‘Bibliópatas e fobólogos’, unha oportunidade de diferenciar literatura, libros e lectura

Emma Pedreira.

Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira (Galaxia, 2016) é sen dúbida un libro que moitos lectores van ler –ou de feito xa o leron ou están lendo– cun sorriso e rematar cunha sensación de satisfacción na lectura: Este é, pensarán moitos, e terán razón, un libro que fala de nós, os lectores, os amantes dos libros, os últimos resistentes. Pedreira, ademais, escribe moi ben, sen adxectivos inútiles, con habilidade para levar as frases cara a onde ela quere, e o libro está ben armado na alternancia de microrrelatos de diferentes tipoloxías, uns de personaxe, outros de trama, uns máis humorísticos, outros máis melancólicos, etc. A habilidade técnica indubidábel de Pedreira enmascara ou mesmo fai que non importe a concepción sociolóxica un pouco tópica e mesmo conservadora que se adiviña detrás de varios dos relatos, mesmo aínda que se pretenda subverter (a beata que vai confesar co cura, a tecnoloxía como deshumanizadora, a investigadora que remata por identificarse totalmente coa súa investigada, etc.).

Unha precisión que me parece importante facer é que non é esta unha obra que fale de literatura: fala de libros e de lectura, que non son o mesmo. Libros como produto ou como fetiche, lectura como práctica (a maioría das veces de lecer, outras veces presentada como compulsión inevitable). Coido que é significativo que apareza un libro coma este e que reciba un apreciable éxito crítico e de lectores (merecido) nun momento en que a maioría das veces que se fala da literatura (galega ou doutros sitios) en realidade se está a falar de libros (como vender máis) ou lectura (como conseguir que a xente a practique máis). Neste tipo de paradigma, coido eu, é perfectamente comprensible e mesmo esperable a sensación de satisfacción da que falaba antes.

♦ Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. Galaxia, 2016. 148 páxinas. ♠13€

Eva Moreda.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s