Gabanza dos grandes fracasos literarios

Manuel Veiga Taboada.

Peter Handke.

“Intento en cada libro fracasar mellor”. É unha frase recente de Vila-Matas. O editor Constantino Bértolo respondeulle nun chío de twitter: “A estas alturas, con estas lerias tan antigas. Cursilería profunda”. A palabra profunda entre aspas.

Eu penso, non embargante, que a frase de Vila-Matas, antiga ou non antiga (case todo o que se diga sobre arte é antigo), é tamén bastante acertada. Incluso creo que é moi necesario repetila hoxe en día.

Faulkner, no que quizais se inspirou Matas, dicía que os novelistas deben ser xulgados polo esplendor dos seus fracasos. A primeira vista, é certo que todo isto semella, como sen dúbida pensou Bértolo, pirotecnia do escritor que busca satisfacer a algún xornalista amábel. Pero, en realidade, non é así.

Se pensamos que a literatura é unha indagación, non unha mensaxe clara como as que nos pode dar o xornalismo ou incluso a sentenza dun xuíz, debemos pensar que o máis importante dun libro é precisamente esa procura.

Nunha entrevista, do 2003, Peter Handke sostiña que con todos os seus libros fracasara: “Fracasado ben, creo, pero con todos, excepto as cousas curtas”.

Ese fracasar, pero ben, parece indicarnos que o autor quedou contento de telo intentado, de abrir unha nova perspectiva sobre algo, aínda que non logrou redondear o resultado. Como si o fixo, en cambio e segundo el mesmo, en Ensaio sobre o jukebox ou en Ensaio sobre o cansazo, que serían “en toda a súa marxinalidade, dalgunha maneira, pequenas obras mestras”.

Eu estou de acordo con esta valoración que fai Handke da súa propia obra e aínda engadiría algúns títulos máis a eses libros pequenos e redondos. Por exemplo, O chinés da dor ou O medo do porteiro ao penalti.

Nas obras curtas é, loxicamente, máis fácil obter un resultado satisfactorio. A imaxinación do autor non está cansa, non se esgotou antes de que a obra rematase.

Milan Kundera, en Os testamentos traizoados, dedica varias páxinas a un tema similar a este. El considera que a literatura que se produciu entre os séculos XVI e XVIII, da que serían bos expoñentes o Gargantúa de Rabelais ou o Jacques, o fatalista de Diderot, é máis libre para inventar e para cambiar de tema, digamos cando o autor e o lector se aburren. A gran literatura do XIX, tamén ateigada de acontecementos pero de vontade unitaria, como as grandes sinfonías da música romántica, viuse obrigada, segundo Kundera, a incluír numerosos recheos que concatenasen escenas e que lle proporcionasen unidade aos distintos clímax. As novelas do XIX, como a música do XIX, estarían, en consecuencia, repletas de altibaixos, de momentos superfluos. A tensión da linguaxe, o interese do narrado, decaería moitas veces, antes de que o texto nos presentase outro dos seus momentos memorábeis.

Segundo Kundera, isto explica que certas obras “menores” ou máis curtas da música sexan, segundo el, máis logradas. Chopin sería un exemplo de acerto neses temas, en teoría menos ambiciosos.

Aquí coinciden Kundera e Handke, cando fala da súa propia obra: o máis logrado é o máis curto.

Os grandes propósitos parece así que obrigan a fracasar. E resulta que é ese fracaso o que dá a medida da ambición e do tamaño dos autores, retomando a idea de Faulkner e de Vila-Matas. A diferenza estriba en que Faulkner “fracasou ben” en obras longas e Vila-Matas “fracasou ben” en obras curtas.

Pero o que interesa, desde o punto de vista da literatura, non é só o acabado, o resultado final. O templo da Sagrada Familia de Barcelona é singular e grandioso aínda que lle falte a metade por construír. O que máis importa na arte é a perspectiva que abre, a dirección altamente orixinal e anovadora á que apunta.

Faulkner fracasa en case todas as súas novelas. Case ningunha delas se pode considerar totalmente satisfactoria, a ollos do lector. Igual que fracasa Kafka en O proceso e O castelo, obras inacabadas. Só logra a redondez na obra curta A metamorfose e nalgúns relatos.

Non todas as obras longas son fracasos. Non o é Na procura do tempo perdido nin O Quixote, aínda que Auden diga da obra de Cervantes que contén moitos momentos aburridos.

Pero, como lectores, debemos estar agradecidos a eses autores que intentaron chegar ao máis alto da súa indagación sobre a especie humana ou sobre os distintos ángulos desde os que se pode observar a realidade. Cada un deles, en cada obra, deunos algo novo, unha perspectiva inexplorada, aínda que o resultado da lectura non nos resulte de todo gratificante. Do mesmo modo que Colón só descubriu unhas illas do Caribe, pero abriu para todos un novo horizonte.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s