Para que serven os premios literarios?

Xesús González Gómez.

Noutro lugar, facendo unha aproximación numérica aos premios de narrativa concedidos tanto en catalán como en galego durante unha ampla serie de anos, acho que quedou demostrado que canto máis premios menos gañadores. É dicir, había unha serie de autores que copaban a maioría dos premios. No entanto, tamén se demostra que é mediante os premios que se dan a coñecer, en literaturas minorizadas, e xa nas non tan minorizadas, novas voces, aínda que o substantivo “literatura” temos que pólo, en principio, entre aspas. Ora, non deixa de ser certo que os grandes premios literarios que se conceden en case todos os lugares do planeta son concedidos, nos últimos tempos, a voces xa consagradas. O que ten unha explicación.

Lobo lector. LENNA BARTO.

Antes de continuar, digamos que de momento estamos a falar de premios concedidos por editoriais, premios que se poden denominar, sen caermos nin en erro nin en desprezo, como “premios comerciais”; pasaremos logo a falar de premios concedidos por institucións e a súa, digamos, “problemática”.

Unha editorial é unha empresa que publica libros para gañar cartos. Esta sería a definición sucinta, e atrévome a dicir que verdadeira e real, do que é unha editorial. Se non é así, non é unha editorial, é outra cousa. A editorial adoita ter uns responsábeis literarios e uns responsábeis económicos, sendo estes os que teñen o poder, a tixola nas mans. Os responsábeis literarios ás veces coan libros de gran calidade nos seus planos, algún descubrimento literario, mais estes libros, estes descubrimentos, son excepcións, porque a estes señores (ou señoras) –os responsábeis literarios– non lles pagan por descubriren boa literatura nin obteren a unanimidade da crítica, senón por venderen libros, e se non o fan… quedan sen emprego. Nos premios literarios acontece o mesmo: o premio trata de dar visibilidade, promoción, propaganda a un libro (e a un autor) para vender, porque os premios literarios son convocados polas editoriais para intentar vender máis libros, non para buscar a consagración literaria de tal ou cal autor, nin moito menos para acumular o denominado “capital cultural”: á editorial o que lle interesa é o de sempre: o capital económico. Resumindo, tanto unha editorial como un premio literario o que buscan é vender libros, non calidades literarias, e isto debemos todos (autores, lectores, críticos…) telo moi presente para non nos equivocar.

Se estes premios se convocan para intentar vender máis libros, o normal é que se concedan a autores “xa recoñecidos”: é un dos laios que máis se escoitan en boca dos escritores novos e inéditos. Poñéndonos coloquiais: que queres que che diga, meu fillo, ou filla? O escritor novo, descoñecido, que ve que as editoriais lle rexeitan o seu orixinal ten a opción de concursar nun destes premios: nunca, a non ser cousa do azar, das circunstancias, etc., o gañará. Ese autor novo ou inédito debe entender que ese “gran premio” non é o mellor concurso para unha primeira novela. Que eu saiba, un boxeador, por moi cualificado que estea, por moi bo que sexa, non chega a disputar unha final, para gañar un campionato local, rexional, nacional ou mundial, até despois de pasar por unha serie de combates que debe gañar, por K.O., K.O técnico ou por puntos, mesmo pode quedar en empate técnico nalgún combate. Un equipo de fútbol non chega á Liga de Campións de Europa automaticamente, é dicir, logo de subir á primeira división: pode estar anos sen disputar esa Liga de Campións, ou non chegar a disputala nunca. A un arquitecto recentemente titulado non se lle ocorre, normalmente, presentarse a un concurso para a construción dun hotel de megaluxo ou a construción (ou reconstrución) dunha ampla zona dunha gran cidade: sabe que hai arquitectos de renome que se presentarán e nada ten que facer, etc. Pois o mesmo pasa no mundo dos premios literarios convocados por editoriais. Outra cousa é o dos premios convocados por institucións, pero como dixemos, xa chegaremos a eles.

Non sei exactamente cantos concursos literarios hai no país, cen? Uns poucos, poucos, menos? Uns poucos, non moitos, máis? Entre estes, estou seguro de que hai un ao que ese escritor novo ou inédito pode enviar a súa novela, o seu orixinal. Por dicilo cun dito castelán: sempre hai un roto para un descosido, ou algo así. Se até eu teño dous premios: un ao que me presentei e outro que me concederon por ser, segundo eles, o mellor porco da feira! O escritor novo talvez debería imporse unha estratexia en materia de premios. E non hai que preocuparse por se os premios están amañados ou non, é algo secundario: uns si e outros non. O importante é saber que os premios convocados polas editoriais intentan vender máis libros, non buscar a consagración literaria, aínda que isto último ás veces se consiga, pero é secundario, ou vicario.

Polo que levamos dito, e reflexionado un pouco, acho que fica moi claro que, a pesar dos pesares, os premios literarios serven para algo. A primeira proba de que serven para algo é que se non servisen xa tiñan desaparecido. Son, en primeira e última instancia, unha operación de promoción, un intento do editor para que un libro non pase desapercibido. Axudan a vender, algo importante, que, no entanto, como xa levamos dito, non ten nada que ver coa calidade literatura, que un premio nunca garante, nin tampouco, en principio, descarta.

Si, os premios serven para vender libros, en primeira instancia. E cantos máis libros venda, máis libros poderá publicar a editorial convocante e que a final de ano lle cadre o balance. Mais insistamos: todo isto, nun principio, nada ten que ver coa literatura: a literatura é outra cousa e, talvez, en realidade a verdade dun escritor radica máis nos premios que perdeu –dos que nunca os escritores adoitan falar– que nos que gañou. E a venda máis ampla de libros ten como consecuencia que o premio faga, en principio lectores, que é o que interesa. Pode ser que tamén, ás veces, un premio importante recaia nun escritor inédito, descoñecido, polo que ese premio serviu para introducir un novo escritor no “campo literario”. Mais, en verdade, raras veces ocorre, ou ocorre cada vez menos.

Hai outros premios, á parte dos convocados polas institucións. Son aqueles que se conceden aos libros xa publicados. Normalmente, en Galicia, estes premios non están dotados economicamente, o que é unha inmoralidade: é, simplemente, un reparto de medallas entre macacos, desenganémonos. Estes premios, convocados por institucións públicas e privadas, terían algún sentido se o libro premiado se convertese entón en líder de vendas (como ocorre co Premio Goncourt en Francia, a novelas xa publicadas, cuxa dotación, se non me equivoco, é nestes momentos de 10 euros), o que nunca acontece. Ou se o libro, ou autor, fosen promovidos nos medios de comunicación, escolas, etc., o que tampouco nunca acontece, fóra dos soltos, ao día seguinte de ser concedido o galardón, nos xornais. En realidade, estes premios serven para que se xunten catro amigos e decidan cal é, como xa dixemos, o mellor porco da feira, sen que o porco poida dicir palabra, aínda que, a posteriori, pode rexeitalo: cousa que no noso país só fixo, que eu saiba, o defunto Agustín Fernández Paz. (Hai outros premios pos-publicación que si dan cartos: o Otero Pedrayo e o Lousada Diéguez: un día haberá que falar con calma deles.) Tamén é verdade, se non que llo pregunten aos editores, que o efecto comercial destes premios é case que inexistente. Con esta clase de premios pode lograrse, con sorte, que o autor sexa recoñecido no campo cultural, mais as vendas seguen iguais. Os premios non comerciais non conseguen lanzar dunha maneira contundente nin obra nin autor. Non están, en principio, concibidos desde o marketing nin para a venda de exemplares, todo o contrario do que acontece cos premios convocados polas editoriais ou premios “comerciais”: a editorial debe recuperar o investido –o que cobra o autor, normalmente como en concepto de avance de dereitos de autor e máis os cartos gastados no evento: unha cea, anuncios na prensa, etc,– e, ademais, gañar cartos. Pódese pensar, porén, que este tipo de premios teñen unha importante vantaxe: non adoitan estar viciados por intereses, mais pensar isto talvez sexa unha inxenuidade: non vimos como no seu día se lle entregou o Premio Otero Pedrayo a Manuel Fraga Iribarne?

E, finalmente, están os premios convocados por institucións. Premios dotados economicamente, queremos dicir. Hai varios, talvez demasiados, no país: deputacións, concellos, etc. Uns pasan sen pena nin gloria e outros teñen algún eco. Mais unha cousa si queda clara: se o premio é publicado, como debe ser, por unha editorial privada, esta non inviste un euro en promoción, polo que o eco, á parte da publicación da obra, nos medios de comunicación é mínimo. Pode ser que sexa noticia, o premio e o/a premiado/a, o día do fallo: logo todo o mundo se esquece de libro e premiado/a. Se o premio é editado pola institución convocante, o libro normalmente xace en sotos ou almacéns de tal institución, e a súa repercusión é menos que nada. Ora, tamén é verdade que neste tipo de premios o escritor novo ou inédito ten, en principio, máis oportunidades que no premio convocado por editoriais, aínda que habería que estudar os premios polo miúdo para ver se é certo, ou acontece igual que nos outros premios: son a excepción da regra. E, tamén en principio, como os premios a posteriori, deberían ter a vantaxe de non estaren viciados de intereses, mais iso, en última instancia, talvez dependa da composición do xurado.

E unha incidencia aínda máis “grave” neste tipo de premios.

O 15 de outubro fallouse o Premio Planeta de novela. O gañador foi Javier Sierra coa novela El fuego invisible. A tiraxe media dun Premio Planeta é de 220.000 exemplares. Co gañador publícase o finalista, dunha tiraxe media de 50.000 exemplares (este ano foi para a novela Niebla en Tánger, de Cristina López Barrio). Como é posíbel que tal cantidade de libros se faga en menos dun mes? As cousas son claras: os libros finalistas están impresos, só falta engadirlle o nome do autor, o título real, se é que non está xa posto (poden abrir as plicas na editorial) e o título de gañador ou finalista. Unha vez realizado o fallo, a imprenta engade a todo trapo as páxinas que faltaban, encadérnao e o libro está no mercado nun mes. É dicir, os responsábeis da editorial intentan que o libro estea na rúa antes de que se apaguen os ecos mediáticos: é unha excelente política editorial-comercial.

Os libros que premian as institucións poden tardar meses en publicarse, como vimos recentemente co premio Torrente Ballester, fallado en novembro do 2016 e publicado en agosto do 2017. A que foi debido ese atraso? Case se publica o libro cando se falla a edición do ano seguinte. Quen fallou aquí: a institución convocante (Deputación da Coruña), a editorial (xa tiña marcado os seus tempos de edición durante meses) ou a autora (debeu corrixir abondo o orixinal premiado)?

Por certo, este Premio Torrente Ballester foi gañado por unha narradora inédita, ou case inédita. Non lin a novela gañadora, polo que non podo falar dela. A única recensión que lin sobre ela está escrita por un crítico que foi membro do xurado que a premiou, polo que en principio tiña que pór a obra case como obra mestra (que o debe ser, pola cantidade de novelas que se presentaron; novelas entre cuxos autores estarían, estou case seguro, a maioría dos “grande narradores” do país), que é o que fixo, porque se non o lector que saiba de tal feito (que foi membro do xurado que premiou a novela que está a comentar) podía pensar que era “parvo”: por que premia vostede algo que non lle gusta? Así que puxo a obra moi ben, o que significa que este crítico e xurado non está a facer unha recensión crítica da novela, senón un escrito publicitario e auto-publicitario (vexan vostedes canto entendo: premiei esta excelente novela, etc.): que lle custaba encargar a recensión a outra persoa?

Dicía que non lin a novela gañadora do Torrente Ballester 2016. Sei, pola prensa e outras canles, que se presentaron 101 novelas, polo que se decidiu que habería unha preselección, é dicir, un primeiro xurado invisíbel. O que é unha medida máis que correcta á parte de necesaria. Non sei cantas novelas chegaron aos membros do xurado (dez, doce, xa son moitas: como para quedar seco durante unha tempada, e aquí falo por propia experiencia), o que si imaxino é que cada membro do xurado recibiu unha copia do informe que se emitiu sobre cada unha das novelas descartadas, ou non? Non esquezamos que é moi difícil ler e avaliar deixando, até onde se poida, gustos persoais e valoracións estéticas, e poida ser que esas avaliacións non coincidan coas dos membros do xurado, polo que mediante os informes estes poden informarse sobre os orixinais desbotados. Supomos que foi así. E se non foi así, poden suporse outras moitas cousas que deixaremos para outro día.

Para acabarmos: premios literarios si, de acordo. Con todas as garantías posíbeis, que normalmente non son moitas. Mais, sobre todo, premios comerciais e premios dotados (os premios non dotados son a inmoralidade absoluta), porque os premios institucionais que á vez queren ser comerciais son, en realidade, unha contradición na base, como “Pensamento navarro”, que dicía Baroja (referíase ao xornal carlista do mesmo nome), ou “intelixencia militar”, que proclamaba Groucho Marx. Os premios institucionais, se deben existir, e algúns deben existir, sempre deben ser a posteriori e, tamén e sobre todo, dotados economicamente. Continuaremos.

Advertisements

13 comentarios en “Para que serven os premios literarios?

  1. Para comentar esta entrada preciso de inmunidade diplomática, dun pasaporte falso, dunha muga disposta a pasarme esta mesma noite polo Padornelo ou por calquera paso da raia, e de garantías de seguridade para a miña familia.

    Aínda que non desboto a posibilidá de soltar a lingua a pacer ao longo da noite.

      • Si, vale, pero entón habería que empezar a separar casos concretos que cada un coñeza en 1º persoa que de reflexións xerais. Éxcepto o exemplo do planeta, o artigo fala máis de intencionalidades (para que serven) que de se están amañados ou algo peor. Porque podían estar “amañados”, incluso, para que os leve a mellor obra presentada (non quería escribir “que o mereza”).

        O caso do Torrente é bastante claro: os verdadeiros xuices foron os que escolleron os 10 “finalistas” de entre os 100 presentados. Pode que o gañador o mereza e sexa o mellor dos 100 e mesmo pode que o resultado tivese sido o mesmo se o xurado oficial dispuxera dun par de anos para lelos todos, pero o acto electivo real estivo na depuración dese 10% das obras. Estou seguro de que mesmo o xurado (o lexítimo) debe rematar o seu traballo con dúbidas preocupantes sobre ese escuro proceso de selección.

        Pero Pablo, ti gañaches e logo fuches xurado dun premio. Se dis que a cousa é ben peor xa o estás dicindo todo.

    • Xa, a cousa é que cambia ou non cambia dependendo da criba en si. Un 10% ben escollido pode ser unha representación mellor que un 20% sesgado. O malo é que eses criterios de escolla son imposibles de xulgar. Non se sabe nin quen son eses do pre-xurado, ou si?
      Aténdonos ós números, elexir un gañador entre 20 (boas?) novelas é algo razoable. Supoño que a iso é ó que van. Que o resultado sexa aceptable. Se se presentasen 200 novelas (por non esaxerar moito o número), ti que cres, Eva, que vos darían a elixir entre 20 (10%) ou entre 40 (20%)?

      Moita risa me dan eses concursos de relatos ós que se presentan máis de 500 obras.

      • Eu non sei quen estivo no ‘pre-xurado’ e, por volver ao artigo de Xesús, tampouco nos adxuntaron informes de lectura das obras descartadas.

  2. Lois, eu fun xurado dun premio moi vido a menos polas condicións das que eu “gozara” do meu premio. Só tivemos que valorar 6 orixinais 6, dos cales 1 incumpría as bases e 4 tiñan un nivel cativo abondo. Sobre o que gañou, non me pronuncio, só podo dicir que foi unha votación limpa. Iso, e que dos 30 minutos que durou a deliberación, 20 os gastaron en me dar a turra sobre o contido presuntamente machista dunha obra que nin sequera se tivera en consideración, analizando unha a unha, un feixe de frases quitadas de contexto que aparecían no orixinal. Ese foi o nivel.

    Pero se queres, agora que non nos le ninguén, falamos doutros certames nos que a criba (inicial e final) consistía na apertura anticipada de plicas. Nun certame patrocinado por unha importante editora do país, nunha cidade bañada polo río Miño, recollín de volta os meus 3 exemplares 3 sen abrir!!! E cando me deu por chamar a un dos editores que participara no xurado para, inocentemente, preguntar se a miña obra se tomara en consideración con vistas a unha posible proposta editorial (agárrate), este me respondeu preguntando polo lema co que a presentara. Pois ben, o amigo, sen lle tremer a voz en ningún momento, respondeu que esa non a leran porque (que te agarres!) presentáranse tantos exemplares que o 50% (o 50!!!!) quedara sen ler.

    E sobre anomalías en certames literarios, só entre os meses que van de xuño do 2015 a febreiro do 2016, podo contar tres máis. De anomalías posteriores á publicación da miña novela, unha, e ben grande. E doutra legalmente perseguible nun certame que aínda non se fallou, unha máis.

    Despois vas, mercas a obra gañadora dun autor que colecciona premios pensando a ver se desta vai, e cada día temos máis lectores e menos sospeitas de mamoneo. E mira, non tiña pensado mandar isto, pero co que me levou, vai, e que o diaño me colla confesado.

  3. Totalmente de acordo. Vexo como están gañando premios escritores que publican nunha determinada editorial e precisamente os premios en que esa editorial participa como editora. E é practicamente imposible que un autor con obra publicada en, poñamos por caso, Xerais, gañe un concurso no que intervén, poñamos por caso, Galaxia.
    O problema é que os mesmos concellos, deputacións e outros entes públicos introducen entre os membros do xurado a algún representante da editorial que ha de publicalos.
    Coñezo o caso dun autor que foi catro veces finalista do Xerais e ningunha das súas catro novelas tivo o beneplácito desa editorial. Podemos falar de máis premios onde sobresaen nomes coñecidos, por si ou por familiares, que á final, tras embolsarse os feixes de billetes, e ter unhas críticas máis ou menos benévolas, pasan sen pena nin gloria.

    • Sinto discrepar. Por dar só un exemplo, Marcos Calveiro publicou a meirande parte da súa obra en Xerais e malia iso gañou os premios Repsol e García Barros, vinculados a Galaxia. Graciñas por comentar. Apertas

  4. Pingback: Exercer a arte, exercer a crítica: Algúns ensinos da música durante o franquismo - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s