame a descrición da escena, e por suposto a historia con ese símil entre os animais e os homes.

  3. Que bo comezo o de baixa produtividade. Que bo o misterio do cupón! E que fermoso intre o do San Martiño, ese contar de discorrer paseniño, esperando a chegada dos homes.

    Os dous son grandes relatos. Parabéns. Decisión dificil. Pode ser que estea mellor resolto o do San Martiño.

    No primeiro, a bolsa de deportes esquecida semelloume unha peza que non acaba de encaixar. Quedaba mellor sen esa parte final? “A bolsa de deportes aínda estaba alí, sobre a mesa de Faustino”

    Pola contra, a man do matachín na cabeza da meniña creo que é un final estupendo. A boca cos dentes de ouro… e unha frase que non desentoa.

    Quedo con este segundo.

  4. No meu anterior comentario (no duelo da zorza) mentín unha chisca. Realmente onde máis me está custando decidirme é precisamente onde se atopan os dous mellores relatos da xornada. É curioso como traballa o cacheiro fronte a un tema, curro de traballo, curro dos marráns… magoa de Curro da Expo.

    De “Baixa produtividade” encantoume o título, engancha moi ben coas escenas por vir. O guión está moi ben montado, semella unha peli dos Cohen onde todo sae mal. A ambigüidade do final tamén lle presta moito ao ton xeral do narrado. É un relato que ten o concepto claro e vai a por el. Non anda con medias tintas e aforra toda a metraxe superflua. Iso é algo que min me custo horrores e polo tanto valoro moito. Neste caso bótase, poida, en falta algo máis de ambiente, para que a sensación de ameaza e desastre inminente cale máis.

    Como xa dixen este é o duelo dos contrastes. O seu contrincante, “No San Martiño”, recupera un momento cotiá galego, de calquera casa de veciño. Unha pintura costumbrista cuns coloridos, vivos. Case ulo a mesma cociña. Dentro desa pequena xoia hai frases para enmarcar: “Foi a vella detrás da cativa coma a sombra dun pecado”, vaia… Déixanse entrever uns conflitos dentro desa casa, de forma moi sutil, sucinta e elegante. Se o núcleo do relato tivese unha chisca máis de obxectivo, sería perfecto.
    VOTO por “Baixa produtividade” por ter máis claro o que quere ser e porque me lembrou certo despido. Felicito aos dous polo traballo feito, como xa dixen o mellor da xornada.

  5. Voto por No San Martiño. Historia sinxela, cotiá e ben tirada que me trouxo á cabeza o día no que na casa vella da miña sogra houbo que recibir á cuadrilla que tiña que botar a placa da nova. Talmente asín coas cuncas, os pratos e mais o pano da mesa. Parabéns.

    Sobre Baixa produtividade direi que tamén me prestou, pero prefiro esperar a que rematen as votacións e abrir unha conversa privada co/a responsable para resolver unha dúbida que me ten devorado por dentro.

  6. Comento:

    ‘Baixa produtividade’ é un relato cunha engrenaxe perfecta. De principio a fin todas as pezas están no seu sitio e denotan que o autor/a ten un gran dominio da estrutura narrativa. Nótase o texto traballado e destaca, ademais, por lanzar varias traxectorias que o lector ten que apañar e polo tanto non pode prever que vai ocorrer.

    ‘No San Martiño’ é tamén un bo relato (este duelo coido que é o mellor da rolda) pero penso que ten varios defectos. O principal é que ten texto de máis. Hai diálogos que sobran, que se converten en palla. Tampouco penso que quedou ben aquelada a propia escena da matanza. Relendo o texto, dáme que todo é un clixé. Talvez para quen nunca viviu unha matanza todo lle pareza auténtico pero neste texto falta individualidade, todo podería pasar hoxe ou hai 35 anos (e digo 35 porque se intúe un divorcio e antes non os había en Galicia), todo forma parte dun ritual idealizado. Esa evocación estándar tíralles forza literaria aos evidentes achados que contén.

    Parabéns a ambos.

    Voto por ‘Baixa produtividade’.

  7. “Baixa produtividade”
    O Faustino debía ser Bartleby… Que o protagonista recoñeza o número premiado no xornal, porque o veu enriba da mesa do outro, despois de chorrocentos anos traballando xuntos e outros chorrocentos cupóns xogados e depositados nesa mesma mesa, supoño, é merecedor de premio, si.
    “No San Martiño”
    Que pasou aquí? Non entendín nada? Entendino todo e non quería entendelo? Mataron un porco? Dous? Cantos porcos hai no mundo? Moitos máis que matarifes, seguro. Voto por este.

  8. Baixa produtividade
    É un relato dos que eu chamo “de confección” (versus os contos “de inspiración”). Está moi ben armado, cunha engrenaxe perfecta, como dicía César. Temos unha intro que engancha e un personaxe único co que é moi doado sentirse identificado como lector. Éche ben difícil personalizar algo tan cotiá (por desgraza) coma un despedimento. O relato ten ritmo, lévate da man ata o final.
    Agora, custoume un pouco ese xiro do personaxe de Xurxo. Empeza o relato sendo un narrador testemuña, para rematar sendo o verdadeiro protagonista (cambios de sino semellantes nun personaxe xa os vira antes e creo recordar que foran moi criticados noutro lugar).
    Quizais quedei un pouco frío cando rematei a lectura. Que mensaxe me deixaba o relato? Non sexas un bo samaritano? Que a desgraza (e a vinganza) son transferibles? Case que quedo con esta última versión.

    No San Martiño
    Chamoume a atención o frío que é o narrador. Semella un taquígrafo describindo unha situación teatral. Pareceume case robótico. Personaxes sen nomes, descricións precisas e asépticas.
    É curioso o contraste coas intervencións literais das liñas de diálogo. Tamén hai un gran contraste entre a empatía da rapaza cos porcos e a brutalidade e indiferenza ante a dor dos porcos do matachín: “as bestas non senten nada”.
    Está ben conseguido o ambiente mais me pregunto tamén: cal é a mensaxe do relato? Que me quixo contar o autor/autora? Vexo boas descricións, vexo personaxes ben perfilados mais fáltame máis historia. Quizais está aí, pero demasiado soterrada para o meu gusto (refírome ás cousas da voda, etc).

    Despois de moitas dúbidas na primeira lectura, a segundo decidiu o meu voto: “Baixa produtividade”

  9. Voto por baixa produtividade; mergúllanos na dúbida, na curiosidade, o relato vai rápido e axiña aparecen novos elementos que lle engaden máis forza. Eu non quitaría nada. Paréceme que está xenial así, incluído o final coa bolsa riba da mesa.

    No tocante ao segundo, non son quen de me interesar pola proposta ao avanzar na lectura e por tanto decántome axiña por reler o primeiro.

    En todo caso, parabéns aos dous!

  10. Gustoume que os relatos buscasen un significado tan distinto.
    De “Baixa produtividade” gustoume que fose predicible e impredicible á vez 🙂 Ten algún cliché e a verdade é que ao comezar a lelo pensei que non me ía gustar (non teño o día, que lle vou facer) pero logo foime gustando como os diferentes elementos cobraban sentido.
    De “No San Martiño” hai cousas que non entendo, como o por que das comiñas para os diálogos. Custoume moito saber quen falaba nas primeiras liñas dese diálogo. Paréceme confuso o de “a vella”, “a nova” e “a nena”. Non me acabou de enganchar.
    Voto por “Baixa produtividade”.

  11. Ámbolos dous relatos son escaparate de momentos cotiás. As súas atmósferas están moi ben construidas, mostrando mundos diferentes. Gustei tamén do uso da premisa en ámbolos dous.
    Quédome, porque hai que escollera un, con Baila Productividade. Porque me engaiolou a intriga que xera a bolsa, polo punto de xiro do boleto e o clímax coa carta de despido de Xurso. Polo transcorrer frenético dos acontecementos que cambian a vida dos personaxes.

  12. Vou reaparecer e votar porque mo pediu a organización, xa que seica unha das persoas que segue a participar no certame está desaparecida e fai falta un voto que desfaga este empate.

    Semelloume que os dous relatos están construídos sobre situacións estereotípicas, clixés, e que ningún dos dous, pese aos intentos por darlles a estes clixés un pouso de orixinalidade, consegue de todo presentar unha ollada orixinal. Penso que aos dous lles facía máis falta un traballo linguístico que achegase unha voz única (persoalmente, se o autor/a ten unha voz única, e isto conséguese a base de lingua, pode contarme todos os clixés que queira).

    Sen embargo, coido que “San Martiño” é o que dá máis pasos na dirección de construír unha voz única, aínda sen conseguilo de todo. Esa especie de gótico galego rural podería dar moito xogo. Voto, polo tanto, por ese.

  13. COMENTARIO DA ORGANIZACIÓN DO TORNEO:

    Como ben explica Eva Moreda, onte ás 00h00 o resultado deste duelo estaba empatada entre os dous relatos, ‘No San Martiño’ e ‘Baixa produtividade’. Pedímoslle a Eva que emitise un voto de calidade. De calidade porque malia formar parte do torneo, é evidente que non estivo participando activamente no torneo e outra actuación parecería extravagante. O caso é que ao tempo que ela votaba, outra duelista, Susi Ons, votou. Teoricamente, o voto de Susi emitiuse fóra de prazo pero como a intervención de Moreda non estaba suxeita ás bases, consideramos que non sería xusto descualificar o voto de Ons.

    O caso é que outravolta se deu un empate tras estas dúas intervencións, polo que estamos no punto inicial. Destas horas a organización contactou cun autor galego de prestixio para que exercese de árbitro puntual. Estamos á espera dese voto para dilucidar o cuarto semifinalista.

    Pedímoslles desculpas aos duelistas, en concreto aos que arestora non saben se están dentro ou fóra das semifinais. Tamén aos lectores e seguidores de Biosbardia. Pregamos comprensión. Somos novatos e non estaba previsto un empate. Para futuras edicións, quedará claro nas bases o procedemento nestes casos.

  14. Boa noite. Ao meu xeito de ver, os dous son relatos notables. Os meus parabéns. É certo que, como di Moreda, fáltame un chisco de orixinalidade nas tramas de ámbolos dous textos, mais quédome con “Baixa produtividade”. Gosto da narrativa entrecortada que dá velocidade e neste relato nótase que o autor ou autora domina esa técnica. Tamén do estilo que consegue mesturar nunha frase unha caixa de conazeplán cunha foto de familia en Manzaneda. Crear este tipo de imaxes non é doado aínda que o pareza. É posible que isto responda máis a un gusto persoal que a un criterio literario (non sei se o teño), pero como son o que desempato podo permitirme ese luxo. Desculpen. “No San Martiño” tamén un grande relato pero deixoume un tanto frío. Graciñas e parabéns.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s