Da imposibilidade de narrar a emigración galega en lingua galega

Emigrantes galegas. ALBERTO MARTÍ.

Xesús González Gómez.

«Un emigrante é, simplemente, un emigrante. Un ente numérico, non un ser social. Chega a un mundo descoñecido. E se se comunica é polo traballo. O mundo en que se instalou é inaccesíbel: o idioma, os prexuízos, os costumes íllano. Asexado pola nostalxia, outras veces pola soidade, prefire estar só, que é a mellor maneira de estar acompañado polo lugar natal. O emigrante, alá onde estea, sempre estraña unha cousa invariábel: o lugar natal, o país de orixe. Todo o seu presente seméllalle momentáneo: a estadía, o traballo, a casa en que vive. Olla a patria afastada como un ben definitivo. A súa mente incuba a cada intre ideas de retorno. O país en que está a traballar non lle interesa, alén dos seus propósitos e os seus bens, a súa vida fica esquematizada entre dous polos: o país de orixe e o progreso económico.

»A súa historia é repetitiva, reiterativa, sempre é a mesma: despois de chegar ao novo país, quere triunfar. Unha vez instalado neste novo país, percíbeo amurallado, de muros de cemento, de muros de homes: son as primeiras desilusións, logo virán outras: as leis non o protexen, os sindicatos non queren saber que existe –fai baixar os salarios, din–, a xente invisibilízao, e ao invisibilizalo estalle a negar a existencia, o dereito á existencia. Traballa con afán de náufrago. Cada día de traballo inútil, cada rego aberto en van son a fosa do seu soño. Traballa sen plan, sen proxecto, sobre todo sen precaución. Pensa que a súa estadía no novo país será curta, de meses, talvez duns poucos anos. Os obstáculos mallan o seu corpo e a súa mente, mais omíteos. Todo paso atrás é un avance ao revés. Todo regreso un fracaso. Bota a cabeza cara a adiante, acometendo como un touro cego. Camiña cos talóns. No atafego sen fin, os camiños bifúrcanselle ou invértenselle. Seguir, retroceder, pensa que é o mesmo. Nos seus proxectos non usa nin compases nin mapas… até que chega o momento en que se decata de que pasan os meses, os anos, de que dez, quince anos de traballo non son nada, de que nos seus petos pervive a miseria que traía agachada na súa maleta… e se posúe algunha cousa, unha casa, de madeira ou de ladrillo, nas aforas da cidade, un auto de segunda man, ou quen sabe que, xa non lle queda ningunha ilusión, ningunha esperanza, nin un soño. Traballa por rutina, para subsistir. A morte sorpréndeo traballando para a vellez, para a nada, non volveu nunca ao seu lugar de nacemento, ao seu país. Vólvese ao primeiro amor. Ninguén volve ao primeiro fracaso…»

*************

«A emigración forzosa ou escollida, a través das fronteiras naturais ou do campo á metrópole, é a experiencia que mellor define o noso tempo, a súa quintaesencia» (p. 57): John Berger, en Y nuestros rostros, mi vida, breves como fotos (Madrid, Herman Blume, 1986 –existen outras edicións en español, Visor, recentemente Nórdica). O británico de ascendencia xudía escribía isto hai máis de trinta anos, en 1984, cando se estaba a acabar o século pasado. Desde ese xa afastado 1984, o «problema», o «fenómeno» da emigración, da inmigración, agravouse e así é normal que o antropólogo Marc Augé, nese curto, mais intenso e interesante traballo que é La comunidad ilusoria (Barcelona, Gedisa, 2012) afirme: «A grande experiencia humana da nosa época é a da emigración e a do exilio», páxina 41.

A emigración e o exilio –mais este ten fasquías diferentes do que a emigración– foron a grande experiencia humana do século XX (os denominados rusos brancos, o exilio dos xudeus de Europa, a exilio dos republicanos españois, as grandes emigracións europeas ás dúas partes do continente americano, a emigración dos países da Europa do sur á Europa dos ricos, etc.), e continúan a selo neste aínda novo século XXI. É, acho, é unha experiencia determinante, que está a marcar os presentes anos e marcará os que veñan. E non hai que pór exemplos, abonda abrir calquera xornal, ver calquera telexornal, para sabermos das masas africanas e do Oriente próximo que intentan cada día gañar as costas de Europa para lograr conseguir unha existencia digna de ser vivida. E sabemos a resposta de Europa: campos de concentración disimulados baixo eufemismos varios.

Mais… disociemos por un momento exilio e emigración, centrémonos nesta última, porque queremos falar da novela da emigración. E centrémonos, aínda que non faga falta, en Galicia. No noso país.

Cantas novelas da emigración, mellor dito, sobre a emigración existen? Cantas sobre o exilio? Os escritores exiliados, sexan do país que foren, falan nas súas obras da patria perdida, non do novo lugar en que “refán”, se é que refán, as súas vidas. Na literatura española hai grandes escritores exiliados despois de 1939: Max Aub, Arturo Barea, Ramon J. Sender, Francisco Ayala, Segundo Serrano Poncela, Manuel Andújar, Paulino Massip, Rosa Chacel, José Ramón Arana, etcétera, mais as súas obras, as súas novelas falan de España. Os escritores galegos que pasaron parte da súa vida alén do Atlántico, xa como emigrantes, xa como exiliados políticos, dedicáronse nas súas obras (novelas, relatos, porque estamos a centrármonos na narrativa), como os españois, ou os cataláns, a falar da patria que deixaran atrás: Blanco Amor, Neira Vilas, Silvio Santiago, e outros nomes, infelizmente, moi menores: Mouses da Presa, Antonio Fernández Pérez… Só, que lembre nestes precisos instantes, un escritor que foi emigrante falou da emigración: Xosé Lesta Meis: Manecho o da rúa, talvez a súa obra máis conseguida, a pesar de que é menos ambiciosa do que Estebo, que é como unha variación da primeira citada. Referinme a Neira Vilas: Remuíños en sombras, Historias de emigrantes: son literatura sobre a emigración? Acho que non. Como xa afirmaba en A Nosa Terra, nº 669, 12 de abril de 1995, co gallo da recensión da versión galega de Trabalhos e paixões de Benito Prada, do portugués Fernando Assis Pacheco, a única novela galega sobre a emigración que pagaba, daquela ter en consideración era Latitude austral, de Xavier Alcalá (cos matices debidos: máis que unha novela sobre a emigración teño para min que Alcalá, tomando como personaxes emigrantes galegos na Arxentina, argallou unha excelente novela londoniana, é dicir, na esteira do Jack London “alaskiano”, cuxa obra mestra é o relato Loita pola vida –como curiosidade, e xa que se conmemora o centenario da revolución rusa, digamos que este relato era un dos contos favoritos de V. I. Lenin).

Como sempre, enguedéllome e falo do que non vén a “colación”.

Todos sabemos, sen necesidade de sermos uns linces, que está por facer a gran novela sobre a emigración, ou a novela sobre a emigración. Ou novelas sobre a emigración. Evidentemente, esta carencia non se debe nin á capacidade nin ao xenio ou talento dos nosos narradores (das nosas narradoras) nin a ningunha que outra eiva. O problema, penso, é outro. É un problema, digamos, “estrutural”.

O problema, ou os problemas, formulounos, teño para min, por vez primeira, John Berger no citado Y nuestros rostros, mi vida, breves como fotos. Maticemos, antes de nada, que Berger non intenta neste pequeno mais fermoso libro, dilucidar ningún problema literario. No segundo capítulo do libro, “Aquí”, Berger fala do emigrante e da emigración, temas que tamén son unha constante na súa narrativa, e entrega “8 poemas da emigración”. Entre outras cousas escribe o británico: Todos os historiadores modernos, de Marx a Splenger, identificaron o fenómeno contemporáneo da emigración. Para que engadir algo máis? para que corra secretamente a voz do que se perdeu. Non por nostalxia, senón porque é no lugar da perda onde nacen as esperanzas.” A casa, o fogar, era o lugar onde se cruzaba a liña vertical coa liña horizontal, sendo a liña vertical “o camiño que cara a enriba levaba ao ceo e cara a abaixo ao reino dos mortos”; e a liña horizontal “representaba o tráfico do mundo, todos os camiños que van dun lado a outro da terra cara a outros lugares. Así, era o sitio en que un podía estar máis preto dos deuses que moran no ceo e dos mortos que moran no mundo subterráneo. Esta proximidade garantía o acceso a ambos. E ao mesmo tempo estaba no punto de partida e esperábanse, no regreso de todas as viaxes terreais”. O emigrante abandona a casa, o fogar, é dicir, o centro do mundo, e emigrar non significa só “deixar atrás, cruzar océanos, vivir entre estranxeiros, senón tamén destruír o significado propio do mundo e, en último termo, abandonarse á irrealidade do absurdo”. É dicir, o emigrante, na nova terra, perde o centro do seu mundo e trasládase a outro no que estará sempre “perdido, desorientado, [e] formado de fragmentos”. Un novo centro do mundo, un novo fogar, unha nova casa nos que nunca se cruzaran “as dúas liñas da vida”. E no fondo do seu corazón, todo emigrante sabe que “é imposíbel volver. Aínda cando fisicamente poda regresar, non regresa verdadeiramente porque el propio quen cambiou radicalmente ao emigrar. É así mesmo imposíbel volver a aquel momento histórico en que cada lugar era o centro do mundo”. Ou se se prefire, con palabras de Marc Augé, do citado libriño: “os migrantes, clandestinos ou non, non teñen elección: cortaron as pontes, pasaron a fronteira e a súa vida non volvera ser nunca o que era. Por outra parte, foi para cambiala polo que tomaron ese camiño: o sentido da súa vida só existe no futuro”.

O emigrante perde o centro do mundo, o corazón do real: o presente non existe, el propio só existe no futuro. Perante el, dinos Berger, “só queda unha planura de distancia pura, ao longo da cal todo queda arrasado”. Tan arrasado que non poderá ser notario da súa experiencia na nova terra, nin da experiencia dos outros. O que perdeu e non pode reconstruír –a pesar da fundación de sociedades de apoio mutuo, de centros galegos, de centros de fillos de Silleda ou do Barco de Valdeorras–; pode ser evocado nostálxica, sentimentalmente, mesmo até politicamente. Mais non pode dar fe do presente na nova terra, do seu presente e do dos seus contemporáneos emigrantes coma el. Só os seus descendentes, aqueles que poden no novo lugar coñecer o que pode crecer no lugar da perda, o que pode medrar na planura na que ficou todo arrasado (experiencia, lingua, talvez memoria, etc: a perda de experiencia do emigrante quizais é anterior á perda de experiencia do home europeo en xeral, que Benjamin databa na Primeira Guerra mundial; sería cousa de estudar polo miúdo[1]), poderán dar testemuño literario da experiencia dos seus antepasados. E será, de seguro, nunha lingua diferente á dos seus avós, á dos seus pais: será na lingua do novo lugar. Só os descendentes de galegos que viven nos países onde estes emigraron poden, ou poderán, dar testemuño literario desa grande experiencia humana. Só poden ser eles, porque como lle dicía Italo Calvino a Renato Frosi nunha carta, un dos cuxos fragmentos reproducimos hai pouco nesta mesma web (Consellos aos escritores novos… e non tan novos): “O único bo é que se inspirou en ambientes e lugares que vostede coñece: iso é importante e fundamental”. E o ambiente da emigración non se pode coñecer mediante reportaxes ou crónicas xornalísticas, nin mediante historias mellor ou peor argalladas. Segundo Marc Augé, os emigrantes “son os verdadeiros aventureiros modernos, heroes do western planetario no que os europeos xogan demasiado a miúdo o papel da multitude espectadora, medorenta, inquieta, que asiste pasivamente ao enfrontamento dos verdadeiros actores da historia”. Salvando todas as distancias, os que quedaron no país, os que non emigraron, talvez participen dalgunhas características desa multitude espectadora (lembremos a frase do Padre Sarmiento: “¡Que felicidad! Si salen, mal; si vuelven, peor”), de aí que lles sexa imposíbel narrar a epopea deses novos heroes.

Facer hoxe, por exemplo, unha novela sobre a emigración galega a Arxentina, significa fozar en xornais e libros –de historia, de economía, de urbanismo, de socioloxía, de memorias, de correspondencias, etc.–: ao final, o que se argalla, é unha novela “histórica” na que a experiencia da emigración pode resultar “apoteósica”, mais, en realidade, resultará falsa. A emigración galega non será, feliz ou infelizmente, narrada, literariamente, en galego. Se queremos ler novelas “verdadeiras” (literariamente falando) sobre a nosa emigración, teremos que traducilas ao noso idioma. A temática da emigración –coas súas grandezas e as súas maiores miserias–, que aparece aquí e acolá en sen fin de novelas e narracións galegas (sempre por alusión, maiormente, ben que exista algunha que outra novela cuxo protagonista é un emigrante, mais non son novelas sobre a emigración, como por exemplo O demo e o mar azul, de Eva Moreda (Positivas, 2002), novela, por outra parte, de gratificante lectura), dificilmente se instalará no territorio da nosa narrativa[2]… a non ser que apareza un gran narrador que co mínimo de experiencia tire o máximo proveito.

[1] Para non extraviarme demasiado, remito ao lector a un traballo meu publicado nesta mesma web no 2014: As voces baixas, e recomendo a lectura de dous vellos traballos: Carlos Castilla del Pino, “Aspectos psicopatológicos de la emigración”, Revista de economía de Galicia, nº 61-63, 1968; e Manuel Cabaleiro Goás, Problemas psíquicos de la emigración, Ourense, 1967.

[2] Existen tres novelas que narran, ou se basean, en emigrantes galegos: Trabalhos e paixões de Benito Prada, do portugués Fernando Assis Pacheco (existe versión galega, Vigo, Ir indo,1995); A república dos sonhos, da brasileira Nélida Piñón (tamén versionada ao galego, Vigo, Galaxia, 2004) e Frontera Sur, do arxentino-español Horacio Vázquez Rial (Madrid, Alfaguara, 1995), escrita antes da súa reconversión ideolóxica. Con todo, deixando de lado calidades literarias, non son de maneira ningunha, aínda, a novela sobre a emigración que todos desexariamos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s