‘Odio Colombia’ vs ‘O solpor infinito’

Semifinal entre Marcos López Concepción e Pablo Fernández Barba baixo o tema ‘Inverno’.

O solpor infinito

Non dixo nada, teu pai. Fitoume, calado, tras as gafas de espello que sempre lle lembro cando penso nel, mais non dixo nada. Túa nai, si. Lembras? Ela sempre tiña unha palabra amable na boca e un sorriso na cara para min. Caíalle ben, creo. E ti, sentada na toalla coas pernas cruzadas, lendo unha novela calquera dun suicida calquera, tamén sorriches ao verme chegar, mentres o sol de finais de verán aínda era quen de che alumear as pencas da cara. Coa estupidez gravada nos ollos, soltei un par de protocolarias frases para facer tempo, algo sobre o bo que viñera agosto, penso, mentres ti gardabas con coidado o testamento que andabas a ler, non se nos fose encher de areas o ruso tolo aquel. Daquela erguícheste, bicáchesme os beizos sen recato ningún mentres ao teu pai se lle revolvían as tripas detrás das gafas, e anunciaches oufana que marchabamos dar un paseo. Morto de vergonza, tivéchesme que coller da man case que pola forza, e coa mirada de bile do teu pai cravada no meu lombo, aínda te atreviches a facerme unhas cóxegas no cu. Fixéchelo para o desafiar a el, non para me incomodar a min, mais sei que ao chegar á beira e sentir a auga fría nos pés, algunha parvada protestei. «Xa non son unha nena», reivindicaches, «Canto antes o entenda, mellor para el», e deches por rematado o asunto mentres camiñabamos cara ao final da praia, da tarde e das vacacións esquivando as pedras que trouxera a resaca, os últimos turistas e a inevitable conversa que nos queimaba na boca dende había días. Falariamos de cousas triviais, no entanto. Un repaso aos momentos estelares daquel mes inesquecible, ou así. Que se xa me valeu cando. Que pois anda que ti o día que. Que se lembraba a. Que se como o esquecer o. Batalliñas insubstanciais, en fin, segundo o sol baixaba no ceo á velocidade coa que a nós nos baixaba o sorriso forzado dos beizos, ata que nese punto do horizonte no que xa non puidemos finxir máis, decidimos bebernos a bicos as bágoas que nos sucaban a cara, repetíndonos o moito que nos queriamos e o moito que nos habíamos botar de menos. Esa foto de nós os dous abrazados, coa auga polos nocellos ao pé da vella fábrica de salgados, leva cravada na miña memoria dende aquela tarde, e iso que ti decidiches poñerlle punto final ao pouco de empezar para que o solpor non tivese tempo de nos roubar o último parágrafo do verán. «Ven, anda», dixeches, antes de me levar en silencio ata entre as dunas para que puidésemos deixar alí a nosa virxindade prendida para sempre. «Díxenche que xa non era unha nena», murmuraches ao rematar. «Moi longo se me vai facer o inverno», respondín eu.

Vai xa para vinte e cinco anos que me dura o frío.

Pablo Fernández Barba.


Odio Colombia

Hai moitos anos atrás, de neno, xa estiven nun hospital. Foi cando na seca dos anos vinte o mundo non estaba engraxado e apagabamos a furia da gorxa cun trago de auga fresca.

Era xaneiro e non chovía desde tres anos antes. Polo ollo que tiña intacto, albiscaba desde a miña habitación o cume do Galiñeiro onde se apostaran unhas nubes sólidas como bárbaros a cabalo. Cabalgou o vento, viñeron os relampos e chegou a choiva batendo contra as fiestras, o que fixo estoupar salvas de aplausos nos corredores do sanatorio, as risas, e unha placidez que podería ser a felicidade. A treboada entrara polo oeste e cubriu o pais por enteiro. Papá bicou a mamá e apagaron as luces para ver mellor a auga que escorregaba nos cristais en regueiros que eu papaba co meu único ollo, unxindo o golpe na cabeza e as feridas provocadas pola tunda dos meus compañeiros no canaval enxoito. Foran cinco xuntos de regreso a casa, e algún máis a mirar, cando xa a falta de auga fixera habitual o racionamento co reparto dunha barra vitamínica e a bolsa diaria de medio litro por persoa.

Dábasenos aos nenos, a auga potable na escola, e os mestres acomodaban as súas leccións con fábulas para concienciarnos do seu uso correcto, como aquela, a do neno que escoitaba miañar os gatiños nunhas silveiras e puña un cacharolo para que bebesen, aparecendo de socato na historia, ratas grises entre a matogueira, con chagas e o rabo longo da cor das miñocas.

Eles cinco quixeron a miña auga cando no canaval mo sacaron da mochila. Agarrei a bolsa mol e da outra punta Adrián turraba coas unllas brancas pola forza que facía.

Solta, hostia”, dicía anoxado. “Ti non es de aquí, a auga é nosa”. Eu repetía que si. Que era de Santa Cristina de Naia. “Ti naciches na selva”. Escachou o recipiente co tirapuxa e o seu contido deixou na terra unha pucharca fuxidía. “Mira o que fixeches, puto macaco”. Déronme un empurrón. “Di que odias Colombia”. Empezaron a darme patadas. Puñazos. “Odio Colombia, odio Colombia…”. Rodeado e mexando por min co medo repetín de seguido, “Odio Colombia, odio Colombia…”.

A pedra que me deu na tempa deixou cego o ollo esquerdo. O broucazo levoume de neno, a aquel outro hospital. Pasou toda unha vida e os motivos polos que volvo a ingresar son outros. Tiven a sorte de gozar de saúde 8, 5 e 9 ata os anos da paga universal. Estou a recuperarme dun derramo. Como fun bo traballador, un cidadán sen malos expedientes, teño dereito ás descargas de datos almacenados. Co tratamento recuperan espazo. Trócanse as neuronas mortas. Chega o recordo dos anos da seca para espelirme. E na escuridade na que estou, aparece como unha tormenta “Odio Colombia”. As miñas primeiras palabras da recuperación. O marcador lacrimal pousa unha gota no meu ollo bo, e eu pestanexo intentando que se converta nunha bágoa.

Marcos López Concepción.

Advertisements

17 comentarios en “‘Odio Colombia’ vs ‘O solpor infinito’

  1. O solpor infinito

    Moi ben usada a 1º persoa e a perspectiva do narrador. Co da perspectiva do narrador refírome a que o tono da narración é consistente coas emocións que se están transmitindo. O narrador deste relato está, por dicilo de forma simple, triste/melancólico. E notámolo desde o inicio, sen que nolo diga expresamente.

    O inicio está moi ben, ata o suicida ruso lle da un toque deprimente ó recordo. Tamén é “premeditado” que ela sexa quen leve a iniciativa en todo mentres que el dubida, ten medo e non está seguro de si mesmo. Que fosen boas eleccións á hora de deseñar o relato non quita que sexa tamén tope estereotípico dentro do xa tópico amor de verán con coñecida data de caducidade.

    “Que se xa me valeu cando. Que pois anda que ti o día que. Que se lembraba a.”
    Moi bo recurso.

    “segundo o sol baixaba no ceo á velocidade coa que a nós nos baixaba o sorriso forzado dos beizos”
    tamén me gustan este tipo de comparacions relacionando dous termos involucrados na historia.

    O tema da virxinidade sobroume, quitaríaa urxentemente. Foi como botarlle azucre ó mel. Non facía falta, e de querer introducilo case que había que empezar por aí e construir o relato ó redor diso. Aquí perdeume algo desa consistencia do narrador da que falaba. Por un lado temos un amor xuvenil, case platónico por ideal, truncado por unha separacion inevitable, e por outro, na mesma escena (isto é importante) que a gran despedida, a perda da virxinidade (de ambos), cousa que xa podía dar para outro relato ela soa por todo o pouso de novas sensacions que tería deixado no narrador. Ademáis, ó deixalo para o final o autor quixo darlle un halo de “momento culmen” a ese feito que ainda agrava máis este sentir. Xa non sería: “Non dixo nada, teu pai”, senon algo así como, “Pregúntome se improvisaches ou o tiñas planeado”. Esa é a consistencia, darlle os asentos en 1º fila ás cousas que o narrador ve como realmente importantes.

    A última frase gustoume moito, é un gran final para un gran exercicio estilístico.

    Odio Colombia

    Non esperaba un relato sobre a sequía en Colombia. Estiven mirando no google e é certo que houbo unha gran sequía nese pais entre 1925 e 1926 (ata ese inverno).

    “Dábasenos aos nenos, a auga potable na escola”
    non comprendo esta coma

    “aparecendo de socato na historia, ratas grises entre a matogueira”
    tampouco esta. é coma se o autor quixera controlar a forma en que temos que ler o relato. Pero non se pode facer así, a forza de sinais de tráfico innecesarias.

    “Eles cinco quixeron a miña auga cando no canaval mo sacaron da mochila.”
    que foi o que lle sacaron da mochila? Non sei a que se refire ese “mo”.

    “O broucazo levoume de neno, a aquel outro hospital.”
    outra pausa que calquera pode facer, se lle presta, ó ler en voz alta pero que, na miña opinión, non se debe marcar na escrita.

    “Tiven a sorte de gozar de saúde 8, 5 e 9 ata os anos…”
    Non entendo esta secuencia de números. Son anos?

    “Como fun bo traballador, un cidadán sen malos expedientes, teño dereito ás descargas de datos almacenados. Co tratamento recuperan espazo. Trócanse as neuronas mortas.”
    Ou estou desconectado dos ultimos avances ou isto é ciencia ficción. Enton… os anos 20 son os do S,XXI, os do 2020?

    Se é CF non acabo de ver que nos aporta que o recordo sexa descargado da rede en lugar de simplemente recordado. Se non é CF é que non pillei o que sucede nesa parte do relato. Como sexa, o significado global da historia non se altera (o cal me fai estrañar inda mais esa complicacion tecnolóxica).

    Tampouco sinto de todo a forza da frase que lle da titulo e que volve aparecer ó final. Odio Colombia. É unha referencia á xenofobia (cara os indixenas)? Non o sei. Pensarei niso estes días e estarei atento ós comentarios.

    A narración gustoume, e a pesar de invocar 3 momentos distintos (o presente, o hospitla no pasado e a escena da loita pola auga) non se me fixo lioso, este narrador tamén foi consistente.

  2. Gustei do primeiro relato (por invocador e recoñecible en calquera das nosas xuventudes), mais, para min, perdeu intensidade nas últimas frases. Penso que se se tivese cortado en ‘leva cravada na miña memoria dende aquela tarde’ e finalizado na derradeira frase, tería gañado moita potencia.

    O segundo relato resultoume, simplemente, espectacular. E eu si entendo esa coma e, tamén, que se cualifique a saude cun tramo que vai desde o oito e medio até o nove 😉

    Vai o meu voto para a seca colombiana.

    • “Tiven a sorte de gozar de saúde 8, 5 e 9 ata os anos…”
      Non parece un 8,5, hai un espacio entre o 8 e o 5. É unha secuencia de tres números. Ou foi un erro de edición?

  3. Outro duelo no que se fai moi complicado decidir. Os dous están moi ben construídos, teñen cousas que me gustan, e contan moito. Creo que me decidirei por “Odio Colombia” porque ademáis de todo iso, aprendín algo de Historia. Pero noraboa aos autores.

  4. O solpor infinito

    Discrepo de Lois Z. Non está narrado en primeira persoa, senón en segunda. Está preto da primeira, é certo, o narrador é un dos protagonistas pero se centra no que fai ela máis que en si mesmo.

    O tema dese primeiro amor de verán non é moi orixinal (nin falta que fai para escribir un bo relato) aínda que está moi ben levado. Custoume un pouquiño poñerme en situación ao principio (unha tónica neste Torneo, dentro da gran calidade dos relatos case sempre sinto que falta un inicio con máis pegada) aínda que recoñezo que quedei atrapado polo estilo tan … evocador da narración. O ton de sensibilidade e proximidade levoume en brazos ata o final. É todo tan palpable, tan entrañable, que me gañou totalmente. No meu caso, a mención á virxindade no me supuxo problema ningún. Quizais lle quita algo de romanticismo, pareceume o toque mundano que incluso reforza a verosimilitude do que se conta.
    Tamén o personaxe do pai, apenas definido con dúas pinceladas axuda a darlle a ela (outra protagonista sen nome) un contrapeso, unha motivación para a rebeldía. “Xa non son unha nena”.

    “Que se xa me valeu cando. Que pois anda que ti o día que. Que se lembraba a. Que se como o esquecer o.”

    O recurso pareceume moi ben integrado na narración e que lle da un toque único, creo que foi todo un acerto.

    “Vai xa para vinte e cinco anos que me dura o frío.”

    Un peche maxistral.

    Odio Colombia

    O relato ten un bo comezo, unha descrición moi evocadora e moi detallada, sensitiva e realista, con un pouco de maxia incluída. Agora, o relato non deixou de me deixar desconcertado, fóra de xogo. Vexamos:
    – O título fai mención a Colombia.
    – Fálase dunha seca nos anos vinte (según Lois Z esa seca foi real na Colombia do século pasado).
    – Noméase un cume “do Galiñeiro”. ¿En galego? ¿Como? ¿En Colombia? Raro, raro.
    – Auga potable racionada con barras vitamínicas. Nos anos vinte barras vitamínicas? Raro, raro.
    – “Solta, hostia”. O taco pareceume ibérico de máis para estarmos en Colombia. Non estaremos na Galicia doutra época máis moderna?
    – O rapaz di que é de “Santa Cristina de Naia”. Según Google existe un río Naya en Colombia. Será o rapaz un inmigrante en Galicia? Esíxenlle que renegue de Colombia porque os outros son autóctonos?
    – “Tiven a sorte de gozar de saúde 8, 5 e 9 ata os anos da paga universal. “ Isto… deixoume descolocado de todo. Estamos no futuro? Fala do 2020? Do 2120? De Colombia? De Vigo?
    – “Como fun bo traballador, un cidadán sen malos expedientes, teño dereito ás descargas de datos almacenados”. Vale, estamos nun futuro. Que lío. Non entendo nada de nada. Iso a que vén no relato? Que aporta? Cal é a mensaxe?

    En definitiva, un relato moi ben escrito pero cun contido que me descoloca tanto que non me convence. Non sei que intenta transmitir con tanto cambio no taboleiro, non sei a onde quere chegar.

    Por todo o anteriormente exposto, voto por O solpor infinito.

    • Da igual o moito que apareza a 2º ou a 3º persoa nun texto, se nalgún momento fai acto de presencia un narrador en 1º este prevalece sobre calquera outro a efectos de identificar ó narrador definitivo da obra.

      • Como me apasionan os temas teóricos e estamos un pouco faltos de debates voume estender un pouco neste tema, que é a forma na que eu valoro o uso dos narrradores á hora da súa clasificación, e sen pretender sentar cátedra.
        Cando nalgunha ocasión digo que un autor manexou ben a 1º persoa non me refiro a que conxugase ben os verbos, nin a que usase a 1º persoa en gran parte do texto para narrar os feitos que conte. Empregar un narrador en 1º persoa significa crear/inventar unha personaxe que será a que lle dea voz ó relato, sexa ou non protagonista dos feitos, fale de si mesmo ou de outra persoa.
        Daquela, manexala ben é crear unha personaxe cunha personalidade (e demais características que se lle queiran apoñer) adaptada ó que está contando e á forma que podemos entender natural na que unha persoa contaría unha historia.
        Un exemplo: Manuel Loureiro, en Apocalipse Z, fai un pésimo uso da 1º persoa. O protagonista desa historia, que narra en 1º persoa, cóntanos as súas andanzas a través de entradas no seu blog, pero faino coma se no momento de contalo (imaxinémolo sentado tranquilamente nalgures co seu portatil ou bloc de notas, recordando o sucedido nese día) estivese vivindo cronolóxicamente o que conta: empeza a entrada calmado e altérase cando aparece algún zombie, e incluso unha vez creo que transcribiu un berro improvisado. Contar unha historia que xa viviches como se non soubeses como vai acabar o conto é unha impostura, e no mellor dos casos podemos pensar que ó narrador (non ó autor) lle falta unha fervedura.

        Os autores dos relatos deste duelo crearon 2 personaxes (o vello que recorda ese espisodio da súa nenez e o cuarentón -si, o cuarentón- que recorda ese inesquecible amor de xuventude) e a través delas contan o que queren contar: iso é usar a 1º persoa (e úsana ben).

        Logo hai moitas zonas grises, ou mixtas. Que pasa se lemos un relato que comeza con “Vouvos contar unha historia” ou “Atopei esta carta no meu buzón, aquí vos deixo o seu contido”, e despois ese narrador non volve aparecer e o texto semella, na práctica, unha narración en 3º omnisciente? Pois ese non é un bo uso dun narrador en 1º persoa, porque quen o escribira creou innecesariamente a figura dunha personaxe intermediaria que non aporta nada (isto habería que xulgado lendo o relato, non así de forma teórica).

        Tamén pode haber narracións ambiguas, como as escritas en 3º persoa non omnisciente. Nese caso, é mais costoso enerxéticamente (ou filosóficamente se pensamos en Ockham) involucrar a unha personaxe descoñecida que nos conta a historia “dende o seu punto de vista” (=1º persoa, inda que non a use) que sentenciar que o narrador é un 3º non omnisiciente (carente de vida e personalidade). Máis complicado é en realidade xulgar ós narradores omniscientes con personalidade propia, pero volve ser entrópicamente máis barato non darlle entidade de personaxe, mentres sexa posible (é dicir, mentres non se involucre el mesmo na historia a través dun verbo en 1º persoa).

        Como podemos dicir que Solpor infinito non está narrado en 1º persoa se o cuarentón melancólico que nos entrega os seus recordos é a alma do relato, se só sabemos o que el sabe e só podemos sentir o que el sente? El é o narrador omnisciente de si mesmo.

        E o máis importante, que lle da sentido a todo isto que escribín: estiven facendo tempo ata as 02h a ver se comentabas tamén no outro duelo e nada.

  5. Vaia, sinto que estiveras ata as dúas agardando un comentario que non chegaba, teño ao meu coidado a un bebé-gato que “no para quieto” e que non me permite concentrarme máis ala de 2 minutos en nada. Agora mesmo anda a correr coma un toliño polo salón adiante.

    En canto a discusión das persoas. Digo que é segunda persoa porque non predomina o “eu fixen isto ou aquilo” senón “ti fixeches isto e aquilo”. Tamén dicía que estaba preto da primeira porque o propio narrador está dentro da acción (de feito o final si podería considerarse primeira persoa xa que fala dos seus sentimentos e non dos de “ela”).

    • Hehe, non, non estiven agardando adrede.

      Aproveito xa para votar. Os dous relatos me gustaron e me parecen bos, pero “Solpor infinito” creoume unha sensacion máis sólida e definida, un único golpe emocional que, ó final, deixou unha pegada máis durareira. E por iso lle darei o meu voto.

  6. Vou votar, ó final, polo solpor infinito.
    O motivo, que nin a min me convence de todo, é que se trata dun relato máis centrado e conciso que o seu rival.
    Non me convence votar así porque non creo que a digresión, a falta de entendemento total e a mestura de xéneros que propón o outro relato poidan ser considerados como aspectos a valorar negativamente, senón todo o contrario. Pero en realidade penso que, por moi pouquiño, o outro relato é mellor.
    Así que nada… a ver que pasa.

  7. Xa xs compañeirxs comentaron con moito xeito os puntos máis salientables e tamén os máis difíciles de xulgar de ámbolos dous relatos. Como ando algo podre de saúde, paso directamente a votar. Voto por “O solpor infinito”, por como fía, vai coma unha seda. “Odio Colombia” paréceme intrigante por todos os elementos que conxuga (unha lembranza infantil que se troca memoria cáseque distópica), pero non acabei de poñer no seu sitio todos os datos e as pezas da narración. Iso si, “Odio Colombia” é un deses contos que me gustaría ler en versión “uncut”.

  8. Perdoade pola tardanza. Este é a contenda de semifinais máis complicada que tiven para votar. Por un lado temos o solpor infinito, un relato moi ben narrado que (a pesar de asentarse en imaxes un tanto tópicas, ou se cadra por iso) vai coma un tiro ao que quere contar. Gústame como resume todo un verán de andar tonteando. Tamén como rememora eses primeiros bicos de cando se che poñía o corazón a mil. E polo outro está odio Colombia… un relato escuro, difícil, deses que hai que reler, deses que contan sen contar. Máis alá das múltiples interpretacións (para min hai un futuro distópico proletario onde o tipiño odia Colombia porque lle tocaron eses recordos no hospital para rechear os do derrame) que non fan senón darlle riqueza, valoro esa sensación de desasosego que queda tras ler o relato. «Foi cando na seca dos anos vinte o mundo non estaba engraxado e apagabamos a furia da gorxa cun trago de auga fresca.» Ademais esta frase gaña soa.

    Porque me vai a sangue na area, porque me gusta reler e por esa frase mencionada. O meu VOTO vai para «Odio Colombia». Parabéns aos dous por este duelazo.

  9. Comento:
    En xeral, con todo o cariño, o tema do duelo tomouse con bastante relax por ambos espadachíns. Se en vez de inverno fose auga o tema, daría o mesmo.

    ‘O solpor infinito’: En efecto, o tema non ten orixinalidade ningunha; quizais unicamente que a figura paterna (o superego) estea de corpo presente cando a rapaza decide crebar a virxindade. A nivel temático, esta tensión é a importante é por iso deben estar implícitas as dúas puntas da tensión. Pero coido que o máis relevante do relato non é o que senón o como. Hai un dominio do ritmo narrativo que me parece bastante máis complicado que calquera outro recurso. Nun relato de 500 palabras que se prepara nun par de semanas seguindo unha liga, conseguir o ritmo axeitado penso que é o máis difícil, así que parabéns ao autor. Sobra, iso si, algún adxectivo, algún outro está mal colocado (e rompe o ritmo) e para deixalo perfecto habería que abrillantar algunhas perífrases e subordinadas.

    ‘Odio Colombia’: Síntoo polo detective Lois Z pero coido que este é un relato futurista, así na liña ‘Black Mirror’. O Colombia do título a min pégame máis ao modelo de topónimo de barrio urbano (Wichita, Corea…) que busca denotar conflito. Neste caso, Colombia ademais debe estar medio de monte (a selva). Indo ao texto, coido que o autor foi ambicioso, creou un universo, expresouse con moita sofisticación pero non conseguiu crear unha peza única, autosuficiente e interesante. Demasiados fíos e quizais algo requintados. E sobre as comas: as aventuras estilísticas hai que controlalas moi ben porque se se abusa delas, botan fóra da lectura. A coma (como calquera signo tipográfico) ten unha función. E se triunfou esa función nos últimos 50-100 anos será por algo. Se o autor quería crear unha pausa artificial no texto, coido máis recomendable o punto seguido ou incluso o punto e á parte, que é máis contundente e non admite dúbidas.

    Voto por ‘O solpor infinito’.

  10. Concordo con que o tema o pasaron por onde quixeron XD
    Tarde mal e a rastro para votar… Pero votando… Que difícil o poñen!
    O meu voto vai para “O solpor infinito”. Gustoume como avanza o relato e especialmente o peche.
    “Odio Colombia” gustoume tamén, pero no me chegou tan facilmente.

  11. Paseino en grande estimados compañeiras e compañeiros. Grazas por ler e comentar as historias que fun deixando atrás. Mención especial a Pablo que me meteu nesta enleada e tamén me sacou cun gran relato. A gran final promete!

  12. Pois nada, emulando a Jack Lemmon no final de The great race, quero que me imaxinedes agora mesmo co pouco pelo que me queda todo enguedellado, cos ollos fóra das órbitas e berrándolle a Marcos “You I hate!”, “I refuse to accept!” e outras leas polo estilo. Resumindo, que quero impugnar o resultado porque a brincadeira esa de facerme sentir coma o Real Madrí, marchounos a todos das mans.
    Marcos fixo un torneo ESPECTACULAR, inmaculado. Para min, cos de Erica, os seus foron os máis mellores relatos do que levabamos de torneo antes deste, que como xa lle falei a el, non lle estivo nin a media altura das súas creacións previas. Así que, como na pilícula, esixo unha satisfación!

    Marcos, síntete abofeteado cunha luva e mira de recollela do chan, porque isto non queda asín.

    No entanto, as birras non chas quita ninjién.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s