O libro electrónico na sala de espera

Un kindle nunha biblioteca.

César Lorenzo Gil.

Na última edición da Feira do Libro de Frankfurt (a máis importante do mundo desde o punto de vista profesional), a maior parte dos editores, grandes, pequenos e e pequenos con vontade de ser algo máis grandes, coincidiron en afirmar que cómpre reformular os tempos e as estratexias da denominada “Transición ao paradigma dixital da lectura”. Non é que intentaran, como ocorreu noutras ocasións, esconxurar o presente a través da cega vontade de manter o seu negocio senón que máis ben se conformaron con ler as estatísticas de compra de libros en Europa e tirar conclusións.

Esta mesma semana publicábase en España o Mapa das Librarías, que resume a data de final do 2016 o estado do negocio da venda de libros en papel. Aínda que o informe é moi completo e cheo de enfoques que se poderían analizar, hai dous elementos interesantes nesta conversa: por primeira vez desde a implantación da crise (2008) o balance estatal entre aperturas e peches é positivo. Parece que por fin se detivo a destrución de establecementos dedicados á venda de libros. Houbo, por así dicilo, unha reconversión silenciosa e involuntaria do sector que obrigou ás persoas que querían dedicarse profesionalmente á venda de libros a grandes cambios na maneira de traballar e de investir.

A segunda conclusión relevante é o tamaño das librarías, especialmente as máis novas. Redúcense as dimensións dos locais físicos e aumenta o número de establecementos que dispoñen de venda por internet. Incluso librarías cun único empregado ofrecen a posibilidade de enviar o seu fondo por correo a través dalgunha aplicación en liña. Aparentemente ambas estratexias comerciais poderían levarnos a pensar nunha perda de interese dos libreiros por captaren público presente en detrimento do máis voluminoso (e atractivo) público que compra desde a casa. Mais coido que ambos públicos son diferentes e as librarías simplemente intentan mantelos coidados. Outra cousa é que o consigan.

A implantación do libro electrónico nos hábitos de lectura de lecer non callou na UE. Tras máis dunha década de intentos, as vendas son escasas e a penetración psicolóxica no mercado, case nula. Houbo certa fascinación colectiva coas posibilidades do libro electrónico, especialmente no momento de maior entusiasmo e novidade da tecnoloxía portátil que permitía o transporte, almacenaxe e lectura “libres” do peso do papel. Como xa afirmaba o agora presidente da Academia Galega, o editor Vítor Freixanes, “a demanda de libros electrónicos non é unha demanda de contidos senón unha demanda dos fabricantes dos continentes. Non estamos dentro dunha discusión da industria cultural senón dentro da industria dos aparellos”. Unha vez que se estabilizaron as vendas das tabletas, esa fascinación parou.

O libro electrónico por suposto ten éxito naqueles sectores onde o formato dixital si é competitivo: enciclopedias, libros técnicos de constante actualización, textos académicos de diversa xerarquía… Mais o libro en papel resiste como artefacto perfecto na lectura pracenteira e especialmente no deseño do libro obxecto. No campo dos best-sellers, as estatísticas denotan que si se consolida unha lectura dixital dos títulos “de moda” cada tempada pero a súa incidencia no comercio é mínima. O “mercado negro” do éxito libresco simplemente obriga as grandes casas editoriais a modificaren a súa estratexia comercial deses títulos en papel: diversificar a oferta e as apostas propias, vincular os autores cos lectores a través de presentacións, sinaturas de exemplares, roteiros literarios… A situación recorda un tanto á época dourada da pirataría nos videoxogos. O usuario dun libro dixital pirateado é un potencial comprador no futuro dun libro en papel. O lector, incluso o non habitual, segue considerando xerarquicamente superior o formato tradicional que o dixital: ler na tableta é un “apaño”, non un ideal.

Entrementres, o sector do libro e das librarías tivo tempo de reinventarse. Non para colocar máquinas de descarga de libros senón máis ben para todo o contrario. Os establecementos máis modernos buscan a interacción, o contacto entre o lector e o resto da cadea do libro. Hai librarías en Galicia, caso de Cronopios ou Moito Conto, entre outras, que xa non só organizan encontros con escritores ou favorecen clubs de lectura senón que convocan, con grande éxito de audiencia, charlas de editores, daqueles editores que máis labor de edición fan. Os editores de catálogo.

Estes editores de catálogo que xurdiron en España nos últimos anos (Impedimenta, Libros del Asteroide, Periférica, Nórdica, Hoja de Lata, Blackie Books…) decatáronse das posibilidades da tecnoloxía dixital non para superar o libro senón para facelo máis interesante. A consolidación da impresión dixital reduciu custos e favoreceu tiraxes máis curtas cun alto nivel de calidade (especialmente en traballos sen cor). O libro hoxe está mellor editado ca nunca. Edicións rústicas coma as de Acantilado compiten coa esixencia do formato en tapa dura e só hai que ver como utiliza a versatilidade do deseño e dos materiais de impresión Barbara Fiore ou Kalandraka para entender que hai camiño por diante para as imprentas.

Ao tempo, a xeneralización da impresión en Asia para produtos ilustrados favorece a ilusión entre os compradores de que hoxe en día o libro bonito, o libro obxecto é moi barato. Selos grandes e medios (tamén algúns cativos) producen as obras máis requintadas (as que maior man de obra precisan) na India, na China e nos países de Indochina. Este proceso apoia a implantación de oligopolios, caso de Amazon, que atraen clientes con ofertas de libros moi bonitos a prezos reducidos. Mais o libro obxecto triunfa especialmente na libraría, onde se pode tocar. E onde sempre van vender libros. Porque Amazon xa hai tempo que decidiu converterse no gran supermercado global. Un supermercado que, ademais, tamén fai libros.

2 comentarios en “O libro electrónico na sala de espera

  1. Baseándome na miña percepción particular cambiaría o titular do artigo por “O comercio do libro electrónico na sala de espera”.

    Hai 5 anos que leo en electrónico (regalo de aniversario) e dende entón calculo que máis da metade das miñas lecturas foron neste formato. Por outra banda, son usuario habitual do tren e a miña percepción é que os viaxeiros que pasan o tempo lendo (e que compiten cos que usan o seu tempo co Whatsapp ou co Candy Crash en adeptos no transporte ferroviario) se reparten entre o papel e o libro electrónico ou mesmo as tablets. Teño nos estantes da casa demasiado libros voluminosos que non atopo ocasión de ler: non podo andar cargando con eles na miña vida cotiá. É certo que nesa lectura pracenteira o papel ten un plus para os que aprendemos a ler na era pre-dixital pero… cantos libros les con tranquilidade? 2 ou 3 exemplares ao ano en 15 días tranquilos das vacacións?

    Agora ben, a cantos lectores en electrónico coñezo que compren ebooks? Teño que dicir que son o único caso do que teño noticia, e unicamente merquei 2 exemplares a un prezo entre 0,99 e 3 euros dos aproximadamente 60 libros que levo lidos en electrónico.

    Os motivos de tanta lectura en electrónico pero tan pouca compra? Só podo falar por min mesmo. En primeiro lugar: négome a pagar 12 euros por unha copia dun arquivo onde a editorial só aporta o carriño da web e nada, absolutamente nada, físico. Quen queda cos cartos (porque parece que os autores pouco máis reciben que cando venden en papel) o ignoro, pero oín en algún lugar que había un acordo en España para repartir un porcentaxe das ventas cos distribuidores, polas perdas que o ebook lles producen. Por mor deses prezos abusivos só compro títulos recentes en ebook cando hai un ofertón (por exemplo comprei “El marciano”, de Andy Weir por 0,99 euros en Amazon). En segundo lugar, aproveito o electrónico para ler clásicos e os leo gratis. Haberá a quen lle soe a sacrilexio, pero un libro como Moby Dick, cheo de palabras e tecnicismos mariñeiros que descoñecía, é moito máis doado de ler cando tes a palabra buscada no dicionario con só premer co dedo enriba da palabra. Cada día son menos consumidor de libros e, vaia paradoxo, máis lector.

  2. Eu -por placer- só leo en papel. Libros prestados, regalados ou mercados en librerías de segunda man. Pode que fose en 2013 cando merquei o meu ultimo libro novo. 2666, en Follas Novas. Custaba 42€. Púxenlle 40€ sobre a mesa e díxenlle algo como “o lo tomas o lo dejas”. O libro é unha marabilla, pero agora paréceme unha barbaridade ter pagado eses 40€ por el.

    A miña parella, pola contra, le moito no kindle, sempre libros descargados gratis, pero merca de forma mais ou menos habitual libros novos. Tamén fai algo que eu consideraba sacrilexio pero que ven pensado ten todo o sentido do mundo: desfaise dos libros que non lle aportaron nada especial. Ou os vende en wallapop ou os dona (non se regala un libro mediocre, claro).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s